Michael Jordan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Michael Jordan
Posición Escolta
Dorsal 23 (45, 9)
Altura 1,98 m (6 ft 6 in)
Peso 98 kg (216 lb)
Nacemento 17 de febreiro de 1963 (51 anos)
Flag of New York.svg Brooklyn, Nova York
Carreira
Tempadas 19842003
NBA Draft 1984 / Rolda: 1 / Elección: 3

Escollido por Chicago Bulls

Universidade North Carolina
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     32 292 (30,1 pp)
Asistencias     5 633 (4,9 pp)
Roubos     2 514 (2,2 pp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios
Basketball Hall of Fame como xogador

Michael Jeffrey Jordan, nado o 17 de febreiro de 1963 en Brooklyn, Nova York, é un ex xogador de baloncesto estadounidense, home de negocios, e propietario maioritario dos Charlotte Bobcats. A súa biografía na páxina web oficial da National Basketball Association (NBA) di: "Por aclamación, Michael Jordan é o mellor xogador de baloncesto de tódolos tempos."[1]

Despois dunha sobresaliente carreira na Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill, onde dirixiu aos Tar Heels a un Campionato Nacional en 1982, Jordan uniuse aos Chicago Bulls da NBA en 1984. Rapidamente destacou como unha das estrelas da liga, debido ás súas grandes actuacións e espectacular xogo, destacando sobre todo a súa capacidade de salto, que lle permitía poder facer mates dende a liña de tiros libres. Por mor disto recibiu os alcumes de "Air Jordan" e de "His Airness". Ademais tamén adquiriu a reputación de ser un dos mellores xogadores defensivos no baloncesto.[2] En 1991, gañou o seu primeiro campionato cos Bulls, seguido doutros dous títulos consecutivos en 1992 e 1993. Aínda que Jordan se retirou abruptamente do baloncesto ao inicio da tempada 1993-94 para seguir a súa carreira no béisbol, regresou aos Bulls en 1995, gañando outros tres campionatos consecutivos, 1996, 1997 e 1998. Jordan retirouse por segunda vez en 1999, mais regresou para dúas tempadas máis en 2001, esta vez como membro dos Washington Wizards.

Os recoñecementos individuais de Jordan inclúen cinco premios MVP, dez títulos de máximo anotador, seis MVP das Finais, catorce aparicións no All-Star Game, nomeado no mellor quinteto da NBA en dez ocasións, no defensivo nove veces, líder en roubos de balón durante tres anos, rookie do ano e premio ao mellor defensor da tempada. Ademais, dende 1983, apareceu na portada da prestixiosa revista deportiva Sports Illustrated en cincuenta ocasións, toda unha marca, ademais de ser nomeado "Deportista do Ano" en 1991. Tamén foi nomeado "mellor atleta do século XX" por ESPN. Foi elixido para o Basketball Hall of Fame o 6 de abril de 2009 e admitido o 11 de setembro de 2009. Ademais o seu dorsal está retirado polos Chicago Bulls e Miami Heat. Fóra do mundo puramente deportivo, Jordan é tamén coñecido polos seus patrocinios publicitarios, destacando ás súas zapatillas de deporte "Air Jordan" de Nike, introducidas en 1985 e aínda moi populares hoxe en día.[3]

Comezos[editar | editar a fonte]

Jordan, fillo de James e Deloris Jordan, naceu en Brooklyn, Nova York en 1963. A súa familia mudouse a Wilmington, Carolina do Norte, cando el era novo e cos seus catro irmáns foi á Ogden Elementary School, para entrar máis tarde no Trask Junior High School. Posteriormente asistiu ao Instituto Emsley A. Laney, onde, debido ás súas impresionantes condicións atléticas, xogou ao baloncesto, béisbol e fútbol americano. Con todo, foi cortado do equipo de baloncesto no seu segundo ano debido a que para a súa altura (1,80 metros) estaba supostamente subdesenvolvido. Ao verán seguinte, Jordan creceu 10 centímetros e adestrouse rigorosamente.[1] Así pois, no seu ano "senior" en Laney High, fixo unha media de triplo-dobre, con 29,2 puntos, 11,6 rebotes e 10,1 asistencias por encontro, sendo seleccionado no "McDonald's All-American Team".[4]

Universidade[editar | editar a fonte]

A camiseta de Jordan colgada das vigas do Smith Center Area.

Jordan recibiu unha bolsa para xogar ao baloncesto na Universidade de Carolina do Norte, onde se especializou en xeografía. No seu primeiro ano foi adestrado polo mítico Dean Smith, sendo nomeado mellor xogador de primeiro ano da tempada (ACC Freshman of the Year), facendo 13,4 puntos por partido cun 53,4% en tiros de campo.[5] Por entón, Jordan era un xogador practicamente dominante na pista aínda que aínda así, os Tar Heels non estaban liderados por el, senón por James Worthy, futura estrela de Los Angeles Lakers e integrante do Salón da Fama. Na final da NCAA de 1982 ante Georgetown Hoyas, Jordan deu a vitoria aos Tar Heels cunha canastra de dous puntos en suspensión a escasos segundos do final para levar o campionato, o primeiro éxito na súa impecable carreira profesional. No equipo rival atopábase o pivote Patrick Ewing, futuro xogador de New York Knicks que asistiría, aínda que en distinto bando, noites máxicas no Madison Square Garden.

Tras gañar o premio ao mellor xogador universitario do ano (Naismith College Player of the Year) e o Premio John R. Wooden en 1984, abandonou a universidade para presentarse ao Draft dese mesmo ano. Houston Rockets, e sobre todo Portland Trail Blazers, que elixiron a Hakeem Olajuwon e Sam Bowie respectivamente, deixaron pasar a oportunidade de incorporar nas súas filas a un dos mellores deportistas da historia, ao levar Chicago Bulls o gato á auga. Jordan regresaría en 1986 á universidade para graduarse definitivamente.

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

O equipamento de Jordan co seu número 23.

