Magic Johnson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Earwing "Magic" Johnson
Posición Base
Dorsal 32
Altura 2,06 m (6 ft 9 in)
Peso 116 kg (255 lb)
Nacemento 14 de agosto de 1959 (55 anos)
Flag of Michigan.svg Lansing, MI
Carreira
Tempadas 19791996
NBA Draft 1979 / Rolda: 1 / Elección: 1

Escollido por Los Angeles Lakers

Universidade Michigan State
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     17 707 (19,5 ppp)
Asistencias     10 141 (11,2 app)
Rebotes     6 559 (7,2 rpp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios
Basketball Hall of Fame como xogador
Adestrador

Earvin Effay "Magic" Johnson, Jr., nado o 14 de agosto de 1959 en Lansing, Michigan, é un ex xogador e adestrador de baloncesto, considerado un dos mellores da historia. Militou en Los Angeles Lakers da NBA dende 1979 até 1991, regresando por un breve período en 1996. Tras gañar en 1979 a NCAA coa Universidade de Michigan State, Johnson chegou aos Lakers cos que establecería unha das mellores carreiras na historia da liga, proclamándose campión da NBA en cinco ocasións despois de xogar nove finais, ademais dun gran número de premios individuais como o MVP da Tempada, MVP das Finais (en tres ocasións ambos) e MVP do All-Star Game. Tamén disputou doce NBA All-Star Game, sendo incluído en dez tempadas nos mellores quintetos da liga e liderando a tempada regular en asistencias catro veces.

Magic Johnson formou parte ademais do inesquecible "Dream Team" dos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, onde o combinado norteamericano se fixo co ouro varrendo aos seus rivais. En 1996 foi nomeado como un dos cincuenta mellores xogadores da historia da NBA e en 2002 consagrouse entrando no Basketball Hall of Fame. Johnson é tamén coñecido por contraer o virus VIH, facéndoo público en 1991 e retirándose da práctica do baloncesto inmediatamente. Co apoio dos seus colegas de profesión, converteuse no primeiro xogador abertamente seropositivo en xogar na NBA.

Traxectoria deportiva[editar | editar a fonte]

Os seus inicios[editar | editar a fonte]

Johnson creceu en Lansing, no estado de Michigan, e xa dende moi novo gustáballe xogar a baloncesto. Levantábase cedo para ir xogar antes do colexio e ía frecuentemente aos sitios botando un balón,[1] e segundo a súa nai, mostraba moito entusiasmo en todo o que facía.[2] Cando por fin se uniu ao equipo de baloncesto do seu instituto, logrou con 15 anos unha tripla-dobre con 36 puntos, 16 rebotes e 16 asistencias, despois do cal un xornalista deportivo denominoulle "Magic" por primeira vez. Máis tarde, sufriu a perda dun compañeiro de equipo en accidente de coche, polo que se confabularon para gañar o campionato estatal como homenaxe a Reggie Chastaine, o xogador falecido, algo que lograron na prórroga da final.[2] No seu último ano de instituto o seu equipo logrou un balance de 27 vitorias e 1 única derrota, cunha media de 28,8 puntos e 16,8 rebotes, gañando de novo o título estatal.[1]

Universidade[editar | editar a fonte]

"Magic" desenvolveu a súa traxectoria universitaria na Universidade Estatal de Míchigan, preto da súa cidade natal. Cando se uniu ao equipo, na tempada 1977-78, conseguiu rapidamente o status de gran estrela. Despois de que a súa universidade acabase o ano anterior cun mediocre balance de 12 vitorias e 15 derrotas na Big Ten Conference, poucos pensaban no xiro que ía dar o equipo coa incorporación de Magic. Xunto co seu compañeiro, o tamén novato Jay Vincent, conseguiron unha racha de trece partidos gañados consecutivamente, e grazas ás súas estatísticas (17 puntos, 7,9 rebotes e 7,4 asistencias por partido) e conseguiron gañar o título de conferencia tras 11 tempadas de seca, ademais de presentarse por primeira vez en 19 anos no Torneo da NCAA, caendo na final do Medio Oeste ante a Universidade de Kentucky. Johnson foi nomeado Novato do Ano.[3]

En 1979 comezaron a tempada de forma titubeante, xa que no mes de xaneiro levaban un balance de 4 vitorias e 4 derrotas, mais lonxe de estar acabados, lograron gañar na prórroga ao até entón líder da conferencia, Ohio State, para encadear posteriormente unha racha de dez vitorias consecutivas, que lles afianzarían no primeiro posto da Big Ten. Unha vez na fase final, arrasaron nos seus catro primeiros enfrontamentos, logrando unha diferenza media de 23 puntos de vantaxe neles, levando ao seu equipo á final da NCAA, onde lle esperaba a Universidade de Indiana State, invictos esa tempada e colocados no número 1 do ranking. Nese equipo xogaba o que poucos anos máis tarde sería o seu gran rival e amigo, Larry Bird.[3] Con todo, os de Michigan fixéronse finalmente co campionato cun resultado de 75-64, sendo o partido universitario máis visto da historia. Ademais Johnson foi elixido esa tempada como o mellor xogador do torneo.[4]

