Rebelión de Stonewall

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Stonewall en setembro de 1969. No cartel da fiestra pode lerse: "Nós os homosexuais rogámoslle á nosa xente que por favor colaboren mantendo unha conduta tranquila e pacífica nas rúas do Village—Mattachine".[1]

A coñecida como rebelión de Stonewall consistiu nunha serie de manifestacións espontáneas e violentas contra unha redada policial que tivo lugar na madrugada do 28 de xuño de 1969, no pub coñecido como o Stonewall Inn do barrio neoiorquino de Greenwich Village. Fálase decote destes disturbios como da primeira ocasión na historia de Estados Unidos en que a que a comunidade LGBT loitou contra un sistema que perseguía os homosexuais co visto e prace do goberno, e son xeralmente recoñecidos como o catalizador do movemento moderno a prol dos dereitos LGBT en Estados Unidos e en todo o mundo.[2]

Durante as décadas de 1950 e 1960 os gais e lesbianas estadounidenses debían enfrontarse cun sistema legal moito máis hostil cos homosexuais que en moitos dos países occidentais.[3][4] Os primeiros grupos homófilos de EUA tentaron demostrar que as persoas homosexuais podían integrarse na sociedade e fomentaron unha cultura de non confrontación entre homosexuais e heterosexuais. Con todo, os últimos anos da década de 1960 foron moi turbulentos, posto que había moitos movementos sociais activos, tales como o movemento afroamericano a prol dereitos civís (1955-1968), a contracultura dos 60 e as manifestacións contra a guerra. Este clima belixerante, xunto ao ambiente liberal do Greenwich Village, influíu para que se producise a rebelión de Stonewall.

Había poucos estabelecementos que acollesen persoas abertamente homosexuais durante as décadas de 1950 e 1960. Os que si o facían eran xeralmente bares, aínda que os seus propietarios e administradores raramente eran gais. O Stonewall Inn, naquela época, era propiedade da mafia.[5][6] Contaba cunha gran variedade de clientes, e era coñecido por ser popular entre as persoas máis marxinadas da comunidade gai: transexuais, drag queens, novos efeminados, prostitutos masculinos e mozos sen teito. As redadas policiais nos bares gais eran algo rutineiro durante a década dos 60, pero os axentes de policía perderon repentinamente o control da situación no Stonewall Inn e atraeron o xentío, provocando que se rebelasen. A tensión entre a policía de Nova York e os residentes gais de Greenwich Village produciu máis protestas a seguinte tarde, e sucesivamente varias noites despois. En cuestión de semanas, os residentes do Village organizáronse rapidamente en grupos de activistas para concentrar esforzos en aras de establecer lugares para que os gais e lesbianas puidesen manifestar abertamente a súa orientación sexual sen medo a ser arrestados.

Tras os disturbios de Stonewall, os gais e lesbianas de Nova York fixeron fronte a obstáculos de índole xeracional, de clase e de xénero para formar unha comunidade cohesionada. Aos seis meses creáronse dúas organizacións de activistas gais en Nova York, con obxecto de realizar protestas de confrontación, e ademais fundáronse tres periódicos para promover os dereitos para gais e lesbianas. En poucos anos fundáronse organizacións de dereitos homosexuais ao longo de todo Estados Unidos e a nivel internacional. O 28 de xuño de 1970 tiveron lugar as primeiras marchas do Orgullo Gai nas cidades de Nova York e Os Ánxeles, conmemorando o aniversario dos disturbios. Co tempo, outras cidades foron organizando marchas similares. Hoxe día celébranse actos do Orgullo Gai anualmente por todo o mundo cara a finais de xuño, para lembrar os disturbios de Stonewall.[7]

Contexto[editar | editar a fonte]

A homosexualidade na primeira metade de século[editar | editar a fonte]

Tras a axitación social producida pola Segunda Guerra Mundial, moita xente nos Estados Unidos sentiu un fervente desexo de "restaurar a orde social anterior á guerra e manter a raia as forzas do cambio", segundo o historiador Barry Adam.[8] Estimulado pola énfase anticomunista nacional, o senador Joseph McCarthy organizou interrogatorios na súa comisión senatorial para localizar comunistas no goberno estadounidense, no exército e noutras institucións subvencionadas polo goberno, dando lugar a unha paranoia nacional. Os comunistas, anarquistas e outras persoas catalogadas como anti-estadounidenses e subversivas eran consideradas un risco para a seguridade. Os homosexuais foron incluídos nesa lista en 1950 polo Departamento de Estado de Estados Unidos, baixo a teoría de que estas persoas eran frecuentemente susceptibles de chantaxe. O secretario de Estado James E. Webb sinalou nun informe que, "crese xeralmente que aqueles que realizan actos abertamente perversos carecen da estabilidade emocional das persoas normais".[9] Entre 1947 e 1950, 1.700 solicitudes de traballo federais foron rexeitadas, 4.380 persoas foron expulsadas do exército e 420 foron despedidas dos seus traballos no goberno pola sospeita de que eran homosexuais.[10][11]

Durante os 50 e 60, o FBI e os departamentos de policía realizaron listas de homosexuais coñecidos, rexistrando os seus establecementos favoritos e as súas amizades. Por outro lado, o Servizo Postal dos Estados Unidos mantiña un rexistro dos domicilios aos que se enviaba por correo material relacionado coa homosexualidade.[12] Os gobernos locais e estatais seguiron ese exemplo: os bares que servían a homosexuais foron clausurados, e os seus clientes arrestados e publicamente expostos coma reos nas picotas nos xornais. As cidades realizaban campañas para librar os barrios, parques, bares e praias dos gais. Prohibiuse o uso da vestimenta do sexo contrario, e as universidades expulsaban os profesores sospeitosos de seren homosexuais.[13] Miles de gais e lesbianas foron publicamente humillados, acosados fisicamente, despedidos, encarcerados ou ingresados en hospitais psiquiátricos. Moitos vivían unha dobre vida, mantendo as súas vidas privadas en secreto e afastadas das súas vidas profesionais.

En 1952, a Asociación Americana de Psiquiatría catalogou a homosexualidade no Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais (Diagnostic and Statistical Manual, DSM) como un trastorno sociopático da personalidade. Un estudo detallado da homosexualidade de 1962 xustificaba a inclusión do trastorno como un medo oculto ao sexo oposto, causado por relacións pai-fillo traumáticas. Esta opinión tivo unha ampla influencia na profesión médica da época. Non obstante, Evelyn Hooker realizou en 1956 un estudo que comparaba a felicidade e adaptación no seu entorno de homes que se identificaban a si mesmos como homosexuais, con homes heterosexuais, e non encontrou ningunha diferenza.[14] O seu estudo conmocionou a comunidade médica e converteuna nunha heroína para moitos homosexuais,[15] mais a homosexualidade permaneceu no DSM até 1973.

Activismo homófilo e rebelións anteriores[editar | editar a fonte]

O bar Stonewall Inn no 2005.

En resposta á tendencia antihomosexual xeneralizada, formáronse dúas organizacións independentes para defender a causa dos homosexuais e procurar oportunidades sociais para que os gais e lesbianas puidesen manter contactos sociais sen medo a ser arrestados. En 1950 un gai chamado Harry Hai e un grupo de seguidores, cansados do trato discriminatorio pola súa orientación sexual, fundaron a Sociedade Mattachine.[16] Esta organización uniu gais que estiveran illados no exército e animounos a loitar polos seus dereitos, proporcionándolle ademais asistencia legal, liderado e información.[17] Ao atopar unha grande oposición á súa posición radical, en 1953 a sociedade decidiu orientarse cara á procura da respetabilidade e a aceptación. O razoamento era que se poderían cambiar máis mentalidades no relativo ao tema da homosexualidade demostrando que os homosexuais eran persoas normais que non se diferenciaban dos heterosexuais.[18][19] Pouco tempo despois, varias mulleres de San Francisco reuníronse para formar o grupo Daughters of Bilitis (DOB) para lesbianas.[20] Aínda que as oito mulleres que crearon DOB se xuntaban inicialmente nos salóns das súas casas para poder ter un lugar seguro onde poder bailar, ao crecer DOB desenvolveron obxectivos similares aos da sociedade Mattachine, e animaron aos seus membros a implicarse na sociedade.[21]

Un dos primeiros desafíos contra a represión gobernamental chegou en 1953. Unha organización chamada ONE publicou a revista ONE, Inc., e o Servizo Postal negouse a enviala por correo. O número da revista, enviado nun envoltorio de papel ordinario, trataba sobre os homosexuais en matrimonios heterosexuais. O Servizo Postal alegou que contiña material obsceno. O caso chegou ao Tribunal Supremo, que en 1958 sentenciou que o veto era ilegal e que One, Inc. podía distribuír o seu material a través do Servizo Postal dos Estados Unidos.[22]

As organizacións homófilas, como eran coñecidos os grupos gais, creceron en número e expandíronse até a Costa Leste. Gradualmente os membros destas organizacións fóronse volvendo máis atrevidos. Frank Kameny fundou a Mattachine de Washington, D.C. Fora despedido do Servizo de Mapas do exército de Estados Unidos por ser homosexual, e interpuxo demandas para ser readmitido sen éxito. Kameny escribiu que os homosexuais non eran diferentes dos heterosexuais, frecuentemente dirixindo os seus esforzos cara aos profesionais da saúde mental (algúns dos cales asistiron a reunións de DOB e Mattachine, dicíndolle aos asistentes que eran anormais).[23] En 1965 Kameny, inspirado polo movemento afroamericano de dereitos civís,[24] organizou un piquete na Casa Branca e noutros edificios gobernamentais para queixarse da discriminación laboral que sufrían. Os piquetes causaron unha forte impresión entre moitos homosexuais, aínda que non lle gustaron a algúns dos líderes de Mattachine e DOB.[25] Ao mesmo tempo, as manifestacións dos movementos feministas e de dereitos humanos e a oposición á guerra de Vietnam foron aumentando en prominencia, frecuencia e seriedade ao longo da década de 1960, á vez que os enfrontamentos coa policía.[26]