Jordan foi un éxito e unha sensación inmediata na NBA sendo tan só un novato, ano no que fixo 28,2 puntos por partido cunha porcentaxe en tiros de campo do 51,5%. Rapidamente converteuse nun dos xogadores favoritos do público dado o seu xogo espectacular e ofensivo na pista.[6][7] Jordan disputou o All-Star Game dende o quinteto inicial no seu primeiro ano na NBA grazas aos votos do público. Esa tempada tamén levaría o Rookie do Ano,[8] batendo ademais a marca de máis puntos nun partido por un rookie na historia da franquía, con 49 ante os Detroit Pistons de Isiah Thomas. Os Bulls finalizaron a tempada cunha marca de 38-44,[9] perdendo en primeira rolda dos playoffs ante Milwaukee Bucks en catro partidos.

Na súa segunda tempada, Jordan debeu ausentarse debido a unha lesión no pé. Con todo, a pesar da baixa de Jordan, os Bulls terminaron a campaña cun 30-52, e foron eliminados por Boston Celtics en primeira rolda por 3-0. Jordan recuperouse a tempo para xogar a postemporada e fíxoo realmente ben, a pesar de non poder evitar a eliminación do seu equipo ante a máquina imparable que eran os Celtics de Larry Bird. Aínda así, o segundo partido entrou na historia da NBA debido á soberana actuación individual de Michael Jordan, que se converteu no xogador que máis puntos anotou nun partido de playoffs, con 63. Tras o partido, que se decidiu na prórroga, as palabras de Larry Bird non podían resumir mellor o incrible partido realizado por Jordan:

Vin a Deus disfrazado de xogador de baloncesto.[10]

Á tempada seguinte, xa recuperado totalmente da súa lesión, conseguiu un das medias anotadoras máis altas da historia da NBA, con 37,1 por partido, sendo o único xogador á parte de Wilt Chamberlain en anotar máis de 3000 puntos nunha soa tempada. A pesar dos seus grandes números, Magic Johnson arrebatoulle o MVP de forma clara por 733 puntos fronte aos 449 de Jordan.[11] Os Bulls gañaron 40 partidos e coáronse en playoffs por terceiro ano consecutivo. Con todo, de novo foron varridos polos Celtics.

Freado polos Bad Boys[editar | editar a fonte]

Tivo outra excelente tempada na 1987-88 facendo 35 puntos por partido cun 53,5% en tiro, gañando por fin o seu primeiro MVP da tempada. Ademais diso, tamén recibiu o premio ao Mellor Defensor, unha rareza para un xogador de perímetro, cunha media de 1,6 tapóns e 3,16 roubos de balón.[12] Os Bulls finalizaron 50-32 e Jordan superou por primeira vez na súa carreira a primeira rolda dos playoffs ao eliminar a Cleveland Cavaliers en cinco partidos.[13] Con todo, serían eliminados nas semifinais de conferencia ante os experimentados Detroit Pistons liderados por Isiah Thomas e o seu grupo de Bad Boys.

Na tempada 1988-89, Jordan fixo 32,5 puntos por partido (53,8% en tiros de campo) e os Bulls alcanzaron as 47 vitorias. En playoffs avanzaron até as finais da Conferencia Leste deixando a Cavaliers e Knicks no camiño. Na serie ante os Cavs, cabe destacar a mítica canastra na bucina de Jordan ante Craig Ehlo denominada "O Tiro" (The Shot), coa que se decidiu a eliminatoria. Con todo, unha vez máis os Pistons cruzaríanse no camiño dos Bulls, esta vez eliminándoos en seis partidos utilizando as "Jordan Rules", unha estratexia defensiva que consistía en dobres e mesmo triplos defensas ante o escolta cada vez que tocaba o balón. Esta táctica inventada por Chuck Daly sería re-utilizada polos Knicks dos 90.

Os Bulls da tempada 1989-90 eran un equipo en crecemento. Liderados por Jordan e por novos e mozos xogadores como Scottie Pippen e Horace Grant, convertéronse nun equipo máis perigoso e cohesivo baixo a dirección do adestrador Phil Jackson. Jordan faría 33,6 puntos por noite (52,6%) liderando aos Bulls a unha marca de 55-27. Deixando en ruta a Philadelphia 76ers, chegarían unha tempada máis ás finais de conferencia e por terceira vez consecutiva os Pistons apartaríanlle da gloria. Detroit gañou o seu segundo anel seguido e as dúbidas acerca de se os Bulls poderían batelos algunha vez estaban presentes en todo Estados Unidos. Chicago entrou na tempada 1990-91 preguntándose se podería formar finalmente un equipo capaz de gañar un campionato.

Primeiro three-peat[editar | editar a fonte]

Michael Jordan e Dean Smith no partido homenaxe aos Tar Heels de 1957 e 1982.

Xa na tempada 1990-91, Jordan estaba máis motivado que nunca despois da eliminación ante os Pistons. Ese ano gañou o seu segundo MVP cunha media de 31,5 puntos, 6,0 rebotes e 5,5 asistencias por partido. Os Bulls finalizaron en primeiro lugar por primeira vez en 16 anos e conseguiron a marca da franquía gañando 61 partidos. Con Scottie Pippen xogando coma se se tratase dun All-Star, os Bulls eleváronse a outro nivel. Nas dúas primeiras roldas de playoffs eliminaron a New York Knicks e Philadelphia 76ers, chegando á final de conferencia cos Pistons de novo agardando. Esta vez Jordan fixo mellores aos seus compañeiros e mesmo as Jordan Rules foron inútiles, e finalmente os Bulls sorprendentemente varreron aos de Michigan.[14][15] Ao final do cuarto e último encontro, Thomas conduciu aos seus compañeiros ao túnel de vestiarios cando aínda non soara a bucina que ditaba o final do partido, renunciando así aos apertóns de mans que se fan ao final dos encontros.[16]

Nas Finais da NBA atoparíanse a Los Angeles Lakers de Magic Johnson. Gañaron en cinco partidos e finalizaron os playoffs cun excelente 15-2.[17] Cabe destacar unha xogada que aínda segue na memoria dos afeccionados á NBA, non é outro que o rectificado no aire de Jordan cambiándose o balón de man para anotar unha mítica canastra ante unha zona poboada de xogadores dos Lakers.[18] Michael Jordan gañou o seu primeiro MVP das Finais[19] e chorou sostendo o trofeo de campión.[20]

