Dafne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Apolo e Dafne (Bernini, 1622-1625)

Na mitoloxía grega, Dafne foi unha ninfa filla do deus fluvial Peneo, se ben nalgunhas tradicións descríbese como filla do río Ladón e a Nai Terra Xea. Dafne resulta especialmente coñecida pola súa relación con Apolo.

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Destacaba pola súa beleza pero a pesar disto, e da insistencia do pai en lle dera netos, ela prefiriu manter a virxindade. En certa ocasión, o deus Apolo foi alcanzado por unha frecha de Eros para que se namorara de Dafne, pero esta rexeitouno e fuxiu del. En realidade, Eros vingábase así das burlas con que Apolo criticaba a súa falta de destreza no manexo do arco [1], e por iso disparou contra Apolo unha frecha de ouro, que espertaba o namoramento, á vez que disparaba contra Dafne outra de chumbo, que provocaba o efecto contrario [2].

Apolo e Dafne (Piero de Pollaiuolo, c. 1457)

Dafne fuxiu de Apolo pero este seguiu incansable tras ela. Apolo pediu axuda ós deuses e estes permitiron que a alcanzara, pero Dafne, cando xa non podía máis, suplicou ó seu pai que a axudara a desfacerse de Apolo e Peneo transformonuna en loureiro. Apolo tivo que consolarse con cortar unhas pólas e coroarse con elas, e esa coroa de loureiro converteuse en símbolo de vitoria na cabeza de heroes, xenerais e emperadores romanos [3].

Hixino conta outra versión segundo a cal Dafne pediu axuda a Xea, e esta acolleuna no seu seo, transformándoa nun loureiro [4]. Robert Graves recolle esta versión e engade que a Nai Terra transportouna ata Creta, deixando un loureiro no seu lugar [5].

"Agotadas as súas forzas, palideceu ela e vencida polo esforzo da rápida fuxida, dixo mirando ás augas do Peneo: 'Axúdame, pai, se os ríos sodes divindades, bota a perder, cambiándoa, esta figura coa que gusto demasiado'. Apenas acabou a súa plegaria, un pesado sopor invade os seus membros, unha delgada casca cingue o seu tenro peito, os cabelos medran como follas, os brazos como ramas, os seus pes, ha pouco tan veloces, adhírense en raíces perezosas, en lugar do rostro está a copa. Só a beleza queda nela".
(Ovidio: Metamorfosis I, 543-552)

Variante[editar | editar a fonte]

Noutra variante do mito Dafne aparece como filla de Amiclas, fillo de Lacedemón e fundador da cidade de Amiclas (no sur do Peloponeso). Namorouse dela Leucipo, fillo do rei da Élide Enómao, e para achegarse a Dafne disfrazouse de muller e integrouse no grupo que seguía a Artemisa, da que Dafne era a favorita. Dafne e Leucipo fixéronse moi amigos e sempre andaban xuntos, o que provocou os celos de Apolo. Este conseguiu que as rapazas fosen bañarse e, aínda que Leucipo, loxicamente, se resistía, obligárono a espirse e así descubriron a argucia. Enfurecidas, botáronse riba del coas súas lanzas coa idea de matalo, pero os deuses salvárono facéndoo invisible. Apolo, unha vez librado do rival, intentou coller a Dafne pero esta logrou fuxir e, antes de ser atrapada, pediu axuda a Zeus e este converteuna en loureiro [6].

Iconografía[editar | editar a fonte]

O mito de Apolo e Dafne coñécese desde o século III a.C. pero non se fixa definitivamente ata ás Metamorfoses de Ovidio (no século I a.C.). Por este motivo non aparecerá na arte grega ata ese momento (a primeira representación coñecida é unha talla en esteatita que se atopou en Paquistán [7]). Tamén quedou reflictido nas pinturas murais de Pompeia.

Na Idade Media, a publicación dos Ovidios moralizados [8] inspiraron unha interpretación moralista do mito, que leva a unha defensa da virtude e pureza de Dafne fronte á lascivia de Apolo. A parella será representada por numerosos artistas a partir deste momento, destacando a escultura de Bernini da Galería Borghese (Roma).

Esta intención moralizante queda patente no encargo desta escultura de Bernini polo cardeal Maffeo Barnerini, futuro papa Urbano VIII. Para xustificar semellante exaltación do paganismo e o espido de Dafne no palacio dun cardeal, o comitente fixo gravar ó pé da obra este pensamento en latín: "Aquel que, namorado, persegue os gozos das formas efémeras, enche as súas mans co resío das follas e recolle froitos amargos" [9].

A transformación de Dafne en loureiro seguirá representándose sen interrupción durante o Neoclasicismo, a Pintura Romántica (Truner, 1837) e a arte moderna e contemporánea (Ossip Zadkine, 1946; ou Salvador Dalí, 1966 [2]).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "¿Que fas, meniño lascivo, con armas de valentes. Tal arma cadra ós meus ombros, a mi... Conténtate ti con excitar co teu facho non sei que amoríos e non te apropies de glorias que son miñas" (Ovidio: Metamorfosis I, 456-462).
  2. "Da súa alxaba sacou dous dardos de efectos diferentes: un fai fuxir o amor, o outro prodúceo. O que o produce é de ouro e brilla na súa afiada punta; o que o fai fuxir é romo e ten chumbo baixo a cana (Ovidio I, 468-471).
  3. "Ti acompañarás [dille Apolo a Dafne, xa convertida en loureiro] ós caudillos latinos cando voces alegres canten o triunfo e visiten o Capitolio longos desfiles" (Ovidio I, 560-561).
  4. Hixino: Fábulas 203.
  5. Graves, px. 90.
  6. Grimall, s. v. Dafne.
  7. Elvira Barba, px. 181.
  8. "Os chamados 'Ovidios moralizados', que se conservan en diversos manuscritos, son versións ampliadas e comentadas do texto de Ovidio e van profusamente acompañados de imaxes que afirman o carácter alegórico e o trasfondo evanxélico e bíblico do uso da obra na antigüidade" (Fátima Díez Platas: La ilustración de Ovidio en el siglo XV y la recuperación de la imagen mitológica [1]).
  9. Carmona Muela, px. 205.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]