Péntatlon moderno
O péntatlon moderno é unha disciplina deportiva olímpica, instaurada polo Barón Pierre de Coubertin, creador das Olimpíadas Modernas, nos Xogos Olímpicos de 1912.
O péntatlon moderno baséase nas peripecias dun oficial do exército francés, e consta de 5 probas, que deben realizarse nun só día: tiro con pistola, esgrima, natación 200 metros libres, equitación de obstáculos e carreira a campo-travesa. Cada un dos catro primeiros eventos asigna unha puntación ao deportista segundo o seu rendemento.
No primeiro evento, tiro con pistola, os competidores disparan 20 tiros cunha pistola de aire comprimido sobre un branco de 155 mm de diámetro, a unha distancia de 10 metros.
No segundo evento, esgrima, os competidores enfróntanse nun combate de esgrima con espada, dunha duración de 1 minuto a tocado único. O branco válido nos combates de espada é todo o corpo; isto mantén a veracidade histórica da orixe do moderno péntatlon.
O terceiro evento, quizais o máis esgotador, é a natación de 200 metros estilo libre, onde non importa o lugar de chegada, senón o tempo empregado na proba.
O cuarto evento é a competición de equitación, modalidade de obstáculos, onde os competidores deben percorrer unha cancha de 12 obstáculos cun cabalo previamente sorteado ao azar. A cancha debe obrigatoriamente ter un obstáculo dobre e un triplo.
Ao final destes catro eventos os deportistas son ordenados pola puntuación obtida. Así, para iniciar a carreira, o deportista coa maior puntación parte primeiro, e os seguintes parten con 1 segundo de diferenza por cada 4 puntos. Este sistema de saída chámase starting list.
O gañador da proba é aquel pentatleta que logra cruzar en primeiro lugar a meta da proba de campo-travesa.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Péntatlon moderno |