Colexio de San Xerome

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pazo de San Xerome»)
Colexio de San Xerome
Colexio de San Xerome
Edificio
TipoColexio residencial
Estilobarroco galego, románico
EnderezoPraza do Obradoiro
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°52′48″N 8°32′44″O / 42.88, -8.54555556Coordenadas: 42°52′48″N 8°32′44″O / 42.88, -8.54555556
Construción
Construciónséculo XVII, con pórtico medieval
Remate1652
Dimensións
Plantasplanta terrea e sobrado
Equipo
Arquitecto(s)Descoñecido
editar datos en Wikidata ]
Portada medieval do Colexio de San Xerome.

O Colexio de San Xerome, dito tamén Colexio de Artistas, é un edificio civil de Santiago de Compostela, sito no lado meridional da praza do Obradoiro, cerrándoa por ese lado.

Historia[editar | editar a fonte]

Este colexio menor[1] era, en orixe, unha fundación do arcebispo compostelán Alonso de Fonseca, terceiro dese nome, con intención de dedicalo a colexio de estudantes pobres e artistas, que se localizaba no denominado Hospicio da Acibecharía. Dependía do Colexio de Fonseca.

Durante o século XVII, en 1651, decidiuse trasladalo desa localización.[2] Para iso edificouse un novo edificio, na entón chamada praza do Hospital (por situarse nela o Hospital dos Reis Católicos), a actual praza do Obradoiro. Até hai poucos anos atribuíanse os planos ao arquitecto Bartolomé Fernández Lechuga (así Chamoso Lamas), e o patio ao prestixioso José de la Peña de Toro; mais na actualidade debe dicirse que descoñecemos quen foi realmente o autor da edificación.

Estaba dotado dun vicerreitor e tres profesores. Desapareceu como colexio menor en 1840.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

O resultado foi un edificio de liñas puras e apenas dous corpos de altura, no que se insertou o pórtico medieval, proveniente do devandito Hospicio, que até aquela altura acollía o colexio, que se acostuma datar entre 1490 e 1500. Este elemento arqueolóxico foi mal interpretado en anos pasados, ao tomarse por unha longa persistencia de hábitos construtivos dos mestres arquitectos galegos e proba do arraigo da arte románica en Galiza.

A portada representa, na esquerda e de dentro a fóra, as figuras de Santiago apóstolo, San Xoán e San Francisco. Á dereita e na mesma orde, San Pedro, San Paulo e San Mauro[3].

No tímpano, a figura da Inmaculada, flanqueada por Santa Margarida e Santa Catarina.

Na arquivolta, a Virxe co Neno, no centro, rodeada de figuras de santos e santas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Usos[editar | editar a fonte]

Durante boa parte do século XX, foi sede da Escola Normal de Maxisterio. Desde os anos 1980, e xunto co pazo de Fonseca, alberga o Reitorado da Universidade de Santiago.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Historia institucional/Reseña biográfica". Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia. 119295. Consultado o 9 de xuño de 2022. 
  2. Montero, Juan Manuel Monterroso (1996). "Universidade e cidade: apuntamentos sobre desenvolvemento urbano da Universidade de Santiago de Compostela". Eduga: revista galega do ensino (11): 195. ISSN 1133-911X. 
  3. Ficha na web de Turgalicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]