Restauración borbónica en España

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Restauración Borbónica»)

Coñécese como Restauración Borbónica o período que abrangue dende o pronunciamento do xeneral Arsenio Martínez Campos en 1874, en Sagunto, e que dá fin á Primeira República Española e a proclamación da Segunda República Española o 14 de abril de 1931. A denominación alude ao feito da recuperación do trono español por parte dunha persoa da dinastía Borbón, o futuro Afonso XII, tras a paréntese do Sexenio Revolucionario.

Este período caracterízase por certa estabilidade institucional, a conformación dun modelo liberal do Estado e a incorporación dos novos movementos sociais e políticos, froito da Revolución Industrial, que comeza a súa decadencia coa ditadura de Miguel Primo de Rivera en 1923.

Inicio da restauración[editar | editar a fonte]

Afonso de Borbón atopábase no exilio en Gran Bretaña tras o fracaso da I República, e Cánovas del Castillo dende o Partido Liberal-Conservador contacta con el para restaurar a monarquía en España. Cánovas fai promesas á clase política de que se tratará da superación da República, pero tamén dos modos e maneiras do reinado de Isabel II. Convencido xa o futuro rei, asina o Manifesto de Sandhurst o 1 de decembro de 1874 (publícase na prensa española o día 27) no que comunica que moitos son os que se puxeron en contacto con el para establecer unha monarquía constitucional,[1] considera orfa á nación e considérase lexítimo herdeiro do trono pola abdicación da súa nai, poñéndose a disposición dos españois. Deseguido, o alzamento de Martínez-Campos en 1874 restablece a dinastía borbónica na persoa do fillo de Isabel II, como Afonso XII.

O sistema político que se estableceu dende ese momento era bipartidista, entre o Partido Liberal-Conservador fundado e liderado por Antonio Cánovas del Castillo e o Partido Liberal Fusionista que liderou Práxedes Mateo Sagasta. Isto permitiu superar o sistema de unipartidismo que producira unha falta de lexitimidade ao reinado de Isabel II e que provocara a súa saída do goberno. Este novo panorama permitirá unha maior estabilidade, pero aumentará a complexidade do sistema co tempo, cunha alternancia política ficticia, que causará graves problemas que desembocarán na corrupción, a base da cal estaba no denominado caciquismo.

O reinado de Afonso XII (1875-1885) e a rexencia de María Cristina (1885-1902)[editar | editar a fonte]

A lexitimidade do novo réxime estaba establecida na Constitución Española de 1876, que conforma o novo modelo de Estado cun poder lexislativo dividido en dúas cámaras: Congreso dos Deputados e Senado, con sufraxio censitario para elixir un Congreso e un Senado nomeado polo Rei, e onde o monarca conserva boa parte das funcións de Xefe de Estado e do poder executivo. Antonio Cánovas del Castillo é o artífice do proceso, que segue as liñas marcadas anos antes por Afonso XII no seu exilio en Gran Bretaña e permite o fin da guerra carlista.

Disolta a República, os chamados "partidos dinásticos", conservadores e liberais, encabezados por Cánovas e Práxedes Mateo Sagasta alternaranse no poder mediante o sistema das quendas ou "quenda pacífica".

A morte de Afonso XII, en 1885, deu paso á rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena, período que se inicia co goberno de Sagasta caracterizado pola aprobación da Lei de Asociacións, a liberdade de prensa, a extensión do sufraxio universal, soamente masculino, (1890) e a creación da institución do xurado, entre outros avances. A nova regulación permite a aparición doutro partido político en escena, o Partido Republicano de España, que terá grande influencia no futuro. Comeza neste período a aparición do anarquismo e do socialismo a través do PSOE (fundado en 1879) cos primeiros movementos obreiros que xorden da revolución industrial.

Desenvolvemento económico[editar | editar a fonte]

A emigración para América, o escaso crecemento en poboación (en 1900 España conta con 18,5 millóns de habitantes) e as situacións de fame e epidemias produciron unha desigualdade crecente en España e o resto dos países europeos.

O 79% da poboación española estaba ocupada na agricultura de baixo rendemento e na manufactura de produtos agrícolas. O sistema de proteccionismo impediu a modernización do sector, véndose imposibilitado a competir adecuadamente. O latifundismo condicionaba a vida dos campesiños de grandes zonas da península, sobre todo en Andalucía e Estremadura. Soamente algúns sectores (viño, aceite etc.) comezan a funcionar con exportacións pouco significativas a Europa.

O desenvolvemento da industria e das comunicacións é escaso. Mentres que Europa vive a Revolución Industrial, soamente Cataluña (ferrocarril e industria téxtil), zonas do País Vasco (siderurxia) e as explotacións de minería en Andalucía (ferro, cobre e chumbo) e en Asturias (carbón) avanzan no camiño do progreso. Isto acentuará a desigualdade rexional.

En 1888 celébrase en Barcelona a Exposición Universal.

