Arroaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arroaz

Arroaz saltando sobre a auga

Comparación co tamaño dun humano
Comparación co tamaño dun humano

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Infraorde: Delphinida
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Delphininae
Xénero: Tursiops
Especie: T. truncatus
Nome binomial
Tursiops truncatus
(Montagu, 1821)
Distribución do arroaz
Distribución do arroaz

Distribución do arroaz
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Tursiops gephyreus Lahille, 1908
  • Delphinus truncatus Montagu, 1821

O arroaz[2], Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos.

Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Científica[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1821 por George Montagu, que a denominou Delphinus truncatus.[1] Máis tarde foi reclasificada dentro do xénero Tursiops, que fora definido por Paul Gervais en 1855.

Vulgar[editar | editar a fonte]

  • Galego: arroás, bota, boto, botiña, botiño, bufa, bufo, bufana.[3]
  • Castelán: delfín mular, tursión, delfín nariz de botella[4], toniña.
  • Inglés: Bottlenose dolphin.
  • Portugués: roaz, roaz-corvinheiro.
  • Francés: grand dauphin.

Descrición[editar | editar a fonte]

O corpo é fusiforme, robusto, dun tamaño moi variable segundo as poboacións que se estuden, e que oscila, nos adultos, entre os 2 e os 4 m; o peso oscila entre os 275 e os 650 kg, sendo os machos máis grandes e máis pesados que as femias ás mesmas idades. O corpo é robusto, co terzo posterior comprimido lateralmente.

A cor da pel é gris escura a negra, uniforme, con degradacións a gris abrancazado na cara inferior da cabeza e no ventre. As aletas dorsal, caudal e pectorais adoitan seren máis escuras que o resto da pel.

A aleta dorsal é central, de ancha base e bordo traseiro escotado, dándolle unha forma falciforme. A aleta caudal mostra unha escotadura central ben definida. O pedínculo caudal é groso.

O fociño, curto e romo (en comparación co fociño do golfiño común), destaca claramente da cabeza, cunha prega ben marcada que o delimita do melón; desta característica deriva o nome de delfín nariz de botella, que quere recoller a semellanza co colo dunha botella. A boca debuxa un sorriso característico que non se aprecia noutras especies de delfínidos. Os dentes son cónicos e fortes, en número de 20 a 25 por hemimandíbula.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A madurez sexual alcánzase ós 11 anos nos machos e 12 anos nas femias, cunha xestación de ó redor de 12 meses seguida dunha lactación de 12 a 18 meses. A cría mide ó redor de 80–100 cm no momento do nacemento.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os arroaces aliméntanse de diferentes especies de peixes e de cefalópodos (luras), incluíndo tamén na dieta algún crustáceo. Tamén é posible que coman do peixe capturado nunha rede, chegando a romper as mallas, o que explicaría a tradicional aversión que lles teñen moitos pescadores. Poden mergullarse buscando comida ata os 100 m de profundidade.

Distribución[editar | editar a fonte]

Está presente en todos os océanos do mundo, excluíndo as augas circumpolares. É moi común nas costas galegas (sobre todo na beira occidental, sendo máis escasos na costa cantábrica) e disponse de numerosa información visual da súa presenza no interior das rías galegas. Tamén hai numerosas citas de varamentos desta especie, moito máis abundantes nas rías Baixas.

Distribúese en poboacións costeiras, que habitan na plataforma continental a profundidades de entre os 100 e os 200 m; e poboacións oceánicas, que habitan en augas profundas en mar aberto. Hai algunhas diferenzas entre ambas as poboacións, sendo os costeiros algo máis pequenos, e de corpo máis delgado, que os espécimes que viven en mar a fóra.[5]

Tamén en Galicia se coñece a existencia destas dúas poboacións, a costeira, residente, que vai buscando bancos de peixe ó longo da costa, con incursións nas rías; e a oceánica, que pode chegar a desaparecer segundo as estacións do ano. Sábese igualmente que existe un constante intercambio entre exemplares dunha e doutra poboacións e que a presenza de crías é unha constante na poboación costeira.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Arroaz saltando sobra a auga (nótese o espiráculo aberto).