Jordan e os Bulls continuaron o seu dominio na tempada 1991-92, estabelecendo outra nova marca da franquía ao gañar 67 partidos e perder tan só 15. Jordan gañou o seu terceiro MVP (segundo consecutivo) con medias de 30,1 puntos, 6,4 rebotes e 6,1 asistencias. Tras gañar aos Knicks en sete duros encontros na segunda rolda de playoffs e aos Cavs en seis nas Finais de Conferencia, os Bulls plantáronse de novo nas Finais da NBA. Esta vez o rival tratábase de Portland Trail Blazers, liderados por Clyde Drexler. Os medios de comunicación, esperando recrear unha rivalidade do tipo Magic-Bird con Jordan-Drexler, comparou a ambos os xogadores en todo momento nas promocións previas ás finais. No primeiro encontro, Jordan finalizou a primeira metade con 35 puntos e terminou o partido con 39. Na primeira parte, anotou seis triplos,[21] memorable o último, encolléndose de ombreiros e mirando ao seu banco como dicindo: "non podo conterme a min mesmo".[22] Momento especial tamén o do sexto partido daquela final na que os Bulls perdían por 15 puntos ao iniciar ao último período, parecía que todo se decidiría nun sétimo e definitivo xogo pero; os de Chicago resolveron o xogo e gañarían o anel en seis partidos con Jordan facendo 35,8 puntos, 4,8 rebotes e 6,5 asistencias, sendo nomeado MVP das Finais por segunda vez. Drexler terminou cuns nada desdeñables 24,8 puntos, 7,5 rebotes e 5,3 asistencias por partido.[23]

Na tempada 1992-93, a pesar dos seus números: 32,6 puntos, 6,7 rebotes e 5,5 asistecias, non puido levar o seu terceiro MVP consecutivo, que foi parar ás mans do seu amigo Charles Barkley. Isto só fixo motivar máis a Michael, que se atoparía con Barkley e os seus Phoenix Suns nas Finais da NBA. Non con facilidade, os Bulls lograrían o seu primeiro "three-peat" (tres aneis consecutivos) en seis duros encontros, este último grazas a un tiro de John Paxson a pase de Horace Grant que daba a vitoria a Chicago e un tapón no último segundo de Grant a Kevin Johnson. Jordan promedió 41 puntos nas Finais,[24] gañando o MVP das mesmas, un feito histórico, xa que ninguén na historia da NBA gañou devandito premio en tres ocasiones consecutivas até Shaquille O'Neal (de 2000 a 2002 con L.A. Lakers).

Primera retirada e carreira no béisbol[editar | editar a fonte]

Jordan na súa etapa en Scottsdale Scorpions.

O 6 de outubro de 1993, Michael Jordan anunciou que se retiraba do baloncesto, alegando que xa non gozaba xogando como antes. Ademais, a morte do seu pai en xullo influíu moito na súa decisión.[25] James Jordan foi asasinado o 23 de xullo de 1993 nunha área de descanso dunha estrada en Lumberton, Carolina do Norte, por Daniel Green e Larry Martin Demery, quen posteriormente serían condenados a cadea perpetua. Tras o asasinato, os delincuentes roubaron ademais o Lexus que Michael regalara ao seu pai, valorado en 40.000 dólares. Jordan crearía un club Boys & Girls en Chicago dedicado ao seu pai, chamado James Jordan Boys & Girls Club.

Con todo, xente próxima a Mike revela que o xogador considerou retirarse en 1992 tralos Xogos Olímpicos de Barcelona, onde gañou a medalla de ouro co Dream Team. En calquera caso, o anuncio da retirada de Jordan apareceu nas primeiras páxinas de xornais de todo o mundo. Segundo Michael, a morte do seu pai deulle o xiro definitivo á súa decisión de abandonar o baloncesto.

Trala súa retirada do baloncesto, Jordan sorprendeu ao mundo do deporte asinando un contrato con Chicago White Sox, un equipo de béisbol das ligas maiores. Segundo Jordan o motivo de comezar a xogar ao béisbol era por unha vella promesa que fixera co seu pai. Jordan comezou a adestrar no verán e o 31 de marzo de 1994 foi asignado ao equipo.[26] Os White Sox era outro equipo en propiedade de Jerry Reinsdorf, o propietario dos Bulls, quen continuou honrando o contrato baloncestistico de Jordan nos seus anos dedicados ao béisbol.[27] Foi parte dos Chicago White Sox polo espazo de 17 partidos nas ligas maiores antes de ser baixado ás ligas menores (Birmingham Barons). A carreira de Jordan en Birmingham Barons, un equipo afiliado aos White Sox, non foi nada espectacular, e pronto decidiu colgar o bate para regresar á NBA.

O rertorno á NBA[editar | editar a fonte]

Na tempada 1993-94, os Bulls sen Jordan obtiveron unha sorprendente marca de 55-27, sendo eliminados en segunda rolda de playoffs por New York Knicks, mais en 1994-95, a versión dos Bulls non era nin unha sombra do que fora os dous anos liderados por Michael Jordan, xa que a metade de tempada estiveron a loitar por un posto en playoffs, conseguindo finalmente unha racha prodixiosa que lles salvou do abismo. Esta recuperación chegou co regreso de Jordan á NBA, e por tanto, a Chicago. O 18 de marzo de 1995, Jordan anunciou a súa volta ao NBA por un boletín de prensa de tan só dúas palabras: "I'm back" (Volvín). Ao día seguinte, Michael xogou o partido co dorsal 45, o seu número cos Barons, xa que o seu clásico 23 fora retirado en honra a el mesmo. O seu debut na tempada produciuse en Indianápolis ante Indiana Pacers, anotando dezanove puntos pero sen poder evitar a derrota.[28] Aínda que levaba un tempo sen xogar, encaixou 55 puntos aos Knicks no Madison uns días despois da súa volta ás canchas, o 29 de marzo de 1995. Conduciu aos Bulls a unha marca de 9-1 en abril dese ano, levándoos a playoffs. Chicago avanzou até semifinais de conferencia ante Orlando Magic, serie na que Jordan promedió 31,5 puntos por partido, mais perdeu os dous últimos balóns do partido definitivo, algo ao que ninguén estaba afeito, Jordan non estivo á altura. Os Bulls caeron eliminados en seis partidos. Tralo primeiro partido da eliminatoria, Nick Anderson declarou que "non se parecía ao Michael Jordan dos vellos tempos".[29] Por iso, un extra-motivado Jordan volveu utilizar o seu dorsal 23 de novo. Mentres esta acción puido ser unha tentativa de recobrar o seu misterio e predominio, custoulle unha multa á franquía xa que non se avisou á NBA dun cambio de dorsal. Ese verán Jordan adestrouse con máis rabia que nunca, a antesala do que ía ser un dos mellores anos da historia dun equipo nas ligas profesionais americanas.

