Chiloé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chiloé
localización da illa
Situación
País Chile
Subdivisións de ChileRexión de Los Lagos
ArquipélagoArquipélago de Chiloé
MarOcéano Pacífico
Coordenadas42°36′S 73°57′O / -42.600, -73.950
Xeografía
XeoloxíaIlla continental
Superficie8.394 km²
Longura máxima190 km.
Largura máxima65 km.
Punto máis alto866 m. Cerro Redondo
Demografía
CapitalCastro (pob. 39.366)
Poboación154.775 (2002)
Densidade18´44 hab./km²

A Illa Grande de Chiloé, tamén coñecida como "Nueva Galicia" na época colonial[1], atópase en Chile. É unha illa que forma parte do arquipélago de Chiloé. Posúe uns 180 quilómetros de lonxitude de norte a sur e un ancho media de 50 quilómetros. Está atravesada de norte a sur pola Cordilleira da Costa, que recibe os nomes locais de Cordilleira do Piuchén ou de San Pedro na súa parte norte e de Pirulil na sur.

A área caracterízase pola súa grande actividade marítima, pola forte relixiosidade manifestada nas súas igrexas e festividades, pola súa artesanía en fibras, la e madeira; polas palafitas (construcións sobre alicerces en auga), e principalmente polo encanto e tradición dos seus habitantes.

Accédese á illa pola ruta CH-5, a través dun transbordador que se toma en Pargua, que cruza a canle de Chacao e logo duns 25 minutos de navegación arríbase á localidade do mesmo nome.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Chiloé.

Á chegada dos españois, a illa estaba poboada por chonos, huilliches e cuncos. Os chonos eran cazadores e recolectores nómades que se desprazaban en embarcacións chamadas dalcas, mentres os outros dous pobos dedicábanse ao cultivo de patacas, millo e porotos e á gandería de auquénidos.

En 1540, Alonso de Camargo avistou as costas de Chiloé mentres viaxaba ao Perú. Nunha expedición organizada por Pedro de Valdivia, o capitán Francisco de Ulloa chegou á Canle de Chacao en 1553 e percorreu as illas do arquipélago.

En 1558, García Hurtado de Mendoza iniciou outra expedición que culminou na posesión destas illas para a coroa española. En 1567 comezou o proceso de conquista en Chiloé, fundándose a cidade de Castro. A illa foi orixinalmente bautizada co nome de Nueva Galicia ("Nova Galicia"), pero ese termo non prosperou e mantívose a voz huilliche Chiloé, que significa "lugar de chelles" (unha gaivota branca coa cabeza negra).

Os xesuítas, encargados da evanxelización, foron facendo capelas por todo o arquipélago; para 1767 xa habían 79, e no día de hoxe pódense atopar máis de 150 templos de madeira ao estilo tradicional. Tras a expulsión da poboación xesuíta en 1767, a Orde Franciscana asumiu a asistencia relixiosa da illa desde 1771.

O proceso de Independencia pasou inadvertido en Chiloé e, de feito, foi o último reduto español en Suramérica. Pasou a formar parte de Chile só en 1826, 8 anos logo da Independencia e tras as campañas erradas de 1820 e 1824.

No século XIX foi centro de abastecemento dos baleeiros estranxeiros. Desde mediados do século XIX e ata principios do século XX, Chiloé foi o principal produtor de dormentes para ferrocarrís en todo o continente. A partir de entón comezaron a formarse novos pobos para dedicarse á industria, así naceron Quellón, Dalcahue, Chonchi e Quemchi. Desde 1895 fóronse entregando terras a colonos europeos e tamén a grandes industrias produtoras.

Co auxe da gandería, comezouse a ocupar a zona interior das illas, pois antes só se ocupaban as costas. Coa construción do ferrocarril entre Ancud e Castro en 1912 completouse a ocupación das terras interiores da illa. Este ferrocarril hoxe atópase fóra de servizo.

A finais do século XX, Chiloé seguiu o modelo imposto en todo Chile e experimentou cambios nos seus sistemas de vida. As novas empresas de acuicultura, como as salmoneiras, trouxeron beneficios para os chilotes, como a xeración de empregos, pero tamén problemas, como a alteración dos ecosistemas.

En 1972 presentouse por primeira vez o proxecto de construción dunha ponte que permitise unir a Illa Grande co territorio continental. A idea da construción deste viaduto só comezaría a concretarse durante o goberno de Ricardo Lagos o que lanzou o proxecto como parte das obras para celebrar o Bicentenario do país. Con todo, durante 2006, o proxecto do Ponte Bicentenaria foi cancelado logo que o custo estimado superase con fartura o orzado inicialmente.

Cidades[editar | editar a fonte]

Transbordador logo de cruzar Canle de Chacao.

As principais cidades son:

  • Ancud: cidade de 27.292 habitantes. Data de 1767, foi a capital da provincia de Chiloé ata 1982; e é a segunda cidade máis importante da illa. Alí atópase o Museo Rexional de Ancud, que conserva obxectos históricos, artesanais e representacións de seres mitolóxicos, tamén está a Catedral San Carlos de Ancud, unha fermosa construción antes do terremoto.
  • Castro: cidade porto, con 29.148 habitantes. É a capital da provincia de Chiloé desde 1982. É a terceira cidade máis antiga de Chile con existencia continuada, fundouse en 1567. Nela destacan as palafitas (as únicas que quedan en toda a illa), o Mercado, e a igrexa de San Francisco, declarada Monumento Nacional. Na comuna de Castro atópase parte do Parque Nacional Chiloé.
  • Chonchi: 4.588 habitantes. Coñécese como a "cidade dos tres pisos", caracterízase polas súas construcións en ciprés. A súa orixe é de 1754. O seu paseo costeiro é moi fermoso. Nela atópase a entrada ao Parque Nacional Chiloé e a maior parte da súa superficie.
  • Dalcahue: 4.933 habitantes, é un poboado próspero. Famoso pola súa feira artesanal que se efectúa os domingos pola mañá. Alí pódense adquirir tecidos e cestería provenientes das localidades veciñas. É paso obrigado para cruzar á Illa de Quinchao.
  • Queilén: de 1.912 habitantes, é un porto asentado nunha longa península. Os xesuítas radicáronse en Queilén no século XVIII, pero o pobo só puido xurdir a fins do século XIX. Atópase a case media hora de Chonchi.
  • Quellón: cidade de 13.656 habitantes, a terceira máis grande de Chiloé. A cidade foi fundada en 1906 por unha compañía destiladora que decaeu en 1952. O seu nome Orixinal era Llauquil.
  • Quemchi: pobo de 1.665 habitantes. A comuna de Quemchi ten como actividades produtivas relevantes a pesca e a agricultura. É berce dun dos escritores máis Importantes de Chile, Francisco Coloane
Illa Grande de Chiloé.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Nueva Galicia de Chile quiere volver a ser española". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xullo de 2006. Consultado o 3 de xullo de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]