O arroaz é un excelente nadador e gusta de saltar sobre as augas aproveitando o impulso das ondas. As inmersións adoitan durar entre 3 e 4 min, ata un máximo de 8.

Adoitan vivir en grupos ou mandas de 12 ou máis exemplares, que forman unha unidade familiar estable, dirixida por unha femia adulta e que conta con nais, crías e subadultos. Os machos adultos viven illados ou en grupos moi reducidos (2-3 exemplares) e pouco estables. Ás veces, estes grupos familiares agrúpanse en mandas de centos de exemplares. Tamén se viu que forman mandas conxuntas con outros cetáceos, como caldeiróns e, ocasionalmente, con baleas e xibardos.

Os arroaces son especialmente sociais e parecen trasladar esta relación ó home, sendo frecuente que se acheguen á estela dos barcos ou ós nadadores.

Parece ser que, en ocasións, chegaron a salvar a náufragos manténdoos a flote e está documentado o salvamento de catro persoas en Nova Zelandia cando estaban a ser atacados por un gran tiburón branco.[6]

En calquera caso, isto non impide que teñan tamén comportamentos agresivos entre si, con loitas entre os machos para o acceso ás femias. De feito, son frecuentes as marcas e cicatrices na pel dos adultos. Tamén se sabe de ataques a quenllas e a toniñas (outro cetáceo de tamaño notablemente inferior).

A lonxevidade estimada é duns 30 anos os machos e 40 anos as femias.

Caza[editar | editar a fonte]

Arroaz adestrado pola Mariña norteamericana para detectar minas submarinas.
Ver tamén Caza de baleas

O arroaz foi capturado abundantemente para aproveitar a súa carne nos Estados Unidos e no Xapón, país este onde se segue cazando como recurso pesqueiro (neste vídeo pódese ver un exemplo desta caza).

Tamén se cazaron no océano Pacífico oriental e no mar Negro.

Ademais da caza voluntaria, outra causa de morte inducida pola acción humana son as capturas accidentais cando quedan enmallados nas redes de pesca, causa da maioría dos varamentos identificados, e as producidas por restos de rede que aboian no mar.

E, a maiores, está a caza de exemplares vivos para fornecer os delfinarios.

Aínda así, a poboación de arroaces mantense en niveis elevados, e por iso a UICN cualificou en 2008 o estado de conservación da especie como "LC" (pouco preocupante).[7]

Cornide, en 1788, dicía que:

Los Arroaces entran en nuestras rías siguiendo la sardina en grandes bandadas, y caminando a saltos, con los que descubren fuera del agua casi todo el cuerpo; los temen mucho los pescadores porque les ahuyentan la pesca, y les rompen las redes; y así por esta razón, como por la utilidad que se pudiera sacar de su grasa, se debiera fomentar su pesca, como lo han propuesto unos comerciantes de la Ría de Arosa.[8]

Por outra parte, descríbese no dicionario de Eladio Rodríguez:

Arroaz malo, especie de ARROAZ sumamente daniño para los pescadores. Es de color negro brillante y aplanado y está provisto de una pequeña aleta a manera de CORNA. Se le atribuyen los mayores daños en las redes y en la pesca y las mayores habilidades para burlarse de los pescadores, quienes afirman que recorre la red arrancando y devorando las sardinas enmalladas, y tragando los pedazos de red que van con ella; que impiden que el aparejo se recoja a los barcos para que otros ARROACES, mientras tanto, se harten a su placer; que se divierten echando al aire sollas, mújiles y otros peces, para cogerlos antes que lleguen al agua; que no le producen el menor efecto de miedo los cohetes con que en otro tiempo se les ahuyentaba, sirviéndoles ahora para reunirse y acercarse más al sitio donde está la pesca; y aún añaden que después de devorar la sardina y las redes, se les plantan delante de las embarcaciones 'asubiando' fuerte por distintos conductos.[9]

De feito, o propio Sarmiento insistiu en varias cartas ó seu irmán, en 1757 e 1758, na conveniencia de organizar batidas de arroaces (como se facían contra o lobo) aproveitando a época na que entraban nas rías, fenómeno que el explicaba erroneamente por cousa dunha membrana que se lles poñía nos ollos deixándoos cegos.

