Sexo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
O éxito reprodutivo do sexo en animais: a fusión dun espermatozoide e un óvulo, que ó unirse crean un cigoto.

En bioloxía, o sexo é un proceso de combinación e mestura de trazos xenéticos a miúdo dando por resultado a especialización de organismos en variedades feminina e masculina (coñecidas como sexos). A reprodución sexual implica a combinación de células especializadas chamadas gametos para formar fillos que herdan o material xenético, e polo tanto os trazos e natureza de ambos pais. Os gametos poden ser idénticos en forma e función (isogametos), pero nalgúns casos evolucionaron cara a unha asimetría de tal xeito que hai dous tipos de gametos específicos por sexo (heterogametos): os gametos masculinos son pequenos, móbiles, e optimizados para o transporte da súa información xenética a certa distancia; mentres que os gametos femininos son grandes, non móbiles e conteñen os nutrientes precisos para o desenvolvemento do novo organismo.

O sexo dun organismo defínese polos gametos que produce: os de sexo masculino producen gametos masculinos (espermatozoides) mentres que os de sexo femininos producen gametos femininos (óvulos), os organismos individuais que producen tanto gametos masculinos como gametos femininos denomínanse hermafroditas. Na especie humana hai varios casos que son semellantes ó hermafroditismo, pero o termo máis correcto para referirse a unha persoa con estas condicións é intersexual. Acotío, as diferenzas físicas asócianse co sexo do organismo; este dimorfismo sexual pode reflectirse nas presións reprodutivas diferentes de cada sexo.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo «sexo» deriva do latín sexus, por sectus, «sección, separación» e aparece empregado por vez primeira en De inventione I de Cicerón.

Evolución[editar | editar a fonte]

Considérase que a reprodución sexual apareceu por primeira vez arredor de hai 1000 millóns de anos, evolucionaron dentro de devanceiros de eucariotas unicelulares.[1] A razón da evolución inicial de sexo, (e as razóns) polas que sobreviviu até o presente, son aínda obxecto de debate. Algunhas das teorías plausibles inclúen: que o sexo crea a variación da descendencia, o sexo axuda á propagación de características vantaxosas, e que o sexo axuda á eliminación dos trazos desfavorables; proceso que ocorre mediante a selección sexual.

A reprodución sexual é un proceso específico das Eukaryotaeucariotas, organismos cuxas células conteñen un núcleo e mitocondrias. Ademais dos animais, as plantas e os fungos, outras eucariotas (por exemplo, o parasito da malaria) tamén participan na reprodución sexual. Algunhas bacterias empregan a conxugación, que é unha transferencia de material xenético entre as células, e aínda que non é o mesmo que a reprodución sexual, tradúcese tamén na mestura dos trazos xenéticos.

O que se considera a definición da reprodución sexual é a diferenza entre os gametos e a natureza binaria da fertilización. A multiplicidade de tipos de gametos dentro dunha especie aínda se consideran un xeito de reprodución sexual. Porén, coñécense células terceiras que non son gametos nos animais multicelulares.[2][3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

Representación artística dun acto sexual.

O Xénese, primeiro libro da Biblia, comeza cun relato da creación da terra seguido da creación de Adán e Eva. Semella que a versión máis estendida, que narra a orixe de Eva nunha costela de Adán, se debe a unha mala tradución, pois a sinonimia da palabra zela leva a pensar que unha tradución máis axeitada sería "costado". De ser así o Antigo Testamento describiría a Adán como gineandromorfo, masculino nun costado e feminino no outro. Nesta dualidade xenérica, que lle dá ao relato bíblico unha orientación puramente heterocéntrica, baséase a pretensión cristiá da complementación entre home e muller. Unha imaxe semellante chéganos a través do mito grego que describe ao ser humano orixinal como un ser con catro pernas, catro brazos, dous rostros e dous sexos. Para anular o poder destes seres, Zeus cortounos polo medio, deixando a cada unha das metades buscando eternamente o que lle foi quitado. Os gregos explican a homosexualidade afirmando que as dúas metades podían ser do mesmo sexo.[5]

Os pensadores gregos, especialmente Xenofonte, Platón e Aristóteles, enunciaron a moral sexual do momento artellándoa sobre catro conceptos:

  • Aphrodisia. Son os actos de Afrodita, que buscan certa forma de pracer no obxecto de desexo.
  • Chresis. É o principio que modera e limita a actividade pracenteira.
  • Enkrateia. É o dominio que define a actitude necesaria ante un mesmo para constituírse en suxeito moral.
  • Sophrosyne. É a caracterización do suxeito moral na súa realización.

Os gregos desta época admitían certos comportamentos sexuais con moita máis facilidade que en épocas posteriores, do mesmo xeito que as faltas en materia sexual suscitaban menos escándalo e provocaban menos desgustos, tanto máis que a inexistencia de institucións pastorais e médicas se atrevía a determinar o que era normal ou anormal, o que se debía permitir ou prohibir[6].