Unha sociedade cambiante[editar | editar a fonte]

A sociedade estaba dividida en varios sectores. Por un lado, a tradición que representan os partidos de Cánovas e Sagasta: monárquicos, defensores dun modelo limitado de apertura e alleos ao sentir das novas clases sociais. E por outro, os republicanos e nacionalistas: representantes da nova burguesía que non atopa o seu espazo nacional. O proletariado irase aproximando ao Partido Socialista Obreiro Español (fundado en 1879 por Pablo Iglesias Posse) e a sindicatos como Unión Xeral de Traballadores (creada en 1888) e ao anarquismo das organizacións de oficios, presente na Federación de Traballadores da Rexión Española, que confluirán en 1910 na Confederación Nacional do Traballo.

A monarquía cuestiona estes movementos cunha forte represión, con especial énfase contra o anarquismo. O territorio de moitos destes enfrontamentos será Cataluña, onde en 1897 un anarquista italiano, Michelle Angiolillo, asasinará a Cánovas.

A Restauración leva consigo unha profunda centralización administrativa e legal. Os nacionalismos catalán e vasco non tardan en reaccionar. No primeiro caso, unido á súa revolución burguesa e á identidade cultural xorde a Lliga Regionalista e a Unió Catalanista; no segundo, que perdera os foros tras as guerras carlistas e andaba na procura de definir o seu futuro, aparece o Partido Nacionalista Vasco.

Antonio García Quejido, un dos fundadores da Unión Xeral de Traballadores xunto a Pablo Iglesias.

A Igrexa evoluciona dende unha primeira posición de intransixencia cara á conciliación. Na Constitución española de 1876 presentouse un duro conflito en relación á aplicación do artigo 11:

«A relixión Católica, Apostólica, Romana, é a do Estado. A Nación obrígase a manter o culto e os seus ministros. Ninguén será molestado no territorio español polas súas opinións relixiosas, nin polo exercicio do seu respectivo culto, salvo o respecto debido á moral cristiá. Non se permitirán, porén, outras manifestacións públicas cás da relixión do Estado.»

Inicialmente, os gobernos conservadores levaron a cabo unha interpretación restritiva, que provocou numerosas protestas de embaixadores estranxeiros. O debate fíxose máis tenso en relación coa ensinanza, esixindo os bispos a garantía dunha ensinanza doutrinal -como un dereito recoñecido polo concordato- e da supervisión e censura dos contidos da ensinanza, en lugar da función inspectora que lle correspondía ao Estado.

Tamén se estendeu o conflito na regularización do matrimonio civil, previsto inicialmente, pero sen desenvolvemento posterior debido á oposición da Igrexa. En novembro de 1886, Alonso Martínez tomou a iniciativa de autorizar o matrimonio para os non católicos. Tras intensas negociacións acadouse un acordo coa Santa Sé, polo que esta lle recoñecía ao Estado a potestade de regular os efectos civís do matrimonio.

Os gobernos dende o inicio da restauración até o desastre de 1898[editar | editar a fonte]

A principal novidade dos sucesivos gobernos da Restauración foi a alternancia pacífica entre os partidos dinásticos, mediante o sistema de quenda pacífica, que consistía en que o monarca transfería o poder ao partido opositor que procedía á convocatoria dunhas eleccións que lexitimasen o seu goberno, invertendo, polo tanto, a orde natural de dito proceso. Para lograr esa alternancia, empregábanse métodos como o encasillado ou a fraude electoral.

Antonio Cánovas del Castillo

As primeiras eleccións da Restauración tiveron lugar o 20 de xaneiro de 1876, obtendo a maioría absoluta os conservadores de Cánovas, con 333 escanos. Celebráronse aínda baixo o sistema da Constitución de 1869. Os constitucionalistas, porén, aínda non aceptaban o novo réxime, obtendo 27 escanos. O ascenso ao poder do xeneral Martínez Campos levou a unha convocatoria de eleccións o 20 de abril de 1879, que deu aos liberais-conservadores 293 escanos. Cánovas volveu ao poder en decembro do mesmo ano como resultado da división nas ringleiras conservadoras debido á lei de abolición da escravitude nas Antillas. Centrou os seus esforzos en lograr unha alternancia estable cos constitucionalistas de Sagasta, fundador do Partido Liberal Fusionista en marzo de 1880, identificado xa co novo réxime. Accedeu ao poder o 10 de febreiro de 1881, nun ensaio da alternancia pacífica dos partidos. Disolveu as Cortes e convocou novas eleccións, nas que a súa formación obtén 297 escanos.

Sagasta gobernou até o 13 de outubro de 1883, no que deixou paso a un goberno de Posada Herrera, da súa mesma formación política, que finalmente tivo que dimitir pola hostilidade dos propios sagastinos. Encargouse o goberno a Cánovas, que volveu disolver as Cortes; nos comicios de abril de 1884 a súa formación obtivo 318 deputados. Nestas eleccións, nas palabras do deputado José Mª Celleruelo, ponse de manifesto o espírito do sistema electoral: "falsificouse a Xunta do Censo; esta falsificou os interventores; o alcalde falsificou as presidencias das mesas e as mesas, despois destas gravísimas falsificacións, falsificaron o resultado da elección".