Profesional[editar | editar a fonte]

O nacemento do Showtime (1979-1980)[editar | editar a fonte]

Magic Johnson foi elixido como número 1 no Draft da NBA de 1979 por Los Angeles Lakers,[5] os cales obtiveran esa elección tras negociar cos New Orleans Jazz e ofrecerlles á entón estrela Gail Goodrich a cambio da primeira elección do draft.[1] Magic uniuse a unha franquía sometida a un profundo cambio, con novo adestrador, Jack McKinney, con novo propietario, Jerry Buss, e varios novos xogadores. Con todo, o que máis atraeu a Johnson foi a posibilidade de xogar xunto ao seu gran ídolo de mocidade, o pivote Kareem Abdul-Jabbar, líder histórico de anotación na NBA.[6] Enseguida transmitiu o seu entusiasmo na pista e impuxo un estilo de xogo de velocidade, de pases inverosímiles, de contraataques vibrantes, que pronto se coñeceu como o "Showtime" (tempo de espectáculo). Dada a súa facilidade e a súa altura para o rebote e a anotación, pronto liderou a liga en triplas dobres, soamente superado ao longo da historia por outro base, Oscar Robertson.[1] Ademais, o seu case infantil entusiasmo transmitiuse ás bancadas, sendo moi pronto un ídolo da afección.[2]

As porcentaxes da súa primeira tempada, 18 puntos, 7,7 rebotes e 7,3 asistencias, foron suficientes para ser elixido no Mellor quinteto de rookies da NBA e ser titular no NBA All-Star Game, aínda que o título de Rookie do ano foi ao seu amigo e rival Larry Bird, que ese ano se unira aos Boston Celtics.[7] Os Lakers acabaron cun balance de 60 vitorias e 22 derrotas, e con Paul Westhead substituíndo no banco a McKinney, despois dun grave accidente de bicicleta, acadaron as Finais da NBA de 1980, onde se atoparon aos Sixers do "Dr. J" (Julius Erving) e do potente Darryl Dawkins. Os Lakers tomaron vantaxe nas series 3-2, até que Kareem Abdul-Jabbar se lesionou no xeonllo. O seu adestrador decidiu entón pór no posto de pivote a Magic, o cal sorprendeu a todo o mundo con 42 puntos, 15 rebotes, 7 asistencias e 3 roubos de balón, gañando o sexto e definitivo partido 122-107 e sendo nomeado MVP das Finais.[8] Con só vinte anos, Magic xa conseguira distincións individuais no instituto, universidade e como profesional, cheg a converterse nun dos únicos catro xogadores en toda a historia en gañar consecutivamente os títulos da NCAA e a NBA.

Arriba e abaixo (1980-1983)[editar | editar a fonte]

Magic Johnson en 2007.

Johnson perdeuse gran parte da tempada 1980-81 por mor dunha lesión no xeonllo, disputando tan só 37 partidos de liga regular,[9] sendo ademais eliminados nos playoffs en primeira rolda polos Houston Rockets. A pesar diso, ao terminar a mesma, Johnson asinou un espectacular contrato de 25 anos de duración por un valor de 25 millóns de dólares, cortesía do propietario do equipo, o Dr. Buss, que quedou impresionado polo seu xogo espectacular.[10] Con todo, os problemas continuaron a tempada seguinte, onde tivo un duro enfrontamento co seu adestrador, Westhead. Tras unha vitoria en casa dos Utah Jazz, Magic manifestou: non podo seguir xogando máis neste equipo. O propietario do equipo, no canto de facer caso ás demandas de Johnson, despediu ao adestrador, e por primeira vez na súa carreira Magic tivo que escoitar apupos do público, mesmo dos seus propios seareiros.[1] Porén, esa tempada logrou polo menos 700 puntos, asistencias e rebotes, uníndose a Wilt Chamberlain e Oscar Robertson no selecto club que alcanzara tales cifras.[2] Os Lakers arrasaron nos playoffs, chegando ás finais de novo ante os Sixers, que contaban co "Dr. J" e Andrew Toney como principais estrelas. Johnson liderou ao seu equipo na vitoria por 4 a 2, levándose o seu segundo título de MVP das Finais.[11]

