Inundación

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Inundación en Fort Wayne, 1982.

Unha inundación, asolagamento[1] ou alagamento é a ocupación por parte da auga de zonas que habitualmente están libres dela, ben polo desbordamento de ríos ou outro tipo de caudais, suba das mareas por riba do nivel habitual ou avalanchas causadas por tsunamis.

As inundacións fluviais son procesos naturais que se producen periodicamente e que foron a causa da formación das chairas nos vales dos ríos, terras fértiles onde tradicionalmente se desenvolveu a agricultura.

Nas zonas costeiras os embates do mar serviron para modelar as costas e crear zonas pantanosas coma albufeiras e lagoas que trala súa ocupación antrópica se converteron en zonas vulnerables.

Causas principais[editar | editar a fonte]

A principal causa das inundacións fluviais acostuman selas chuvias intensas, que dependendo da rexión se producirán baixo diversos factores meteorolóxicos.

Na área mediterránea dáse o fenómeno da gota fría que é un embolsamento de aire a moi baixa temperatura nas capas medias e altas da atmosfera que ao chocar co aire cálido e húmido que ascende do mar provoca intensas precipitacións e logo a inundación.

En Asia oriental a principal causa das crecidas fluviais son as chuvias torrenciais causadas polo monzón, asociadas moitas veces a tifóns. Danse no verán e afectan a amplas zonas entre as que destaca o golfo de Bengala, zona de maior precipitación media do globo.

Os furacáns, asolan temporalmente a rexión do golfo de México causando inundacións polas ondas, de ata oito metros, asociadas aos fortes ventos, e polas chuvias intensas motivadas pola mesma baixa térmica. Tamén as treboadas tropicais poden causar chuvias moi fortes.

Subas bruscas da temperatura poden provocar enchentes nos ríos pola rápida fusión das neves, sobre todo na primavera, cando o desxeo é maior, ou tras fortes nevadas en cotas infrecuentes, que trala vaga de frío se funden provocando riadas.

Por último, atópanse os maremotos ou tsunamis como posible causa dunha inundación, xa que o sismo mariño provoca unha serie de ondas que se traducen en ondas xigantes de devastador efecto nas costas afectadas. Estas catástrofes acostuman acontecer na área do Pacífico, de maior actividade sísmica.

Defensas, planeamento, e xerencia da inundación[editar | editar a fonte]

Dende o comezo do Neolítico, cando comezou a sedentarización e, polo tanto, a ocupación de zonas chás costeiras ou nos vales fluviais, o home atopouse co reto de facer fronte ás inundacións. En Exipto e Mesopotamia xa se construíron importantes defensas fluviais como diques, canles para desviar as augas e a mellora das canles nas contornas urbanas. As obras hidráulicas desenvolvéronse tamén en Grecia e Roma, tanto para obter auga para o consumo como para evitar os riscos dos asentamentos en contornas vulnerables. Na China a construción de grandes ribadas nos ríos xa se facía no século XII de modo que se tentaba facer fronte ás avenidas monzónicas. Tamén en España destacan dende a Idade Media a construción de ribadas e encoros que regulasen os ríos.

Actualmente as defensas contra as inundacións están moi avanzadas nos países desenvolvidos. Os sistemas de prevención baséanse en diques, ribadas, barreiras metálicas, encoros reguladores e mellora da capacidade de escoamento das canles fluviais. Tamén os sistemas de alerta ante situacións perigosas están moi desenvolvidos por medio da predición meteorolóxica, a observación das medias dos caudais fluviais que determinan unha alerta hidrolóxica e os sistemas de detección de maremotos.

A defensa perante as inundacións mariñas provocadas polas mareas está moi desenvolvida nos Países Baixos, onde unha rede de diques regulan as augas tanto interiores coma exteriores. Tamén Venecia e Londres contan con defensas similares. Os encoros reguladores son moi numerosos nas rexións de clima mediterráneo coma California e o sur de Europa e serven para almacenar auga en tempos de seca e conter as avenidas fluviais.

Outras actuacións están encamiñadas a afastar o perigo das cidades mediante o desvío da canle fluvial dotándoa á súa vez de maior capacidade de escoamento, como en Valencia ou Sevilla. A canalización de ríos, coma o Rin ou o Segura, son obras de maior envergadura que elaboraron un plan integral para toda a cunca (aumento da capacidade de desaugamento, desvíos puntuais, redución de meandros, construción e ampliación de encoros etc.) Algunhas destas actuacións foron controvertidas polos seus efectos adversos, como a eliminación de meandros no Rin que favoreceron a maior rapidez na onda de crecida e polo tanto a súa maior virulencia.

A lexislación avanzou moito prohibindo a edificación en zonas perceptibles de ser inundadas nun período de retorno de ata 100 anos. A ampla cartografía permitiu coñecer cales son as zonas de risco para a súa posterior actuación no terreo. A reforestación de amplas zonas na cunca alta e media dos ríos tamén contribúe a minimizar o efecto das fortes chuvias e por tanto da posterior crecida. Con todo, quedan zonas de risco, basicamente urbanizadas antes das leis protectoras, algunhas delas de alto valor histórico-artístico como Florencia, que xa sufriu unha grande inundación no ano 1966.

Nos países pobres os sistemas tanto de prevención, como de alerta e posterior actuación están menos desenvolvidos, como se viu nos sucesivos tifóns que asolaron Bangladesh ou o tsunami que arrasou diversas costas do sueste asiático. Aínda así a cooperación internacional está favorecendo actuacións que levan unha maior seguridade para a poboación nestas zonas de risco.

Inundacións prehistóricas significativas[editar | editar a fonte]

Na prehistoria producíronse grandes inundacións, como así o demostran os restos xeolóxicos. Así, a formación de mares pechados como o Mediterráneo ou o mar Negro débense a movementos tectónicos e cambios climáticos que inundaron estas amplas zonas. O final da idade do xeo tivo consecuencias determinantes en todo o globo coa formación de novos lagos e mares en zonas que anteriormente non ocupaba o mar.

Inundacións significativas[editar | editar a fonte]

América[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para asolagamento.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]