A morte prematura de Afonso XII, o 24 de novembro de 1885, decidiu a Cánovas a outorgar o poder ao Partido Liberal, nun acordo de consolidación do réxime que pasaría á historia como Pacto del Pardo, pero que precipitaría a defección do canovismo dun grupo acaudillado por Romero Robledo. O novo goberno de Sagasta, o primeiro da Rexencia, nomeouse o 25 de novembro de 1885, convocando eleccións para o 4 de abril do seguinte ano. Repetíronse as irregularidades xa usuais, logrando que os liberais acadasen 278 escanos, entre eles, por primeira vez, Álvaro de Figueroa, Conde de Romanones (pola provincia de Guadalaxara).

O 26 de xuño de 1890, o goberno liberal cambiou a lei electoral, restituíndo o sufraxio universal para os homes maiores de 25 anos. Este sistema non supuxo unha variación substancial dos vicios electorais, pero trouxo consigo novas condutas políticas que, ao final, levarían á súa crise e ao seu desmantelamento.

As Cortes liberais disolvéronse en decembro de 1890, tomando o poder un goberno de Cánovas, que convocou eleccións para febreiro de 1891. Aínda que os métodos empregados polo Ministro de Gobernación, Francisco Sivela, foron algo menos escandalosos que os do seu antecesor Romero Robledo, o Partido Conservador obtivo a maioría, aínda que algo máis escasa que de costume, con 253 actas. Os partidarios da república conseguiron algúns éxitos chegando a 31 escanos.

A unidade dos conservadores tremía, xa sufrira unha disidencia con Romero Robledo, aínda que volvera ao rego. Desta vez, foi Sivela, baixo a bandeira da moralización. A súa saída provocou a dimisión de Cánovas en decembro de 1892, e deixou paso á terceira quenda liberal.

Sagasta formou goberno, que convocou eleccións o 5 de marzo de 1893, que deron a habitual maioría aos liberais con 281 escanos. A sorpresa dérona os republicanos con 47 escanos, o segundo grupo, superando os conservadores oficialistas, afectados polos problemas internos.

O conflito de Marrocos e o último acto da crise colonial ultramarina levaron a Sagasta a ceder o poder a Cánovas en marzo de 1895. O dirixente conservador gobernou un ano co apoio da maioría liberal, até as eleccións do 12 de abril de 1896, que se celebraron coa abstención da Unión Republicana de España, dividida tras a morte de Manuel Ruiz Zorrilla, o paso de moitos republicanos ás filas liberais e a posición dos federalistas de Francesc Pi i Margall de apoio á autonomía ou independencia de Cuba. Como novidade presentáronse dúas candidaturas socialistas, aínda que non conseguiron ningunha acta. Como era previsible, a maioría foi para os conservadores, aínda que as magnitudes das vitorias dos partidos ían decrecendo.

O asasinato de Cánovas, conxuntamente co momento máis crítico da guerra de Cuba, ademais das represións internas nas filas conservadoras, precipitaron o retorno ao poder de Sagasta. Tras a habitual disolución das Cámaras, as novas eleccións deron unha cómoda maioría aos liberais, con 284 escanos, ante un Partido Conservador que continuaba á deriva tras a desaparición do seu líder, e os disidentes robledistas en pleno declive. A Unión Republicana renunciou ao abstencionismo, aínda que as distensións internas levárona a un pobre resultado.

A cultura[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento industrial, a estabilidade institucional e a mellora dos intercambios con outros países europeos deron lugar a pequenos e significativos cambios na cultura española.

A Igrexa católica, apoiada pola política clásica e dinástica, continuaba tendo un papel fundamental na cultura do final do século XIX, cando o 65% da poboación española é analfabeta. Non obstante, comeza a mostrar a súa enerxía o movemento obreiro español, coa apertura dos ateneos libertarios e de escolas populares, que permite aos homes e mulleres das zonas rurais acceder a uns coñecementos mínimos.

Na arte, na educación e na literatura maniféstase unha apertura das ideas que veñen de máis aló dos Pireneos. O crecemento das grandes cidades, froito da industrialización, dá paso a un urbanismo moderno que ten a súa expresión máis destacada no movemento modernista catalán, con Antoni Gaudí á cabeza. Os republicanos, convencidos da importancia da educación no futuro de España, únense ao redor do proxecto da Institución Libre de Enseñanza, con Francisco Giner de los Ríos e Emilio Castelar entre os seus principais aliados. Na literatura, o romanticismo dá paso ao realismo con Benito Pérez Galdós, Emilia Pardo Bazán e Leopoldo Alas "Clarín" como máximos expoñentes.

