Cruz de termo
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2018.) |
Unha cruz de termo (en lingua catalá: Creu de terme, pedró ou peiró; en lingua aragonesa: cruz de suelo ou cruz de sól) é un tipo de cruz monumental, un fito ou marco chantado noutrora á entrada das vilas e cidades coma mostra de piedade do pobo e para o seu fomento entre os viaxantes. Atópase nalgunhas vilas de Cataluña, Aragón e Comunidade Valenciana.
Consiste nunha cruz monumental, habitualmente de pedra, moi semellante aos cruceiros galegos sobre uns chanzos de planta circular ou poligonal sobre as que se ergue o fuste rematado en nó, broche ou chapitel, que sustenta a cruz de pedra labrada en cantaría. Pode ter por unha das caras da cruz a imaxe de Xesús Cristo crucificado e polo outro a da Virxe María ou santo algún.
Malia seren moi semellantes aos cruceiros galegos e bretóns, as cruces de termo erguíanse con outra finalidade, ás entradas das vilas e non para protexer as encrucilladas de demos e forzas escuras coma no caso dos galegos e portugueses. Foi antigo costume no Reino de Aragón erguer estas cruces en conmemoración de datas ou acontecementos, ou como simples testemuñas de piedade cristiá, xeralmente á beira dos camiños para fomentar a piedade dos viaxeiros, e ás veces fronte a mosteiros e ermidas coma no Mosteiro de Poblet, ou o de Montserrat, etc. En principio foron sinxelos monumentos da Reconquista, mais remataron por seren verdadeiras obras de arte gótica e renacentista que inmortalizaron os nomes de mestres canteiros.
De entre as cruces de termo máis antigas que se poden admirar hoxe en día salientan a Creu Verda de Montblanc (que data do século XII) ou as cruces de Sant Guim de Freixenet (s. XII - XII), de Bellver d'Ossó (do s. XIII), de Begues (s. XIV), ou a do Mosteiro de Sant Cugat, de Sant Cugat del Vallès entre moitas outras. Con todo non son tan numerosas coma os cruceiros galegos e portugueses.
Cruces cubertas[editar | editar a fonte]
A partir do século XV, comezouse a abeirar as cruces de termo cunha especie de alpendre, normalmente a catro augas, sostido por catro piares e chamado de creu coberta. Trátase de pezas maiormente góticas e renacentistas, aínda que tamén atopamos exemplos barrocos.
Construídas ao longo do século XV, consta a existencia de cruces cubertas en Valencia, Vic, Gandesa, a Selva del Camp, Vallfogona de Ripollès, Torà de Riubregós, Corbera de Llobregat, Sorita (Creu de la Balma), Barcelona e Xàtiva, algunhas das cales aínda existen hoxe en día.
Tamén existen exemplos en Galicia e Norte de Portugal de cruceiros cubertos.
A Cruz Cuberta de la Selva del Camp, Tarragona.
Cruceiro da Santísima Trindade, Baiona (Pontevedra).
Cruces monumentais semellantes[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Cruz monumental.
Wayside crosses[editar | editar a fonte]
Wayside cross é o termo empregado en inglés para se referir ás cruces de pedra nas encrucilladas, como os cruceiros galegos, portugueses e bretóns, as cruces de termo aragonesas e os cruceiros alemáns e dos Alpes. Defínenos coma cruces nas interseccións de camiños, carreiros ou estradas (pero que tamén aparecen en campos e bosques) quepoden estar feitos en madeira, pedra ou metal e que soen ter a finalidade de protexer aos camiñantes e peregrinos de lugares perigosos (coma os cruceiros galegos)[1]. Tamén inclúe as cruces de conciliación ou (stone crosses), chantadas onde ocorreu unha desgraza, comúns de Centroeuropa, en Alemaña, Polonia e a República Checa.
Cruceiro preto de Grod, Beinwil, Freiamt, Suíza.
Cruz de conciliación en Polonia.
Cruz de pedra no Alto Palatinado, Alemaña.
Cruz Wayside cross en Tschögglberg, Salten.
High crosses[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: High cross.
É o termo inglés para definir os cruceiros das Illas Británicas. Son cruces cristiás feitas de pedra e normalmente moi decoradas que se chantaban en encrucilladas ou leiras. Moitas delas teñen forma de cruz celta cos típicos nós.
Cruz de Muiredach (en Monasterboice, Irlanda).
Cruceiro de Cadover, unha das cruces de Dartmoor (Dartmoor, Inglaterra)
Cruceiro de Saint Tola (Mosteiro de Dysert O Dea, Irlanda)
Pedra Kirkyard, Aberlemno, Escocia
Cruceiros[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Cruceiros.
Os cruceiros (cruzeiros en portugués) son cruces grandes de pedra, lisas ou con figuras esculpidas, sobre longas columnas asentadas nunha plataforma, que se sitúan principalmente nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias e nos adros das igrexas, moi comúns en Galicia, Norte de Portugal e a Bretaña francesa.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Sakrale Kleinbauten: Flurkreuze / Wegkreuze Arquivado 30 de outubro de 2014 en Wayback Machine.(PDF; 256KB) Redaktion: ibid Altbau AG, CH-Merkblätter des Bundesamtes für Bevölkerungsschutz, Kulturgüterschutz
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cruz de termo |