Mississippi
State of Mississippi (en) | |||||
Himno | Go, Mississippi (en) (17 de maio de 1962) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Virtute et armis (mul) » | ||||
Símbolo oficial | Tordo-imitador (pt) (aves) | ||||
Alcume | The Magnolia State | ||||
Epónimo | Río Mississippi | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Capital | Jackson | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.961.279 (2020) (23,61 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 1.116.649 (2020) | ||||
Lingua oficial | lingua inglesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 125.443 km² | ||||
Auga | 3,11 % | ||||
Bañado por | Golfo de México, Río Mississippi, Rio Pearl (pt) e Pickwick Lake (en) | ||||
Altitude | 91 m | ||||
Punto máis alto | Woodall Mountain (pt) (246 m) | ||||
Punto máis baixo | Golfo de México | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 10 de decembro de 1817 | ||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Government of Mississippi (en) | ||||
• Governor of Mississippi (en) | Tate Reeves (pt) (2020–) | ||||
Órgano lexislativo | Mississippi Legislature (en) , | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supreme Court of Mississippi (en) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | US-MS | ||||
Identificador GNIS | 1779790 | ||||
Páxina web | ms.gov | ||||
Mississippi é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na rexión Sur do país. Mississippi foi historicamente un estado dominado por granxas e pequenas cidades, dependente da agricultura e da gandaría. Actualmente, con todo, este estado posúe unha economía relativamente diversificada, cunha industria de manufactura e cun turismo en crecemento. Mississippi está considerado o estado máis pobre dos Estados Unidos, con altas taxas de desemprego e a menor renda per cápita do país.
Mississippi ten ese nome debido ao río Mississippi, que discorre ao longo da súa fronteira oeste. O nome Mississippi provén dunha palabra do ojibwa, que significa "grandes augas" ou "pai das augas". Algúns alcumes de Mississippi son Estado da Magnolia e Estado da hospitalidade.
Mississippi foi inicialmente colonizado polos españois, pero anexionado polo Reino Unido baixo os termos do Tratado de París de 1763. Coa independencia das Trece Colonias, a rexión de Mississippi pasou a formar parte dos recentemente creados Estados Unidos de América. O Territorio de Mississippi creouse en 1798 e, xa como o actual Mississippi, foi elevado á categoría de estado da Unión o 10 de decembro de 1817. Mississippi prosperou economicamente e foi durante décadas un dos estados máis ricos do país. Mississippi segregouse dos Estados Unidos en 1861, uníndose aos Estados Confederados de América. Foi un dos estados máis afectados pola Guerra Civil Estadounidense, que arruinou a súa economía e cuxos efectos socioeconómicos aínda poden apreciarse hoxe en día.
Historia
[editar | editar a fonte]Ata 1817
[editar | editar a fonte]Na rexión que constitúe actualmente Mississippi vivían tres tribos diferentes de nativos americanos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos. Estas tribos eran os chickasaw, que vivían na rexión céntrica do actual Mississippi, os choctaw, que vivían no norte e no leste, e os natchez, que vivían no suroeste. A poboación indíxena en Mississippi, na época en que os primeiros exploradores europeos chegaron á rexión, estímase entre 25.000 e 30.000 nativos americanos.
Os primeiros exploradores europeos que chegaron ó territorio foron os membros dunha expedición española comandada por Hernando de Soto en 1541. Soto e a súa expedición andaban á procura de ouro e doutros metais preciosos. Posto que non atoparon ningún destes recursos naturais na zona, non fundaron ningún asentamento. O territorio continuaría sen ser explorado polos europeos ata 1692, cando o francés Pierre Le Moyne d'Iberville fundou o primeiro asentamento permanente no actual Mississippi, onde está localizada actualmente Ocean Springs. Pola súa banda, o francés René Robert Cavelier xa reivindicara para a coroa francesa toda a conca fluvial do río Mississippi en 1682.
En 1716, o tamén francés Jean-Baptiste Le Moyne fundou o segundo asentamento europeo permanente na rexión, Fort Rosalie, onde actualmente está situada a cidade de Natchez. Os franceses empezaron o comercio de peles de animais cos nativos do territorio e iniciaron tamén o cultivo de tabaco e de arroz. Para isto, os franceses trouxeron os primeiros escravos a Mississippi en 1722.
O economista escocés John Law iniciou a principios do século XVII un proxecto para aumentar a poboación do país. Malia todo, o seu proxecto fallou e as persoas que investiron cartos no proxecto perderon todo o investido. Porén, o proxecto, cuxa suspensión de pagos foi anunciado no Reino Unido, atraeu ingleses e escoceses a Mississippi. Estes colonos fundaron diversos asentamentos, tales como Old Biloxi, New Biloxi (actual Biloxi) e Fort Louis da Mobile (actual Mobile). Con todo, o poboamento da rexión do Mississippi continuou sendo escaso e poucas persoas se interesaron por trasladarse á zona por mor dos frecuentes ataques dos nativos e das desavinzas entre os franceses e o Reino Unido —que tamén reivindicaba a rexión.
