Portal:Pobos indíxenas de América/Biografía destacada/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos as biografías destacadas no portal Pobos indíxenas de América:

1[editar a fonte]

K'inich Janaab' Pakal (pronunciado en maia: [k’ihniʧ xanaːɓ pakal]) ou Pakal o Grande, nado o 23 de marzo de 603 e finado o 28 de agosto de 683, foi un ahau ou gobernante do ajawlel ou señorío maia de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', agora coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, que se atopa no norte do estado mexicano de Chiapas.

Foi entronizado pola súa nai á idade de doce anos, gobernou dende o ano 615 até o 683. Ascendeu ó poder despois de que Palenque sufrise un período de adversidade. Durante as primeiras décadas do seu goberno viviuse unha época de paz e produtividade. No ano 659 iniciou unha campaña militar que consolidou a Palenque como unha das cidades máis importantes da rexión. Durante un reinado de 68 anos, o máis longo período de reinado coñecido na historia de América, o goberno de Pakal caracterizouse por impulsar o crecemento da obra arquitectónica de Palenque e por iniciar os rexistros xeroglíficos da súa historia dinástica.


2[editar a fonte]

Raoni Metuktire, tamén coñecido simplemente como Xefe Raoni, é un importante xefe do pobo caiapó, un grupo indíxena de Mato Grosso e Pará, no Brasil. É coñecido por ser un símbolo da loita pola preservación da Amazonia e da cultura indíxena.

Raoni Matuktire naceu no estado de Mato Grosso, no corazón da parte brasileira da selva amazónica, nunha vila chamada Krajmopyjakare (hoxe en día chamada Kapot). Proveniente da póla Metuktire dos caiapós, é un dos fillos do cacique Umoro. O pobo caiapó é nómade e a súa nenez está marcada por desprazamentos incesantes e varias guerras tribais. Guiado polo seu irmán Motibau, ós 15 anos Raoni comeza a colocar o seu famoso labret, o disco de madeira pintado no xeito cerimomial que se leva baixo o beizo inferior, chamado botoque polos guerreiros da súa tribo.


3[editar a fonte]

Minnie Spotted-Wolf, nada Heart Butte (Montana) en 1923 e finada en 1988, foi unha militar e mestra estadounidense, a primeira muller nativa americana en alistarse no Corpo de Marines dos Estados Unidos, ingresando na reserva feminina en xullo de 1943.

Spotted-Wolf, era membro do pobo pés negros. Antes de unirse ós marines, traballou no rancho co seu pai en tarefas como cortar madeira de valados, conducir camións e adestrar cabalos. Coñecida pola súa habilidade en domar bestas, describiu o campamento de marines como "duro pero non tanto". Serviu nas bases militares de California e Hawai, operadora de cargamento pesado, e como condutora para os oficiais xenerais.

A cobertura da prensa do seu servizo en tempos de guerra incluíu titulares como Minnie, Pride of the Marines, Is Bronc-Busting Indian Queen. Segundo a súa filla, "ela podía superar ós rapaces a comezos de 1950". Despois do seu servizo militar, obtivo unha licenciatura en Educación Primaria, e pasou 29 anos como mestra.


4[editar a fonte]

Túpac Amaru ou Thupa Amaro (en quechua: Thupaq Amaru) nado en Cuzco en 1545 e finado ibídem o 24 de setembro de 1572, foi o derradeiro monarca indíxena (Sapa Inca) do Novo estado inca, os restos do Imperio Inca en Vilacamba. Fillo de Manco Inca, foi feito sacerdote e gardián do corpo do seu pai. Foi executado polos conquistadores españois.

En quechua, túpaq amaru significa ‘víbora brava’.

Túpac Amaru asumiu como Inca de Vilcabamba despois de que o seu medio irmán, o inca Titu Cusi, morrese en 1570. Os incas consideraron que o seu medio irmán fora obrigado a admitir misioneiros agostiños en Vilcabamba e que os españois o envelenaron. Nestes tempos, os españois aínda non foran avisados da morte do ex-Inca e enviaran, como facían habitualmente, embaixadores para continuar as negociacións en curso. Un deles foi o conquistador Atilano de Anaya, que, despois de atravesar a ponte de Chuquisaca, foi capturado e executado xunto coa súa escolta polo xeneral inca Curi Paucar. Ó ser informado desa nova polo sacerdote de Amaybamba, o novo vicerrei do Perú, Francisco de Toledo, decidiu someter, pola forza, o reino de Vilcabamba, apelando para a xustificación que "os incas quebrantaron a lei inviolábel de tódalas nacións do mundo: o respecto ós embaixadores". O vicerrei declarou formalmente a guerra o 14 de abril de 1572.


5[editar a fonte]

Sequoyah (ᏍᏏᏉᏯ Ssiquoya, como asinaba o seu nome, ou ᏎᏉᏯ Se-quo-ya, como é escrito na lingua cherokee na actualidade) (c. 1770–1840), foi un ourive, ferreiro, mestre e soldado nativo americano coñecido co nome inglés de George Gist ou George Guess. En 1821, creou o silabario cherokee, facendo posible ler e escribir en lingua cherokee. É particularmente célebre por ser a única persoa pre-literaria da historia coñecida en crear de forma independente un sistema de escrita efectiva. Despois de coñecer a súa obra, o pobo da nación cherokee adoptou axiña o seu uso e fíxoo oficialmente en 1825.


