Alasca
Alasca[1][2][3][4] (en inglés: Alaska, [əˈlæskə] (AFI), escoitar, en aleutiano, Alax̂sxax̂; en inupiaq, Alaasikaq; en alutiiq, Alas'kaaq; en iupik, Alaskaq; en tlingit, Anáaski;) é o Estado con máis superficie dos Estados Unidos de América situado na parte noroccidental do continente, limitando por terra só co Canadá (ó leste), e por mar co océano Pacífico (sur), océano Glacial Ártico (norte) e a confluencia de ambos os dous no estreito de Bering (oeste). A súa capital é Anchorage.
Comprado ó imperio ruso en 1867 por 7 millóns de dólares, é o territorio estadounidense con menor densidade de poboación de 0,42 hab/km², sendo o cuarto con menor poboación, tras Wyoming, Dacota do Norte e Vermont.[5] É maior que os estados americanos de Texas, California e Montana xuntos (respectivamente o segundo, o terceiro e o cuarto máis extensos).
Estados Unidos tratou durante as primeiras décadas do século xx de mellorar as comunicacións (por exemplo de conectar Alasca co resto dos Estados Unidos por ferrocarril), e promover a colonización do val de Matanuska. Mais a segunda guerra mundial e as batallas navais nas illas Aleutianas co Xapón trocaron a política dos Estados Unidos nos asuntos de Alasca. Así, en 1942, construíuse en meses unha estrada de comunicación (a Autoestrada Alcan) para garantir a defensa do territorio de Alasca, á vez que estableceron novas bases militares e se promoveron asentamentos civís. O final da guerra mundial e o comezo da guerra fría aceleraron a necesidade de integrar este territorio á Unión. Así, en 1959, Alasca foi á fin aceptado como 49° estado dos Estados Unidos de América.
O descubrimento de grandes depósitos petrolíferos permitiron un enorme crecemento económico en Alasca durante as últimas décadas, a pesar do illamento xeográfico e ás duras condicións de vida. A maior fazaña do seu desenvolvemento foi a construción, a partir de 1974, do Trans-Alaska Pipeline, un oleoduto de 1.269 km que une a Baía de Prudhoe co porto de Valdez. Mais tamén o petróleo foi orixe de certos desastres, como o accidente ocorrido en 1989 do petroleiro Exxon Valdez, que encallou nas augas de Alasca e provocou unha marea negra, que foi cualificada como un dos maiores desastres ecolóxicos da historia.
Historia
[editar | editar a fonte]![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2024.) |
Os primeiros poboadores de Alasca foron grupos humanos que proviñan de Asia que cruzaron o Berinxia ("ponte terrestre de Bering") e chegaron o que actualmente é o oeste da península de Alasca. A maioría dos pobos nativos americanos proveñen de xentes que atravesaron o estreito de Bering antes de emigrar para o sur do continente. O primeiro contacto de exploradores europeos cos habitantes da rexión tivérono os rusos, que contactaron co pobo inuit e outros pobos nativos.
O nome de "Alasca" vén dunha palabra aleutiana, que significa literalmente "o obxecto contra o que a acción do mar é dirixida".[6]
A maioría da historia documentada de Alasca comeza coa colonización europea, empezando polo navegante danés ao servizo da Armada rusa, Vitus Bering, que avistou Alasca a bordo do San Pedro no transcurso da segunda expedición a Kamchatcka. Mais, o primeiro europeo que tocou as costas da rexión foi o ruso Aleksei Chirikov, que navegaba na expedición de Bering ao mando do San Paulo, cando chegou o 15 de xullo de 1741 ao lugar en que hoxe se levanta a cidade de Sitka. A Compañía rusa de América logo iniciou a colonización da costa e nos anos 1790 xa existían asentamentos na rexión. A principal actividade na zona era a caza de lontras, aínda que a colonia non foi nunca rendíbel debido ao elevado custo dos navíos necesarios para iso. Ao principio, o contacto cos nativos foi cordial, mais pronto se produciron encontros violentos, que unidos ás enfermidades transmitidas polos europeos, exterminaron catro quintas partes da poboación nativa. O primeiro asentamento permanente por parte de Rusia estabeleceuse en 1784, cando Grigory Ivanovich Shelikhov fundou unha colonia na illa de Kodiak, na baía de Three Saints Bay.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/27/Vitus_Bering.jpg/150px-Vitus_Bering.jpg)
Os españois reclamaron os dereitos que a bula Inter Caetera lles daba sobre a costa oeste de Norteamérica, que incluía Alasca. O rei Carlos III de España organizou varias expedicións á rexión para intentar colonizala. As expedicións de Bruno de Heceta e Alessandro Malaspina deixaron algúns topónimos na rexión, como o Glaciar Malaspina ou a cidade de Valdez. Tamén os británicos seguiron o exemplo da coroa española, enviaron exploracións á zona, como as de James Cook ou George Vancouver.