En 1730, os natchez empezaron unha rebelión armada contra os franceses. A represión francesa foi dura. En resposta os franceses atacaron rapidamente, masacrando á gran maioría dos membros da tribo, incluídas mulleres e nenos. Seis anos despois, en 1736, os chickasaw, axudados polos británicos, derrotaron as milicias francesas no nordeste do actual Mississippi, arrebatándolles aos franceses o control do río Mississippi. En 1763, baixo os termos do Tratado de París, os franceses cederon a colonia aos británicos. A rexión sur pasou a formar parte do territorio británico de Florida Occidental, mentres que o resto do actual Mississippi pasou a formar parte de Xeorxia.
En 1775 iniciouse a Guerra de Independencia dos Estados Unidos. Os habitantes da Florida Occidental, a maioría de ascendencia británica, permaneceron na súa maioría leais á coroa británica; mentres que os comerciantes (principalmente británicos e franceses) e os nativos americanos da rexión centro-norte do actual Mississippi apoiaron os rebeldes norteamericanos. España, que se aliou cos rebeldes durante a revolución armada, capturou a rexión de Florida Occidental sen dificultades en 1781. Dous anos despois, a guerra pola independencia terminou e, baixo os termos do Tratado de París de 1783, os británicos cederon a Florida Occidental aos españois e o resto do actual Mississippi —os territorios por riba do paralelo 32°— aos estadounidenses. Os estadounidenses inmediatamente reclamaron o paralelo 31° como fronteira e os españois aceptaron esta reivindicación en 1795.
En 1798, os Estados Unidos crearon o Territorio de Mississippi. O Territorio comezaría a desenvolverse máis rapidamente a partir de 1803, cando os Estados Unidos adquiriron un gran territorio, a Compra de Luisiana. Luisina outorgou aos Estados Unidos control pleno sobre o río Mississippi e estimulou o poboamento da zona. En 1803 o goberno americano cedeu terras ao norte do Territorio de Mississippi para unilas ao Territorio. Mississippi medraría en superficie novamente en 1812, cando unha parte da Florida Occidental foi anexionada polos Estados Unidos. Daquela o Territorio de Mississippi estaba composto por toda a rexión que actualmente constitúe Mississippi, así como o estado veciño de Alabama.
En 1817, o Congreso americano segregou da rexión leste do entón Territorio de Mississippi un novo territorio, o Territorio de Alabama. O 10 de decembro do mesmo ano, Mississippi elevouse á categoría de estado, converténdose no 20º estado da Unión.
1817 - 1945
[editar | editar a fonte]Inicialmente, a capital de Mississippi foi Columbia, cambiándose algúns anos despois por Natchez e Washington ata que se trasladou definitivamente a Jackson en 1822. Os norteamericanos, durante a década de 1810 ata a década de 1830, forzaron gradualmente os nativos instalados en Mississippi a saíren do estado. Non houbo conflitos armados pola posesión das terras e os nativos abandonaron o estado pacificamente, aínda forzados. A gran maioría dos nativos trasladouse ao que se chamaba daquela o Territorio Indíxena —actualmente o estado de Oklahoma. A expulsión dos nativos deixou libres grandes extensións de terras para o cultivo, que atraeron grandes poboacións a Mississippi.
A finais da década de 1830, Mississippi era un gran centro agrario norteamericano. O estado posuía vastos latifundios, nos que se cultivaba principalmente algodón para a súa exportación. Estes latifundios dependían do traballo escravo como man de obra barata. Ata o comezo da década de 1860, Mississippi era considerado un dos estados máis ricos do país.
A maior parte da poboación de Mississippi apoiaba o uso do traballo escravo, do que dependía a economía do estado, como noutros estados do Sur americano. Ata a década de 1830, a maior parte da poboación estaba en contra dunha posible secesión do resto da Unión. Con todo, en menos de tres décadas, a idea de secesión cada vez acadou máis partidarios, por mor da crecente forza abolicionista nos Estados Unidos, que ameazaba a economía escravista do estado. En xaneiro de 1861, os membros do Lexislativo de Mississippi reuníronse nunha convención constitucional e decidiron segregarse dos Estados Unidos, converténdose no segundo estado americano en facelo, logo de Carolina do Sur. En febreiro, Mississippi uniuse a outros dez estados que se separaron dos Estados Unidos e entrou a formar parte dos Estados Confederados de América. Jefferson Davis, de Mississippi, foi nomeado primeiro Presidente da Confederación. Ese mesmo ano iniciaríase a Guerra Civil Estadounidense.
Aproximadamente oitenta mil homes de Mississippi serviron no exército confederado durante a guerra civil. Mississippi foi escenario de diversas batallas entre as tropas confederadas e as unionistas. A meirande destas batallas foi a Batalla de Vicksburg, acontecida o 4 de xullo de 1863, cando o forte confederado en Vicksburg foi capturado por tropas norteamericanas comandadas polo xeneral Ulysses S. Grant. As batallas que tiveron Mississippi como escenario foron causa de gran destrución nas súas cidades e campos. A economía de Mississippi ficou completamente arruinada ao remate da guerra en 1865 por mor do bloqueo dos portos da confederación, da elevada inflación e da fuga masiva de escravos. Mississippi, ata entón un dos estados máis ricos dos Estados Unidos, figura desde aquela entre os estados máis pobres do país.