Nas marxes das escasas e pequenas comunidades gais existían persoas que desafiaban os estereotipos de xénero. Había homes efeminados e mulleres masculinas, ou homes que se vestían e vivían como mulleres e mulleres que se vestían como homes, a tempo completo ou parcial. A nomenclatura actual definiríaos como transexuais e travestis, sendo os representantes máis visibles das minorías sexuais. Botaban por terra a afirmación coidadosamente deseñada por DOB e a Mattachine de que os homosexuais eran persoas normais e respectables.[27] A Mattachine e DOB consideraban os xuízos dos arrestados por levar roupa do sexo oposto como algo externo ás loitas das organizacións homófilas: similar, pero claramente separado. Neste clima, algúns gais e persoas transxénero efectuaron unha pequena revolta nos Ánxeles en 1959 como resposta ao acoso policial.[28] En 1966 varios transexuais, drag queens, chaperos e travestis atopábanse na Cafetería Compton's de San Francisco, cando chegou a policía para arrestar aos "homes" vestidos de mulleres. Formouse un altercado entre os clientes habituais, que lle lanzou á policía vasos, cuncas, pratos, rompendo o escaparate e a cristaleira da porta do restaurante. Regresaron varios días máis tarde para romper de novo as fiestras que foran substituídas.[29] A catedrática Susan Stryker clasifica o disturbio da Cafetería Compton's como un "acto de discriminación antitransxénero, máis que un acto de discriminación por orientación sexual" e relaciona o levantamento con outros asuntos de xénero, raza e clase que estaban sendo ignorados polas organizacións homófilas.[27] Este incidente supuxo o inicio do activismo transxénero en San Francisco.[29]

Greenwich Village[editar | editar a fonte]

Os barrios neoiorquinos de Greenwich Village e Harlem convertéronse no lugar de residencia dunha considerable parte da poboación homosexual tras a Primeira Guerra Mundial, cando moitos homes e mulleres que serviran no exército aproveitaron a oportunidade de establecerse nas grandes cidades. Os enclaves de gais e lesbianas, descritos nun xornal da época como "mulleres de pelo curto e homes de pelo longo", desenvolveron unha subcultura específica nas dúas décadas posteriores.[30] A lei seca beneficiou os establecementos gais, xa que o beber alcol converteuse nunha conduta clandestina do mesmo xeito que outras actividades consideradas inmorais. A cidade de Nova York aprobara leis contra a homosexualidade en negocios públicos e privados, pero ao haber unha alta demanda de alcol, os speakeasies e bares improvisados eran tan numerosos e temporais que as autoridades eran incapaces de controlalos todos.[31]

A represión social da década de 1950 provocou unha revolución cultural en Greenwich Village. Xurdiu unha cohorte de poetas, despois denominada a xeración beat, que escribiron sobre a anarquía, as drogas e os praceres hedonísticos. Entre eles estaban Allen Ginsberg e William S. Burroughs, ambos os dous residentes do Greenwich Village, que tamén escribiron sobre a homosexualidade. Os seus escritos atraeron a persoas de mentalidade aberta e a homosexuais que buscaban unha comunidade propia.[32]

A inicios da década de 1960 atopábase en pleno apoxeo unha campaña para librar a cidade de Nova York de bares gais, ordenada polo Alcalde Robert F. Wagner, Jr., que preparaba a Feira mundial de Nova York de 1964 e que estaba preocupado pola imaxe da cidade. A cidade revogou as licenzas para servir alcol nos bares e policías de secreta intentaban arrestar a maior cantidade de homosexuais posible, xustificando as detencións con delitos aos que eles mesmos incitaban.[33] Para logralo, habitualmente, un axente encuberto establecía unha conversación cun home que atopara nun bar ou un parque público. Se a conversación derivaba na posibilidade de manter relacións sexuais ou se se aceptaba unha bebida á que o axente convidaba, o home era arrestado por incitación a actividades prohibidas. Un artigo no New York Post describiu un arresto no vestiario dun ximnasio no que un axente tocouse a entreperna e empezou a gritar; cando un home lle preguntou se estaba ben, foi detido.[34] Poucos avogados defendían casos coma estes, que consideraban indesexables e até algúns proporcionaban descontos nos seus honorarios para os axentes encubertos.[35]

A Sociedade Mattachine conseguiu que o recentemente electo alcalde John Lindsay puxese fin á campaña de acoso policial en Nova York. Non tiveron tanto éxito coa State Liquor Authority (Autoridade Estatal de Bebidas Alcohólicas). Aínda que ningunha lei prohibía que se servise a homosexuais, as cortes permitíanlle á Autoridade que exercese de forma discrecional a aprobación e revogación das licenzas para establecementos que fomentasen condutas "desordenadas".[36] A pesar de que había unha gran poboación gai e lésbica no Greenwich Village, existían moi poucos lugares, fóra dos bares, onde se puidesen reunir abertamente estes sen ser acosados ou arrestados. En 1966 a sección neoiorquina da sociedade Mattachine organizou unha reunión para beber nun bar de Greenwich Village frecuentado por homes gais, para ilustrar a discriminación á que se enfrontaban os homosexuais.[37]

Ningún dos bares frecuentados por gais e lesbianas tiña propietarios gais. Case todos eran propiedade da mafia italiana, que maltrataba aos seus clientes habituais, augaba o alcol e cobraba un prezo excesivo polas bebidas. Con todo tamén subornaba á policía para previr as frecuentes redadas.[38]

Stonewall Inn[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Stonewall Inn.
Mapa da posición do Stonewall Inn en Greenwich Village.

O Stonewall Inn, situado nos números 51 e 53 da rúa Christopher, como outros establecementos da cidade, era propiedade da familia Genovese.[5] En 1966, tres membros da mafia investiron 3.500 dólares para converter o Stonewall Inn nun bar gai, logo de ter sido un restaurante e un club nocturno para heterosexuais. Unha vez á semana, un policía recollía un sobre con diñeiro como suborno, xa que o Stonewall Inn non contaba cunha licenza para vender bebidas alcohólicas.[39][40] Tampouco contaba con auga corrente.[38] Non tiña saídas de emerxencia e constantemente tiña problemas coa drenaxe dos baños.[41] Aínda que no bar non había prostitución, vendíanse drogas e realizábanse outras prácticas ilícitas. Era o único bar para homes gais na cidade de Nova York onde se permitía bailar,[42] polo que, desde a súa reapertura como lugar de ambiente gai, o baile era a súa principal atracción.[43]

En 1969 os clientes do Stonewall Inn eran recibidos por un porteiro que os inspeccionaba a través dunha mirilla. A idade mínima legal para o consumo de bebidas alcohólicas era de 18 anos e, para previr a entrada de policías de paisano, os visitantes debían ser recoñecidos polo porteiro ou debían ter aspecto de gais para poder entrar. A entrada custaba 3$ durante as fins de semana, o que incluía dous vales de bebida. Obrigábaselle aos clientes a asinar cos seus nomes nun libro para facer constar que entraban nun club privado para adultos, pero raramente o facían cos seus verdadeiros nomes. Había dúas pistas de baile no Stonewall. O interior era de cor negra, para crear un ambiente moi escuro que se acentuaba con luces de cor e lámpadas de luz negra. Se se detectaba a presenza policial acendían as luces normais para indicar que todos debían deixar de bailar ou de tocarse.[44] Na parte de atrás do bar había unha sección máis pequena que frecuentaban os homes con pluma. O Stonewall era un dos dous únicos bares onde podían acudir homes efeminados que se maquillaban e se cardaban o pelo (aínda que usaban vestimenta de home).[45] Os porteiros só deixaban entrar a uns cantos travestis ou drag queens. A abafadora maioría dos clientes eran homes, aínda que algunhas lesbianas acudían ao bar de cando en vez. Os mozos sen teito que durmían no próximo parque Christopher Park adoitaban intentar entrar para que os clientes os invitasen a beber.[46] A idade dos clientes oscilaba entre os mozos que non chegaban á vintena, até os que excedían os trinta e había unha proporción aproximadamente igual de brancos, negros e hispanos.[45][47] Debido á diversidade demográfica, á súa localización e á atracción do baile, o Stonewall Inn era o bar gai máis popular da cidade.[48]

As redadas da policía eran comúns. De media ocorrían unha vez ao mes en cada bar. Moitos bares almacenaban máis bebidas nun compartimento secreto detrás do bar, ou nun vehículo estacionado cerca, para proseguir co negocio canto antes se se comisaba o alcol.[5] A xerencia do bar xeralmente tiña coñecemento das redadas de antemán grazas a avisos previos da policía, e as redadas ocorrían o suficientemente cedo como para permitir que o negocio seguise despois de que a policía pasase.[49] Nunha redada típica acendíanse as luces, os clientes formaban unha fila e revisábanse os seus documentos de identidade. Os que non tiñan documentos de identificación ou usaban roupa do sexo oposto eran arrestados. Os demais quedaban en liberdade. Algúns dos homes, até travestis e mulleres transexuais vestidas con roupa feminina, usaban as súas cartillas militares como identificación. As mulleres tiñan que levar un mínimo de tres pezas de roupa femininas ou pola contra eran arrestadas. Tamén se adoitaba arrestar os empregados e xerentes dos bares.[49] Durante o período inmediatamente anterior ao 28 de xuño de 1969 estivéranse realizando redadas de xeito máis frecuente que o normal nos bares da zona. O Stonewall Inn fora obxecto dunha redada policial o martes antes dos disturbios de Stonewall,[50] e foran clausurados outros dous clubs do Greenwich Village, o Checkerboard e o Tele-Star.[51][52]

Os disturbios[editar | editar a fonte]

A redada[editar | editar a fonte]

Ilustración dixital a cor do plano do Stonewall Inn en 1969: un edificio rectangular coa fachada na Rúa Christopher. A porta leva á entrada, desde onde os clientes podían ir á parte principal do bar, á dereita onde estaba a pista de baile principal. Desde aí había unha entrada á sección máis pequena, onde estaban un bar e unha pista de baile máis pequenos. Os baños encontrábanse na parte de atrás do edificio.