O segundo three-peat[editar | editar a fonte]

United Center, casa de Jordan durante moitos anos.
Camiseta de Jordan na súa etapa universitaria cos North Carolina Tar Heels.

Motivado pola eliminación ante os Magic, Jordan adestrouse intensamente para a tempada 1995-96.[30] Os Bulls, reforzados polo especialista en rebotes Dennis Rodman, arrasaron na tempada regular, comezando a liga con doce triunfos consecutivos e chegando a metade de tempada cun balance de 41-3,[31] para finalizar con 72-10, a mellor marca da historia da NBA.[32] Jordan liderou a liga en anotación cunha media de 30,1 puntos por partido[33] e gañando o MVP da tempada e do All-Star Game. En playoffs, os Bulls tan só perderon tres partidos en catro roldas, vencendo a Seattle SuperSonics de Gary Payton e Shawn Kemp nas Finais. Nunha verdadeira batalla, os Bulls conseguiron de novo coa axuda de Dennis Rodman o título que facía tres anos que non gañaban, cun Scottie Pippen e un Brian Williams inspirados. Jordan foi nomeado por cuarta vez MVP das Finais, superando así a Magic Johnson.

Na tempada 1996-97, a punto estiveron de completar outra tempada máis de 70 vitorias, tras perder os dous últimos partidos e finalizar cun 69-13.[34] Con todo, ese ano Jordan foi vencido por Karl Malone na loita polo MVP. Chicago chegou por quinta vez ás Finais da NBA, onde este ano tocaba o Utah Jazz do dúo Karl Malone-John Stockton. A serie ante os Jazz destacou por dous dos momentos máis memorables da carreira de Michael Jordan. O primeiro encontro gañouno Chicago cunha canastra sobre a bucina de Jordan, ante a defensa de Bryon Russell, con só dous segundos no reloxo, para que os Bulls levasen o primeiro desa intensa serie. No quinto partido, un Jordan con febre anotou 38 puntos para romper o empate a 2 que reinaba na eliminatoria.[35] Os Bulls venceron 90-88 e despois conseguiron a vitoria definitiva en Chicago pechando aquel encontro cunha memorable asistencia de Jordan para un enceste do seu compañeiro de equipo Steve Kerr (o xogador coa mellor porcentaxe en triplos da historia) (4-2); os Jazz tentarían igualar o marcador cunha última xogada, pero Scottie Pippen interceptou o balón e deu unha asistencia a Toni Kukoč quen pechou o encontro. Jordan recibiu, por quinta vez, o MVP das Finais.

Na tempada 1997-98, os Bulls baixaron un pouco o pistón, logrando un balance de 62-20 con Michael Jordan promediando 28,7 puntos e liderando a liga en anotación, gañando de novo o MVP da tempada e do All-Star, e sendo nomeado nos primeiros quintetos da tempada e no defensivo. Por terceira vez consecutiva gañaron o título da Conferencia Leste e coáronse nas Finais da NBA de novo ante Utah Jazz. Esta, os Jazz, viñan de acadar o mellor rexistro do campionato, e esperábase unha intensa final con Karl Malone buscando desquite. Jordan mostrou un nivel fóra de serie onde os Bulls, no terceiro partido, practicamente aniquilaron aos de Salt Lake City, quedando na memoria de todos os que viviron este encontro a peor derrota das finais, 96 a 54. En conferencia de prensa Michael dixo:

Se o rival está mal, hai que seguir atacándolle.

Tras ir vencendo 3-2 no primeiros cinco encontros, os Bulls regresaron a Utah para disputar o sexto partido o 15 de xuño de 1998. A falta de 40 segundos Chicago ía 86-83 abaixo. Tras un tempo morto pedido por Jackson, Jordan anotou unha bandexa ante varios defensores dos Jazz, colocando ao equipo un punto abaixo (86-85). Na nova posesión de Utah, Malone estaba situado no poste baixo, defendido por Rodman. Tras recibir Malone o balón, Jordan chegou por detrás, rouboulle o balón e acougou a posesión subindo a pelota. Freou o ataque sobre a liña de tres, sobre a defensa de Bryon Russell. Tras uns instantes botando pausadamente o balón, Jordan dispúxose a atacar a canastra de Utah, rapidamente perseguido por Russell, quitándollo de encima cunha finta que lle mandou uns metros cara atrás escorregándose.[36] Jordan, sen defensa algunha, lanzou e anotou a canastra que acto seguido daría a vitoria e o título a Chicago. Sería a súa última canastra coa vermella dos Bulls. O Delta Center quedou totalmente en silencio, Jordan calou cunha xenialidade. Dita xogada sería repetida insaciablemente anos despois, sendo unha das canastras máis famosas da historia da NBA. Tras un triplo errado desesperado de Stockton, Chicago asegurouse o seu segundo "three-peat", ou o que é o mesmo, o seu sexto campionato en oito anos. Sempre quedará a dúbida de onde chegase este equipo se Jordan non se retirase. Michael foi de novo MVP das Finais, facendo máis de 30 puntos e anotando 45 no último partido.[37] O seis MVP das Finais de Jordan é unha marca na NBA, seguido polo tres de Magic Johnson, Shaquille O'Neal e Tim Duncan.

Esta heroica actuación pareceu ser o punto final perfecto para terminar a súa carreira. Con Phil Jackson terminando contrato, as probables baixas de Pippen, quen declarara o seu desexo de ser traspasado durante a tempada, Rodman, que asinaría polos Lakers como axente libre, e o peche patronal da NBA (coñecido como NBA lockout), levaron a Jordan a anunciar a súa retirada o 13 de xaneiro de 1999. A NBA quedaba de novo colla. Na súa segunda rolda de prensa de retiro, rendeu tributo a un policía de Chicago asasinado días atrás.