Mississippi, despois do fin da guerra civil, pasou a ser administrada por militares americanos. Despois da adopción dunha nova constitución estatal, en 1870, Mississippi foi readmitido como estado americano en 1870. Non soamente se aboliu o traballo escravo en todos os Estados Unidos, senón que ademais o goberno americano impuxo un goberno estatal composto por brancos e afroamericanos. Isto foi visto como unha humillación por parte da poboación branca do estado. En 1876, o goberno militar que gobernaba Mississippi retirouse e os habitantes do estado recuperaron o control do goberno. Gradualmente, os afroamericanos perderon moitos dos dereitos que gañaran despois da guerra civil.
A economía de Mississippi tardaría décadas en recuperarse da destrución causada pola Guerra Civil. Soamente volvería aos niveis de pre-guerra na década de 1890, pasando a medrar máis vigorosamente a partir do inicio da década de 1900. Nese momento, a economía do estado comezou a diversificarse coa construción de fábricas e liñas ferroviarias. A silvicultura fíxose tamén unha importante fonte de ingresos en Mississippi. O auxe económico do estado durante os inicios do século XX ocorreu sobre todo durante a primeira guerra mundial, grazas ao aumento da demanda internacional de produtos industrializados.
Durante a década de 1900, Mississippi realizou diversas reformas socio-educativas. En 1908, o estado instituíu un sistema agrario de escolas de ensino secundario para intentar minguar as deficiencias no sistema educativo nas áreas rurais do estado. En 1912 Mississippi prohibiu o uso do traballo infantil. En 1916 iniciouse un programa de educación para adultos que pretendía diminuír as altas taxas de analfabetismo. En 1924 instituíuse o actual departamento de educación.
En 1927 un grande asolagamento do río Mississippi fixo que preto de cen mil persoas, que vivían ao longo do leito, fuxisen da zona. Malia que non morreu ninguén, as crecidas causaron danos por valor de preto de 204 millóns de dólares, un dos desastres naturais máis caros ata daquela na historia americana.
A principios da década de 1930, Mississippi foi duramente castigado pola Gran Depresión que causou suspensións de pagos en moitos establecementos comerciais e industriais, desemprego e endebedamento de granxeiros. O estado reaccionou creando un programa chamado Balancing Agriculture With Industry (Balanceando Agricultura Con Industria) para estimular unha maior diversificación da economía do estado e diminuír a súa dependencia en relación á agricultura, aínda a maior fonte de riqueza. O programa, axudado polo descubrimento de reservas de petróleo en 1939 e en 1940, fixo que a economía se recuperase en gran medida arredor de 1940, o que estimulou a industrialización de Mississippi. Ao longo do ano seguinte, en 1941, os Estados Unidos entrarían na segunda guerra mundial e Mississippi pasou a industrializarse rapidamente. Este crecemento continuou despois do final da guerra en 1945.
1945 - Tempos actuais
[editar | editar a fonte]Ata 1954, as institucións de ensino de Mississippi estaban segregadas. Ese ano, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos ordenou a fin da segregación racial en todas as institucións de ensino dos Estados Unidos. Boa parte da poboación branca de Mississippi estaba en contra do fin da segregación. O proceso de integración racial nas escolas do estado foi moi lento e gradual e un dos máis violentos do país. En 1962 dúas persoas morreron nunha revolta popular cando James Merendith se converteu no primeiro afroamericano en ser admitido na Universidade de Mississippi. En 1964 tres membros do Movemento polos Dereitos Civís dos afroamericanos foron asasinados. Foi neste ano cando as primeiras escolas públicas do estado foron integradas, dez anos despois da orde do Tribunal Supremo. En 1969, boa parte das escolas do estado aínda permanecían segregadas cando o Tribunal Supremo, considerando este proceso como lento e ineficiente en Mississippi, ordenou a inmediata integración das escolas do estado. En decembro do mesmo ano foron integradas na súa totalidade.
Malia a industrialización acontecida durante e despois da segunda guerra mundial, a industria de Mississippi aínda era moi feble e o estado aínda dependía da agricultura e da gandaría. Moitos granxeiros, pola súa banda, quedaron desempregados por mor da crecente modernización das granxas do estado, o que diminuíu a demanda de man de obra no sector agropecuario. Mississippi puxo en funcionamento durante as décadas de 1950 e 1960 diversas medidas para estimular unha maior industrialización. En 1954 os traballadores xa non foron obrigados a unirse a sindicatos cando eran contratados por unha fábrica. En 1960 Mississippi diminuíu drasticamente os impostos para establecementos industriais instalados no seu territorio. Ao final da década de 1960 traballaban máis persoas no sector industrial ca no sector agropecuario. O proceso de industrialización e de diversificación da economía continúa en Mississippi aínda hoxe.