Á 1:20 da madrugada do sábado 28 de xuño de 1969, irromperon catro policías vestidos de civil con dous oficiais de policía en uniforme de patrulla, o detective Charles Smythe e o subinspector Seymour Pine, entraron pola porta principal e anunciaron a súa presenza a berros.[53] Antes entraran no bar catro axentes de incógnito para inspeccionar, mentres o Escuadrón de Moral Pública esperaba fóra o sinal. Unha vez dentro, usaron o teléfono de pago do bar para pedir reforzos do sexto distrito. Apagaron a música e acenderon as luces principais. Había aproximadamente 200 persoas no bar esa noite. Os clientes que nunca experimentaran unha redada policial estaban desconcertados, pero algúns, recoñecendo o que estaba ocorrendo, correron cara ás portas e as fiestras dos baños. A policía bloqueou as portas e a confusión aumentou. Un dos presentes, Michael Fader, recorda o momento así: "As cousas pasaron tan rápido... De súpeto había policías por todas partes e dixéronnos que formásemos fila e tivésemos lista a nosa identificación para que nos levasen fóra".[53]

A redada non sucedeu como se esperaba. O procedemento de costume era pór en fila os clientes, revisar a súa identificación e que as policías mulleres levasen os clientes vestidos de muller ao baño para comprobar o seu sexo e arrestar calquera home que estivese vestido de muller. Os que ían con roupa de muller negáronse a ir coas oficiais esa noite. Os demais homes comezaron a negarse a mostrar a súa identificación. Os axentes decidiron levar a todos os presentes á comisaría e separaron ás transexuais e travestis nun cuarto na parte de atrás do bar. Maria Ritter, coñecida pola súa familia como Steve, recorda: "O meu maior medo era ser arrestada. O meu segundo maior medo era que a miña fotografía estivese nun xornal ou reportaxe de televisión, co vestido da miña nai!".[54] Tanto clientes como policías referiron que a sensación de incomodidade creceu rapidamente, agravada por uns policías que comezaron a apalpar de forma inapropiada algunhas das lesbianas ao cachealas.[55]

"Cando viches que un maricón contraataque?... Agora os tempos estaban cambiando. O martes foi a última noite de sandeces... Predominantemente, o tema era, 'esta merda ten que parar!'"
-Participante anónimo dos disturbios[1]

A policía decidira transportar o alcol do bar nos coches celulares. Comisáronse vinte e oito caixas de cervexa e dezanove botellas de bebidas destiladas, pero os coches celulares aínda non chegaran, polo que os clientes tiveron que esperar en fila durante uns 15 minutos.[54] Os que non foron arrestados, foron botados do bar, quedando en liberdade, pero non despexaron o lugar rapidamente como era normal. A xente quedou fronte ao bar e formouse un xentío de persoas que observaban o acontecemento. Aos poucos minutos entre 100 e 150 persoas congregábanse preto do lugar. Algúns saíran do bar e outros achegáronse tras ver os vehículos da policía e a xente. A pesar de que os policías botaron a algúns dos clientes a empuxóns e golpes, algúns clientes liberados pola policía divertiron aos espectadores con poses e facendo o saúdo militar de xeito esaxerado. Os aplausos dos observadores animábanos a seguir.[56]

O Inspector Pine recordou que cando chegou o primeiro coche celular, o xentío, formado maioritariamente por homosexuais, aumentara superando polo menos dez veces o número de persoas inicialmente arrestadas, e todos calaron de súpeto.[57] Debido á confusión nas transmisións de radio, o segundo coche celular atrasouse en chegar. Os policías empezaron a subir os membros da mafia ao primeiro coche e os espectadores vitorearon. Acto seguido, subiron os empregados correntes do bar ao coche. Un dos presentes gritou, "Poder gai!", alguén máis empezou a cantar We shall overcome (venceremos), ao que o xentío reaccionou con xúbilo e bo humor, mesturado cunha "hostilidade crecente e intensa".[58] Un axente empuxou a unha transexual e esta contestou dándolle un golpe ao axente na cabeza co seu bolso mentres os observadores empezaron a apupar. O escritor Edmund White, que paseaba polo barrio, declarou: "Todos están inquedos, enfadados e decididos. Ninguén ten un slogan, ninguén ten sequera unha intención, pero algo se está xestando".[59] O xentío comezoulle a arroxar moedas e logo botellas de cervexa ao coche celular, en resposta ao rumor de que os clientes que aínda estaban dentro do bar estaban sendo agredidos.

Iniciouse unha rifa cando unha muller esposada foi escoltada desde a porta do bar até un coche celular. Zafouse repetidamente e loitou contra catro policías, insultando e gritando, durante uns dez minutos. Descrita como unha "típica marimacho neoiorquina", fora golpeada na cabeza cunha porra, tras queixarse de que as súas esposas estaban demasiado apertadas, segundo unha testemuña.[60] Os presentes recordaron que a muller, de identidade descoñecida,[61] animou os observadores a loitar cando mirou aos presentes e lles dixo, "Por que non fan algo?". Cando un axente a levantou e a meteu no coche,[62] o xentío converteuse nunha turba e armouse o caos: "Foi nese momento cando o ambiente explotou".[63]

"A gota do desbordamento"[editar | editar a fonte]

A policía tratou de conter a xente e derrubaron algúns dos participantes, o que acendeu aínda máis aos presentes. Algúns dos arrestados escaparon do furgón cando a policía os deixou desatendidos (deliberadamente, segundo algunhas testemuñas). [64][65] Mentres o xentío trataba de envorcar a furgoneta, dous vehículos da policía e a propia furgoneta, que tiña os pneumáticos picados, fóronse de inmediato e o Inspector Pine pediulle aos axentes que volvesen canto antes. A conmoción atraeu a máis persoas que se acababan de decatar do que estaba pasando. Algúns participantes declararon que o bar estaba sendo acosado porque non lle pagaran aos policías, polo que alguén máis gritou, "Paguémoslle!".[66] As moedas voaron polo aire cara aos policías e os rebeldes gritaron "Porcos!" e "Polizontes maricóns!". Arroxaron latas de cervexa e os policías reaccionaron tratando de dispersar as persoas. Os participantes atoparon un sitio en construción próximo onde había pilas de ladrillos. Os policías, cuxo número era inferior ao dos manifestantes, que roldaban entre 500 e 600, agarraron a varias persoas, como o cantante de folk Dave Van Ronk, quen chegara á revolta desde un bar veciño ao Stonewall. Aínda que Van Ronk non era gai, experimentara a violencia policial cando participou nas manifestacións contra a guerra: "Segundo a miña forma de pensar, calquera persoa que se opuxese aos policías tiña razón e por iso que me quedei... A policía cometía constantemente atrocidades de todo tipo".[66] Dez axentes de policía, entre eles dúas mulleres, atrincheiráronse xunto a Van Ronk, Howard Smith (un xornalista do The Village Voice) e varios detidos esposados, dentro do Stonewall Inn pola súa propia seguridade.

Varios relatos sobre os disturbios afirman que non había organización previa nin causa aparente para a manifestación e que o que ocorrera era totalmente espontáneo.[67] Michael Fader explicou:

Todos tiñamos un sentimento colectivo de que soportaramos o suficiente desta merda. Non era nada tanxible que alguén lle dixera a outro, era algo así como que todo o que ocorrera a través dos anos se acumulou nesa noite específica e nese lugar específico, e non foi unha manifestación organizada... Todos sentimos que nunca iamos volver. Era como a pinga que enche o vaso. Era hora de reclamar algo que sempre se nos arrebatou... Todo tipo de persoas, todo tipo de motivos, pero máis que nada era total indignación, enfado, pena, todo combinado e como que todo seguiu o seu curso. Era a policía a que facía a maior parte da destrución. Nós realmente estabamos tratando de volver entrar e escapar. E sentimos que por fin tiñamos liberdade, ou liberdade para polo menos demostrar que esixiamos liberdade. Xa non iamos camiñar sumisamente polas noites e deixar que se metesen connosco. Mantivémonos nos nosos trece por primeira vez e iso foi o que sorprendeu á policía. Había algo no aire, liberdade que facía falta desde había moito tempo, e iamos loitar por ela. Manifestouse en dúas formas diferentes, pero o resultado final era que non iamos ceder. E non o fixemos.[68]

A única fotografía sacada a primeira noite dos disturbios mostra os mozos sen teito que durmían no próximo Christopher Park, loitando coa policía.[69] O boletín informativo da Mattachine Society ofreceu a súa explicación da causa da rebelión un mes despois: "Servía principalmente a un grupo de persoas que non eran benvidas, ou non podían custear a entrada, noutros lugares de reunión social homosexual... O Stonewall converteuse en casa para estes mozos. Cando foi atacada, loitaron por iso. Iso, e o feito de que non tiñan nada que perder salvo o lugar máis tolerante e de mente máis aberta da cidade, explican o porqué".[70]

Foron arroxados contra o edificio colectores de lixo, lixo, botellas, pedras e ladrillos, polo que romperon as fiestras. As testemuñas afirman que as transexuais, os "maricas con pluma", prostitutos e "mozos rueiros" gais, é dicir, as persoas máis marxinadas da comunidade gai, foron os responsables da primeira descarga de proxectís e de arrincar un parquímetro que utilizaron como un ariete contra as portas do Stonewall Inn.[71] Sylvia Rivera, muller transexual e posteriormente activista LGBT que estivera dentro do Stonewall durante a redada, vestida de muller, recordou: "Tratástesnos coma merda todos estes anos, non? Agora tócanos a nós!... Foi un dos momentos máis grandes da miña vida".[72] Os manifestantes prendéronlle lume ao lixo e tirárono polas fiestras rotas mentres a policía usaba unha mangueira contra os incendiarios. Como a mangueira non tiña presión non servía para dispersar ao xentío e parecía soamente animalo.