Na tempada 1982-83, Magic volveu a destacadar, cunha media 16,8 puntos, 8,6 rebotes e 10,5 asistencias, gañándose o seu primeiro nomeamento ao Mellor quinteto da NBA,[9] e alcanzando o seu equipo de novo as Finais. Con todo, nesta ocasión os Lakers sufriron as baixas dos seus compañeiros Norm Nixon, James Worthy e Bob McAdoo e foron arrasados na final polos Sixers, que contaban co seu novo pivote e finalmente MVP das Finais, Moses Malone.[1]

Larry Bird e os Bad Boys (1983-1988)[editar | editar a fonte]

Cando Magic chegou á NBA, ao mesmo tempo chegou un aleiro que terminaría converténdose nunha lenda, o xogador dos Boston Celtics e vello coñecido de Magic da NCAA, Larry Bird. O xornalista alemán Günter Bork definiunos como polos opostos: por unha banda, o xogador negro, riseiro e espectacular que era Johnson, e polo outro, o xogador branco, introvertido e traballador que era Bird. Ademais, a fortaleza de ambos fixo que a rivalidade se prolongase no tempo, sendo a loita do Showtime, un baloncesto rápido e espectacular, contra o xogo preciso e seguro dos Celtics.[1] Ambos eran estrelas nos seus equipos, pero os Celtics competían na Conferencia Leste mentres que os Lakers facíano na Conferencia Oeste, polo que a única forma de atoparse na post-tempada era nas Finais, o que non ocorreu até 1984. Ese ano Magic volveu ter unha actuación destacada, con medias de 17,6 puntos, 7,3 rebotes e 13,1 asistencias, e xunto a Kareem Abdul-Jabbar levou ao seu equipo ás finais, onde se atoparían por fin cos Celtics. Varios erros decisivos no segundo, cuarto e sétimo e definitivo partido fixeron que o título voase a Massachusetts, sendo nomeado Larry Bird MVP das Finais. Por todo iso, Kevin McHale, un dos puntais de Boston, mofouse cualificando ao seu rival como "Tragic" Johnson.[1]

Na seguinte tempada, Johnson volveu destacar na fase regular, cunha media de 18,3 puntos, 6,2 rebotes e 12,6 asistencias,[9] levando aos Lakers de novo ás Finais, onde de novo se atoparían cos de Boston. Tras un mal comezo, que facía presaxiar unha rápida resolución da final ao perder 114-148, o equipo reaccionou dando a volta ás series e gañando finalmente 4-2, grazas sobre todo a Abdul-Jabbar xa con 38 anos e, por suposto, a Magic, que tivo unha media de 15,2 asistencias nos 6 partidos da final.[12] A tempada 1985-86 resultou decepcionante para Magic e os súas Lakers. A pesar das boas cifras de novo na liga regular (18,8 puntos, 5,9 rebotes e 12,6 asistencias),[9] os Lakers caeron estrepitosamente nas Finais da Conferencia Oeste ante uns Houston Rockets liderados polas súas Torres Xemelgas, Hakeem Olajuwon e Ralph Sampson, por 4 a 1. Con todo, ao ano seguinte Johnson fixo a súa mellor tempada, promediando 23,6 puntos (o tope da súa carreira), 6,3 rebotes e 12,2 asistencias,[9] gañando o seu primeiro MVP da NBA, o único premio que se lle resistía dende o inicio da súa carreira.[1] Os Lakers atopáronse de novo cos Celtics na final, onde foi transcendental a defensa que fixo Michael Cooper sobre a estrela de Boston Larry Bird. Johnson foi de novo providencial, especialmente no cuarto partido, cando anotou un gancho a dous segundos do final sobre dous homes máis altos que el, Kevin McHale e Robert Parish, dando a vitoria ao equipo californiano por 107-106.[13] Finalmente os Lakers gañaron a final 4-2.[14]

Antes de comezar a tempada 1987-88, o adestrador dos Lakers Pat Riley, conmocionou ao equipo prometendo repetir título, obviando a maldición que facía que un mesmo equipo non conseguise dous aneis consecutivos dende a tempada 1968-69. Johnson volveu ter unha fase regular produtiva, con 19,6 puntos, 6,2 rebotes e 11,9 asistencias por partido.[9] Nos playoffs os Lakers sobreviviron a dúas trepidantes eliminatorias que chegaron ao sétimo partido, contra Utah Jazz e os Dallas Mavericks, para atoparse na final cos temidos bad boys, os Detroit Pistons, con fama de xogar ao baloncesto ao límite da dureza permitida.[15] Tras seis intensos partidos, co marcador empatado a 3 vitorias, a figura de James Worthy emerxeu no sétimo e definitivo encontro, conseguindo un triple-dobre, 36 puntos, 16 rebotes e 10 asistencias, e levando ao seu equipo á consecución do campionato ao vencer 108-105, co que se levou o MVP das Finais.[16]

