Casa Fuster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°23′53″N 2°9′29″L / 41.39806, -2.15806

Casa Fuster.

A Casa Fuster é un edificio modernista deseñado e creado por Lluís Domènech coa colaboración do seu fillo Pere Domènech entre o ano 1908 e o 1911 na cidade de Barcelona. Foi construída por encargo de Consol Fabra i Puig, filla do marqués d'Alella e muller de Marià Fuster Fuster, na cal residiría.[1]

Atópase no número 132 do passeig de Gràcia, diante dos Xardíns de Salvador Espriu, preto da Diagonal. Precisamente os xardíns chámanse así na honra do poeta, xa que nun dos despachos da torre cilíndrica da esquina Espriu creou gran parte da súa obra literaria.

Domènech i Montaner, nunha das súas últimas obras, a derradeira en Barcelona, emprega moitos dos seus elementos característicos: base de robustas columnas de pedra rosa, fiestras trilobadas, ornamentación floral. O conxunto denota unha gran contención expresiva, favorecida pola brancura do mármore e a euritmia das fachadas; a posterior é insolitamente lisa.

Trátase dunha construción estruturada en tres fachadas de mármore branco e unha solución da esquina principal, cun corpo cilíndrico que forma tribunas, típica de Domènech. O edificio obedece a formas máis racionalistas aínad que con algún trazo historicista. Está rematado por uns curiosos faiados de ar francés moi pouco habituais na arquitectura modernista catalá;[1] tiña que estar coroado cunha torre semellante á do pavillón de administración do Hospital de la Santa Creu i Sant Pau que non se chegou a construír xamais. O edificio está construído con vidro, mármore, lousa...

Nos baixos do edificio funcionou, durante moitos anos, o mítico Cafè Vienès que, xunto coa sala de baile El Danubio, no soto, era un centro de encontro privilexiado da cidade. No ano 2000, a empresa Hoteles Center mercou a casa a Enher e converteuna nun hotel de gran luxo, malia as protestas de entidades veciñais de Gràcia que reclamaban que o espazo se convertese nun centro cultural.[2]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Catàleg exposició "la Caixa", pàg.121-123
  2. "Els veïns volen la Casa Fuster per a equipaments del barri.". La Veu del Carrer (FAVB): 6. Barcelona, núm. 63 (verán 2000),. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]