Cando os manifestantes atravesaron as fiestras (que foran cubertas con contrachapado polos propietarios do bar para disuadir a policía de asaltar o local) os policías que estaban no interior sacaron as súas pistolas. As portas foron abertas de par en par e os axentes apuntaron coas súas armas a masa furiosa, ameazando con disparar. O escritor de The Village Voice, Howard Smith, que se atopaba no interior do bar coa policía, tomou unha chave inglesa do bar e meteuna nos pantalóns, sen saber se a usaría contra a policía ou contra a masa. Viu como alguén botou un chorro de combustible dentro do bar e lle prendeu lume mentres a policía apuntaba, mais nese momento escoitáronse sirenas e chegaron os bombeiros. O disturbio durara 45 minutos.[73]

Escalada[editar | editar a fonte]

A forza antidisturbios (Tactical Police Force, TPF) do departamento de policía da cidade de Nova York chegou para liberar os policías que se atopaban dentro do Stonewall. Un oficial tiña un corte nun ollo e outros cinco resultaron feridos polos cascallos que voaran. Bob Kohler, que estaba paseando o seu can preto de Stonewall esa noite, viu como chegaba a TPF: "Estivera en suficientes disturbios como para saber que a diversión terminara... A policía estaba totalmente humillada. Iso nunca sucedera. Estaban máis enfadados que nunca, porque todo o mundo se amotinara... supúñase que os maricas non se podían rebelar... no pasado, ningún grupo obrigara á policía a baterse en retirada, polo que a súa furia era enorme. Quero dicir, querían matar...".[74] Con máis efectivos, a policía detivo os que puido e meteu os detidos en coches patrullas rumbo a prisión, aínda que o inspector Pine apunta que se desataron loitas cos travestis, que non querían ir dentro do coche patrulla". Unha testemuña que estaba na rúa confirmou esa versión, dicindo que "todo o que puiden ver sobre os que estaban loitando é que eran travestis e que estaban loitando con xenio".[75]

Os antidisturbios formáronse en falanxe e intentaron despexar as rúas marchando amodo e dispersando a multitude. A turba burlouse abertamente da policía. A multitude animouse, comezou a improvisar liñas de cancán e a cantar a melodía do The Howdy Doody Show coa seguinte letra: "Nós somos as mozas de Stonewall / O noso pelo é rizado / Non levamos roupa interior / Mostramos o noso vello púbico".[76] Lucian Truscott informou en The Village Voice: "A situación estancada provocou que algúns gais chanceasen, facendo unha formación en forma de coro fronte á liña policial, que ía armada de cascos e porras. Cando a fila estaba en pleno baile, a TPF avanzou de novo e dispersou a masa de persoas, chea de poderosos gais que non cesaban de gritar desde Christopher até a Sétima Avenida".[77] Un participante que estivera no Stonewall durante a redada recorda que "a policía abalanzouse cara a nós e nese momento deime conta de que iso non era bo, porque me deron nas costas cunha porra". Outro relato dicía: "É que non podo quitarme esa visión da cabeza. Os policías con porras e a fila do coro no outro lado. Foi en grao sumo incrible... E de súpeto esa fila do coro, que supoño era unha parodia do machismo... Creo que foi nese momento cando sentín ira. Porque a xente estaba sendo golpeada con porras. E por que? Por unha fila dun coro".[78]

Christopher Park, lugar no que os manifestantes se reuniron tras a primeira noite de disturbios para falar sobre o sucedido. Ten agora unha escultura con catro figuras brancas creadas por George Segal, que conmemoran o acontecemento.[79]

Craig Rodwell, propietario da libraría Oscar Wilde (localizada na mesma mazá do Stonewall Inn, un pouco máis abaixo) informou ter observado policías a perseguir manifestantes polas estreitas rúas, para logo velos aparecer pola seguinte esquina detrás da policía. Os membros da masa detiñan coches, envorcando un para bloquear a rúa Christopher. Jack Nichols e Lige Clarke, na súa columna publicada na revista Screw, declararon que "hordas de manifestantes furiosos perseguíronos [á policía] por varias mazás, gritando 'Collédeos!'".[77]

Sobre as 4:00 da madrugada, as rúas baleiráronse case por completo. Moitas persoas sentaban en escalinatas ou se concentraron preto de Christopher Park ao longo da mañá, un pouco aparvados ante o que sucedera. Moitas testemuñas presenciais recordan o silencio surrealista e inquietante que descendeu sobre Christopher Street, aínda que "o ambiente [continuaba] electrizado".[80] Un comentou: «Había certa beleza nos momentos posteriores aos disturbios... Era obvio, polo menos para min, que moita xente era gai de verdade e, sabes, esta era a nosa rúa».[81] Foran detidas trece persoas. Algúns manifestantes foran hospitalizados,[82] e catro policías resultaron feridos. Case todo o que había no interior do Stonewall Inn foi destruído. O inspector Pine tiña a intención de pechar e desmantelar o Stonewall Inn esa mesma noite. Cabinas de teléfono, aseos, espellos, jukeboxes e máquinas expendedoras de tabaco foron esnaquizados, posiblemente nos disturbios e posiblemente pola policía.[73][83]

"Rebelión aberta"[editar | editar a fonte]

Durante o sitio a Stonewall, Craig Rodwell chamou ao The New York Times, ao The New York Post e ao The New York Daily News para informalos do que sucedía. Os tres xornais cubriron os disturbios; The New York Daily News até puxo a noticia na súa primeira páxina. As noticias sobre os disturbios estendéronse rapidamente por todo Greenwich Village, alimentadas polos rumores de que foran organizados polos Students for a Democratic Society, os Black Panthers ou até que foran causados por "un policía homosexual cun compañeiro de piso que foi bailar ao Stonewall contra os seus desexos".[51] Durante todo o sábado 28 de xuño a xente achegouse a ver o Stonewall Inn, chamuscado e pintado. Apareceron grafitis nas paredes do bar, tales como "Drag power" (poder drag), "They invaded our rights" (invadiron os nosos dereitos), "Support gay power" (apoia o poder gai) e "Legalize gay bars" (legalicen os bares gais), xunto con acusacións de saqueo dos policías e informando sobre o estado do bar: "Estamos abertos".[51][84]

Á noite seguinte os disturbios volveron á rúa Christopher. Os participantes recordarían de distinto xeito que noite foi a máis violenta ou frenética. Regresaron moitos dos que participaran a noite anterior (transexuais, chapeiros, mozos da rúa, "raíñas"), pero uníronselle provocadores policiais, curiosos e até turistas.[85] O máis destacable para moitos foi a repentina exhibición de afecto homosexual en público, tal como describe unha testemuña: "De ir a lugares nos que había que chamar a unha porta e falar cunha persoa a través dunha mirilla para poder entrar. Sinxelamente estabamos fóra. Estabamos nas rúas".[86]

Miles de persoas reuníronse enfronte do Stonewall, que abrira de novo, atascando a rúa Christopher, ata que a marea de xente comezou a ocupar tamén as rúas adxacentes. A masa rodeou autobuses e coches, abafando aos seus ocupantes até que admitisen que eran gais ou indicasen que apoiaban os manifestantes.[87] Sylvia Rivera viu unha amiga súa saltar encima dun coche próximo que intentaba atravesar a zona, a marea de xente moveu o coche dun lado para outro, aterrorizando os seus ocupantes. Outra das amigas de Rivera, Marsha P. Johnson, rubiu a un farol e soltou unha pesada bolsa no capó dun coche de policía, rompendo o parabrisas.[88] Como na tarde anterior, queimáronse colectores de lixo por todo o barrio. Máis de cen policías acudiron das comisarías 5, 6 e 9, e sobre as dúas da madrugada presentáronse os antidisturbios. Sucedéronse as persecucións policiais e, cando os policías capturaban os manifestantes, a masa lanzábase para soltalos.[89] Houbo unha batalla rueira até as 4 da madrugada.[88]

O poeta beat e residente en Greenwich Village Allen Ginsberg, que vivía na rúa Christopher, atopouse co xubiloso caos. Tras saber que os disturbios tiveran lugar a tarde anterior, dixo, "Poder gai! Non é estupendo? Xa era hora de que fixeramos algo para reafirmarnos a nós mesmos", e visitou o Stonewall Inn (xa aberto) por primeira vez. Mentres regresaba a casa, díxolle a Lucian Truscott, "Sabes, os rapaces alí estaban tan guapos, perderan esa mirada ferida que todos os maricas tiñan hai dez anos".[90]

"Situación intolerable"[editar | editar a fonte]

Durante o luns e o martes seguintes a actividade no Greenwich Village foi esporádica, en parte debido á choiva. A policía e os residentes mantiveron algúns altercados, xa que os dous grupos non cesaban de enfrontarse. Craig Rodwell aproveitou a oportunidade para imprimir e distribuír centos de panfletos que dicían: "Sacade a mafia e os policías dos bares gais". Os panfletos chamaban aos gais a rexentar os seus propios establecementos, a boicotear o Stonewall Inn e outros bares propiedade da mafia, e apelaban á opinión publica para que exercesen presión sobre o alcalde para que este investigase a "situación intolerable".[91][92]

Non todos na comunidade gai consideraron a revolta como algo positivo. Moitos gais de maior idade e moitos membros da Mattachine Society, que traballaran durante a década dos 60 para promover a idea de que os homosexuais non eran distintos dos heterosexuais, consideraron vergoñosa a violencia e a exhibición de condutas efeminadas. Randy Wicker, que participara nos piquetes diante da Casa Branca en 1965, dixo que "as raíñas berronas, creando refráns e pateando, ían en contra de todo o que eu quería que a xente pensase sobre os homosexuais... que somos un puñado de drag queens no Village, actuando de xeito desordenado, chabacano e de mal gusto".[93] Outros entenderon o peche do Stonewall Inn, considerado un "tugurio inmoral", como algo positivo para Greenwich Village.[94]

O mércores, para empeorar a situación, The Village Voice incluíu reportaxes sobre os disturbios, escritos por Howard Smith e Lucian Truscott, acompañados de descricións pouco agraciadas dos sucesos e os seus participantes: "efeminados" (limp wrists) e "tolas domingueiras" (Sunday fag follies).[95] Unha masa de xente marchou de novo por Christopher Street e ameazou con queimar as oficinas do The Village Voice. Nesa mesma manifestación, de entre 500 e 1.000 persoas, atopábanse outros grupos que tiveran anteriormente enfrontamentos sen éxito coa policía e que tiñan curiosidade por ver como a policía era derrotada nesta ocasión. Tivo lugar outra explosiva batalla rueira con igualdade de feridos entre manifestantes e policías, saqueos nas tendas locais e o arresto de cinco persoas.[96][97] Os incidentes do mércores pola tarde duraron unha hora aproximadamente e foron resumidos desta forma por unha testemuña: "Correuse a voz. Christopher Street será liberada. Os maricas fartáronse da opresión".[98]

