Xinkgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xinkgo
Rango fósil: Pérmico, holoceno
Follas de Ginkgo biloba
Follas de Ginkgo biloba
Estado de conservación
En perigo
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Spermatophyta
Clase: Gymnospermae
Subclase: Ginkgoidae
Orde: Ginkgoales
Familia: Ginkgoaceae
Xénero: ''Ginkgo''
Especie: 'G. biloba'
Nome binomial
'''''Ginkgo biloba'''''
L., Mant. Pl., vol. 2: 313, 1771

O xinkgo (Ginkgo biloba L.) é unha árbore considerada coma exemplo de fósil vivinte. É a única representante na actualidade das Ginkgophyta, unha división das plantas da que o resto de especies só se coñecen por mostras fosilizadas. Malia a súa semellanza aparente coas plantas espermatófitas ou fanerógamas, o xinkgo pertence coma as coníferas ó grupo das ximnospermas (Gymnospermae), ou plantas de semente espida. O nome xinkgo ten a súa orixe na palabra xaponesa Ginkyō, que á súa vez está derivada da chinesa Yín Xìng (albaricoque prateado).

Os xinkgos son orixinarios do leste de Asia, onde se cultiva pola súa semente ou para fornecer material de construción. Foron traídos a Europa por mariñeiros neerlandeses. Fóra do seu hábitat natural adoitan cultivarse con fins decorativas. Ademais valóranse moito coma árbores urbanas, xa que aguantan moi ben a contaminación.[1]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Os xinkgos son árbores moi altas, que poden acadar os 40 m. de altura, pero que habitualmente quedan máis baixos.[1] Algúns exemplares da China pasan dos 50 metros. Teñen unha copa angular e pólas longas. Enraizan profundamente, o que lles permite resistir os ventos fortes e as nevadas. Os exemplares novos son a miúdo altos e delgados, con polas moi espalladas, que van enmestecendo cos anos. As follas no outono toman unha coloración amarela brillante antes de caeren, o que ás veces fan moi axiña (entre 1 e 15 días). A súa resistencia fronte as enfermidades, os ataques dos insectos e a habilidade para formar bochos fainos árbores de vida longa, calculándose que algúns exemplares teñen máis de 2.500 anos de idade. Na provincia chinesa de Shandong hai un exemplar do que se di que ten 3.000 anos.[2]

Algúns xinkgos vellos producen raíces aéreas, que se forman na cara inferior de polas grandes e medran cara a abaixo. O crecemento destas raíces é moi lento e pode durar centos de anos. A función destas raíces aéreas non é ben coñecida.

As follas do xinkgo, que semellan formar acios na punta de poliñas curtas, son únicas entre as plantas con sementes. Teñen forma de abano con veas que irradian, bifurcándose ás veces, pero nunca formando unha rede.[3] Dúas veas saen da base da folla en vanse gallando en dúas repetidamente. As follas miden entre 5 e 10 cm., chegando ás veces ós 15 e son caducas.

Follas de xinkgo.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os xinkgos son árbores dioicos, de sexos separados: hai exemplares masculinos e femininos. As plantas masculinas producen pequenas piñas con esporófilos, cada un deles con dous microsporanxios aliñados en espiral ó redor dun eixo central. As plantas femininas non producen conos: fórmanse dous óvulos no extremo de cada talo. Un dos óvulos ou os dous desenrólanse en sementes despois da polinización. A semente mide de centímetro e medio a dous cm. de longo, e ten a parte exterior carnosa, semellante a unha froita e de cor castaño amarelado claro. Malia o seu aspecto atractivo contén ácido butanoico e ten un cheiro desagradable. Coma no caso doutras plantas coma os brións, as algas e os fieitos a fertilización faise por medio de espermas móbiles, de entre 250 e 300 micrometros de lonxitude.[4] Estas cápsulas espermáticas teñen unha estrutura de capas múltiples.

Conos masculinos.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O antigo nome chinés da planta yínguo ('froito de prata') 银果. Os nomes máis usuais na actualidade son bái guǒ (白果) (froito branco) e yínxìng (銀杏) (albaricoque de prata).

Xinkgo, sementes maduras e follas no outono.

O nome científico parece ter a súa orixe nunha lectura incorrecta dos caracteres xaponeses 銀杏, que teñen dúas lecturas posibles ichō e ginkyō. Engelbert Kaempfer, o primeiro occidental que viu a especie en 1690, tería anotado esta segunda pronunciación (inexacta) no seu Amoenitates Exoticae (1712); o y foi mal interpretado coma g, e esta lectura foi a que finalmente quedou establecida.[5]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 David More, John White. Árboles de España y de Europa. Ediciones Omega, 2003. ISBN 84-282-1369-0.
  2. A. Lewington & E. Parker (1999). Ancient Trees. London: Collins & Brown Ltd. ISBN 1-85585-704-9. p. 183.
  3. Ginkgoales: More on Morphology.
  4. History of Discovery of Spermatozoids In Ginkgo biloba and Cycas revoluta.
  5. Faculty of languages and cultures, Kyushu University Japan.