Lei do cadeado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Retrato de José Canalejas, presidente de goberno que promoveu a Lei do cadeado (1910)

Lei do cadeado (ou Ley del candado, en castelán) foi o termo coloquial, que se empregou tamén na historiografía, para designar unha lei promovida polo presidente do Consello de Ministros español, José Canalejas, pola que prohibía durante dous anos o establecemento de novas congregacións relixiosas. A lei aprobouse no Senado o 4 de novembro de 1910, cunha votación de 149 a favor fronte a 75 en contra, e no Congreso aprobouse o 27 de decembro do mesmo ano (publicouse na Gaceta de Madrid, o día 28)[1] cun resultado de 174 a favor fronte a 54 en contra.[2] A lei estivo vixente até decembro de 1914.[3]

Canalejas, de orientación liberal progresista, pretendía mitigar a confesionalidade católica consagrada na Constitución de 1876 á vez que frear o crecente anticlericalismo de amplas capas sociais, reforzando o carácter laico do Estado. Fronte á negativa papal a negociar o Concordato de 1851, optou por limitar unilateralmente a actividade das ordes relixiosas.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Goberno de José Canalejas.

A política relixiosa foi unha das prioridades do goberno de José Canalejas. O obxectivo final da mesma, segundo Javier Tusell, era lograr unha separación "amigable" da Igrexa e do Estado "á que [Canalejas] quería chegar a través de negociacións levadas o máis discretamente posible". O problema foi que o Vaticano, "que por aqueles anos estaba obsesionado coa condena do modernismo", non estaba disposto a modificar a posición de privilexio que tiña a Igrexa católica en España.[5]

Para fortalecer a posición do Estado, Canalejas propúxose reducir o peso das ordes relixiosas, mediante unha lei que as tratase como asociacións, agás as dúas recoñecidas no Concordato de 1851. Mentres as Cortes debatían a nova lei, aprobouse en decembro de 1910 unha disposición transitoria e temporal coñecida como "Lei do Cadeado" segundo a cal non se poderían establecer novas ordes relixiosas en España durante os dous anos seguintes. Porén, foi o mesmo Canalejas que promoveu unha emenda[6], presentada polo barón de Sacro Lirio,[7] segundo a cal se pasados dous anos non se tiña aprobada a nova lei de asociacións levantaríase a restrición. E iso foi o que acabou sucedendo pois a lei tivo un efecto máis aparente que real dado que xa estaban establecidas tódalas ordes relixiosas.

A pesar de todo Canalejas, devoto católico, foi considerado o inimigo da relixión católica, nun momento en que se vivía baixo a conmoción producida pola revolución portuguesa de 1910 que acabara coa Monarquía e proclamado a Primeira República Portuguesa.[8] A Canalejas acusóuselle de pretender descatolizar España e de estar ao servizo da masonería. Na campaña contra el tivo un especial protagonismo a recentemente creada Asociación Católica Nacional de Propagandistas, encabezada polo avogado e xornalista Ángel Herrera Oria, e o seu xornal El Debate.[9] A campaña católica iniciouse, mesmo, antes da discusión e aprobación da "Lei do Cadeado" xa que comezara en xuño de 1910 con motivo da aprobación polo goberno dunha norma que permitía ás confesións non católicas exhibir signos externo nos seus templos que as identificase como tales.[5] A confrontación entre o goberno e a Igrexa católica foi tan intensa que España chegou a retirar ao seu embaixador perante a Santa Sé.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Gaceta de Madrid, nº 362" (PDF). boe.es. 28-12-1910. Consultado o 16-10-2018. 
  2. Martí (1991), p. 115 Hai outros autores que dan outras cifras dos resultados das votacións pero sen demasiada variación.
  3. Martí (1991), p. 119
  4. El gobierno de Canalejas en Artehistoria.
  5. 5,0 5,1 Tusell (1997), p. 281
  6. "El Liberal". 17-11-1910. Consultado o 25-06-2018. 
  7. Martí (1991), p. 115
  8. Suárez (2006), p. 180-181
  9. Moreno (2009), p. 385
  10. De la Cueva (2003), p. 295

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • De la Cueva Merino, Julio (2003). "El rey católico". En Moreno Luzón, Javier. Alfonso XIII. Un político en el trono. Madrid: Marcial Pons Historia. pp. 277–306. ISBN 84-95379-59-7. 
  • Martí Gilabert, Francisco (1991). Política religiosa de la Restauración, 1875-1931. Madrid: RIALP. ISBN 84-321-2813-9. 
  • Suárez Cortina, Manuel (2006). La España Liberal (1868-1917). Política y sociedad. Madrid: Síntesis. ISBN 84-9756-415-4. 
  • Tusell, Javier (1997). «El reinado de Alfonso XIII (1902-1931)». En Montero, Feliciano; Tussell, Javier. Historia de España. Vol. IX. La Restauración. De la Regencia a Alfonso XIII. Madrid: Espasa Calpe. ISBN 84-239-8959-3
  • Villares, Ramón; Moreno Luzón, Javier (2009). "Alfonso XIII, 1902-1931". En Fontana, Josep; Villares Paz, Ramón. Restauración y dictadura. Historia de España dirigida por Josep Fontana y Ramón Villares VII. Barcelona: Crítica/Marcial Pons. ISBN 978-8474239218. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]