Maceira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maceira
Appletree bloom l.jpg
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Spiraeoideae
Tribo: Pyreae
Xénero: Malus
Especie: M. domestica
Nome binomial
Malus domestica
Borkh. 1803
Folla de maceira.

A maceira (Malus domestica) cultívase desde hai máis de 15.000 anos. A súa orixe parece estar no Cáucaso e as ribeiras do Mar Caspio. Foi traída a Europa polos romanos e na actualidade existen unhas 1.000 especies, como resultado de diferentes hibridacións entre especies silvestres. Tamén recibe en Galiza os nomes dialectais de macira, maciñeira e mazaira.

Un dos seus antepasados silvestres é Malus sieversii (non ten nome común), árbore aínda existente nas montañas da Asia central, no sur de Casaquistán, Quirguicistán, Taxiquistán e Xinjiang (provincia da China).

Os investigadores están traballando con esta especie, xa que é resistente a moitas enfermidades e pestes, para crear maceiras domésticas máis vigorosas.

Crese que houbo outras que contribuíron ao xenoma das maceiras domésticas, como Malus baccata e Malus sylvestris, pero non existen evidencias disto en antigas maceiras cultivadas. Estas e outras especies de Malus estanse utilizando en programas de cultivo para desenvolver árbores susceptíbeis de crecer en climas desfavorábeis para Malus domestica, principalmente para incrementar a tolerancia ao frío.

É unha árbore de mediano tamaño (12 m. de altura), caducifolio, de copa redondeada, aberta e numerosas ramas que se dispoñen case en horizontal. Posúe follas ovaladas, suavemente dentadas nos bordos e de forte cor verde con pubescencia no envés. Ao esmagalas despiden un agradábel recendo.

As bonitas flores (tamén aromáticas) teñen unha corola con 5 pétalos brancos, arredondados, frecuentemente veteados de vermello ou rosa e son penduculadas. Xorden agrupadas en acios de entre tres e seis unidades das pólas novas laterais formando corimbos. Son hermafroditas, con cáliz de cinco sépalos e numerosos estames amarelos. A maciñeira florece na primavera antes da aparición anual das súas follas. O froito que se desenvolve a partir deste pedúnculo floral que se volve carnoso é a mazá. De pel verde amarela ou vermella, é suave e brillante. A súa polpa é auguenta e doce e contén sementes. A mazá acostuma madurar contra o outono. A mazá da maceira brava diferénciase por unha cor verde amarelada na súa pel e de sabor agre.

O cultivo de maceiras[editar | editar a fonte]

As plantacións de maceiras conséguense plantando árbores de 2 ou 3 anos. Normalmente adquírense en viveiros, onde son cultivados por enxerto (de escudete, coroa ou incrustación). Os rizomas, que son producidos por semente ou clonados utilizando tecido de cultivo ou porbaixas, déixanse medrar durante 1 ano. Cando a nova árbore está preparada, córtase un vástago obtido da especie cultivada desexada e enxértase, acortando o toro e eliminando as ramas superiores do portaenxertos. Co tempo, as dúas seccións crecen xuntas, dando os froitos da especie que prestou o seu vástago.

Emprazamento[editar | editar a fonte]

As maceiras son relativamente indiferentes ás condicións do solo e poden crecer en distintas condicións de acidez (PH) e niveis de fertilidade. Porén, necesitan un solo ben drenado, polo que os demasiado compactos ou as zonas chas deberían alixeirarse con area para evitar o encharcamento do sistema radicular. Precisan de certa protección contra o vento e non se deben plantar en zonas proclives a xeadas primaverais tardías.

Polinización[editar | editar a fonte]

A maceira, igual que moitas outras árbores froiteiras, necesita a axuda de insectos para a polinización. O pole da flor dunha árbore fecunda a flor de outra árbore. Pero como o pole da maceira é pesado, o vento non pode transportalo como ocorre coas herbas, por exemplo. Son as abellas as que se van encargar deste transporte.

A flor da maceira segrega néctar, unha substancia doce que encontramos no fondo da flor: a abella aliméntase deste néctar. Pero de paso que vai buscar o néctar, tamén recolle pole que recobre o seu corpo. Ao libar a flor seguinte, a abella deposita algúns grans de pole sobre o pistilo: a polinización xa tivo lugar e a flor poderá formarse.

Nalgunhas ocasións, un arboricultor pide a un apicultor que coloque colmeas na súa plantación: a polinización ten lugar correctamente e a colleita é máis abundante.

Aclareo[editar | editar a fonte]

As maceiras son propensas a un comportamento bianual. Se non se aclarea cando a árbore mostra unha excesiva colleita é posíbel que floreza moi pouco no ano seguinte. Esta práctica axuda a que produza unha módica colleita anualmente.

Usos[editar | editar a fonte]

É unha árbore moi estendida polo seu uso ornamental e polos seus froitos. A súa madeira dura e con lixeiro brillo úsase na artesanía.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]