Repercusións[editar | editar a fonte]

A sensación de emerxencia estendeuse por Greenwich Village, até entre aqueles que non presenciaran os disturbios. Moitos dos que se sentiron conmovidos pola rebelión asistiron a reunións organizativas, ao intuír unha oportunidade para entrar en acción. O 4 de xullo de 1969 a Mattachine Society realizou o seu piquete anual diante do Independence Hall de Filadelfia, chamado Recordatorio anual. Os organizadores, Craig Rodwell, Frank Kameny, Randy Wicker, Barbara Gittings e Kay Lahusen, que participaran durante varios anos, tomaron un autobús xunto a outros manifestantes desde a cidade de Nova York até Filadelfia. Desde 1965 estas manifestacións foran moi controladas: as mulleres levaban saia e os homes traxe e gravata e todos camiñaban tranquilamente en filas organizadas.[99] Ese ano Rodwell recordou que se sentía prisioneiro das normas que establecera Kameny. Cando dúas mulleres se colleron da man espontaneamente e Kameny as separou, dicindo: "Nada diso! Nada diso!", Rodwell convenceu a dez parellas para que se collesen da man. Estas parellas fixeron que Kameny se enfurecera, pero xeraron máis atención que todas as manifestacións previas.[100][101] A participante Lilli Vincenz recordaba que, "Estaba claro que as cousas estaban cambiando. As persoas que se sentiran oprimidas, agora sentíanse revitalizadas".[100] Rodwell regresou á cidade de Nova York resolto a cambiar as formas tranquilas, caladas e tímidas de chamar a atención. Unha das súas primeiras prioridades foi planificar o Día da liberación de Christopher Street.[102]

Gay Liberation Front[editar | editar a fonte]

Aínda que a Mattachine Society existía desde a década de 1950, moitos dos seus procedementos resultaban demasiado tímidos para as persoas que foran testemuñas dos disturbios ou que se sentiron inspiradas por eles. A Mattachine recoñeceu o cambio de actitudes nunha historia do seu boletín titulada, The Hairpin Drop Heard Around the World (A caída da pinza escoitada en todo o mundo).[103][104] Cando un dos dirixentes da Mattachine suxeriu unha «amigable e doce» manifestación de vixilia á luz das velas, un home entre o público indignouse e dixo, "Doce! Unha merda! Ese é o papel que a sociedade está obrigando a desempeñar a estas raíñas".[105] O Gay Liberation Front (Fronte de Liberación Gai, GLF) creouse pouco despois, cun panfleto que anunciaba: "Cre que os homosexuais están amotinados? Pode apostar o seu lindo cu a que o estamos!",[105][106] sendo a primeira organización gai que empregaba a palabra "gai" no seu nome, pois organizacións previas como a Mattachine Society, as Daughters of Bilitis e diversos grupos homófilos esconderan os seus obxectivos, elixindo intencionadamente nomes ambiguos.[107]

O auxe da nova militancia volveuse evidente para Frank Kameny e Barbara Gittings (que traballaran en organizacións homófilas durante anos e cunha actividade que fora moi pública), cando asistiron a unha reunión da GLF para ver o novo grupo. Un novo membro da GLF esixiu saber quen eran e cales eran as súas credenciais. Gittings, sorprendida, tatexou, "Son homosexual. Por iso estou aquí".[108] A GLF tomou prestadas técnicas dos manifestantes negros e contra a guerra do Vietnam, aliñándose con eles e co seu ideal de que "podían traballar para reestruturar a sociedade americana".[109] Sumáronse ás accións dos Black Panthers, foron até a prisión de Nova York en apoio de Afeni Shakur e doutras causas da Nova Esquerda. Con todo, aos catro meses de terse creado, o grupo disolveuse cando os membros foron incapaces de chegar a un acordo sobre os procedementos operativos a seguir.[110]

Gay Activists Alliance[editar | editar a fonte]

Seis meses despois dos disturbios de Stonewall, os activistas fundaron un xornal distribuído na cidade chamado Gay. Consideraron que era necesario porque a publicación máis liberal da cidade, The Village Voice, negábase a imprimir a palabra gai nos anuncios do GLF que buscaban novos membros e voluntarios.[111] Fundáronse outros dous xornais nun período de seis semanas: Come Out! e Gay Power, o número de lectores destes tres xornais combinados chegou até os 20.000 e 25.000 lectores.[112][113]

Os membros do GLF organizaron varios bailes para parellas do mesmo sexo. Cando Bob Kohler pediu roupa e diñeiro para axudar aos mozos sen teito que participaran nos disturbios (moitos dos cales durmían en Christopher Park ou Sheridon Square á intemperie), a reacción foi un debate sobre o declive do capitalismo.[114] A finais de decembro de 1969, varias persoas que foran a reunións do GLF e que as abandonaron cheos de frustración, crearon a Gay Activists Alliance (Alianza de Activistas Gais, GAA). A GAA ía concentrarse por completo nos asuntos gais, de xeito ordenado. A súa carta constitucional comezaba dicindo: "Nós como activistas homosexuais liberados esiximos a liberdade para expresar a nosa dignidade e valor como seres humanos".[115] A GAA desenvolveu e perfeccionou unha táctica de confrontación denominada zap, na que tomaban por sorpresa un político durante un acto público e obrigábanlle a tratar o tema dos dereitos de gais e lesbianas. Zapeáronse moitos concelleiros da cidade, incluído o alcalde John Lindsey en varias ocasións (unha delas en televisión ante un público que estaba composto na súa maioría por membros da GAA).[116]

As redadas en bares gais non se detiveron tras os disturbios de Stonewall. En marzo de 1970, o inspector Seymour Pine realizou unha redada no Zodiac e no 17 Barrow Street. Un bar after-hours gai sen licenza para licores ou de aforamento, chamado The Snake Pit, tamén sufriu unha redada pouco despois, sendo detidas 167 persoas. Unha delas, de nacionalidade arxentina, asustouse tanto ante a posibilidade de ser deportado por homosexual, que intentou escapar do precinto policial saltando por unha fiestra desde un segundo piso, quedando o seu corpo atravesado por unhas puntas de 36 cm que había nunha valla.[117] The New York Daily News publicou unha foto moi gráfica do corpo atravesado do mozo na súa portada. Os membros da GAA organizaron unha manifestación desde Christopher Park até a comisaría sexta na que centos de gais, lesbianas e simpatizantes liberais se enfrontaban pacificamente á TPF.[112] Tamén patrocinaron unha campaña de enviarlle cartas ao alcalde Lindsay nas que o congresista demócrata do Greenwich Village, Ed Koch, rogaba que se acabasen as redadas en bares gais na cidade.[118]

O Stonewall Inn sobreviviu unhas poucas semanas tras os disturbios. En outubro de 1969 ofreceuse en alugueiro. Os residentes do Village supuxeron que se convertera nun lugar demasiado famoso, ademais de que o boicot proposto por Rodwell contra a mafia tivera éxito.[119]

Orgullo gai[editar | editar a fonte]

O primeiro aniversario dos disturbios de Stonewall celebrouse co día da liberación de Christopher Street o 28 de xuño de 1970, facendo unha reunión en Christopher Street e a primeira marcha do orgullo gai da historia, que percorreu 51 mazás até Central Park. A marcha necesitou menos da metade do tempo previsto debido ás ganas dos participantes, pero tamén pola cautela á hora de andar pola cidade con signos e pancartas gais. Aínda que o permiso para a marcha se enviara só dúas horas antes do inicio da mesma, os manifestantes atoparon escasa resistencia por parte dos espectadores.[120] The New York Times informou (na súa portada) que os manifestantes ocupaban toda a rúa ao longo de 15 mazás.[121] The Village Voice informou positivamente da marcha, describindo «a resistencia frontal que naceu da redada policial no Stonewall Inn un ano antes».[122]

Houbo pouca animosidade explícita, e algúns viandantes aplaudiron cando unha moza guapa e alta pasou levando un cartel que poñía "Son Lesbiana".
Cobertura do The New York Times do día de liberación gai, 1970.[121]

Realizáronse marchas simultáneas nos Ánxeles e Chicago.[123][124] Ao ano seguinte realizáronse marchas do orgullo gai en Boston, Dallas, Milwaukee, Londres, París, Berlín Oeste e Estocolmo.[122] En 1972 as cidades participantes xa incluían a Atlanta, Buffalo, Detroit, Washington D.C., Miami e Filadelfia.[2]

Frank Kameny deuse conta pronto do cambio fundamental causado polos disturbios de Stonewall. Ao ser un organizador do activismo gai desde a década de 1950, estaba afeito á persuasión, a intentar convencer aos heterosexuais de que as persoas homosexuais non eran diferentes deles. Cando marchaba xunto a outras persoas diante da Casa Branca, o Departamento de Estado ou o Independence Hall, tan só cinco anos antes, o seu obxectivo era que parecese que podían traballar para o goberno dos Estados Unidos.[125] Xunto a Kameny marchaban dez persoas entón e non avisaron á prensa das súas intencións. Aínda que se asombrara pola axitación dos participantes no Recordatorio Anual de 1969, máis tarde dixo que, "Para cando o de Stonewall, tiñamos de cincuenta a sesenta grupos gais no país. Un ano máis tarde había polo menos mil cincocentos. Dous anos despois, na medida en que se podían contar, eran uns dous mil cincocentos".[126]

Randy Wicker describiu a vergoña pola súa propia reacción ao cambio de actitudes tras os disturbios, de xeito parecido ao arrepentimento de Kameny, "como un dos grandes erros da súa vida".[127] A imaxe de gais tomándose o desquite contra a policía, tras tantos anos de permitir tales comportamentos sen loitar, "desataron un espírito inesperado entre os homosexuais".[127] Kay Lahusen, que fotografara as marchas de 1965, dixo que "Até 1969, este movemento chamábase de xeito xeral o movemento homosexual ou homófilo... Moitos activistas novos consideran a revolta de Stonewall como o nacemento do movemento de liberación gai. Desde logo foi o nacemento do orgullo gai a escala masiva".[128]