Washington Wizards[editar | editar a fonte]

O 19 de xaneiro de 2000, Jordan regresou á NBA pero non como xogador, senón como Presidente de Operacións de Washington Wizards.[38] As súas responsabilidades co club eran de directivo, incluíndo as decisións persoais. Menos dun mes atrás, Mike gañara catro Premios ESPY: Atleta do Século, Atleta Masculino dos 90, Mellor Xogador de Baloncesto dos 90 e Xogada da Década, en referencia ao rectificado no aire con posterior bandexa ante os Lakers nas Finais de 1991.[39] As opinións ao redor de Jordan como executivo eran moi variadas. Logrou desfacer ao equipo de varios xogadores con salarios moi altos, como Juwan Howard e Rod Strickland,[40][41] mais a súa decisión de seleccionar co número 1 do Draft a Kwame Brown, procedente do instituto, foi moi criticada, e a longo prazo pésima.[42]

A pesar de que en xaneiro de 1999 afirmou que había un "99,9%" de probabilidades de que non regresase ás pistas,[43] Jordan comezou a declarar no verán de 2001 que era posible a súa volta como xogador, esta vez con novo equipo, os Wizards. Inspirado pola reaparición da estrela da NHL e amigo Mario Lemieux o inverno anterior,[44] Jordan pasou a maior parte da primavera e verán de 2001 adestrándose en Chicago con xogadores da NBA. Ademais, Jordan asinou ao seu antigo adestrador Doug Collins para que adestrase aos Wizards a seguinte tempada, unha decisión na que moitos viron unha futura volta de Jordan. Coa tempada achegándose cada vez máis, as probabilidades de 0,1% nunca se expuxeron tanto. De tódolos xeitos, Michael Jordan non prometía nada.

O segundo retorno[editar | editar a fonte]

Nunha rolda de prensa o 10 de setembro de 2001, insinuou a súa reaparición, pero negou os rumores que estiveran arremolinándose ao redor seu o mes pasado. O 25 de setembro, anunciou a súa segunda volta á NBA, ademais de afirmar que doaría o seu soldo ás vítimas do atentado do 11 de setembro.[45][46] Aínda que fisicamente non era o mesmo de outrora e a pesar das lesións que o limitaron continuamente durante a tempada, as medias de Jordan non foron nada malas: 22,9 puntos por partido, 5,2 rebotes e 1,42 roubos de balón, liderando aos mozos Wizards a un paso de disputar a postemporada a pesar do frouxo equipo co que contaban. Ademais, os 41 partidos disputados de Jordan no MCI Center foron un cheo absoluto, e así en cada pavillón durante os dous anos que vestiu a camiseta dos Wizards. Tamén axudou a unha formidable racha de nove partidos consecutivos gañados dende o 6 de decembro ao 26 do mesmo mes, e durante un breve tempo falábase del como candidato ao MVP. O 29 de decembro anotou 51 puntos na vitoria ante Charlotte Hornets en casa. Debido ás lesións, só puido xogar 60 dos 82 encontros da tempada regular. Tras xogar o seu 14º All-Star Game, superou a Kareem Abdul-Jabbar na táboa de anotadores na historia do All-Star. A tempada 2002-03 foi anunciada dende o principio como a última e definitiva, esta vez si, de Michael Jordan, e non decepcionou. Esa campaña foi o único xogador de Washington en disputar tódolos encontros da tempada regular, sendo titular en 67 deles. Fixo unha medie de 20,0 puntos, 6,1 rebotes, 3,8 asistencias e 1,5 roubos por partido. Á idade de 40 anos, anotou 20 ou máis puntos en 42 ocasións, 30 ou máis en nove. e 40 ou máis en tres.

O 21 de febreiro de 2003, Jordan converteuse no primeiro xogador da NBA en anotar 40 ou máis puntos con 40 anos, na vitoria dos Wizards ante os Nets no MCI Center con 43 puntos.[47] Os números de asistencia do público descenderon un pouco ese ano, aínda que aínda así os Wizards estaban nun 20.173 de media no MCI, e 19.311 fóra de casa. O único "pero" é a ausencia de partidos de playoffs neses dous anos.

Recoñecendo que sería o último ano de Jordan como xogador da NBA, os tributos foron presentados en case todos os pavillóns da liga. No seu último partido en Chicago, o público do United Center deulle unha ovación tan grande que o propio Jordan tivo que interrompela, dando un discurso improvisado, aínda que non acougando á afección. Unha mostra de respecto foi o retiro por parte de Miami Heat do dorsal 23 o 11 de abril do 2003 en honra a el, a pesar de non xogar xamais un partido coa camiseta dos de Florida.[48] No seu partido final no MCI Center, recibiu un tributo do Secretario de Defensa Donald Rumsfeld, que lle obsequiou a bandeira izada no Pentágono o 11 de setembro de 2002, un ano despois dos tráxicos atentados. No All-Star Game de 2003, Vince Carter cedeulle a súa praza no quinteto titular e a cerimonia do descanso foi dedicada a Jordan, completada cunha actuación musical de Mariah Carey no seu tributo.

Philadelphia foi o escenario do seu último encontro como xogador da NBA, o 16 de abril de 2003 ante os 76ers. Xogando poucos minutos debido á gran vantaxe dos locais no marcador, Jordan anotou 16 puntos. Nos minutos finais do partido, Jordan entrou de novo en xogo, despois de que o público de Philadelphia cantase "queremos a Michael". A falta de 1:44 para o final, Jordan anotou os seus dous últimos tiros libres e sentou tras unha incrible ovación de máis de tres minutos de duración.[49] Jordan retirouse anotando 32.292 puntos en toda a súa carreira, só superado por Kareem Abdul-Jabbar e Karl Malone en toda a historia da NBA.

Xogos Olímpicos[editar | editar a fonte]

Cadro de medallas
Baloncesto
Xogos Olímpicos
Ouro Os Ánxeles 1984 Estados Unidos
Ouro Barcelona 1992 Estados Unidos
Xogos Panamericanos
Ouro Carcas 1983 Estados Unidos
Campionato FIBA Américas
Ouro Portland 1992 Estados Unidos

Jordan participou en dous Xogos Olímpicos, levándose a medalla de ouro en ambos os dous. A primeira foi nos Xogos Olímpicos de 1984 nos Ánxeles, gañando a España na final cando aínda era un universitario, e a segunda, en 1992 en Barcelona, formando parte do Dream Team orixinal, probablemente o mellor equipo de baloncesto da historia. Nel atopábanse lendas como Magic Johnson e Larry Bird, xunto con por entón estrelas actuais como Scottie Pippen, Charles Barkley, Karl Malone, David Robinson, John Stockton, Patrick Ewing ou Clyde Drexler.