América e Europa: Dúas miradas diferentes[editar | editar a fonte]

En Europa prodúcense dúas correntes de desenvolvemento que afectarán a toda a historia posterior: por unha banda, Gran Bretaña, Francia, Bélxica, os países nórdicos e a Confederación Xermánica proseguen imparables o proceso de industrialización; doutro lado, a Europa meridional e oriental mantén as súas estruturas agrícolas tradicionais. Nos primeiros o liberalismo e a burguesía industrial marcan as pautas de desenvolvemento; nos segundos segue presente o modelo tradicional de organización política.

España atópase nunha encrucillada na que non terminará por definirse. En Cataluña e Euskadi apréciase a presenza, tímida, da revolución industrial. O resto de España segue unha economía agrícola. Ademais, as estruturas do poder séguense baseando nos partidos dinásticos, e non nas clases emerxentes.

En América, aparece como gran potencia Estados Unidos, a quen España non prestará atención até que sexa tarde. As antigas colonias españolas acadaron a súa independencia e comezan a depender máis nas súas relacións económicas dos Estados Unidos e Gran Bretaña que da antiga metrópole.

Do 98 á ditadura de Primo de Rivera[editar | editar a fonte]

En 1898, dentro dun sistema político bastante estable prodúcese, de súpeto, a perda de posesións en Cuba, Porto Rico e Filipinas, os únicos territorios españois en América e Asia, nunha guerra cos EUA que resultou vergonzosa para toda a sociedade española. Este período coñécese como o do "desastre" e conmocionou a todo o sistema social.

A política de Cánovas fora unha contención fronte ás demais potencias, incluídas as emerxentes (EUA e Alemaña). A frota española nunca se recuperou da Batalla de Trafalgar e a disposición de manter as colonias non se correspondía coa capacidade e enerxía necesarias para tal fin.

A Guerra Hispano-Americana[editar | editar a fonte]

Afundimento do USS Maine.
Artigo principal: Guerra hispano-estadounidense.

En Cuba, a insurrección de 1895 con José Martí e Máximo Gómez tratou de ser esmagada nos seus inicios polo xeneral Arsenio Martínez Campos. Porén, o apoio da poboación, incluída a clase media crioula, era palpable. O xeneral Valeriano de Weyler substitúe a Martínez Campos, tratando de illar os apoios populares á revolución. En Filipinas, José Rizal, que será executado polas tropas españolas, comezaba a sublevación en 1896 que proseguiu a pesar do Pacto de Biak-na-Bató en 1897.

O estoupido do buque norteamericano Maine o 15 de febreiro de 1898 desatou a guerra na que a escuadra norteamericana do Atlántico atacou Cuba, e a do Pacífico, dende Hong Kong, fixo o propio con Filipinas.

O 15 de xullo de 1898 capitulou Santiago de Cuba; o 25 de xullo, Porto Rico; o 14 de agosto capitula Manila, capital de Filipinas. A Paz de París (Tratado de París 1898) asínase o 10 de decembro polo que España cede as súas posesións aos Estados Unidos.

O rexeneracionismo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Rexeneracionismo.

Tras a perda das colonias, en España prodúcense movementos que tratan de superar unha crise que tamén é de identidade. Xorde o denominado Rexeneracionismo, isto é, un proceso a través do cal se poden superar os modos e políticas do pasado para atopar un camiño novo a todos os niveis.

Tras o goberno de Sagasta e o seu protagonismo no Desastre, impúxose un cambio de goberno, que foi encargado aos conservadores, presidido por Francisco Silvela. Tras a consecuente disolución das Cortes, convócanse eleccións o 16 de abril de 1899, cunha limitada intervención do Ministerio de Gobernación, nas mans de Dato. Por iso, a maioría gobernamental de 222 escanos, aínda que suficiente, non o foi tanto como noutras ocasións, mentres que os liberais, con 93 actas no sector oficial acadaron o mellor resultado para un partido ao que non correspondía o goberno. Nese gabinete, os problemas da Facenda Pública, rexentada por Raimundo Fernández Villaverde caracterizaron o cambio do século, e provocaron o cambio de goberno en outubro de 1900. Tras un curto goberno do Xeneral Azcárraga, Sagasta accedeu, por derradeira vez, á presidencia do executivo. Disolveu as Cortes, seguindo o procedemento habitual e convocou eleccións para maio de 1901, producindo unha grande atomización na Cámara, mentres que os liberais chegaron, sen problemas, até os 233 escanos. Os republicanos iniciaban unha lenta recuperación, con intentos de renovación marcados pola alianza de Alejandro Lerroux cos históricos de Nicolás Salmerón.

O período constitucional do reinado de Afonso XIII (1902-1923)[editar | editar a fonte]

En 1902 chega ao trono Afonso XIII, con Antonio Maura como Xefe de Goberno procurando impulsar unha política de apertura que evitase a temida revolución obreira: eliminación ou atenuación do caciquismo electoral e descentralización administrativa. Pero o exército, doído pola derrota e as fortes críticas da opinión pública tras a guerra, enfróntase co sistema e mantén constantes ameazas ao proceso modernizador.