6[editar a fonte]

Eagle Woman That All Look At (en lakota: Waŋblí Ayútepiwiŋ, tamén coñecida como Matilda Picotte Galpin) nada no ano 1820 e finada o 18 de decembro de 1888, foi unha activista, líder, diplomática, comerciante e tradutora lakota, principalmente coñecida polos seus esforzos de mediación nos conflitos entre os colonos brancos, o goberno dos Estados Unidos de América e os síux. Foi recoñecida tamén como a única muller xefa entre os síux.


7[editar a fonte]

Cuauhtémoc (en náhuatl: Cuāuhtēmoc; ‘a aguia pousouse’ ‘cuāuhtli 'aguia'; tēmoc, 'descendeu, pousouse'), nado en 1496 e finado en 1525, coñecido polos conquistadores españois como Guatemuz foi o derradeiro tlatoani mexica de México-Tenochtitlán. Asumiu o poder en 1520, un ano antes da toma de Tenochtitlán por Hernán Cortés e as súas tropas.

O nome Cuāuhtémōc que significa literalmente 'aguia que descendeu (pousouse)' (náhuatl cuāuh(-tli) 'aguia', temō- 'descender', -c PASADO). A forma honorífica de Cuāuhtémōc é Cuāuhtémōctzīn (o sufijo -tzīn úsase para designar unha dignidade similar a "son" ou "señor" en galego).

Cuāuhtémōc, fillo de Ahuizotl e curmán de Moctezuma Xocoyotzin e, Tecuichpo (náhuatl, 'copo de algodón') ó chegar esta á nubilidade. Cando asumiu o poder, os conquistadores xa foran expulsados de Tenochtitlán, pero a cidade estaba devastada pola fame, a varíola e a falta de auga potable. Cuauhtémoc chegaba a este momento tras ser tlacatlecutli (xefe de armas) da resistencia ós conquistadores, dado que dende a morte de Moctezuma previo á Noite Triste, é identificado como líder militar dos mexicas.


8[editar a fonte]

Sacagawea, tamén chamada Sakakawea ou Sacajawea, nada en maio de 1788 e finada o 20 de decembro de 1812, foi unha muller shoshone coñecida por axudar na expedición de Lewis e Clark e conseguir os seus obxectivos na exploración do Territorio de Luisiana.

Sacagawea viaxou coa expedición percorrendo centos de quilómetros dende Dacota do Norte até o Océano Pacífico. Axudou a estabelecer contactos culturais coas poboacións de nativos americanos ademais das súas achegas na historia natural.


9[editar a fonte]

Mataoka, coñecida como Pocahontas ou Amonute, nada en 1595 e finada o 21 de marzo de 1617 en Londres, foi a filla maior do Xefe Powhatan, xefe da confederación algonquina en Virxinia.

Foi capturada polos ingleses durante as hostilidades anglo-indias de 1613. Durante o tempo que estivo presa, converteuse ao cristianismo e mudou o seu nome por Rebecca. Cando tivo a oportunidade de volver coa súa xente escolleu quedarse cos ingleses. En abril de 1614, con 17 anos, casou co empresario do tabaco, John Rolfe, e en xaneiro de 1615 deu a luz ao seu fillo Thomas Rolfe.

En 1616 os Rolfe viaxaron a Londres e Pocahontas foi presentada perante a sociedade inglesa como exemplo de "salvaxe civilizada", coa esperanza de obter máis investimento no asentamento de Jamestown. Converteuse nunha celebridade, recibiu honores e asistiu a unha mascarada no palacio de Whitehall. En 1617, os Rolfe dispoñíanse a volver a Virxinia pero Pocahontas morreu en Gravesend por causas descoñecidas, aos 20 ou 21 anos.

En lingua algonquina, o seu verdadeiro nome era Matoaka, pero entre os powhatan era común ter varios nomes para diferentes situacións polo que se coñecía tamén polos alcumes de Pocahontas, que en algonquino significa pequena licenciosa e Amonute.


10[editar a fonte]

Tȟatȟáŋka Íyotake (en lakota [tˣatˣãka ɪjotake] (AFI)) ou, de xeito simplificado, Tatanka Iyotake; máis coñecido como Touro Sentado (do inglésSitting Bull), nado en 1831 e finado en 1890, foi un xefe indio norteamericano da tribo dos síux hunkpapa.

Touro Sentado fíxose famoso por conducir tres mil quiñentos indios síux e cheyenne contra o Sétimo de Cabalaría, que estaba baixo as ordes do xeneral Custer, na batalla de Little Bighorn o 25 de xuño de 1876, onde os estadounidenses resultaron derrotados.

Perseguido polo exército estadounidense, Touro Sentado levou os seus homes ao Canadá, onde permaneceron até 1881. Neste ano regresou coa súa tribo aos Estados Unidos para que a súa xente se entregase e terminasen así os enfrontamentos. O propio Touro Sentado foi amnistiado e o exército respectouno.

Nos anos seguintes Touro Sentado formou parte do show de Buffalo Bill.