Ocaso (1988-1991)[editar | editar a fonte]

Na tempada 1988-89, Johnson tivo unha media de 22,5 puntos, 7,9 rebotes e 12,8 asistencias por partido, gañando o seu segundo MVP da NBA.[9] Os Lakers alcanzaron de novo as Finais, pero unha lesión de ligamentos de Magic puxo en bandexa o título aos Pistons, que arrasaron 4-0 dando unha triste despedida das finais ao gran Abdul-Jabbar, que con 42 anos disputaría por última vez unha post-tempada.[17] Ao ano seguinte a historia repetiríase, xa que Johnson volve gañar o MVP, mais os Lakers caerían en segunda rolda de playoffs ante Phoenix Suns. Na tempada 1990-91 os Lakers repetirían aparición nas finais, esta vez ante uns Chicago Bulls que contaban coa súa gran estrela Michael Jordan. A súa achega, unido á excepcional defensa de Scottie Pippen sobre Magic, que se lesionou no segundo partido da final, deulles o primeiro dunha longa serie de éxitos para o equipo da Cidade do Vento.[18]

Magic anuncia que é portador do VIH (1991-1992)[editar | editar a fonte]

Ao comezar a tempada 1991-92, Johnson perdeuse os seus tres primeiros partidos oficialmente por unha infección estomacal. Non tardou en convocar unha rolda de prensa e conmocionar ao mundo, o 7 de novembro de 1991 anunciou que estaba infectado polo virus VIH e a súa inmediata retirada do baloncesto. Descubriu a súa enfermidade ao tratar de facerse un seguro de vida, dando positivo nas análises da SIDA. Mais lonxe de mensaxes negativas, sorprendeu ao anunciar a súa felicidade de que a súa esposa Cookie e o fillo que ambos esperaban non estaban infectados, e que ía adicar a súa vida a loitar contra esta enfermidade.[19] A contorna da NBA conmocionouse, e mesmo o presidente George H. W. Bush declarou: "Para min, Magic é un heroe, un heroe para calquera que ame o deporte". Automaticamente pasou á "lista de lesionados" do equipo, e debido á súa situación contractual, seguiu cobrando da franquía anxelina.

A pesar de todo iso, Magic foi votado polo público para xogar o NBA All-Star Game desa tempada. Foron varios os xogadores que se mostraron remisos a xogar con alguén que en teoría lles podería contaxiar un virus mortal, entre eles Karl Malone. Pero a maxia que proclama o seu alcume fixo que todo iso ficase nun segundo plano, xogando o partido e levando á vitoria á Conferencia Oeste por 153-113, ofrecendo ao mundo dous minutos finais completamente inesquecibles, xogándose un "un contra un" primeiro ante o seu gran amigo Isiah Thomas, posteriormente contra outra lenda do baloncesto, Michael Jordan e acabando prematuramente o partido cunha tripla inverosímil dende case 8 metros, para darse unhas apertas con rivais e amigos nunha espontánea homenaxe.[20][21] Ademais, foi galardoado co MVP do partido.

O Dream Team (Barcelona 92)[editar | editar a fonte]

Cadro de medallas
Baloncesto
Xogos Olímpicos
Ouro Barcelona 1992 Estados Unidos
Campionato FIBA Américas
Ouro Portland 1992 Estados Unidos

A pesar de dar positivo nas análises da SIDA, Magic foi convocado coa selección de baloncesto de Estados Unidos para participar nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92. Aquel mítico equipo, denominado "Dream Team" (equipo de en soño) pola cantidade de estrelas do baloncesto NBA reunidas nel, arrasou no torneo de baloncesto. Por primeira vez, lendas vivas deste deporte xogaron xuntas no mesmo equipo, no cal, ademais de Johnson, estaban entre outros, Larry Bird, Michael Jordan, Charles Barkley, Karl Malone, Patrick Ewing, John Stockton ou David Robinson.