Legado[editar | editar a fonte]

Comunidade inverosímil[editar | editar a fonte]

Aos dous anos dos disturbios de Stonewall, había grupos en favor dos dereitos LGBT en cada cidade importante estadounidense, en Canadá, Australia e Europa Occidental.[129] As persoas que se unían ás organizacións activistas tiñan pouco en común entre elas, coa excepción de sentirse atraídos por persoas do mesmo sexo. Moitos dos que ían ás reunións da GLF ou a GAA quedaban impresionados ao ver tantos homosexuais xuntos nun mesmo sitio.[130] Con frecuencia xurdiron obstáculos tales como a raza, a clase, a ideoloxía e o xénero nos anos posteriores aos disturbios. Un exemplo foi a manifestación de Stonewall en 1973, cando, momentos despois de que Barbara Gittings encomiou a diversidade dos asistentes, a activista feminista Jean O'Leary criticou o que percibía como burlas cara ás mulleres por parte dos travestis e drag queens que había no lugar. Durante o discurso de O'Leary, no que dicía que as drag queens se rían das mulleres por diversión e para gañar diñeiro, Sylvia Rivera e Le Brewster saltaron ao estrado e gritaron «Van a bares grazas ao que as drag queens fixeron por vostedes e estas putas dinnos que deixemos de ser nós mesmas!».[131] Tanto as lesbianas feministas como as drag queens fóronse desgustadas.[132]

O'Leary tamén traballou a principios da década de 1970 para excluír os travestis dos temas de dereitos gais, ao sentir que os dereitos dos travestis serían demasiado difíciles de conseguir. Sylvia Rivera abandonou o activismo gai nesa mesma década para traballar en favor de temas que afectaban ás persoas transxénero e aos travestis. Con todo, os desacordos iniciais entre os participantes do movemento limáronse tras posteriores reflexións. O'Leary máis tarde lamentou a súa postura contra as drag queens asistentes en 1973: "Botando a vista atrás, paréceme tan vergoñoso porque as miñas opinións cambiaron tanto desde entón. Non me metería cun travesti agora".[132] «Foi horrible. Como puiden traballar para excluír os travestis e ao mesmo tempo criticar as feministas que naquel entón facían todo o posible para excluír as lesbianas?».[133] O'Leary referíase á Lavender Menace (ameaza lavanda), descrición realizada pola feminista de segunda onda Betty Friedan, no seu intento de que as membros da National Organization for Women (NOW) se distanciase das lesbianas do grupo. Como parte deste proceso, Rita Mae Brown e outras lesbianas que foran membros activas de NOW foron obrigadas a irse da organización. Prepararon unha protesta en 1970 no Segundo Congreso para Unir as Mulleres (Second Congress to Unite Women) e obtiveron o apoio de moitas asistentas de NOW, conseguindo a súa aceptación final en 1971.[134]

O auxe do feminismo lésbico nos 70, en ocasións, entraba de tal forma en conflito co movemento de liberación gai, que algunhas lesbianas negábanse a traballar con homes gais. Moitas lesbianas atopaban as actitudes dos homes patriarcais e chovinistas, crían que os homes gais tiñan os mesmos prexuízos cara ás mulleres que os homes heterosexuais.[135] Os temas considerados máis importantes para os homes gais, os procesos por incitación ao delito por parte da policía e por prostitución pública, non eran compartidos polas lesbianas. En 1977 organizouse unha marcha de orgullo lésbico como alternativa para non compartir os temas dos homes gais, especialmente o que Adrienne Rich denominou "o mundo violento e autodestrutivo dos bares gais".[135] A veterana activista homosexual Barbara Gittings elixiu traballar no movemento a prol dos dereitos gais, razoando que "É cuestión de onde doe máis? A min dóeme máis non só o relativo ás mulleres, senón tamén o relativo aos gais".[135]

Ao longo da década de 1970 o activismo gai obtivo importantes vitorias. Unha das máis importantes foi a acción de maio de 1970, que a GLF dos Ánxeles realizou no congreso da American Psychiatric Association (APA). Nunha conferencia sobre modificación de conduta, mentres se proxectaba unha película sobre o uso da terapia electroconvulsiva para reducir a atracción homosexual, Morris Kight e outros membros da GLF interromperon a película con berros de "Tortura!" e "Barbarie!".[136] Tomaron o micrófono para anunciar que os profesionais médicos que prescribían dita terapia para os seus pacientes homosexuais eran cómplices da súa tortura. Aínda que 20 dos psiquiatras que asistían á conferencia se marcharon, a GLF reuniuse durante unha hora cos que quedaron, intentando convencelos de que os homosexuais non eran enfermos mentais.ref name="williams"/> Cando a APA convidou en 1972 aos activistas gais a falar para o grupo, os activistas levaron a John E. Fryer, un psiquiatra gai que se puxo unha máscara porque estaba convencido de que a súa carreira perigaba. En decembro de 1973, grazas en parte aos esforzos dos activistas gais, a APA votou unanimemente retirar a homosexualidade do Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais.[137][138]

Os gais e lesbianas uníronse para traballar conxuntamente en organizacións políticas de base, en resposta á resistencia organizada en 1977 en EUA. Unha coalición de conservadores denominada "Save Our Children" (Salvade os nosos fillos) preparou unha campaña para revogar unha ordenanza de dereitos civís no condado de Miami-Dade, Florida. "Save Our Children" conseguiu ademais revogacións similares nalgunhas cidades estadounidenses en 1978. Con todo, ese mesmo ano, fracasou a súa campaña de California, denominada a Iniciativa Briggs, que pretendía que se despedise a todos os empregados homosexuais dos colexios públicos.[139] A reacción á influencia de "Save Our Children" e a Iniciativa Briggs na comunidade gai foi tan grande que moitos activistas cualificárono como "o segundo Stonewall", marcando o inicio da participación política.[140]

Rechazo á subcultura gai[editar | editar a fonte]

Os disturbios de Stonewall marcaron un punto de inflexión de tal magnitude, que se renegou de moitos aspectos da subcultura gai e lésbica previa, tales como a cultura do bar creada a partir de décadas de vergoña e segredo, que se quixo esquecer. O historiador Martin Duberman apunta que: "As décadas que precederon a Stonewall... continúan sendo percibidas pola maioría de gais e lesbianas como algún tipo de vasto páramo neolítico".[141] O historiador Barry Adam sinala que, "Todo movemento social debe elixir nalgún momento que debe manter e que debe rexeitar do seu pasado. Que características son resultado da opresión e cales son auténticas e saudables?".[142] En consonancia co crecente movemento feminista de principios dos 70, os roles de butch e femme, que se desenvolvían en bares de lesbianas nos 50 e 60, foron rexeitados, por considerar que: "todos os xogos de rol son enfermizos".[143] As feministas lésbicas consideraban o papel masculino (butch) nas lesbianas como unha arcaica imitación da conduta masculina.[144] Segundo Lillian Faderman, algunhas mulleres desexaban desfacerse dos papeis que se viron forzadas a adoptar. Con todo, algunhas mulleres volveron adoptar estes papeis nos 80, aínda que se permitían maior flexibilidade que antes de Stonewall.[145]

O autor Michael Bronski subliña o "ataque á cultura pre-Stonewall", especialmente existente nos libros pulp para gais, onde os argumentos frecuentemente reflectían ambivalencia na súa identidade gai ou odio cara a si mesmos nos protagonistas. Moitas historias terminaban de forma insatisfactoria e drástica, xeralmente con suicidio, e os escritores presentaban os seus protagonistas gais como alcohólicos e profundamente infelices. Estes libros, que Bronski describe como «un tipo de literatura inxente e cohesiva, de e para homes gais»,[146] non foron reeditados e perdéronse para as xeracións seguintes. Bronski rexeita que a razón fose mera corrección política e afirma que "a liberación gai foi un movemento de mozos cuxo sentido da historia estaba definido en gran medida por un rexeitamento do pasado".[147]

Impacto posterior[editar | editar a fonte]

A rebelión que se deu no bar foi un exemplo explícito da loita dos gais e lesbianas, ademais dunha simbólica chamada ás armas para moita máis xente. O historiador David Carter subliña no seu libro sobre os disturbios de Stonewall que o bar en si podía representar moitas cousas (un centro comunitario, unha casa, unha oportunidade para a mafia para chantaxear os seus propios clientes e até un lugar de "explotación e degradación"),[148] mais que o verdadeiro legado dos disturbios de Stonewall é "a loita pola igualdade de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais".[149] O historiador Nicholas Edsall escribiu:

Stonewall comparouse con moitos actos de protesta e desafío radical na historia de América como o motín do té. Pero a comparación máis acertada é a de cando Rosa Parks se negou a sentar nun asento para negros do autobús de Montgomery, Alabama, en decembro de 1955, o que orixinou o movemento a prol dos dereitos civís moderno. Meses despois de Stonewall xurdiron grupos radicais de liberación gai e revistas en numerosas cidades e campos universitarios de América e despois no norte de Europa.[150]

Os historiadores Dudley Clendinen e Adam Nagourney describiron como eran os homosexuais antes da rebelión do Stonewall Inn:

Eran unha lexión secreta de persoas, coñecida, pero pasada por alto, ignorada, da que se rían ou era desprezada. E como posuidores dun segredo, tiñan unha vantaxe, que era unha desvantaxe tamén, a diferenza doutros grupos minoritarios de Estados Unidos. Eran invisibles. A diferenza de afroamericanos, mulleres, nativos americanos, xudeus, irlandeses, italianos, asiáticos, hispanos ou calquera outro grupo cultural que loitaba polo respecto e a igualdade dos seus dereitos, os homosexuais non tiñan marcas físicas ou culturais, nin un idioma nin dialecto común que puidese identificarlos entre si... ou ante os demais. Pero esa noite, por primeira vez, esa aquiescencia habitual converteuse en resistencia violenta... Desde esa noite, a vida de millóns de gais e lesbianas, e a actitude cara a eles da cultura maioritaria na que vivían, cambiou rapidamente. A xente empezou a aparecer en público como homosexuais esixindo respecto.[151]

A historiadora Lillian Faderman denomina os disturbios como "un disparo que se escoitou en todo o mundo", explica, "a rebelión de Stonewall foi crucial porque supuxo a concentración do movemento. Converteuse nun emblema do poder dos gais e lesbianas. Ao chamar a drásticas tácticas de protesta violenta como facían outros grupos oprimidos, os sucesos de Stonewall serviron para indicarlle aos homosexuais que tiñan tantas razóns para sentires insatisfeitos como os demais".