O goberno mantén ocupado o exército en África, en Marrocos, onde España comparte a colonización con Francia. Dende 1908 os enfrontamentos coa poboación marroquí fanse máis duros. A Semana Tráxica de Barcelona, no verán de 1909, será a contestación popular fronte ao inxusto sistema de recruta e envío de tropas e provocará a caída do goberno de Maura.

Cando Maura perde o poder, é investido o goberno liberal de José Canalejas. Este, apenas puido tomar algunhas medidas de descentralización, até o seu asasinato en 1912 ás mans do anarquista Manuel Pardiñas. Deseguido, sucédense os gobernos do Conde de Romanones e de Eduardo Dato. España decide permanecer neutral na primeira guerra mundial, pero desaproveita economicamente a oportunidade que se lle dá para colocarse en posición de privilexio dentro dunha economía de guerra. Os partidos dinásticos non terminan de encaixar na sociedade civil e o PSOE, os republicanos, os nacionalistas cataláns e os nacionalistas vascos co PNV, representan mellor as aspiracións populares. O ano 1917 é de revoltas: o exército en torno ás Xuntas Militares de Defensa nos seus enfrontamentos internos; os republicanos e socialistas alíanse para ofrecer unha alternativa ao sistema político, igualmente os nacionalistas vascos e cataláns, polo que foron suspendidas as garantías constitucionais. Finalmente, a folga revolucionaria de agosto-setembro de 1917 provoca graves enfrontamentos entre sindicatos e forzas da orde.

Os gobernos até a ditadura de Primo[editar | editar a fonte]

A derrota fronte aos EUA e a perda dos últimos restos do imperio colonial polo Tratado de París, abriron o camiño para unha crítica, máis global que sistemática, da realidade nacional. Neste momento aparecen actitudes reformistas xermoladas xa con anterioridade ao desastre que amosan un desexo de cambio ao que non se uniu o réxime político, gravemente erosionado polo seu carácter excluínte, e pola súa incapacidade para integrar as novas forzas emerxentes co gallo do proceso de modernización da situación española.

Intentáronse reformas controladas polo sistema (Maura, Canalejas), fracasadas por non aceptar con franqueza as formulacións rexeneracionistas, e non asumir o novo talante democrático que impuña a irrupción das masas na vida pública. A esta impotencia política engadíuselle a crise interna do sistema debida á fragmentación dos partidos de quenda, tras a perda dos líderes históricos, Cánovas e Sagasta, respectivamente en 1897 e 1903.

Os conservadores, tras a retirada de Silvela, encontraron en Maura un líder indiscutible, pero tras a Semana Tráxica de xullo de 1909, asentáronse as bases para unha escisión entre os partidarios de Dato, os mauristas, ademais doutras faccións máis autoritarias e oportunistas que se agruparon no “ciervismo”. Pola súa parte, os liberais, pareceron atopar un líder en Canalejas, pero a súa morte prematura en 1912 rompería o partido entre os liberais ortodoxos de Romanones e os liberal-demócratas de García Prieto.

O inicio do reinado de Afonso XIII, que tivo lugar o 17 de maio de 1902, viuse marcado polo ascenso das forzas políticas rexionalistas, obreiristas e republicanas, así como o endurecemento da cuestión anticlerical. Sagasta, o vello líder liberal, deixou o poder o 6 de decembro de 1902, para morrer un mes despois. Foi substituído por un goberno conservador presidido por Silvela, asistido por Antonio Maura no Ministerio da Gobernación. Tras cinco meses de preparativos, nos que Maura comezou unha campaña de desmantelamento das redes caciquís, que resultou incompleta, as elección celebráronse o 8 de marzo. O resultado foi o da habitual maioría do partido no poder e a leal oposición, con 230 escanos para os conservadores e 93 para os liberais oficiais. Aínda que se produciu un avance dos republicanos, 36 deputados, xunto cos rexionalistas e carlistas, con 7 escanos cada un. Estes resultados encheron de rabia a Afonso XIII, que botou na cara a Maura a súa “honradez electoral”, aínda que manifestaba en público a súa satisfacción.

Nos anos posteriores clarificáronse os respectivos liderados dos grandes partidos que seguían a quenda. Retirado Silvela da presidencia do goberno, a disputa pola súa sucesión entre Fernández Villaverde (presidente até novembro) e Antonio Maura, resolvéronse a favor deste último que capitaneou un goberno conservador até un incidente co rei, que forzou a súa dimisión en decembro de 1904. Tocáballe entón a quenda aos liberais, que accederon ao goberno o 23 de xuño de 1905. Presidiu o executivo Montero Ríos, político supervivente do Sexenio Democrático, e en realidade cabeza nominal dunha disidencia, encabezada por Segismundo Moret. Porén, os liberais presentáronse unidos nas eleccións de setembro de 1905, obtendo unha vitoria sen complicacións, con 229 deputados, ante o estancamento dos republicanos e os nacionalistas. Sucédense así varios e fugaces gobernos liberais (Montero Ríos, Moret, López Domínguez, Vega de Armijo), que mostra a falta de liderado, o que levou a ceder o poder a Maura, entón indiscutible xefe conservador, e disposto, en principio, a continuar coa política rexeneracionista xa iniciada en 1904. Con todo, as eleccións do 21 de abril de 1907 foron controladas de maneira escandalosa polo Ministro da Gobernación Juan de la Cierva, superando, incluso, os métodos de Romero Robledo. Os conservadores obtiveron unha abafante vitoria con 252 deputados, e isto levou a unha resposta dos liberais como protesta ante os métodos empregados por De la Cierva.