Na actualidade os sistemas xurídicos occidentais adoitan recoñecer cinco clases de sexo diferentes que caracterizan ao individuo[7]:

  • Sexo legal: o que figura inscrito no rexistro logo do nacemento.
  • Sexo cromosómico: o indicado polos cromosomas.
  • Sexo hormonal: o indicado polo estado hormonal do organismo.
  • Sexo fisiolóxico: o evidenciado pola presenza de órganos xenitais e caracteres sexuais secundarios.
  • Sexo psicosocial: aquel polo que unha persoa é considerada no seu ámbito de relación e co que ela mesma se identifica.

Nos individuos transexuais non hai correspondencia entre o sexo psicosocial e os outros tipos de sexo. Os individuos con diferentes graos de hermafroditismo a correspondencia entre o sexo fisiolóxico e os demais é difícil de avaliar, pois o seu corpo, e en especial os órganos xenitais, non reúnen as características morfolóxicas que son habituais, ou ben contan ao mesmo tempo con xenitais masculinos e femininos máis ou menos definidos.

Xénero[editar | editar a fonte]

Moitas especias animais presentan un acusado dimorfismo sexual como é o caso do faisán común
Artigo principal: Xénero (bioloxía).

Os individuos da maioría das especies poden clasificarse en dous grupos diferenciados polo seu sexo ou xénero. Polo xeral, existen dous sexos: macho e femia (no caso da especie humana utilízanse preferentemente os termos home e muller). Esta distinción é un acto cultural que habitualmente está en correspondencia coa posesión duns órganos sexuais propios de cada sexo.

O dimorfismo sexual é unha característica da especie que permite, por medio da cópula, a procreación da especie. A cópula ou coito é un acto de reprodución que consiste na introdución do órgano reprodutor masculino -o pene- no sistema reprodutor feminino -a vaxina- de forma que os gametos masculinos poidan chegar ao gameto feminino e producirse a fecundación. Non todas as especies con reprodución sexual a levan a cabo mediante a cópula.

As especies que presentan diferenciación sexual chámanse especies dioicas, as que non a teñen denomínanse especies monoicas.

Sexualidade[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sexualidade humana.

A palabra sexo refírese tamén á sexualidade en xeral.

Acto sexual[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Acto sexual.

Chámanse actos sexuais a aqueles relacionados coa actividade ou o pracer sexual acompañado dalgúns xogos sexuais ou facendo posible algunha fantasía.

Órgano sexual[editar | editar a fonte]

A palabra sexo tamén se utiliza para facer referencia ao órgano sexual, masculino ou feminino.

Existe unha gran cantidade de nomes para referirse aos órganos xenitais humanos. Por pudor de utilizar termos demasiado explícitos, obxecto dun certo tabú social, utilízanse perífrases ou termos propios de certos rexistros lingüísticos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Book Review for Life: A Natural History of the First Four Billion Years of Life on Earth" (en inglés). Jupiter Scientific. Consultado o 7 de abril de 2008. 
  2. Amanda Schaffer, "Pas de Deux: Why Are There Only Two Sexes?",Slate, consultado o 27 de setembro de 2007.
  3. Laurence D. Hurst, "Why are There Only Two Sexes?", Proceedings: Biological Sciences, 263 (1996): 415–422.
  4. Haag ES (2007). "Why two sexes? Sex determination in multicellular organisms and protistan mating types". Seminars in Cell and Developmental Biology (en inglés) 18: 348–9. 
  5. POTTS, M.; SHORT, R. (2002). Historia de la sexualidad: Desde Adán y Eva. Ediciones AKAL. ISBN 84-8323-205-7, 9788483232057.  Ligazón externa en |title= (axuda)
  6. FOUCAULT, M. (2002). Historia de la sexualidad, 2, El uso de los placeres. Siglo XXI. ISBN 968-23-1326-0, 9789682313264.  Ligazón externa en |title= (axuda)
  7. CHAO REGO, X. A condición homosexual. Galaxia. Vigo, 1999. ISBN 84-8288-268-6.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outras páxinas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alberts B, Johnson A, Lewis J, Raff M, Roberts K, and Walter P (2002). Molecular Biology of the Cell (4a ed.). Nova York: Garland Science. ISBN 0-8153-3218-1. 
  • Gilbert SF (2000). Developmental Biology (6a ed.). Sinauer Associates, Inc. ISBN 0-87893-243-7. 
  • Arnqvist, G. & Rowe, L. (2005) Sexual conflict. Princeton University Press, Princeton. ISBN 0-691-12217-2
  • Maynard-Smith, J. The Evolution of Sex. Cambridge University Press, 1978.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]