Joan Nestle, que fundou os arquivos Lesbian Herstory Archives en 1975, recoñece o mérito da "creación a esa noite e o valor que encontrou a súa voz nas rúas".[152] Non obstante, amosouse cautelosa á hora de atribuírlle aos disturbios de Stonewall o comezo do activismo gai:

Con certeza non creo que a historia de gais e lesbianas empezara con Stonewalll... e non creo que a resistencia comenzara con Stonewall. O que si vexo é unha unión histórica de forzas, e os sesenta cambiaron a forma na que os seres humanos soportaban as cosas nesta sociedade e o que se negaban a soportar... Sen dúbida ocorreu algo especial esa noite de 1969 e fixémolo aínda máis especial na nosa necesidade de ter o que chamo un punto de orixe... É moito máis complexo que dicir que todo empezou con Stonewall.[153]

Os sucesos da madrugada do 28 de xuño de 1969 non foron o primeiro enfrontamento dos homosexuais coa policía, nin en Nova York, nin noutros lugares. Xa houbera disturbios na cafetería Compton's en 1966 e na Black Cat Tavern dos Ánxeles por unha redada en 1967.[154] Mais diversas circunstancias converteron en memorables os disturbios de Stonewall. A localización do lugar favoreceuno, con rúas estreitas que lle daban vantaxe aos manifestantes sobre a policía.[2] Ademais, moitos dos participantes e residentes de Greenwich Village pertencían a organizacións políticas e puideron mobilizar a unha comunidade gai grande e cohesionada nas semanas posteriores ás revoltas. Pero a faceta máis destacable dos disturbios de Stonewall foi a súa propia conmemoración, que se converteu no Día Internacional do Orgullo LGBT.[2]

A mediados dos noventa, a inclusión dos bisexuais na plataforma da Marcha sobre Washington para Igualdade de Dereitos e Liberación de Lesbianas, Gais e Bisexuais de 1993, marcou a incorporación dos bisexuais no movemento. A comunidade transxénero seguía tendo problemas coa comunidade gai, xa que, por unha banda sentíanse benvidos, pero tamén seguían en desacordo sobre as prioridades nas reivindicacións e a desatención das súas preocupacións.[27][155] En 1994, en Nova York, celebrouse "Stonewall 25", unha marcha que pasou pola sede das Nacións Unidas até entrar en Central Park. Estimouse que participaron 1,1 millóns de persoas.[156] Sylvia Rivera liderou unha marcha alternativa como protesta pola exclusión das persoas transxénero deste acontecemento.[7] A asistencia aos eventos do Día do Orgullo Gai foi crecendo substancialmente nas últimas décadas. A maioría das cidades estadounidenses teñen algún tipo de manifestación do Orgullo, do mesmo xeito que as cidades máis importantes do mundo. De feito, as manifestacións do Día do Orgullo Gai son a maior concentración anual global de calquera tipo.[7] Aínda que a crecente comercialización dos desfiles (con carrozas patrocinadas por empresas) causou certa preocupación por perder a autonomía que tiñan as manifestacións orixinais, que só dependían dos activistas.[7]

En xuño de 1999 o Departamento do Interior dos Estados Unidos designou ao 51 e 53 de Christopher Street, a rúa mesma e as adxacentes como Fito Histórico Nacional, a primeira destas distincións relacionada con acontecementos da comunidade LGBT. Na cerimonia de inauguración, John Berry, axudante do secretario do departamento de interior, declarou: "Que recordemos para sempre que aquí, neste lugar, homes e mulleres estiveron orgullosos de si mesmos e mantivéronse firmes, para que poidamos ser o que somos, traballar onde queiramos, elixir onde vivir e a quen amar".[157]

