Partido Liberal Fusionista
Partido Liberal Fusionista | |
---|---|
Acrónimo | PL |
Tipo | partido político |
Data de fundación | 1880 |
Data de disolución | 1931 |
País | España |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Partido Liberal (nacido como Partido Fusionista pasou a denominarse Partido Liberal Fusionista e logo liberal)[1][2] foi un partido político español creado en 1880 por Práxedes Mateo Sagasta[3] e que, co Partido Conservador de Cánovas, constituiría o sistema bipartidista con alternancia no goberno que caracterizaría á Restauración española durante o tramo final do século XIX e o inicial do século XX, e que se denominou o "turnismo" ou quenda.
Ideoloxía
[editar | editar a fonte]Orixinariamente, integráronse aqueles liberais que, aínda que aceptaban a Afonso XII e a que desconfiaban da experiencia do Sexenio Democrático, aspiraban a introducir progresivos cambios no sistema político canovista para recuperar dereitos e liberdades presentes na Constitución de 1869, especialmente:
- Extensión das liberdades de conciencia, expresión e reunión.
- Restablecemento do xurado popular.
- Liberdade de prensa.
- Reintrodución do sufraxio universal masculino.
Estes ideais inspiraron as políticas desenvolvidas polos gobernos de Sagasta a finais do século XIX. A principios do século XX, logo da morte de Sagasta, os políticos liberais amosan influencias do new liberalism británico, como amosa a maior ambición dos seus programas sociais para conter a conflitividade obreira e labrega así como o control das actividades das ordes relixiosas. Tamén haberá sectores partidarios de colaborar con forzas políticas de esquerda non dinástica.[4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Agrupaba no seu seo aos sectores non republicanos do momento que aceptaban a nova legalidade reflectida na Constitución de 1876 e entre os que incluían monárquicos, membros do Partido Constitucional do xeneral Serrano, do Partido Radical de Ruiz Zorrilla, os “posibilistas” de Castelar e a algúns sectores militares.
O seu programa político pretendía a recuperación progresiva dos dereitos e liberdade presentes na Constitución de 1869 como a consecución do sufraxio universal masculino (obxectivo que vería cumprido en 1890), a liberdade de asociación relixiosa e a separación de poderes; e aínda que cabería cualificalo como un partido dinástico, a principios do século XX algúns políticos que máis tarde serían republicanos militaron nas súas filas, como Niceto Alcalá Zamora.
O sistema de alternancia política característico da Restauración iníciase cando Cánovas cede o poder a Sagasta e este forma o primeiro goberno o 8 de febreiro de 1881 iniciando unha primeira etapa do sistema que coñecerá ata tres gobernos liberais (dous presididos polo propio Sagasta e un por Posada Herrera).
A segunda etapa iníciase coa institucionalización do sistema en 1885 cando ambos os partidos asinan o Pacto do Pardo que establecía que ambos partidos se alternarían no poder á morte de Afonso XII, o cal foi garantido grazas ás redes caciquís con que ambos partidos contaban por toda España. Este pacto impedía o acceso ao poder de ideoloxías radicais naquel momento (anarquismo, socialismo, republicanismo) que podían pór en perigo o réxime monárquico.
En 1898 prodúcese unha primeira escisión no Partido Liberal cando Germán Gamazo Calvo abandona o partido, encabezando un grupo disidente que terminaría uníndose ao Partido Conservador.[5]
Tras a morte de Sagasta, en 1903, produciuse un enfrontamento entre Eugenio Montero Ríos, representante das posicións máis esquerdistas, e Segismundo Moret, máis centristas, por tomar as rendas do Partido Liberal que ao cabo levaría a José Canalejas a dirixilo e aínda que intentou reformalo para achegalo á realidade do país, o seu asasinato truncou calquera evolución do partido. O goberno de Canalejas, cunha forte vontade reformista, impulsou a Lei das Mancomunidades procurando abordar as reivindicacións territoriais, a Lei do Servizo Militar e a do Cadeado, que buscaba limitar a influencia das ordes relixiosas en moitos eidos sociais.[4]
A morte de Canalejas, en 1912, reabriu a loita polo poder con dous novos protagonistas: o Conde de Romanones e Manuel García Prieto e que levarían ao partido a unha profunda crise que unida á do propio sistema político que protagonizara a unha fase de disgregación que finalizou en 1931, logo da ditadura de Primo de Rivera e co final da monarquía de Afonso XIII.
Líderes do Partido Liberal
[editar | editar a fonte]- 1876-1902: Práxedes Mateo Sagasta;
- 1902-1912: José Canalejas Méndez;
- 1912-1913: Segismundo Moret Prendergast;
- 1913-1918: Conde de Romanones;
- 1918-1923: Manuel García Prieto e mailo Conde de Romanones;
- 1923-1931: Durante a ditadura de Primo de Rivera, suspendeu a súa actividade política
- 1931: Conde de Romanones e Gabino Bugallal Araújo.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alvar Ezquerra, Jaime (2003 [2001]). Diccionario de historia de España (en castelán). Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-366-7.
- Calzada del Amo, Esther (2011). Germán Gamazo, 1840-1901: poder político y redes sociales en la Restauración. Colección Historia (en castelán). Madrid: Marcial Pons. ISBN 978-84-92820-38-2.
- Pascual, Pedro (1999). El compromiso intelectual del político (en castelán). Madrid: Ediciones de la Torre. ISBN 9788479602475.
- Sánchez Casado, Galo (2009). Los altos grados de la masonería (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 978-84-96797-20-8.
- Vidal Manzanares, Gustavo (2009). Pablo Iglesias. Colección Historia incógnita. Madrid: Nowtilus. ISBN 978-84-9763-729-9.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Partido Liberal Fusionista |