Rumoréase que Jordan influíu na non selección de Isiah Thomas para o combinado, debido a problemas entre ambos no All-Star de 1985 (un ano foi MVP Thomas e ao seguinte Jordan, froito da motivación na súa rivalidade) e pola rivalidade de Pistons e Bulls de finais da década de 1980 e comezos dos 90. Pero a realidade é que Jordan non quería participar nos xogos de Barcelona 92, dicía que xa tiña unha medalla de ouro, pero a insistencia de xogadores como Magic que chegou a pedirlle ante os medios de forma graciosa, poñéndose en xeonllos en ton xocoso dicindo "please, please!", é dicir, que por favor fóra aos xogos olímpicos, que non podían ser o Dream Team sen o mellor. Isto cambiou a previsión do equipo que estivera practicamente seleccionado e Isiah Thomas quedou fóra do Dream Team ao entrar Jordan, xa que o equipo xa estaba cuberto por varios bases e escoltas. Jordan, Ewing e Chris Mullin son os únicos xogadores que lograron unha medalla de ouro como amateurs (1984) e como profesionais (1992).

Despois do retiro[editar | editar a fonte]

Jordan xogando ao golf.

Tras retirarse por terceira vez, Jordan asumiu que sería capaz de regresar ao seu posto de Presidente de Operacións en Washington Wizards. Con todo, as súas malas decisións como a selección no Draft de Kwame Brown e a posible influencia no traspaso de Richard Hamilton por Jerry Stackhouse obrigou, o 7 de maio de 2003, a Abe Pollin a despedir a Michael Jordan como Presidente de Operacións do equipo. Jordan afirmou quedar "impresionado pola decisión" e polo "insensible trato de non ofrecerme ningunha xustificación".

Tras iso, Jordan mantívose en forma, xogando ao golf en torneos de caridade, pasando o tempo coa súa familia en Chicago, promovendo a súa liña de roupa Jordan Brand e conducindo motocicletas, unha paixón que non puido levar a cabo cando era xogador da NBA, xa que non está permitido nos seus contratos.[50] Dende a súa retirada, púidoselle ver en moitos circuítos dos Grandes Premios do Mundial de Motociclismo.

O 15 de xullo de 2006, converteuse en co-propietario de Charlotte Bobcats e foi nomeado Membro de Dirección de Operacións de Baloncesto. Finalmente, o 17 de marzo de 2010 pasou a ser o primeiro ex xogador en ser propietario maioritario dunha franquía da NBA.[51]

Perfil de xogador[editar | editar a fonte]

A posición natural de Jordan era a de escolta, aínda que tamén xogou de base nos seus primeiros anos na liga e de aleiro en moitas ocasións, sobre todo en Washington. Con todo, iso adoitaba ser en momentos puntuais, sendo sempre a posición de escolta dende onde dominaba o xogo. Foi coñecido como un dos xogadores máis decisivos nos momentos finais de partido de tódolos tempos. Decidiu incontables partidos, algúns heroicamente (como "O Tiro" ante os Cavs en 1989) e outros de maneira case inhumana (o seu partido de 38 puntos para gañar aos Jazz xogando con febre nas finais de 1997). A súa competitividade era visible pola súa trash talk (do inglés: mala lingua)[52][53] durante os partidos, aínda que tamén era coñecido pola súa fanática ética de traballo.[54][55]

Ofensivamente era case imparable. Gañador de dous concursos de mates consecutivos,[56] era ademais moi fiable na liña de tiros libres, sendo, con 8.772, o noveno xogador na historia en lanzar máis tiros libres.[57] Unha das súas xogadas máis clásicas era o fadeaway (lanzar botándose para atrás) con tiro en suspensión, usando os seus 102 cm de salto vertical para desfacerse das tentativas de tapón dos seus defensores. Hubie Brown declarou que só con ese movemento era imparable.[58] Coas súas 5,3 asistencias de media en toda a súa carreira demostrábase o compañeirismo e a boa vontade de Michael Jordan sobre a cancha. Nos seus últimos anos, ademais, converteuse nunha auténtica ameaza dende a liña de triplos, tendo un 9/52 no seu ano rookie (17,3%) para, posteriormente, un 111/260 (42,7%) na 1996-97. Tamén era un gran reboteador para ser un xogador de perímetro, tendo na súa carreira unha media de 6,2 rebotes por encontro.

Pero Michael Jordan é ademais un dos mellores defensores da historia do baloncesto. Os seus 2.514 roubos de balón colócanlle na segunda posición de tódolos tempos só por detrás de John Stockton.[59] Ademais, bateu a marca de tapóns por un guard (base/escolta),[60] o que o convertía nun xogador temible en defensa.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Jeffrey Jordan, fillo de Michael.

Jordan é o cuarto de cinco fillos. Ten dous irmáns maiores, Larry e James, e dúas irmás, unha maior (Delores) e outra pequena (Roslyn). En setembro de 1989 casou con Juanita Jordan, con quen tivo dous fillos homes, Jeffrey Michael e Marcus James, e unha filla, Jasmine. Michael e Juanita informaron o 4 de xaneiro de 2002 do seu divorcio debido a diferenzas irreconciliables, aínda que posteriormente se reconciliaron. Finalmente, o 29 de decembro de 2006 presentaron o seu divorcio de maneira "mutua e cordial".[61][62]

O 21 de xullo de 2006, un xulgado de Cook County, Illinois, determinou que Jordan non debía pagar a Karla Knafel, unha antiga amante, cinco millóns de dólares.[63] Knafel demandou que esa era a cantidade acordada con Jordan para permanecer calada e non presentar unha proba de paternidade despois de que Knafel quedase embarazada en 1991. Unha proba de ADN demostrou que Jordan non era o pai do neno. O avogado de Knafel, Michael Hannafan, dixo que o seu cliente apelaría até a última instancia.

Jordan actualmente reside en Highland Park, Illinois, e os seus dous fillos homes asisten á Loyola Academy, un instituto privado católico de Wilmette, Illinois, onde ademais empezan a despuntar xogando a baloncesto. O seu irmán maior James foi Sarxento Maior da 35ta Signal Brigade do XXVII Corpo Aerotransportado do Exército dos Estados Unidos.[64] Jordan é membro da fraternidade Omega Psi Phi.