O 17 de agosto de 1969, o furacán Camille alcanzou o litoral de Mississippi, matando a 248 persoas e causando 1.500 millóns de dólares en danos e perdas. O 29 de agosto de 2005, o furacán Katrina causou unha destrución aínda maior ao longo dos 71 quilómetros de litoral do Mississippi xunto ao golfo de México.
En anos recentes, ademais da industrialización, Mississippi destacouse polo seu conservadorismo político e polos conflitos raciais. En 1990, o estado permitiu a construción de casinos fluviais, que soamente podían situarse en embarcacións nos ríos. A legalización destes casinos aumentou os ingresos anuais do goberno de Mississippi. Con todo, estes ingresos víronse drasticamente reducidos co furacán Katrina, que destruíu moitos destes casinos fluviais. Cidades que tiñan os casinos como unha fonte primaria de riqueza eran Gulfport e Biloxi, no litoral do estado no golfo de México, e Tunica, Greenville, Vicksburg e Natchez. Antes do furacán Katrina, Mississippi posuía a segunda maior industria de casinos do país, detrás soamente de Nevada e diante de Nova Jersey, sendo superada por esta última despois do furacán.
O 17 de outubro de 2005 o gobernador Harley Barbour asinou unha lei que permitía a reconstrución en terra de casinos nos condados de Hancock e Harrison, sempre que non estivesen localizados a máis de 800 metros do litoral. No condado de Harrison estes casinos poden ser construídos ao longo da Highway 90, unha autoestrada federal.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Mississippi limita ao norte con Tennessee, ao leste con Alabama, ao sur con Alabama e o golfo de México e ao oeste con Luisiana e Arcansas.
O litoral de Mississippi ao longo do golfo de México ten unha extensión de 71 quilómetros. Contando todas as rexións bañadas polo mar —baías, estuarios e illas oceánicas— esta extensión increméntase ata os 578 quilómetros. O litoral do estado xunto ao océano Atlántico, ao ser moi chairo e de baixa altitude, é moi vulnerable ás variacións das mareas, aos ciclóns tropicais e a outros fenómenos que poidan provocar un aumento do nivel do mar. Por iso, grandes diques protexen rexións densamente poboadas próximas ao litoral do estado co golfo de México. O meirande destes diques ten 40 quilómetros de lonxitude —o máis longo dos Estados Unidos no seu xénero.
O río Mississippi (que é a orixe do nome do estado) é o río máis importante de Mississippi. Forma toda a fronteira oeste con Arcansas e gran parte da fronteira do estado con Luisiana. O río Mississippi, por ser relativamente chairo na rexión, reborda con moita facilidade, o que fai moi vulnerables as súas ribeiras fronte ás inundacións. A conca fluvial do río Mississippi abrangue todo o oeste e o centro-norte do estado. Os ríos localizados na rexión leste de Mississippi desembocan directamente no golfo de México.
Os bosques cobren preto do 55% do estado. Mississippi caracterízase pola súa baixa altitude. Ningunha parte do estado está localizada por enriba dos 250 metros sobre o nivel do mar. O terreo do estado é polo xeral chairo, sen maiores accidentes xeográficos.
Mississippi pode ser dividido en tres rexións xeográficas distintas:
- As Chairas Aluviais de Mississippi esténdense nunha estreita franxa de terra localizada ao longo do río Mississippi. Esta rexión é extremadamente chaira, con poucos accidentes xeográficos. É especialmente vulnerable aos desbordamentos do río Mississippi. Estes alagamentos, malia poderen causar grandes devastacións nas comunidades urbanas, depositan inxentes cantidades de sedimentos nesta área, o que fertiliza o chan.
- As Chairas Occidentais da Costa do Golfo ocupan a maior parte do resto de Mississippi e son a maior das tres rexións xeográficas en que se divide. Esta rexión caracterízase polo seu terreo pouco accidentado, cuberto de elevacións achatadas e pequenos outeiros de baixa altitude nun chan relativamente vizoso. O maior destes outeiros, o Woodall Mountain, é o punto máis elevado do estado con 246 metros de altitude.[1] Boa parte das Chairas Occidentais están cubertas por bosques.
- O Cinto Negro é unha estreita franxa de terra localizada na rexión leste de Mississippi. É unha rexión de praderías, chaira e cun chan pobre en comparación co resto do estado.
Clima
[editar | editar a fonte]Mississippi posúe un clima subtropical con veráns longos e quentes e invernos curtos.
Durante o inverno, a temperatura diminúe a medida en que se viaxa en dirección norte. A temperatura media de Mississippi no inverno é de 8°C. A temperatura media da rexión sur de Mississippi é de 10 °C. No norte é de 5 °C. En xeral, a media das mínimas de Mississippi no inverno é de 3 °C. A media das máximas é de 15 °C. As temperaturas raramente caen por debaixo dos -10 °C. A temperatura máis baixa rexistrada en Mississippi foi de -28 °C en Corinth o 30 de xaneiro de 1966.