Johnson estivo coxeando todo o torneo, por mor dunha pequena lesión no xeonllo, participando menos do que lle gustaría no torneo. A pesar diso, as Olimpíadas de Barcelona lembraranse, entre outras cousas, por ser o lugar onde un dos máis grandes xogadores da historia deu as súas últimas leccións.[22]

Breve retorno á NBA (1996)[editar | editar a fonte]

Johnson anunciou o seu regreso ás canchas na tempada 1992-93,[23] mais tras participar en partidos de pretempada, decidiu non facelo alegando motivos persoais. Embarcouse noutros compromisos, entre os que estaban o escribir un libro sobre sexo seguro e o realizar unha xira por Asia e Australia xunto a antigos xogadores da NBA.[1]

Na tempada 1993-94 aceptou facerse cargo do equipo dos Lakers como adestrador principal, pero tras disputar dezaseis partidos renunciou ao seu cargo.[24] A cambio, pasou a ser accionista do equipo en xuño de 1994. A sorpresa chegou xa comezada a tempada 1995-96, cando volveu a calzarse unhas zapatillas de baloncesto para xogar os seus últimos 32 partidos como profesional á idade de 36 anos. A pesar do tempo retirado, tivo unha media de 14,6 puntos, 6,9 asistencias e 5,7 rebotes. Chegou a xogar os playoffs, sendo eliminados por Houston Rockets na primeira rolda, retirándose definitivamente. Johnson explicou o seu regreso con estas palabras: "Vou terminar o meu mandato, algo que non puiden facer cando se frustrou o meu regreso en 1992".[2]

Estadísticas[editar | editar a fonte]

Tempada regular[editar | editar a fonte]
Temp. Idade Equipo Liga P TIT MIN TC TCA  %TC 3P 3PA  %3P TL TLA  %TL R.OF. R.DEF. REB ASIS ROU TAP PER FP PTS
1979 20 Lakers NBA 77 36.3 6.5 12.3 .530 0.1 0.4 .226 4.9 6.0 .810 2.2 5.6 7.7 7.3 2.4 0.5 4.0 2.8 18.0
1980 21 Lakers NBA 37 37.1 8.4 15.9 .532 0.1 0.5 .176 4.6 6.1 .760 2.7 5.9 8.6 8.6 3.4 0.7 3.9 2.7 21.6
1981 22 Lakers NBA 78 77 38.3 7.1 13.3 .537 0.1 0.4 .207 4.2 5.6 .760 3.2 6.4 9.6 9.5 2.7 0.4 3.7 2.9 18.6
1982 23 Lakers NBA 79 79 36.8 6.5 11.8 .548 0.0 0.3 .000 3.8 4.8 .800 2.7 5.9 8.6 10.5 2.2 0.6 3.8 2.5 16.8
1983 24 Lakers NBA 67 66 38.3 6.6 11.6 .565 0.1 0.4 .207 4.3 5.3 .810 1.5 5.9 7.3 13.1 2.2 0.7 4.6 2.5 17.6
1984 25 Lakers NBA 77 77 36.1 6.5 11.7 .561 0.1 0.5 .189 5.1 6.0 .843 1.2 5.0 6.2 12.6 1.5 0.3 4.0 2.0 18.3
1985 26 Lakers NBA 72 70 35.8 6.7 12.8 .526 0.1 0.6 .233 5.3 6.0 .871 1.2 4.7 5.9 12.6 1.6 0.2 3.8 1.8 18.8
1986 27 Lakers NBA 80 80 36.3 8.5 16.4 .522 0.1 0.5 .205 6.7 7.9 .848 1.5 4.8 6.3 12.2 1.7 0.5 3.8 2.1 23.9
1987 28 Lakers NBA 72 70 36.6 6.8 13.8 .492 0.2 0.8 .196 5.8 6.8 .853 1.2 5.0 6.2 11.9 1.6 0.2 3.7 2.0 19.6
1988 29 Lakers NBA 77 77 37.5 7.5 14.8 .509 0.8 2.4 .314 6.7 7.3 .911 1.4 6.4 7.9 12.8 1.8 0.3 4.1 2.2 22.5
1989 30 Lakers NBA 79 79 37.2 6.9 14.4 .480 1.3 3.5 .384 7.2 8.1 .890 1.6 5.0 6.6 11.5 1.7 0.4 3.7 2.1 22.3
1990 31 Lakers NBA 79 79 37.1 5.9 12.4 .477 1.0 3.2 .320 6.6 7.3 .906 1.3 5.6 7.0 12.5 1.3 0.2 4.0 1.9 19.4
1995 36 Lakers NBA 32 9 29.9 4.3 9.2 .466 0.7 1.8 .379 5.4 6.3 .856 1.3 4.5 5.7 6.9 0.8 0.4 3.2 1.5 14.6
Total NBA 906 763 36.7 6.9 13.2 .520 0.4 1.2 .303 5.5 6.5 .848 1.8 5.5 7.2 11.2 1.9 0.4 3.9 2.3 19.5
Playoffs[editar | editar a fonte]
Temp. Idade Equipo Liga P MIN TCA TC 3PA 3P TLA TL R.OF. REB ASIS ROU TAP PER FP PTS  %TC  %3P  %FT MIN PTS REB AST
1980 20 Lakers NBA 16 658 103 199 2 8 85 106 52 168 151 49 6 65 47 293 .518 .250 .802 41.1 18.3 10.5 9.4
1981 21 Lakers NBA 3 127 19 49 0 0 13 20 8 41 21 8 3 11 14 51 .388 .650 42.3 17.0 13.7 7.0
1982 22 Lakers NBA 14 562 83 157 0 4 77 93 54 158 130 40 3 44 50 243 .529 .000 .828 40.1 17.4 11.3 9.3
1983 23 Lakers NBA 15 643 100 206 0 11 68 81 51 128 192 34 12 64 49 268 .485 .000 .840 42.9 17.9 8.5 12.8
1984 24 Lakers NBA 21 837 151 274 0 7 80 100 26 139 284 42 20 79 71 382 .551 .000 .800 39.9 18.2 6.6 13.5
1985 25 Lakers NBA 19 687 116 226 1 7 100 118 19 134 289 32 4 76 48 333 .513 .143 .847 36.2 17.5 7.1 15.2
1986 26 Lakers NBA 14 541 110 205 0 11 82 107 21 100 211 27 1 45 43 302 .537 .000 .766 38.6 21.6 7.1 15.1
1987 27 Lakers NBA 18 666 146 271 2 10 98 118 28 139 219 31 7 51 37 392 .539 .200 .831 37.0 21.8 7.7 12.2
1988 28 Lakers NBA 24 965 169 329 7 14 132 155 32 130 303 34 4 83 61 477 .514 .500 .852 40.2 19.9 5.4 12.6
1989 29 Lakers NBA 14 518 85 174 10 35 78 86 15 83 165 27 3 53 30 258 .489 .286 .907 37.0 18.4 5.9 11.8
1990 30 Lakers NBA 9 376 76 155 5 25 70 79 12 57 115 11 1 36 28 227 .490 .200 .886 41.8 25.2 6.3 12.8
1991 31 Lakers NBA 19 823 118 268 21 71 157 178 23 154 240 23 0 77 43 414 .440 .296 .882 43.3 21.8 8.1 12.6
1996 36 Lakers NBA 4 135 15 39 3 9 28 33 8 34 26 0 0 12 3 61 .385 .333 .848 33.8 15.3 8.5 6.5
Total NBA 190 7538 1291 2552 51 212 1068 1274 349 1465 2346 358 64 696 524 3701 .506 .241 .838 39.7 19.5 7.7 12.3