Antonio Maura, durante o denominado “goberno longo”, con intentos renovadores, dispúxose a realizar a súa revolución dende arriba, centrada na culminación de proxectos reformistas como o preito autonomista catalán e o intento de desmembración do caciquismo mediante as reformas da lei municipal e da lei electoral. Neste último apartado tratou de realizar unha reforma introducindo o sistema proporcional, ou eliminar as circunscricións uninominais, proclives ao caciquismo; porén, a nova lei electoral aprobada presentaría novidades como o voto obrigatorio ou a creación dalgúns métodos para velar pola pureza do proceso, como a constitución das Xuntas do Censo, mais en esencia non corrixiu as disfuncións do sistema electoral, e incluso, as agravou co tristemente famoso artigo 29, co que resultaban automaticamante electos, sen necesidade de votación, os candidatos que se presentasen en solitario. Isto significou o recoñecemento legal ao inveterado costume do candidato único, en xeral afín ao goberno, e común, sobre todo, nas zonas rurais.

Ademais da unión de liberais e republicanos na oposición, mediante un bloque de esquerdas, a crecente implicación en Marrocos levou a unha guerra colonial aberta no verán de 1909, e foi a causa do estoupido de violencia popular na denominada Semana Tráxica de Barcelona de final de xullo, debida á mobilización dos reservistas e á negativa destes a iren para Marrocos. A presión posterior, incluído o fusilamento do pedagogo anarquista Francesc Ferrer i Guàrdia, fundador da Escola Moderna, sen probas reais e convincentes[2], provocou non só á condena por parte da opinión pública estranxeira, senón o acoso da oposición até lograr a dimisión de Maura.

Á cabeza da fronte antimaurista estivo Segismundo Moret, que obtivo o poder o 22 de outubro, aínda que o rei negoulle o Dereito de Disolución das Cortes, polo que o goberno estivo nunha situación provisional, até que José Canalejas, verdadeiro restaurador da unidade do partido liberal, accedeu á Presidencia do Consello de Ministros en febreiro de 1910. Agora si obtivo a disolución, e convocáronse eleccións en maio, cunha peculiar situación de enfrontamento entre os dous partidos dinásticos, por vez primeira en toda a Restauración. Os dous partidos, ademais, presentábanse unidos sen fisuras, con dous líderes fortes, Antonio Maura e José Canalejas. Con todo, pola aplicación do artigo 29, o 30% da poboación foi privada de voto, o que beneficiou ao partido no goberno, neste caso o liberal. O partido no goberno obtivo 219 escanos, o menor número de todas as celebradas, e a oposición conservadora, 102, o mellor resultado para a oposición. Ademais os republicanos, con 37 escanos, obtiveron un magnífico resultado, presentándose nesta ocasión coligados cos socialistas que obtiveron, por primeira vez, un escano que ocupou Pablo Iglesias Posse.

José Canalejas.

Durante o goberno de Canalejas, para evitar o problema laicista, promulgouse a Lei do cadeado que prohibía a implantación de novas ordes relixiosas en España. Tamén se intentou paliar as disfuncións do sistema parlamentario por medio de medidas para rectificar o sistema electoral, realizando para tal fin un proxecto de lei que pretendía reducir o peso dos distritos rurais. Desgraciadamente, estas reformas nunca se levaron a cabo e as contradicións entre o sistema político-electoral e a realidade socioeconómica foron agravándose cada vez máis.

Tamén o goberno de Canalejas actuou con decisión no conflito con Marrocos, iniciando negociacións con Francia para delimitar as respectivas zonas de influencia. Porén, en 1912, paralizáronse os intentos de renovación iniciados por Canalejas, polo atentado que acabou coa súa vida o 12 de novembro de 1912, ás mans do anarquista Manuel Pardiñas Serrano[3].

A crise do sistema de quenda[editar | editar a fonte]

Tras uns gobernos de transición de Manuel García Prieto e do Conde de Romanones, encargóuselle o goberno ao conservador Eduardo Dato, quen convocou eleccións para marzo de 1914. O artigo 29 seguía vixente, polo que o goberno volveu gañar, aínda que cunha baixada de escanos, 188, que, por primeira vez, non era suficiente para gobernar, se ben a oposición estaba bastante fragmentada. Por isto, o gabinete datista buscou o apoio doutras minorías conservadoras para manterse, de forma inestable, até decembro de 1915. Tras o fracaso, formouse un goberno liberal presidido por Romanones, que convocou eleccións para marzo de 1916, que significou desta volta unha clara maioría liberal, aínda que o 35% dos deputados foron electos sen votación. O sistema está en franca descomposición, o goberno adxudica as maiorías, e reparte os ocos entre as minorías. Os niveis de nepotismo son escandalosos, 54 deputados son familiares das grandes figuras da política; entre eles, Romanones que coloca coma deputados o seu fillo e o seu xenro. Non resulta estraño que a diferenza entre a España real e a España oficial fose cada vez máis patente e clara.