No verán, a temperatura media aumenta a medida que se viaxa en dirección oeste, aínda que a variación de temperatura sexa mínima entre unhas zonas e outras. A temperatura media de Mississippi durante o verán acada os 27 °C. A temperatura media da rexión oeste do estado é de 28 °C. No leste ascende ata os 26 °C. En xeral, a media das mínimas de Mississippi no verán é de 21 °C. A media das máximas é de 34 °C. A temperatura máis alta rexistrada en Mississippi foi de 46 °C en Holly Springs o 29 de xullo de 1930.
A taxa de precipitación media anual de Mississippi diminúe conforme se viaxa en dirección norte, variando entre os 130 centímetros no noroeste do estado e os máis de 165 centímetros anuais no sur. A neve é un fenómeno infrecuente en Mississippi. Ocorre esporadicamente no norte do estado. Con todo, as xeadas e as sarabias son comúns. Estes fenómenos climáticos causan millóns de dólares en perdas ao cabo do ano no sector agrario de Mississippi. Os furacáns tamén son habituais no estado.
Temperaturas medias mensuais altas e baixas de varias cidades de Mississippi | ||||||||||||
Cidade | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xull | Ago | Set | Out | Nov | Dec |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Jackson | 13/2 | 16/3 | 20/7 | 24/11 | 28/16 | 32/20 | 33/22 | 33/21 | 30/18 | 25/11 | 19/6 | 14/3 |
Meridian | 14/2 | 17/3 | 21/7 | 25/10 | 29/16 | 32/19 | 34/21 | 34/21 | 31/18 | 26/11 | 20/6 | 16/3 |
Tupelo | 10/-1 | 13/1 | 18/5 | 23/9 | 27/14 | 31/19 | 33/21 | 33/20 | 29/17 | 24/9 | 17/4 | 12/1 |
Fonte: ustravelwather |
Política
[editar | editar a fonte]A actual Constitución de Mississippi foi adoptada en 1890. Outras constitucións máis antigas foron promulgadas en 1817, 1832 e en 1869. As Emendas á Constitución son propostas polo Poder Lexislativo e, para seren aprobadas, necesitan a aprobación do 67% do Senado e da Cámara dos Representantes do Estado e posteriormente do 51% ou máis dos electores de Mississippi en referendo. Os electores tamén poden propor emendas á Constitución mediante petición popular. Igualmente, as emendas poden ser realizadas por medio dunha Convención constitucional, que necesita obter polo menos a aprobación do 67% dos votos de ámbalas cámaras do Poder Lexislativo e do 51% dos electores do estado en referendo.
O principal oficial do Poder executivo de Mississippi é o Gobernador. Este, xuntamente co Tenente Gobernador, é elixido polos electores para mandatos de ata catro anos. Ambos cargos son elixidos nunha lista electoral sen límite ningún de mandatos. Non obstante, non poden exercer dous mandatos consecutivos. A maioría dos oficiais dos diferentes departamentos do Executivo de Mississippi son nomeados polo gobernador, co consentimento do Lexislativo, agás o Tesoureiro, o Secretario de Estado e o Procurador Xeral, son elixidos por sufraxio para mandatos de ata catro anos.
O Poder lexislativo de Mississippi está constituído polo Senado e pola Cámara dos Representantes. O Senado reúne un total de 52 membros, mentres que a Cámara dos Representantes abrangue un total de 122 deputados. Mississippi está dividido en 52 distritos senatoriais e 122 distritos representativos. Os electores de cada distrito elixen un só senador ou representante. O mandato dos senadores é de catro anos. O dos membros da Cámara dos Representantes, de dous anos. Non existe ningunha prohibición para que unha mesma persoa poida exercer como senador ou representante.
O tribunal máis alto do Poder xudicial de Mississippi é o Tribunal Supremo de Mississippi, composto por nove xuíces, tres por cada un dos tres distritos xudiciais do estado. O xuíz co maior tempo de experiencia convértese en Presidente do Tribunal Supremo. Estes xuíces son elixidos por períodos de ata oito anos. O segundo tribunal de Mississippi por orde de prelación é a Court of Appeals, composta por dez xuíces, dous de cada un dos cinco distritos congresionais do estado. Os xuíces deste tribunal son elixidos por sufraxio universal nos distritos congresionais para mandatos de ata catro anos.
Mississippi está dividido en 82 condados. Cada condado do estado está dividido asemade en cinco distritos diferentes. Cada condado é administrado por un consello de supervisores composto por cinco membros, cada un elixido por sufraxio en cada un dos cinco distritos do condado. A maioría das cidades de Mississippi está administrada por un alcalde e por un consello municipal. Todas as administracións públicas das cidades e dos condados están suxeitas ao control do goberno de Mississippi.