Y para apurar los arroaces, el modo es apurar su semilla. Los ingleses apuraron los lobos de su isla, en virtud de batidas a tiempo. ¿Y por ahí no se debía entablar batida de arroaces ? Más útil traerá un arroaz por el saín, que un lobo. Aún no sé si es delfín el arroaz . Sé que es el marsovin francés ( marsouin, maris-suillus, puerco de mar). Por eso no sé si el arroaz tiene huevas o si pare hijos vivos como los cetáceos. Averígualo y avísame. Sean ovíparos o vivíparos, se debe observar cuando están en huevas o están en celo. Entonces se debe hacer la batida. Los arroaces andan en tropa y sacan fuera el cuerpo. Con cercar esa tropa con una red común y por fuera con un cerco de barcos, o al contrario, siempre vendrán a los barcos para escapar. Entonces con francadas, dardos, arpones, escopetas, lanzas etc. se les puede acometer de seguro. Las redes podrán hacerse de juncos, de esparto, de mimbres, de gestas etc. que cuesten poco y tengan las mallas muy anchas. Pero reinando ahí la vulgaridad de que la sardina huye de la sangre del arroaz, es excusado pensar en arbitrio alguno. Creíble es que el celo y huevas sean por la primavera. Entonces no hay sardina, ni pesca, y así no hay motivo para el temor. Si ahí se ríen de la batida diles que yo me río de sus quejas y me compadezco de las batidas que van a hacer de lobos a la Pontenova. Al modo que se pescan las ballenas se deben pescar los arroaces . Es cierto que el saín costearía el gasto y defendería la batida a la pobre sardina.[10]

O arroaz na cultura popular[editar | editar a fonte]

Fraseoloxía[editar | editar a fonte]

  • Calarás, arroás!: dise ó que non para de rosmar, alborotar e facer ruído.
  • Haber arroases no mar: haber moita maruxía (en Cariño)
  • Parecer un arroás/arroaz: dise dunha persoa forte, moi gorda

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Arroases na ría, boureles tiran.
  • Arroaces na ría, moita sardiña.
  • Candorcas na ría, arroases á costa.
  • O arroás na ría, miña nai, para a casa.
  • Os arroaces brincan no mar? Forte norte vai dar / van dar.
  • Os arroaces brincan no mar, forte norte vai dar / van dar / vai entrar
  • Tramalleiros ó mar, arroaces ó par.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Tursiops truncatus (Montagu, 1821) en SIIT.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para arroaz.
  3. Ríos Panisse, M. C. (1983), pp. 16-17.
  4. Tradución directa do seu nome inglés, sen ningún uso popular
  5. Carwardine, M. (1995), pp. 192-193.
  6. Dolphins prevent NZ shark attack en BBC News.
  7. Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B. (asesores) (2008): Turisop truncatus na "Lista vermella" de especies ameazadas da UICN.
  8. Dicionario da Real Academia Galega, 1913. Citando a CORNIDE. Ensayo para una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia, 108.
  9. Rodríguez González, E.: Diccionario enciclopédico gallego-castellano s.v. arroaz.
  10. Sarmiento, M. Carta 18, 1757, marzo, 9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • López, A., Dacosta, M. e Barreiro, A. (CEMMA) (1993): Achegándonos aos mamíferos mariños. Natureza Galega.
  • Penas Patiño, X. M. e Piñeiro Seage, A. (1989): Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Pesca.
  • Quiroga Lorenzo, H. (1996): Guía de cetáceos. Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.
  • Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba, Anexo 19. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-291-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]