Magic: a lenda[editar | editar a fonte]

Os dorsais retirados.

Johnson desenvolveu toda a súa etapa profesional nos Lakers (dende 1979 a 1991 e 1996), onde grazas á súa velocidade, manexo do balón e visión de xogo, desempeñou de maneira maxistral o posto de base (con 2,06 metros de altura), e levou ao equipo a conquistar cinco campionatos da NBA (1980, 1982, 1985, 1987 e 1988). Johnson é un do catro únicos xogadores en gañar os títulos da NCAA e NBA en anos consecutivos, e é o único rookie da NBA que gañou no mesmo ano o MVP das Finais (1980); galardón que volveu conquistar noutras dúas ocasións (1982 e 1987). Foi elixido MVP da Tempada en tres ocasiones (1987, 1989 e 1990) e MVP do All-Star Game en 1990 e 1992; esta última ocasión, un ano despois da súa retirada.

O sobrenome de "Magic" provén do instituto e é debido á súa gran habilidade para o pase, que lle permitía repartir gran cantidade de asistencias (11,2 por partido durante toda a súa etapa profesional para un total de 10.141) aos seus compañeiros de xogo aos que, co seu carisma, contaxiaba o seu entusiasmo polo xogo e o seu carácter gañador. Foi tamén un bo anotador e tivo unha media durante toda a súa carreira 19,5 puntos por partido, mais "Magic" sobresaía en todas as facetas do xogo. Durante diferentes períodos da súa carreira foi o mellor do campionato en asistencias (liderou este ranking dende 1982 a 1987) e roubos de balón. Guiou aos Lakers para ser o equipo máis anotador tres veces (1987, 1989 e 1990) e o máis reboteador dúas veces (1982 e 1983). A súa espectacular forma de xogar, os seus pases sen mirar e a súa rapidez contribúen a que o estilo de xogo dos Lakers daquela época fose coñecido como o "Showtime". O seu dorsal foi retirado por Los Angeles Lakers en 1992, é dicir, que ningún outro xogador da franquía poderá utilizar o seu 32. Está honra compartea con outros grandes da historia da franquía como Wilt Chamberlain, Elgin Baylor, Gail Goodrich, Kareem Abdul-Jabbar e Jerry West.