Preto da metade dos ingresos do orzamento do goberno de Mississippi é xerada por impostos estatais. O resto provén dos orzamentos fornecidos polo goberno federal e de empréstitos. En 2002, o goberno do estado gastou 12,05 miles de millóns de dólares mentres ingresou 11,05 miles de millóns de dólares. A débeda gobernamental de Mississippi é de 4,16 miles de millóns de dólares. A débeda per cápita é de 1.451 dólares. O valor dos impostos estatais per cápita é de 1.649 dólares. Pola súa parte, o valor dos gastos gobernamentais per cápita é de 4.445 dólares.
Mississippi historicamente foi dominado polo Partido Demócrata, especialmente desde a fin da Guerra Civil Estadounidense ata a década de 1960. Este dominio debeuse a gran xenreira da poboación branca contra os republicanos, quen foron os responsables da abolición do traballo escravo no país. A maior parte dos políticos electos nas administracións das cidades e dos condados do estado, así como os membros do goberno de Mississippi e representantes do estado no Congreso dos Estados Unidos, foron demócratas ata aí pouco. Con todo, o Partido Republicano fortaleceuse gradualmente a partir da década dos 1930. Desde 1948, por exemplo, a maioría dos catro votos de Mississippi no Colexio Electoral nas eleccións presidenciais americanas foron republicanos. Desde 1991, cando Kirk Fordice se converteu no primeiro gobernador republicano do estado, os republicanos dominaron politicamente Mississippi.
Mississippi é un dos estados máis conservadores dos Estados Unidos. A relixión é con frecuencia un importante factor da opinión política dos habitantes de Mississippi. O estado posúe leis ríxidas contra xogos de azar e bebidas alcohólicas. En 2004, o 86% dos electores do estado reformou a Constitución estatal para proscribir calquera clase de dereitos legais para parellas homosexuais —o maior nivel de apoio entre calquera iniciativa do xénero recibida nos Estados Unidos.
Economía
[editar | editar a fonte]O Produto Interior Bruto de Mississippi en 2003 acadou os 72 mil millóns de dólares. A renda per cápita do estado, pola súa banda, foi de 23.466 dólares, a menor dos Estados Unidos. A taxa de desemprego foi do 6,2%. O feito de que Mississippi sexa considerado o estado máis pobre do país ten as súas orixes na Guerra Civil Estadounidense. Antes da guerra civil, Mississippi era o quinto estado máis rico do país. A guerra custoulle ao estado preto de trinta mil homes. Os granxeiros que sobreviviron á guerra foron virtualmente á suspensión de pagos por mor da emancipación dos escravos e da destrución causada pola contenda. Ao contrario que o resto dos estados da Unión, os traballadores de Mississippi non poden ser forzados a unirse a un sindicato cando son contratados.
O sector primario achega ao 3% do PIB de Mississippi. Á agricultura e á gandaría correspóndelles un total do 2,9% do PIB estatal e empregan a preto de 72 mil persoas. Mississippi posúe preto de 42 mil granxas, que se estenden por preto do 40% da súa superficie. Os principais produtos producidos pola industria agropecuaria de Mississippi son a carne e o leite bovino, o algodón e a soia. A pesca e a silvicultura achegan xuntas un 0,1% do PIB, empregando a preto de tres mil persoas.
O sector secundario supón un 27% do PIB de Mississippi. O valor total dos produtos fabricados no estado é de 17 mil millóns de dólares. Os principais produtos industriais son os alimentos manufacturados, os equipamentos para transportes, os móbiles e os téxtiles. A industria de manufactura responde polo 22% do PIB do estado, empregando aproximadamente a 244 mil persoas. A industria da construción supón o 4% do PIB do estado e emprega aproximadamente a 83 mil persoas. A minería, co 1% do PIB de Mississippi, emprega a preto de 9,5 miles de persoas. Os principais recursos naturais extraídos son petróleo e o gas natural.
O sector terciario comprende o 70% do PIB de Mississippi. Os servizos comunitarios e persoais son responsables do 17% do PIB do estado e dan traballo a preto de 361 mil persoas. O comercio por xunto e polo miúdo produce o 17% do PIB do estado e ocupa a 288 mil persoas. Os servizos gobernamentais achegan o 15% do PIB de Mississippi cunha forza laboral composta por 259 mil persoas. Os servizos financeiros e o sector inmobiliario representan preto do 11% do PIB con postos para unhas 70 mil persoas. Os transportes, as telecomunicacións e os servizos públicos empregan a preto de 64 mil persoas e supoñen un 10% do PIB. Preto do 35% da electricidade xerada en Mississippi é producida en centrais termoeléctricas mediante a queima de carbón, o 30% prodúcese en centrais nucleares e o resto principalmente en centrais termoeléctricas mediante a queima de petróleo e gas natural.
Demografía
[editar | editar a fonte]
|
|
De acordo co censo nacional do 2000 da Oficina do Censo dos Estados Unidos, a poboación de Mississippi componse de 2 884 658 habitantes,[3]. O crecemento en relación ao censo de 1990 (que comprendía 2 573 216 habitantes) foi do 12,1%. Unha estimación realizada en 2005 calculou a poboación de Mississippi en 2 925 426 habitantes, o cal significaría un incremento do 13,5% en relación ao 1990, un incremento do 2,7% en relación ao 2000 e do 0,7% en comparación co 2004.