Figura mediática e empresario[editar | editar a fonte]

Zapatillas Nike Air Jordan VII.

Jordan é unha das figuras máis comercializadas da historia do deporte. Foi a imaxe principal de marcas como Nike, Coca-Cola, Chevrolet, Gatorade, Hanes, McDonald's, Ball Park Franks, Rayovac e MCI.[65] Primeiro apareceu nas caixas de cereais Wheaties en 1988 e actuou como o seu portavoz durante varios anos. Tamén apareceu en varias campañas de patrocinio da liña de roupa Hanes, como a de principios de século titulada "Go Tagless" e a de 2005 "Look who we've got our Hanes on now". Jordan estivo longamente relacionado con Gatorade, saíndo en máis de vinte anuncios da bebida. Un dos seus anuncios máis famosos é o de "Like Mike" no que aparecía unha canción cantada por nenos que desexaba ser como Jordan.[66] Durante moitos anos foi a mascota real de Nestlé Crunch, aparecendo nos seus produtos e a súa publicidade.

Nike creou un tipo de zapatillas para el, as Air Jordan. Un dos anuncios máis populares de Nike implicou a Spike Lee facendo de Mars Blackmoon e tentando atopar a fonte das habilidades de Jordan, quedándose convencido de que debe de ser debido ás zapatillas. O anuncio produciu unha forte demanda das zapatillas, sendo roubadas mesmo a punta de pistola. Posteriormente, Nike permitiu crear a Jordan a súa liña de roupa "Jordan Brand". A compañía inclúe unha longa lista de atletas e famosos.[67][68] Jordan tamén estivo en contacto cos personaxes animados de Looney Tunes. Na Super Bowl XXVII de 1991 mostrouse un anuncio no que aparecían Jordan e Bugs Bunny xogando un partido de baloncesto contra un grupo de marcianos. Este anuncio da Super Bowl inspirou o lanzamento da película Space Jam de 1996, protagonizada por Jordan e Bugs Bunny nunha historia ficticia durante o seu primeiro retiro do baloncesto. Ambos apareceron posteriormente en anuncios para MCI.

Premios, marcas e logros[editar | editar a fonte]

Premios

Placa cronolóxica das proezas de Jordan na súa carreira.
  • 14 veces All-Star (non participou no All-Star Game da tempada 1984-1985 por lesión).
  • 5 veces MVP da Tempada (1988, 1991, 1992, 1996, 1998).
  • 2 medallas de ouro olímpicas (Los Ángeles 1984, Barcelona 1992).
  • Mellor Defensor do Ano (1988)
  • Rookie do Ano (1985)
  • 11 veces no Mellor Quinteto da NBA (10 no 1º, 1 no 2º)
  • 2 Concursos de Mates (1987, 1988)
  • Nomeado mellor xogador da historia da NBA
  • Naismith College Player of the Year (1984)
  • John R. Wooden Award (1984)
  • Adolph Rupp Trophy (1984)
  • ACC Men's Basketball Player of the Year (1983-84)
  • Deportista do Ano (Sports Illustrated, 1991)
  • Membro do Basketball Hall of Fame (2009)

Marcas

  • Máis títulos de máximo anotador (10)
  • Maior media anotadora nunha carreira da historia (30,1)
  • Maior media anotadora nunha carreira da historia en playoffs (33,4)
  • Máis partidos consecutivos anotando en dobres figuras (842)
  • Maior media anotadora nunhas finais (40,1 en 1993)
  • Máis MVP das Finais (6)

Logros

  • Anotou 40 ou máis puntos en 211 partidos (173 tempada regular, 38 playoffs)
  • Anotou 50 ou máis puntos en 39 partidos (31 tempada regular, 8 playoffs)
  • Conseguiu 30 triplos-dobres (28 tempada regular, 2 playoffs)
  • Conseguiu o primeiro triplo-dobre nun All-Star Game (14-11-11 en 1997)

Ingreso no Hall of Fame[editar | editar a fonte]

Jordan ingresou no Basketball Hall of Fame (Salón da Fama do Baloncesto) o 11 de setembro de 2009 xunto a dous ex-xogadores, David Robinson e John Stockton e dous técnicos, Jerry Sloan e C. Vivian Stringer, nunha cerimonia celebrada en Springfield, Massachusetts.

Estatísticas[editar | editar a fonte]

Lenda
  PX Partidos xogados   PT  Partidos titular  MPP  Minutos por partido  %TC  Porcentaxe de tiros de campo
 %3P  Porcentaxe de tiros de 3  %TL  Porcentaxe de tiros libres  RPP  Rebotes por partido  APP  Asistencias por partido
 ROU  Roubos de balón por partido  TPP  Tapóns por partido  PPP  Puntos por partido  Negra  Máximo de carreira

Tempada regular[editar | editar a fonte]

Ano Equipo PX PT MPP %TC %3P %TL RPP APP ROU TPP PPP
1984–85 Chicago Bulls 82 82 38,3 51,5 17,3 84,5 6,5 5,9 2,4 0,8 28,2
1985–86 Chicago Bulls 18 7 25,1 45,7 16,7 84.0 3,6 2,9 2,1 1,2 22,7
1986–87 Chicago Bulls 82 82 40,0 48,2 18,2 85,7 5,2 4,6 2,9 1,5 37,1
1987–88 Chicago Bulls 82 82 40,4 53,5 13,2 84,1 5,5 5,9 3,2 1,6 35,0
1988–89 Chicago Bulls 81 81 40,2 53,8 27,6 85,0 8,0 8,0 2,9 0,8 32,5
1989–90 Chicago Bulls 82 82 39,0 52,6 37,6 84,8 6,9 6,3 2,8 0,7 33,6
1990–91 Chicago Bulls 82 82 37,0 53,9 31,2 85,1 6,0 5,5 2,7 1,0 31,5
1991–92 Chicago Bulls 80 80 38,8 51,9 27,0 83,2 6,4 6,1 2,3 0,9 30,1
1992–93 Chicago Bulls 78 78 39,3 49,5 35,2 83,7 6,7 5,5 2,8 0,8 32,6
1994–95 Chicago Bulls 17 17 39,3 41,1 50,0 80,1 6,9 5,3 1,8 0,8 26,9
1995–96 Chicago Bulls 82 82 37,7 49,5 42,7 83,4 6,6 4,3 2,2 0,5 30,4
1996–97 Chicago Bulls 82 82 37,9 48,6 37,4 83,3 5,9 4,3 1,7 0,5 29,6
1997–98 Chicago Bulls 82 82 38,8 46,5 23,8 78,4 5,8 3,5 1,7 0,6 28,7
2001–02 Washington Wizards 60 53 34,9 41,6 18,9 79,0 5,7 5,2 1,4 0,4 22,9
2002–03 Washington Wizards 82 67 37,0 44,5 29,1 82,1 6,1 3,8 1,5 0,5 20,0
Total 1072 1039 38,3 49,7 32,7 83,5 6,2 5,3 2,4 0,8 30,1
All-Star Game 13 13 29,4 47,2 27,3 75,0 4,7 4,2 2,8 0,5 20,2