Intres inesquecibles[editar | editar a fonte]

  • Na tempada 1979-80, Los Angeles Lakers chegaron ás Finais da NBA fronte a Philadelphia 76ers. As estrelas das Finais eran Kareem Abdul Jabbar por parte dos Lakers e Julius Erving (Dr. J.) por parte dos Sixers. No quinto partido da final, disputado no Forum dos Ánxeles, coa serie igualada 2 a 2, Kareem lesionouse un nocello cando o seu sky-hook (gancho do ceo) decantaba o partido para os Lakers. Kareem aguantou o resto de partido coa escordadura e mesmo conseguiu a canastra que selou a vitoria nese encontro, pero o seu esforzo (40 puntos) pasaríalle factura e xa non podería xogar o resto do que quedase de final. No avión cara a Filadelfia para disputar o sexto encontro, "Magic" pediulle ao seu adestrador xogar de pivote. De feito, realizou o salto de inicio e a partir de entón despregou un xogo extremadamente versátil que lle levou a xogar cunha tremenda eficacia nas cinco posicións0 do xogo. Os 76ers nunca puideron pararlle e "Magic" terminou o partido con 42 puntos, 15 rebotes e 7 asistencias. Os Lakers gañaron o partido e o anel de campión, e "Magic" foi elixido MVP das Finais. O rookie de 20 anos, converteuse nun mestre e gañou un campionato para os Lakers (sen Abdul-Jabbar) para probalo.
  • Na tempada 1984-85 repetiuse a final da tempada anterior: Los Angeles Lakers vs. Boston Celtics. O ano anterior Boston levou o campionato no que se viu como o desquite de Larry Bird pola final universitaria que perdera cinco anos atrás, cando xogaba con Indiana St., contra Michigan St. liderados por "Magic". Así, mantívose a tradición: os Lakers xamais gañaran unha serie final aos Celtics. E nesta ocasión, as cousas tampouco empezaron moi ben para eles. No que os seareiros de Boston lembran como o "memorial do día da masacre" (xa que o partido celebrouse nesa festividade norteamericana), os Celtics lles inflixiron un severo correctivo (148-114) polo que parecía que a maldición se ía a manter outro ano máis. Mais só foi un espellismo, conducidos por "Magic", que mellorara notablemente o seu tiro exterior, e Kareem (que foi nomeado MVP desas finais con 38 anos), os Lakers sobrepuxéronse á malleira do primeiro partido e ao peso da adversa historia, gañando a final en seis encontros e celebrando o título sobre o mítico parqué do Boston Garden.
  • Nas Finais de 1987, "Magic" Johnson e Larry Bird volvéronse a ver as caras no que foi a súa terceira e última final como rivais. O partido decisivo foi o cuarto, que se xogou en Boston. Ademais das súas asistencias habituais, "Magic" estivo "a coser" a canastra dos Celtics dende media distancia durante todo o encontro. Xa no último minuto de partido, cando quedaban escasos segundos para o final, Larry Bird meteu unha tripla que deixou o marcador 106-105 para Boston. A 5 segundos do asubío final, "Magic" tomou o balón á esquerda da lámpada das persoais, de fronte á canastra, marcado por Kevin McHale. Previo engano á esquerda, foise cara á dereita e saíronlle ao paso, Robert Parish, Larry Bird e o propio McHale. Magic parecía encerrado, pero nese momento lanzou un "junior sky-hook", como el mesmo o chamou, coa man dereita para gañar o partido. O balón entrou limpo e os Lakers levaron a serie en seis encontros, conseguindo Magic o seu terceiro MVP das Finais. Ao final do partido, Larry Bird declarou: "Sempre esperas perder cos Lakers por un gancho, pero nunca o esperas de Magic".
  • En 1988, Detroit Pistons, autonomeados "Bad Boys" (mozos malos), liderados por Isiah Thomas, conseguiron ao fin derrotar aos Celtics nas Finais da Conferencia Este. Parecía que ese ía ser o seu ano, pero os Lakers esperábanlles na final, e aínda tiñan unha lección máis que ensinarlles no seu camiño cara ao campionato. A serie foi moi dura, entre o baloncesto de control dos Pistons e a faísca dos Lakers, chegouse a un agónico sétimo encontro. Nos segundos finais Bill Laimbeer meteu unha tripla para Detroit que se puxo a dous puntos; pero nada máis sacar de fondo, o balón chegou ás mans de "Magic" que deu un pase que cruzou toda a cancha para caer en mans de A.C. Green, quen anotou unha bandexa. Detroit sacou rapidamente buscando a Thomas, a quen "Magic" roubou o balón conforme levantaba os brazos en sinal de vitoria, e o público do Forum invadía a cancha para a celebración.