Un novo movemento, denominado Stonewall 2.0 en honra aos disturbios orixinais, xurdiu entre a nova xeración de gais e lesbianas estadounidenses, que se enfrontan a retos tales como a Proposición 8 e a prohibición de servir abertamente no exército.[158] O 1 de xuño de 2009, o Presidente Barack Obama declarou xuño como o mes do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transxénero, citando os disturbios como razón para "comprometerse pola igualdade ante a lei para os estadounidenses LGBT".[159] Ese ano cumpríase o 40º aniversario dos disturbios, o que motivou a reflexión de xornalistas e activistas sobre os progresos realizados desde 1969. Frank Rich, de The New York Times, sinalou que non existía ningunha lei federal que protexese os dereitos dos gais estadounidenses. Un editorial no Washington Blade comparou o violento activismo durante e despois dos disturbios de Stonewall coa escasa resposta actual ante as desigualdades aínda existentes.[160] Para conmemorar este aniversario, realizáronse actos e celebracións por todo o mundo.[161]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Carter, p. 143.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Armstrong, Elizabeth, Crage, Suzanna (outubro de 2006). "Movements and Memory: The Making of the Stonewall Myth", American Sociological Review, 71 (5) p. 724–752.
  3. Carter, p. 15.
  4. Todos os estados do país, a excepción de Illinois, penalizaban o sexo homosexual consentido entre adultos no ámbito privado; en 1961: «Un adulto acusado do crime de ter sexo con outro adulto de maneira consensuada na privacidade da súa casa podería ter unha multa lixeira ou chegar a pasar cinco, dez ou vinte anos -incluso toda a súa vida- no cárcere. En 1971, vinte estados mantiñan leis sobre 'sexo psicopático' que permitían a detención de homosexuais por esta razón. En Pensilvania e California, os ofensores sexuais podían ser encerrados en institucións mentais de por vida e en sete estados podían ser castrados». (Carter, p. 15) A castración, a terapia emética, a hipnose, a terapia de electroshock e as lobotomías eran usadas polos psiquiatras para intentar "curar" os homosexuais dos seus desexos durante a década de 1950 e a de 1960.(Katz, p. 181–197.)(Adam, p. 60.); véxase tamén Terapia de reorientación sexual.
  5. 5,0 5,1 5,2 Duberman, p. 183.
  6. Carter, p. 79–83.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "Pride Marches and Parades", in Encyclopedia of Lesbian, Gay, Bisexual, and Transgender History in America, Marc Stein, ed. (2004), Charles Scribner's Sons.
  8. Adam, p. 56.
  9. Edsall, p. 277.
  10. Adam, p. 58.
  11. Véxase tamén a voz «Terror lavanda».
  12. Edsall, p. 278.
  13. Adam, p. 59.
  14. Edsall, p. 310.
  15. Marcus, p. 58–59.
  16. Marcus, p. 24–25.
  17. Adam, p. 62–63.
  18. Adam, p. 63–64.
  19. Marcus, p. 42–43.
  20. Marcus, p. 21.
  21. Gallo, pp. 1–5, 11.
  22. Marcus, p. 47–48.
  23. Marcus, p. 80–88.
  24. Adam, p. 71.
  25. Marcus, p. 105–108.
  26. Adam, p. 72–73.
  27. 27,0 27,1 27,2 Stryker, Susan (2008). "Transgender History, Homonormativity, and Disciplinarity", Radical History Review, p. 145–157.
  28. Faderman and Timmons, pp. 1–2
  29. 29,0 29,1 Boyd, Nan Alamilla (2004). "San Francisco" in the Encyclopedia of Lesbian, Gay, Bisexual and Transgendered History in America, Ed. Marc Stein. Vol. 3. Charles Scribner's Sons. p. 71–78.
  30. Edsall, p. 253–254.
  31. Edsall, p. 255–256.
  32. Adam, p. 68–69.
  33. Carter, p. 29–37.
  34. Carter, p. 46.
  35. Duberman, p. 116–117.
  36. Carter, p. 48.
  37. Sharyn Jackson (17 de xuño de 2008). "Before Stonewall: Remembering that, before the riots, there was a Sip-In. The Village Voice. http://www.villagevoice.com/2008-06-17/news/before-stonewall/. Consultado o 28 de xuño de 2012. 
  38. 38,0 38,1 Duberman, p. 181.
  39. Duberman, p. 185.
  40. Carter, p. 68.
  41. Carter, p. 80.
  42. Duberman, p. 182.
  43. Carter, p. 71.
  44. Duberman, p. 187
  45. 45,0 45,1 Duberman, p. 189.
  46. Duberman, p. 188.
  47. Deitcher, p. 70.
  48. Carter p. 74.
  49. 49,0 49,1 Duberman, p. 192–193.
  50. Carter, p. 124–125.
  51. 51,0 51,1 51,2 Teal, p. 4.
  52. "4 Policemen Hurt in 'Village' Raid: Melee Near Sheridan Square Follows Action at Bar", The New York Times, 29 de xuño, 1969, p. 33.
  53. 53,0 53,1 Carter, p. 137.
  54. 54,0 54,1 Carter, p. 142.
  55. Carter, p. 141.
  56. Teal, p. 2.
  57. Carter, p. 147.
  58. Carter, p. 147–148.
  59. Carter, p. 148.
  60. Duberman, p. 196.
  61. Os relatos de testemuñas, incluíndo cartas e informes das novas da muller que loitou coa policía, contradinse. Mentres que algunhas testemuñas afirman que unha muller que loitou contra o maltrato por parte da policía causou o enfado da xente, algúns informan que varias "lesbianas machonas" empezaran a contraatacar mentres aínda estaban no bar. Polo menos unha muller xa estaba sangrando cando foi sacada do bar (Carter, p. 152–153). Craig Rodwell (en Duberman, p. 197) afirma que o arresto da muller non foi o incidente principal que provocou a violencia, senón que foi un de varios acontecementos simultáneos.
  62. Carter, p. 152.
  63. Carter, p. 151.
  64. Morty Manford, testemuña, declarou: "Non me cabe dúbida ningunha de que esas persoas foron desatendidas deliberadamente. Presumo que hai algún tipo de relación entre os xerentes do bar e a policía local, polo que realmente non querían arrestar esa xente. Pero tiñan que polo menos aparentar facer o seu traballo". (Marcus, p. 128.)
  65. Carter, p. 154.
  66. 66,0 66,1 Carter, p. 156.
  67. Anos despois dos disturbios, considerouse a morte da icona gai Judy Garland esa mesma semana, o 22 de xuño de 1969, como un factor importante dos disturbios, pero ningún dos participantes das manifestacións da madrugada do sábado recordan ter oído ningunha mención do nome de Garland. Ningún informe impreso fiable dos disturbios cita a Garland como motivo dos altercados, aínda que algunha publicación heterosexual o comentou de maneira sarcástica. (Carter, p. 260.) Sylvia Rivera, quen recorda que estivo entristecida e asombrada polo número de presentes no funeral de Garland o venres 27 de xuño, dixo que non tiña moitas ganas de saír. Non obstante, cambiou de parecer máis tarde. (Duberman, p. 190–191.) Bob Kohler, falando dos mozos sen teito de Sheridan Square, dixo «Enérvome cando me din que a morte de Judy Garland tivo algo que ver co disturbio. Os mozos da rúa encaraban a morte diariamente. Non tiñan nada que perder. E importáballes moi pouco Judy. Estamos falando de rapaces de catorce, quince, e dezaseis anos. Judy Garland era querida polos gais de mediana idade de clase media. Enfádame porque o trivializa todo». (Deitcher, p. 72.)
  68. Carter, p. 160.
  69. Carter, p. 162.
  70. Teal, p. 13.
  71. Carter, p. 163–165.
  72. Deitcher, p. 67.
  73. 73,0 73,1 Teal, p. 3.
  74. Carter, p. 175
  75. Carter, p. 174
  76. Teal, p. 5
  77. 77,0 77,1 Teal, p. 6.
  78. Carter, p. 178.
  79. Christopher Park: Gay Liberation Monument. New York City Department of Parks and Recreation. http://www.nycgovparks.org/parks/M012/highlights/10767. Consultado o 29 de xuño de 2012. 
  80. Carter, p. 180.
  81. Carter, p. 181.
  82. Un manifestante necesitou puntos de sutura para curar un xeonllo, roto por unha das porras policiais; outro perdeu dous dedos cunha porta de coche. As testemuñas lembran que algúns dos «rapaces máis femininos» recibiron fortes malleiras. (Duberman, p. 201–202.)
  83. Duberman, p. 202.
  84. "Police Again Rout Village Youths: Outbreak by 400 Follows a Near-Riot Over Raid", The New York Times, 30 de xuño de 1969, p. 22.
  85. Carter, p. 184.
  86. Carter, p. 185.
  87. Carter, p. 186.
  88. 88,0 88,1 Duberman, p. 204–205.
  89. Carter, p. 191.
  90. Teal, p. 7.
  91. Duberman, p. 205.
  92. Teal, p. 8–9.
  93. Duberman, p. 207.
  94. Duberman, p. 206.
  95. Carter (p. 201) atribúe a furia contra as reportaxes do The Village Voice ao seu enfoque sobre a conduta afeminada dos participantes, excluíndo calquera acto valoroso. O autor Edmund White insiste en que Smith e Truscott intentaban reafirmar a súa propia heterosexualidade ao aludir os feitos e as persoas en termos pexorativos.
  96. Duberman, p. 208–209.
  97. Carter, p. 203–205.
  98. Carter, p. 205.
  99. Marcus, p. 105–107.
  100. 100,0 100,1 Carter, p. 216–217.
  101. Duberman, p. 210.
  102. Duberman, p. 211.
  103. LaFrank, p. 17.
  104. O termo "Hairpin drop" (deixar caer unha pinza do pelo) era unha expresión da xerga gai que implicaba suxerir ou dar pistas sobre a orientación sexual dun mesmo (LaFrank, p. 17.)
  105. 105,0 105,1 Teal, p. 19.
  106. A frase orixinal é "Do you think homosexuals are revolting? you bet your sweet ass we are!" que xoga co dobre sentido de revolting que tamén significa repugnante.
  107. Clendinen, p. 31.
  108. Marcus, p. 136.
  109. Duberman, p. 216.
  110. Carter, p. 220–221.
  111. Clendinen, p. 40.
  112. 112,0 112,1 Carter, p. 242.
  113. Duberman, p. 235.
  114. Carter, p. 220.
  115. Clendinen, p. 50–51.
  116. Carter, p. 245–246.
  117. Carter, p. 238–239.
  118. Teal, p. 106–108.
  119. Carter, p. 252.
  120. Clendinen, p. 62–64.
  121. 121,0 121,1 Fosburgh, Lacey (29 de xuño, 1970). "Thousands of Homosexuals Hold A Protest Rally in Central Park", The New York Times, p. 1.
  122. 122,0 122,1 LaFrank, p. 20.
  123. Duberman, p. 278–279.
  124. De la Croix, Sukie (2007). Gay power: A History of Chicago Pride, Chicago Free Press. Consultado o 1 de xuño de 2009.
  125. Cain, p. 91–92.
  126. Carter, p. 251.
  127. 127,0 127,1 Clendinen, p. 25.
  128. LaFrank, p. 21.
  129. Adam, p. 82.
  130. Marcus, p. 152–155.
  131. Clendinen, p. 171–172.
  132. 132,0 132,1 Duberman, p. 236.
  133. Marcus, p. 156.
  134. Adam, p. 90–91.
  135. 135,0 135,1 135,2 Faderman, p. 211–212.
  136. Williams & Retter, p. 121.
  137. Marcus, p. 146–147.
  138. Cain, p. 65.
  139. Cain, p. 275.
  140. Fejes, p. 214.
  141. Duberman, p. xv.
  142. Adam, p. 93.
  143. Barry, p. 94.
  144. Faderman, p. 232.
  145. Faderman, pp. 210, 266.
  146. Bronski, p. 16.
  147. Bronski, p. 12.
  148. Carter, p. 264.
  149. Carter, p. 266.
  150. Edsall, p. 333.
  151. Clendinen, pág. 12.
  152. LaFrank, p. 17.
  153. Deitcher, p. 74.
  154. Witt et al., p. 210
  155. Thompson, Kara (2004). "Transsexuals, Transvestites, Transgender People, and Cross-Dressers" en Encyclopedia of Lesbian, Gay, Bisexual and Transgendered History in America, Ed. Marc Stein. Vol. 3. Charles Scribner's Sons, 2004. p. 203–208.
  156. LaFrank, p. 22.
  157. David W. Dunlap (26-6-1999). Stonewall, Gay Bar That Made History, Is Made a Landmark. New York Times. http://www.nytimes.com/1999/06/26/nyregion/stonewall-gay-bar-that-made-history-is-made-a-landmark.html?sec=&spon=&pagewanted=1. Consultado o 3-3-2010. 
  158. Stonewall 2.0 The Nation. Christopher Lisotta. 4 de novembro de 2009. Consultado o 13 de abril de 2010.
  159. Presidential Proclamation - LESBIAN, GAY, BISEXUAL, AND TRANSGENDER PRIDE MONTH, 2009. Casa Branca. 1 de xuño de 2009. http://www.whitehouse.gov/the_press_office/Presidential-Proclamation-LGBT-Pride-Month/. Consultado o 3 de marzo de 2010. 
  160. Alas, Poor Activism, We Knew Her Well. Washington Blade. 26 de xuño de 2009. 
  161. Stonewall Riots 40th Anniversary: A Look Back at the Uprising that Launched the Modern Gay Rights Movement Democracy Now! 26 de xuño de 2009. Consultado o 13 de abril de 2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Adam, Barry (1987). The Rise of a Gay and Lesbian Movement, G. K. Hall & Co. ISBN 0-8057-9714-9
  • Bronski, Michael (ed.) (2003). Pulp Friction: Uncovering the Golden Age of Gay Male Pulps, St. Martin's Griffin. ISBN 0-312-25267-6
  • Cain, Paul (2007). Leading the Parade: Conversations with America's Most Influential Lesbians and Gay Men, Scarecrow Press, Inc. ISBN 0-8108-5913-0
  • Carter, David (2004). Stonewall: The Riots that Sparked the Gay Revolution, St. Martin's Press. ISBN 0-312-34269-1
  • Clendinen, Dudley, and Nagourney, Adam (1999). Out for Good, Simon & Schuster. ISBN 0-684-81091-3
  • D'Emilio, John (1983) Sexual Politics, Sexual Communities, The University of Chicago Press, Chicago
  • Deitcher, David (ed.) (1995). The Question of Equality: Lesbian and Gay Politics in America Since Stonewall, Scribner. ISBN 0-684-80030-6
  • Duberman, Martin (1993). Stonewall, Penguin Books. ISBN 0-525-93602-5
  • Edsall, Nicholas (2003). Toward Stonewall: Homosexuality and Society in the Modern Western World, University of Virginia Press. ISBN 0-8139-2211-9
  • Faderman, Lillian (1991). Odd Girls and Twilight Lovers: A History of Lesbian Life in Twentieth Century America, Penguin Books. ISBN 0-14-017122-3
  • Gallo, Marcia (2006). Different Daughters: A History of the Daughters of Bilitis and the Rise of the Lesbian Rights Movement, Seal Press. ISBN 1-58005-252-5
  • Katz, Jonathan (1976). Gay American History: Lesbians and Gay Men in the U.S.A. Thomas Y. Crowell Company. ISBN 0-690-01165-2
  • LaFrank, Kathleen (ed.) (January 1999). "National Historic Landmark Nomination: Stonewall", U.S. Department of the Interior: National Park Service.
  • Marcus, Eric (2002). Making Gay History, HarperCollins Publishers. ISBN 0-06-093391-7
  • Teal, Donn (1971). The Gay Militants, St. Martin's Press. ISBN 0-312-11279-3
  • Williams, Walter and Retter, Yvonne (eds.) (2003). Gay and Lesbian Rights in the United States: A Documentary History, Greenwood Press. ISBN 0-313-30696-6

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]