Esgotadas as posibilidades dos liberais, Dato reasume a presidencia, nun clima de crecente conflitividade, debido á inxerencia do exército, as reivindicacións catalás e as contraditorias repercusións socioeconómicas da Gran Guerra; ademais, súmaselle a folga revolucionaria do verán de 1917; proceso todo el coñecido como a crise de 1917, e que levou á dimisión do gabinete datista. A gravísima crise tratouse de superar mediante un goberno de concentración dos partidos dinásticos, entre os que se incluíu, por primeira vez, aos catalanistas. O goberno foi presidido por García Prieto, e convocou eleccións en febreiro de 1918, caracterizadas por unha rarísima sinceridade electoral, o que se traduciu nun resultado incerto. Os liberais foron os gañadores, con 167 escanos, se ben as disensións entre eles facían que a minoría maioritaria fosen os conservadores oficiais. Os republicanos continuaron a súa decadencia, se ben isto compensou o auxe dos socialistas e os republicanos reformistas.

Curiosamente, esta sinceridade contribuíu a agravar a crise do sistema, formándose un Goberno Nacional, presidido por Maura, e con presenza de todos os xefes parlamentarios de partidos afíns á monarquía; pero este esforzo só durou 7 meses, debido fundamentalmente ás diferenzas entre estes xefes. Por iso, en xuño de 1919, o novo goberno conservador de Maura tivo que convocar novas eleccións, cunha suspensión das garantías constitucionais. As minorías de esquerda declararon as novas Cortes facciosas. As diferenzas no seo das filas conservadoras levaron a que as novas Cortes fosen, se cabe, máis ingobernables aínda, pois aínda que os conservadores foron gañadores, estaban divididos en dúas faccións de semellante envergadura. Por iso, tras varios gobernos, de novo foron convocadas eleccións por Dato, en decembro de 1920, nas que o goberno recuperou as súas tradicións pouco ortodoxas, acosado polos problemas, e tratando de buscar unha maioría sólida, cousa que logrou, con 232 escanos conservadores, 185 dos cales aliñados cos datistas gobernamentais.

Os sucesivos gobernos non conseguiron temperar os ánimos. A Revolución rusa inflúe nos sindicatos, sobre todo na CNT, que até 1921 manterán revoltas en toda España, dende Andalucía a Cataluña (o chamado Trienio Bolxevique). Ese mesmo ano foi asasinado Eduardo Dato, en marzo de 1921, noutro atentado anarquista e até 1923 houbo trece gobernos distintos en seis anos que se viron impotentes para atallar a descomposición do réxime parlamentario. O Desastre de Annual en Marrocos rematará por levar o goberno de García Prieto en 1922 a un último intento de rexeneracionismo.

O derradeiro goberno constitucional da Monarquía (1922-1923)[editar | editar a fonte]

Este goberno liberal de Manuel García Prieto, constituído en decembro de 1922, co apoio dos republicanos reformistas de Melquíades Álvarez disolve as Cortes, e convoca en abril de 1923 as derradeiras eleccións do período da Restauración e recorre, de novo, ao vello sistema de "oligarquía e caciquismo" denunciado vinte anos antes por Joaquín Costa, entre outros, para se dotar dunha maioría suficiente para aprobar algunha das reformas que levaba no programa como, por exemplo, a reforma da Constitución, incluído o artigo 11 que establecía a confesionalidade do Estado (aínda que sen chegar á separación da Igrexa e o Estado) buscando solucionar "o problema relixioso clerical" (como o chamou un comentarista da época).[4] No periódico La Voz, presentouse unha estatística de vinculacións familiares dos candidatos na que se chegou a 59 fillos, 14 xenros, 16 sobriños e 24 con outros parentescos relacionados cos fundadores das dinastías políticas. Deles, 52 estaban entre os conservadores e 61 entre os liberais; e isto sen contar os pasantes e protexidos. Ademais, os candidatos electos sen votación grazas ao artigo 29 bateron o récord con 146 escanos.

Finalmente, os liberais en coalición cos reformistas conseguiron 223 escanos, mentres que os conservadores lograron 108, deles, 81 para os oficialistas de Sánchez Guerra, 16 para os ciervistas e 11 para os mauristas. As críticas do Diario ABC a estas últimas eleccións foron un claro expoñente do cansazo ao que chegara a opinión pública polas reiteradas manipulacións da vontade popular:

Las elecciones han sido convenidas; casi todos los candidatos de oposición, oficiales y protegidos o consentidos. Se repiten las convocatorias de año en año, o a los dos años las más distantes y, sin embargo, cualquier Gobierno, como se llame o como se pinte, dispone siempre de la mayoría, tan grande como quiera, y aún sin romper la tradición de los convenios. La ficción electoral no tiene pretensiones de finura.