Playoffs[editar | editar a fonte]

Ano Equipo PX PT MPP %TC %3P %TL RPP APP ROU TPP PPP
1985 Chicago Bulls 4 4 42,8 43,6 12,5 82,8 5,8 8,5 2,8 1,0 29,3
1986 Chicago Bulls 3 3 45,0 50,5 100,0 87,2 6,3 5,7 2,3 1,3 43,7
1987 Chicago Bulls 3 3 42,7 41,7 40,0 89,7 7,0 6,0 2,0 2,3 35,7
1988 Chicago Bulls 10 10 42,7 53,1 33,3 86,9 7,1 4,7 2,4 1,1 36,3
1989 Chicago Bulls 17 17 42,2 51,0 28,6 79,9 7,0 7,6 2,5 0,8 34,8
1990 Chicago Bulls 16 16 42,1 51,4 32,0 83,6 7,2 6,8 2,8 0,9 36,7
1991 Chicago Bulls 17 17 40,5 52,4 38,5 84,5 6,4 8,4 2,4 1,4 31,1
1992 Chicago Bulls 22 22 41,8 49,9 38,6 85,7 6,2 5,8 2,0 0,7 34,5
1993 Chicago Bulls 19 19 41,2 47,5 38,9 80,5 6,7 6,0 2,0 0,9 35,1
1995 Chicago Bulls 10 10 42,0 48,4 36,7 81,0 6,5 4,5 2,3 1,4 31,5
1996 Chicago Bulls 18 18 40,7 45,9 40,3 81,8 4,9 4,1 1,8 0,3 30,7
1997 Chicago Bulls 19 19 42,3 45,6 19,4 83,1 7,9 4,8 1,6 0,9 31,1
1998 Chicago Bulls 21 21 41,5 46,2 30,2 81,2 5,1 3,5 1,5 0,6 32,4
Total 179 179 41,8 48,7 33,2 82,8 6,4 5,7 2,1 0,9 33,4

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Biografía de Jordan en nba.com
  2. Air Jordan And Just Plain Folks
  3. 23 years later, Air Jordans maintain mystique
  4. A McDonald's Game For Girls, Too
  5. Michael Jordan entry
  6. Jordan Makes People Wonder: Is He the New Dr. J?
  7. Jordan dazzles crowd at Garden
  8. Michael Jordan bio
  9. Chicago Bulls
  10. "God Disguised as Michael Jordan", nba.com/history
  11. 1986-87 NBA Awards Voting
  12. Michael Jordan statistics
  13. Chicago Bulls 1987-88 Game Log and Scores
  14. Chicago Bulls 1990-91 Game Log and Scores
  15. Bulls Brush Aside Pistons for Eastern Title
  16. Isiah Thomas: Leader of the Bad Boys
  17. Chicago Bulls 1990-91 Game Log and Scores
  18. Great Shot! Jordan's Best Amazingly Goes One Better
  19. Finals Most Valuable Player
  20. "Michael Jordan transcends hoops"
  21. Jordan Blazes Away From Long Range
  22. A Stroll Down Memory Lane
  23. Clyde Drexler bio
  24. Paxson's Trey Propels Bulls Into NBA History
  25. A Humbled Jordan Learns New Truths
  26. Michael Jordan Chronology
  27. Jordan Keeping the Basketball World in Suspense
  28. Michael Jordan returns to Bulls in overtime loss to Indiana Pacers - Chicago Bulls
  29. Memories of MJ's first two acts
  30. The greatest team in history - day four: Chicago Bulls
  31. Chicago Bulls 1995-96 Game Log and Scores
  32. Top 10 Teams in NBA History
  33. 1995-96 Chicago Bulls
  34. Chicago Bulls 1996-97 Game Log and Scores
  35. 23 to remember
  36. Crying Foul
  37. History of the NBA Finals Chicago Bulls vs. Utah Jazz - 1998
  38. Jordan Sheds Uniform for Suit as a Wizards Owner
  39. Crowning of the Bulls in Las Vegas
  40. Making his move
  41. Losing never looked so good for Wizards
  42. So Long, Kwame, Thanks for Nothing
  43. Michael Jordan transcends hoops
  44. Jordan watched Lemieux's comeback very closely
  45. Pollin Establishes Education Fund
  46. News Summary
  47. Jordan Pours in History-Making 43
  48. Heat Retire Jordan's 23
  49. Sixers Prevail in Jordan's Final Game
  50. Michael Jordan is now riding superbikes
  51. Jordan purchase of Bobcats approved
  52. A suspension for talking trash? Mamma mia!
  53. Pregame talk amounts to taking out the trash
  54. Michael and Me
  55. Great Leapin' Lizards! Michael Jordan Can't Actually Fly, But
  56. Mate dende a liña de tiros libres nun Concurso de Mates
  57. Career Leaders for Free Throw Attempts
  58. Hubie Brown on Jordan
  59. Career Leaders for Steals
  60. What Does Hei Do for an Encore?
  61. Jordan, wife end marriage 'mutually, amicably'
  62. Michael Jordan, Wife to Divorce After 17 Years
  63. "Judge says Jordan not obligated to pay ex-lover"
  64. Michael Jordan's big brother ends Army career
  65. Jordan's 10 greatest commercials ever
  66. Michael Jordan: Phenomenon
  67. Michael Jordan
  68. Team Jordan

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Michael Jordan