Ademais, os Lakers romperon nese encontro outro maleficio, pois desde que os Celtics de finais dos 60 ninguén conseguira gañar dous campionatos consecutivos. "Magic" foi o home decisivo para os Lakers en toda a final (e no camiño á final). Na súa plena madurez como xogador, pasou cando tiña que pasar, repartiu xogo como nunca e meteu canastras fundamentais cando nos momentos decisivos o balón "queimaba" nas mans dos demais. Quizais nunca como entón se mereceu o MVP das Finais, aínda que un impresionante tripla dobre do seu compañeiro James Worthy no último partido, fixo que o xurado se decantase por este para ese galardón.

Vida posterior[editar | editar a fonte]

Johnson con Nancy Pelosi en 2003.

Dezaseis anos despois de que lle fose detectado o virus da SIDA, Magic adícase a dar charlas e conferencias en colexios e institucións estadounidenses mostrando á xente a forma de previr a súa enfermidade e a de loitar contra a mesma. Conta a súa experiencia coa esperanza de que, sobre todo a xente nova, capte a súa mensaxe, como explicaba nun colexio de Washington en 2006: As únicas cousas que salvaron a miña vida foron a detección precoz e os antirretrovirais. Trata de demostrar ao mundo que a súa enfermidade é, en primeiro lugar, evitable, e que, no caso de caer nela, pódese aprender a convivir coa mesma.[19]

Os seus negocios despois da súa retirada inclúen teatros que agora son parte de Loews Cineplex Theatres, Inc. Tamén fixo xiras xogando partidos amigables con outros equipos por todo o mundo e mesmo volveu á NBA, pero esta vez para adestrar ao seu equipo de toda a vida cando só quedaban 16 partidos da tempada regular 1993-94. Na tempada 1995-96 retornou para xogar 32 partidos (sempre cos Lakers) e logo retirouse definitivamente. Os seus números ao momento do retiro foron impresionantes: nunha vida deportiva relativamente curta de 906 xogos de tempada regular (John Stockton, o coñecido base de Utah Jazz xogou uns 1.504 encontros de tempada regular) Magic tivo unha media de 19,5 puntos (para un total de 17.707, con porcentaxes de 52% en tiros de campo, 30,3% en triplas e 84,4% en libres), 7,2 rebotes (cun total de 6.559) e 11,2 asistencias (totalizando 10.141).

Controversias sobre a súa enfermidade[editar | editar a fonte]

O 10 de outubro de 2008, unha emisora de Minneapolis anunciou que transmitiría anuncios para crear conciencia sobre o VIH/SIDA despois de que un par de comentaristas acusasen a Magic Johnson de finxir o seu diagnóstico e tralas duras críticas do ex xogador de baloncesto. Chris Baker e Langdon Perry, da emisora de radio KTLK, fixeron os comentarios dous días antes nun programa de Baker de corte conservador. O contexto dos comentarios non quedou de todo claro, mais xurdiron cando un ouvinte chamou para laiar sobor das esixencias aos traballadores. Perry respostou cunha pregunta sobre enfermidades coas que unha persoa pode vivir moito tempo "se recibe medicamentos".

Baker respondeu "como Magic Johnson?", ao que Perry agregou "como Magic Johnson coa súa SIDA falsa. Magic finxiu a SIDA". Baker dixo "ti crees que Magic finxiu a SIDA por mágoa?", e Perry respondeulle "estou convencido que Magic finxiu a SIDA". "Eu tamén", afirmou Baker. Johnson emitiu un comunicado o xoves dicindo que está "indignado porque Chris Baker e Langdon Perry lle restasen importancia a un asunto tan serio e mortal. "Millóns de persoas están a morrer de VIH/SIDA, e o feito de que chanceen sobre a miña condición é incrible", dixo o ex xogador.

Logros persoais[editar | editar a fonte]

Estrela de "Magic" no Paseo da Fama de Hollywood.
  • Cinco veces campión da NBA.
  • Trs veces MVP da NBA (1987, 1989 e 1990).
  • Elixido en tres ocasións MVP das Finais da NBA.
  • Elixido en nove ocasións no mellor quinteto da liga.
  • Doce veces All Star.
  • MVP do All-Star Game en dúas ocasións.
  • Elixido no mellor quinteto de rookies en 1980.
  • Líder en asistencias da liga en catro ocasións.
  • Líder en roubos de balón da liga en dúas ocasións.
  • Ten o record de asistencias en playoffs en toda unha carreira (2.346).
  • Ten o record de máis puntos anotados por un rookie nun partido das Finais, con 42, e de máis asistencias nun tempo con 14.
  • Medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992.
  • Elixido un dos cincuenta mellores xogadores da historia da NBA en 1996.
  • Incluído no Basketball Hall of Fame en 2002.
  • O seu dorsal foi retirado polos Lakers en 1992.
  • Ten unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]