Montjuïc, Barcelona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaMontjuïc, Barcelona
Imaxe

Localización
Mapa
 41°21′51″N 2°09′29″L / 41.364166666667, 2.1580555555556Coordenadas: 41°21′51″N 2°09′29″L / 41.364166666667, 2.1580555555556
EstadoEspaña
Comunidade autónomaCataluña
Provinciaprovincia de Barcelona
Ámbito funcional territorialÁmbito metropolitano de Barcelona
ComarcaBarcelonès
ConcelloBarcelona
Distritos (pt) TraducirSants-Montjuïc Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Superficie458,5 ha Editar o valor em Wikidata
Altitude177,72 m Editar o valor em Wikidata

Montjuïc é unha montaña situada no suroeste da cidade de Barcelona, en Cataluña, cunha altitude máxima de 184,8 metros sobre o nivel do mar. Desde ela dominábanse o porto e a zona antiga da cidade. Antigamente había numerosas pedreiras que subministraban material á cidade. Atópase administrativamente no distrito de Sants-Montjuïc.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente atribuíuse ao topónimo o significado de Monte dos xudeus, supostamente en catalán medieval, motivado pola existencia dun cemiterio xudeu na montaña, que foi confirmada polos documentos e arqueólogos. Outra teoría tamén aceptada é que sexa unha corrupción do latín Mons Jovicus (Monte de Xúpiter), nome mencionado por Pomponio Mela na súa Corografía:

«Inde ad Tarraconem parva sunt oppida Blande, Iluro, Baetulo, Barcino, Subur, Tolobi; parva flumina Baetulo, iuxta Iovis montem Rubricatum in Barcinonis litore, inter Subur et Tolobin Maius»
Desde aquí ata Tarraco hai as poboacións de Blande, Iluro, Baetulo, Barcino, Subur e Tolobi; os pequenos ríos Baetulo, el Rubricatus, xunto ao Monte de Xúpiter, na costa de Barcino, e o Maius, entre Subur e Tolobi.

Historia[editar | editar a fonte]

Bombardeo de Barcelona (1842).

Atopáronse restos dun poboado ibérico do século III e II a.C.

Sempre foi un lugar estratéxico desde o que defender a cidade, polo que desde a antigüidade houbo fortaleza no seu cumio. En 1751 construíuse o actual castelo, obra de Juan Martín Cermeño, que durante a Guerra da Independencia Española foi ocupado polos franceses.

Ademais dun punto estratéxico para a defensa da cidade, foi importante para mantela baixo control, xunto coa fortaleza da Ciutadella no outro extremo da cidade. En 1843 bombardeouse a cidade desde o castelo para pór fin á rebelión da jamancia, destruíndo ou danando 460 edificios.

O castelo tamén foi utilizado numerosas veces como prisión para presos políticos ata os tempos da ditadura de Franco, e lugar onde posteriormente eran fusilados e enterrados no camposanto do lado noroeste da montaña. Durante o século XIX fusiláronse varios anarquistas e en 1940 a Lluís Companys, presidente da Generalitat de Cataluña.

En 1928 foi o sitio elixido para acoller a Exposición Universal, motivo polo que se construíron os diferentes pavillóns que se alzan polas abas da montaña e a ambos lados do paseo que o leva ata a Plaça d'Espanya, no distrito de Sants-Montjuïc, e desde onde se pode gozar dunhas grandes vistas.

En 1969, 1971, 1973 e 1975 disputouse o Gran Premio de España de Fórmula 1 no circuíto de Montjuïc, nas súas rúas, pero debido a un accidente que custou a vida de dous espectadores en 1975, a FIA decidiu que Montjuïc era un lugar perigoso para disputar un gran premio de F1. Tamén acollía a celebración das 24 Hores Motociclistes de Monjuïc.

Vista de Montjuic.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Na actualidade está intimamente relacionado co deporte, debido á gran cantidade de instalacións deportivas que acolle.

Museo Nacional de Arte de Cataluña
Torre de telecomunicacións

Na aba deste monte encóntranse as instalacións olímpicas que acolleron os Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, como o Estadio Olímpico Lluís Companys (estando no seu recinto o Museo da Fundació Barcelona Olímpica), o Palau Sant Jordi, deseñado polo arquitecto xaponés Arata Isozaki, a Piscina de Saltos e as Piscinas Picornell, e o antigo Pazo dos Deportes da rúa Lleida, agora reconvertido no Barcelona Teatre Musical, que acolle espectáculos teatrais e musicais. A oferta de instalacións deportivas a completan o estadio de atletismo Joan Serrahima e o das instalacións do Instituto Nacional de Educación Física de Cataluña (INEF Cataluña).

En Montjuic hai tamén lugares de interese turístico como o Poble Espanyol, un recinto que recolle rúas, prazas e lugares característicos de toda España, podéndose apreciar na súa entrada as Torres de Ávila. Ademais, está poboado con restaurantes, bares, e lugares de lecer e espectáculo.
Está tamén en Montjuic a torre de telecomunicacións deseñada por Santiago Calatrava. Antigamente acolleu o famoso Parque de Atraccións de Montjuïc, agora reconvertido no xardín público Joan Brossa.

A montaña é sede tamén de importantes institucións culturais. Ademais do mencionado Barcelona Teatre Musical, encóntranse o Teatre Lliure, o Mercat de les Flors, o Teatre Grec, o Museo Joan Miró, o Museo CaixaFòrum, o Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC), o Museo etnolóxico de Barcelona/Museu etnològic de Barcelona, o museo Militar e o museo do Castelo de Montjuic, así como o Xardín Botánico Histórico, que dispón dunha colección única de cactos, e o novo Xardín Botánico de Barcelona especializado na flora das zonas mediterráneas.

Na Avenida María Cristina, entrada principal á montaña desde a Praza de España, están os pavillóns da Fira Barcelona, construídos co gallo da Exposición Internacional de 1929, e que organiza algúns dos salóns, mostras e exposicións máis importantes de España. Fronte ós pavillóns da Fira están as famosas Fontes de Montjuïc, que os venres, sábados e domingos amosan un espectáculo único no mundo de luz, música e cor.

Vista da Exposición Universal de 1929 desde a praza de España

.

É tamén un lugar ideal para o descanso e o paseo, debido ás grandes extensións de xardíns, e as espectaculares vistas que ofrece da cidade de Barcelona. Desde 2006 estanse recuperando gran parte das escaleiras ornamentais e espazos orixinais da montaña durante a Exposición de 1929. Creouse unha oficina de información pública na "Font del Gat", xunto ós museos etnolóxico e arqueolóxico. Tamén se remodelou o antigo teleférico para poder subir ata o cumio da montaña e ver desde o castelo unha das vistas máis impresionantes de Barcelona.

Ocupando unha das ladeiras da montaña sitúase o Cemiterio de Montjuïc, o maior dentro do termo municipal de Barcelona.

Transporte[editar | editar a fonte]

Pódese acceder a Montjuïc con diferentes transportes:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]