O crecemento natural da poboación de Mississippi entre 2000 e 2005 foi de 80.733 habitantes (228.849 nacementos menos 148.116 falecementos). O crecemento de poboación causado pola inmigración chegou aos 10.653 habitantes, mentres que a migración interestatal resultou cunha perda de 10.578 habitantes. Entre 2000 e 2005, a poboación de Mississippi medrou en 40.768 habitantes mentres entre 2004 e 2005 creceu en 20.320 habitantes.
Razas e etnias
[editar | editar a fonte]Composición racial da poboación de Mississippi:
- 60,7% Brancos
- 36,2% Afroamericanos
- 1,4% Hispanos
- 0,7% Asiáticos
- 0,4% Nativos americanos
- 0,5% Dúas ou máis razas
Os seis maiores grupos étnicos de Mississippi son: afroamericanos (que formam o 36,2% da poboación do estado), americanos (14,2%) irlandeses (6,9%), ingleses (6,1%) alemáns (6,1%) e italianos (1,42%). Mississippi tamén posúe unha comunidade francesa de tamaño considerable.
Ata a década de 1940, a maioría da poboación de Mississippi era afroamericana. Desde entón ata a década de 1980, a porcentaxe de afroamericanos caeu gradualmente por mor da gran migración cara aos estados do Norte. Desde a década de 1980, a porcentaxe de afroamericanos na poboación de Mississippi aumentou paseniñamente grazas ás maiores taxas de natalidade entre a poboación afroamericana. Actualmente, Mississippi posúe a maior porcentaxe de afroamericanos do país.
Máis do 98% da poboación branca de Mississippi naceu nos Estados Unidos e ten ascendencia principalmente norteeuropea. A maioría dos habitantes de ascendencia chinesa de Mississippi son descendentes de traballadores rurais traídos de California durante a década dos 1870. Os chineses non se adaptaron ben ao sistema de cultivo de Mississippi, polo que a maioría fixéronse pequenos comerciantes.
Relixión
[editar | editar a fonte]Porcentaxes da poboación de Mississippi por afiliación relixiosa:
- Cristianismo – 92%
- Protestantes – 86%
- Igrexa Bautista – 58%
- Igrexa Metodista – 10%
- Pentecostalismo – 3%
- Presbiterianismo – 2%
- Outras afiliacións protestantes – 13%
- Igrexa católica – 5%
- Outras afiliacións cristiás – 1%
- Protestantes – 86%
- Outras relixións – 1%
- Non relixiosos – 7%
En Mississippi a relixión predominante é a protestante, particularmente os baptistas, seguidos polos metodistas. A pequena poboación católica romana de Mississippi está concentrada principalmente en comunidades urbanas e no litoral do estado, mentres que a pequena poboación xudía habita principalmente nas grandes cidades do estado.
Principais cidades
[editar | editar a fonte]Principais cidades de Mississippi e a súa poboación (Estimacións da Oficina do Censo dos Estados Unidos do 2005)
Cidade | Poboación |
---|---|
1. Jackson | 177.977 |
2. Gulfport | 72.464 |
3. Biloxi | 50.209 |
4. Hattiesburg | 47.176 |
5. Meridian | 39.968 |
6. Southaven | 38.840 |
7. Greenville | 38.724 |
8. Tupelo | 35.930 |
9. Olive Branch | 27.964 |
10. Pascagoula | 26.932 |
11. Clinton | 24.425 |
12. Columbus | 21.000 |
Educación
[editar | editar a fonte]As primeiras escolas de Mississippi foron fundadas durante o inicio do século XIX. A nova Constitución estatal de 1869 instituíu un sistema de escolas públicas, un consello de educación, e fixo obrigatoria a educación dos nenos do estado, durante polo menos catro meses do ano. A institución dun sistema de escolas públicas administradas por distritos escolares provocou a creación de impostos, o que fixo que a maioría da poboación de Mississippi inicialmente se opuxera á nova medida dado que o estado pasaba por unha gran recesión económica e enfrontábase á destrución causada pola Guerra Civil, que terminara catro anos antes, en 1865. Con todo, a medida en que as condicións económicas de Mississippi melloraron, o sistema de escolas públicas do estado pasou a recibir unha maior aprobación da poboación. Durante o inicio do século XX, Mississippi uniu diversos distritos escolares rurais entre si, nunha tentativa de diminuír as dificultades financeiras de tales distritos, que posuían poucos recursos.