Os proxectos renovadores de García Prieto víronse obstaculizados por numerosos sectores: polas tentacións autoritarias do rei, pola presión do exército e mais a Igrexa. Por exemplo, chegou coa protesta dun cardeal e do nuncio para que a proposta de reforma do artigo 11 fose retirada. No ambiente latexaba un clima de opinión favorable a unha ditadura, e a instauración da Ditadura de Primo de Rivera, o 13 de setembro de 1923, coa aprobación do monarca, puxo fin a novos intentos reformistas.[4]

A ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ditadura de Primo de Rivera.

Co apoio do exército e da burguesía, a ditadura de Miguel Primo de Rivera soamente foi contestada polos sindicatos obreiros e os republicanos, sendo reprimidas cadansúas protestas pola censura e pola opresión. Creouse un Directorio militar con nove xenerais e un almirante, coa finalidade nas súas propias palabras de "poner España en orden" para devolvela despois ás mans civís. Suspendeuse a Constitución, disolvéronse os concellos, prohibíronse os partidos políticos e creáronse os somatén como milicias urbanas.

Os sistemas democráticos tamén tremían en Europa. O fascismo implántase en Italia en 1925, en Alemaña fúndase o Partido Nazi, a revolución rusa queda sometida á ditadura de Stalin e os réximes totalitarios alcanzan Portugal e Polonia.

Consciente da importancia de manter o exército satisfeito, a campaña militar en Marrocos deulle un triunfo na Guerra do Rif co Desembarco de Alhucemas e a rendición de Abd el-Krim en 1927. Reprimiuse o sindicalismo da CNT e o Partido Comunista de España recentemente creado (1921) mentres a ditadura tolerou a UXT e o PSOE, sempre reticentes, para poder manter certo contacto cos dirixentes obreiros. A burguesía catalá tamén comezou prestándolle o seu apoio. A lexislación social limitou o traballo da muller, construíu vivendas obreiras e instituíu un modelo de formación profesional. Iniciou igualmente unha política de amplos investimentos públicos para mellorar as comunicacións (estradas e ferrocarril), regadíos e enerxía hidráulica.

Estes primeiros éxitos déronlle gran popularidade. Creou a Unión Patriótica como aglutinador de todas as aspiracións políticas, así como a Organización Corporativa Nacional como sindicato vertical ao modelo da Italia fascista, substituíndo en 1925 o Directorio Militar polo Directorio Civil.

Con todo, os primeiros apoios fóronse volvendo na contra. A burguesía catalá viu frustrados os seus intentos descentralizadores, cunha política máis centralista que, en materia económica, chegou a favorecer os oligopolios. As condicións de traballo seguían sendo pésimas e a represión sobre os obreiros foi distanciando a UXT do PSOE do proxecto do ditador. A economía mostrouse incapaz de asumir a crise mundial de 1929 e, en xaneiro de 1930, Primo de Rivera dimitiu.

A "ditablanda" (1930-1931)[editar | editar a fonte]

A monarquía, cómplice da ditadura, será posta en cuestión a partir da unión de toda a oposición en agosto de 1930 no chamado Pacto de San Sebastián. Os gobernos de Dámaso Berenguer -chamado a ditabranda- e de Juan Bautista Aznar-Cabañas non farán outra cousa máis que alongar a decadencia. Tras as eleccións municipais de 1931, o 14 de abril proclámase a Segunda República, dando así fin á restauración borbónica.

A cultura[editar | editar a fonte]

A xeración do 98, termo popularizado por Azorín, representa mellor que ningún outro movemento a ruptura da elite intelectual co sistema político. Defraudados coa monarquía, non tardan en defender un novo modelo, dende as letras con homes como Joaquín Costa, Miguel de Unamuno (que será desterrado a Fuerteventura) ou Vicente Blasco Ibáñez que foi moi crítico con Afonso XIII. Na filosofía, o maior expoñente será José Ortega y Gasset

A Revista España, que fundara Manuel Azaña, féchase, Ramón María del Valle-Inclán é sancionado e as universidades sofren constantes pechamentos.

Picasso desenvolve unha importante obra en París, dándolle ao cubismo pleno sentido e creando unha das súas obras mestras: Las señoritas de Avignon.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Comellas (2014), p. 256
  2. Aróstegui, Julio (1976). La España de los reformismos. Historia 16, Extra XXII. Historia de España, 10. En "La España de los caciques. Del sexenio democrático a la crisis de 1917" (Información y revistas, S.A.). p. 108. 
  3. Aróstegui, Julio (1976). La España de los reformismos. Historia 16. Extra XXII. Historia de España, 10. En "La España de los caciques. Del sexenio democrático a la crisis de 1917". (Información y Revistas, S.A.). p. 110. 
  4. 4,0 4,1 Juliá (2009), p. 19

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]