Empréstito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un empréstito é unha forma de captar diñeiro do público por parte das entidades de crédito, que emiten neste caso un conxunto de valores en serie que a xente pode comprar. A cambio, a entidade comprométese a devolver o diñeiro no prazo e cos intereses pactados. Parécese a un depósito a prazo fixo, pero a diferenza reside en que nun empréstito a débeda que asume a entidade está representada por un valor cuxa propiedade pode ser transmitida libremente, a saber, que se pode comprar ou vender. Estes valores chámanse títulos de renda fixa, porque quen os posúen reciben uns intereses fixados de antemán, a diferenza do que ocorre coa renda variable.[1]

Non só as entidades de crédito emiten renda fixa, senón tamén outras empresas tales como compañías eléctricas, de autoestradas ou de telecomunicacións. O estado a través do tesouro público tamén emite empréstitos que chama débeda pública.[1]

Empréstito a un estado ou goberno[editar | editar a fonte]

Segundo o autor Adolfo Arrioja Vizcaíno, chámase empréstito ao crédito ou financiamento outorgados a un goberno por un estado estranxeiro, por organismos internacionais de crédito (Fondo Monetario Internacional, Banco Interamericano de Desenvolvemento, Eximbank, Banco Mundial etc.), por institucións privadas de crédito estranxeiras ou por institucións nacionais de crédito para a satisfacción de determinadas necesidades presupuestais, que xeran para o goberno receptor, a obrigación a un certo prazo, de restituílos engadidos cunha sobreprima por concepto de intereses e cuxo conxunto, axuntado a outras disposicións crediticias (emisión de bonos, moratorias e indemnizacións diferidas por expropiación e nacionalizacións), forma a débeda pública dun país.[2]

Os empréstitos poden negociarse a curto, medio ou longo prazo; de acordo fundamentalmente coa capacidade de pago do receptor e cos seus requirimentos monetarios.[2]

Poden revestir a forma de "préstamos libres" ou de "préstamos atados", segundo se condicione ou non polo outorgante, a súa aplicación a programas específicos de goberno.[2] Así, por exemplo, os créditos que confire o Banco Interamericano de Desenvolvemento "organismo de axuda económica internacional aos países do Continente Americano" son xeralmente "atados", en virtude de que a súa aprobación e desembolso están vinculados á planeación e execución de obras públicas perfectamente identificadas, v. gr., a constitución dun sistema de rega para o fomento da agricultura nunha rexión territorialmente delimitada. Pola contra, os empréstitos provenientes do Fondo Monetario Internacional, como xeralmente obedecen a propósitos de reconstrución económica global, adoitan revestir o carácter de "créditos libres", en canto a que a súa aplicación non está condicionada, aínda que as "cartas de intención" conforme ás cales devandito organismo traballa, chegan a impor ás nacións receptoras fortes restricións en materia de taxas anuais de inflación, incrementos salariais, redución do circulante monetario e outras máis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 ¿Qué es un empréstito? Web do Banco de España. Consultado o 11 de novembro de 2014.
  2. 2,0 2,1 2,2 Los ingresos del Estado. Ingresos financieros. Arquivado 30 de outubro de 2017 en Wayback Machine. Adolfo Arrioja Vizcaíno citado por Willy Earl Vega Ramírez en Análisis del riesgo de la desaparición del Principio de Relatividad de la Sentencia en materia Tributaria, Capítulo I La Rectoría del Estado y el derecho financiero, I.4 Los ingresos del Estado, I.4.2 Ingresos financieros. Ángel Editor, 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dereito Fiscal, Adolfo Arrioja Biscaíño, Editorial Themis, Número de Edición: 17, 2003, páxs. 85-86.