Actualmente, tódalas institucións educativas en Mississippi necesitan seguir regras e patróns ditados polo Consello Estatal de Educación de Mississippi. Este consello controla directamente o sistema de escolas públicas do estado, que está dividido en diferentes distritos escolares. O consello está composto por nove membros —cinco escollidos polo gobernador, dous polo Tenente Gobernador e dous polo Lexislativo do estado— para mandatos de ata catro anos de duración. Estes nove nomean a un superintendente de educación. Cada cidade primaria (city), diversas cidades secundarias (towns) e cada condado, é atendida por un distrito escolar. Nas cidades, a responsabilidade de administración do sistema escolar público é dos distritos municipais, mentres que en rexións menos densamente habitadas, esta responsabilidade corresponde aos distritos escolares, que operan en todo o condado en xeral. Mississippi permite a operación de "escolas charter" —escolas públicas independentes, que non son administradas polos distritos escolares, pero que dependen de orzamentos públicos para o seu funcionamento. A atención escolar é obrigatoria para todos os nenos e adolescentes con máis de seis anos de idade, ata a conclusión do ensino secundario ou ata os dezaseis anos de idade.
En 1999, as escolas públicas de Mississippi atenderon a preto de 500,7 mil estudantes, empregando aproximadamente a 30,7 mil profesores. As escolas privadas atenderon preto de 51,4 mil estudantes, empregando aproximadamente a 3,9 mil profesores. O sistema de escolas públicas do estado consumiu preto de 2,29 mil millóns de dólares, e o gasto das escolas públicas foi de aproximadamente 4.900 dólares por estudante. Preto do 81,2% dos habitantes do estado con máis de 25 anos de idade posúen un diploma de ensino secundario.
A primeira biblioteca pública de Mississippi fundouse en Port Gibson, en 1818. A máis antiga do estado aínda en funcionamento é a biblioteca estatal, en Jackson, fundada en 1838. Actualmente, Mississippi posúe preto de 230 bibliotecas públicas, administradas por 49 sistemas de bibliotecas públicas diferentes.
A primeira institución de educación superior de Mississippi, a Facultade Jefferson, fundouse en 1811. A institución de educación superior do estado máis antiga aínda en funcionamento é a Facultade de Mississippi, fundada en Clinton, en 1826, co nome de Facultade Hampstead. A Universidade de Mississippi é a institución pública de educación superior máis antiga do estado, fundada en 1846. Mississippi non posúe un sistema público de educación superior, aínda que administre diversas facultades e universidades esparexidas polo estado. Mississippi posúe 41 institucións de educación superior, das cales 26 son públicas e 15 son privadas.
Transportes
[editar | editar a fonte]Jackson é o principal centro viario, ferroviario e aeroportuario do estado. O principal centro portuario de Mississippi é Gulfport, localizado no golfo de México. En 2002, Mississippi posuía 1.102 quilómetros de vías de ferrocarril. En 2003, o estado contaba con 119.260 quilómetros de vías públicas, dos cales 1.539 quilómetros eran autoestradas interestatais, considerados parte do sistema federal viario dos Estados Unidos.
Medios de comunicación
[editar | editar a fonte]O xornal máis antigo de Mississippi, o Mississippi Gazette, publicouse por primeira vez en 1799 en Natchez. Actualmente, publícanse no estado preto de 115 xornais, dos cales 20 son diarios.
A primeira estación de radio de Mississippi fundouse en 1925 en Hattiesburg. A primeira estación de televisión do estado iniciou as súas emisións en 1952 en Jackson. Hoxe en día, Mississippi posúe 153 estacións de radio - das cales 68 son AM e 85 son FM - e 21 estacións de televisión.
Cultura
[editar | editar a fonte]Mississippi foi berce de grandes nomes do mundo do cine, como Jim Henson, Oprah Winfrey, Morgan Freeman, James Earl Jones ou Sela Ward. Tamén viu nacer a escritores como William Faulkner, Tennessee Williams ou John Grisham. En Mississippi naceron tamén cantantes de renome como B. B. King ou Elvis Presley.
Símbolos do estado
[editar | editar a fonte]- Árbore e flor: Magnolia
- Bebida: Leite
- Bolboreta: Papilio troilus
- Alcumes:
- Magnolia State
- Hospitality State (non oficial)
- Cuncha: Ostra
- Insecto: Abella
- Lema: Virtute et Armis
- Mamífero acuático: Arroaz
- Mamíferos terrestres: Raposo e Cervo (Odocoileus virginianus)
- Música: Go, Mississippi, adoptado en 1962
- Paxaro: Mimus polyglottos
- Paxaro acuático: Pato (Aix sponsa)
- Pedra: Madeira petrificada
- Peixe: Perca negra ou perca americana (Micropterus salmoides)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Elevations and Distances in the United States". U.S Geological Survey. 29/04/2005. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2008. Consultado o 17 de novembro de 2007.
- ↑ "2006 population estimate for Mississippi". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2020. Consultado o 17 de novembro de 2007.
- ↑ "Census 2000 Data for the State of Mississippi: Demographic Characteristics". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2020. Consultado o 17 de novembro de 2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mississippi |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Busbee, Westley F. (2005). Mississippi: A History. Harlan Davidson. ISBN 0-88295-227-7.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte](en inglés)