En 1799, Nikolay Petrovich Rezanov mercoulle os dereitos de explotación das peles ao tsar Paulo I de Rusia e creou a Compañía ruso-estadounidense. A sobreexplotación do territorio levou a un enfrontamento entre os colonos e os nativos, cuxo acontecemento máis destacado foi a Batalla de Sitka de 1804.
En 1867, o Secretario de Estado estadounidense William H. Seward realizou a compra de Alasca a Rusia por 7,2 millóns de dólares estadounidenses. A falta de efectivo de Rusia e o desexo de que Alasca non caese nas mans británicas impulsaron a Rusia a vender o territorio aos Estados Unidos tralo fracaso na guerra de Crimea. A compra fíxose efectiva o 18 de outubro de 1867, hoxe recordado como o Día de Alasca. Aínda que a compra recibiu duras críticas no momento de producirse, finalmente viuse como un negocio vantaxoso grazas ao descubrimento de ouro no Yukón. Na década de 1890, os territorios de Alasca e Yukón sufriron unha explotación das súas minas debido á febre do ouro, coñecida como febre do ouro de Klondike, nome do principal depósito. Os principais asentamentos estabelecéronse en Juneau, Nome e Fairbanks.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/20/Alaska_Purchase_%28hi-res%29.jpg/220px-Alaska_Purchase_%28hi-res%29.jpg)
Nos primeiros tempos de dominación estadounidense, o exército, a mariña e o servizo de alfándegas fixéronse cargo do control da rexión, pero a chegada de colonos obrigou a cambiar o sistema de administración. En 1884 nomeouse un Gobernador, e en 1906 elixiuse un representante no Congreso dos Estados Unidos, mais sen dereito a voto. Xa en 1912, declarouse a Alasca como Territorio dos Estados Unidos, cun congreso e goberno propio, e coa súa capital en Juneau en detrimento de Sitka, que fora a capital da Alasca rusa. Durante a segunda guerra mundial, Alasca foi escenario da batalla das Illas Aleutianas entre as tropas aliadas e o Xapón, e durante o conflito melloráronse as infraestruturas para facilitar a defensa do territorio, como a construción da Autoestrada Alcan. No final da segunda guerra mundial e o comezo da guerra fría aceptouse a entrada de Alasca na Unión. O presidente dos Estados Unidos, Dwight David Eisenhower asinou o 7 de xullo de 1958 a Acta estatal de Alasca (Alaska Statehood Act en inglés), que abriu o camiño para que o 3 de xaneiro de 1959, Alasca se convertera no estado 49 da unión.
O 27 de marzo de 1964, Venres Santo, Alasca sufriu os efectos dun terremoto (coñecido como "Terremoto de Venres Santo") de 8,5 graos de magnitude na escala Richter, e que rematou coa vida de 131 persoas, arrasando moitas poboacións da rexión. Mais, en 1968 encontrouse petróleo na rexión, e trala construción do oleoduto transalasquiano (Trans Alaskan Pipeline) en 1977, os ingresos debidos á explotación dos pozos petrolíferos contribuíron a que a poboación se restabelecera e a que se reconstruíran as infraestruturas. En 1989 produciuse unha nova catástrofe ao encallar o petroleiro Exxon Valdez no estreito de Príncipe Guillerme, e verter ao mar entre 42.000 e 130.000 metros cúbicos de cru, afectando uns 1.600 km de costa. En 2007, máis da metade do territorio do estado é propiedade do Goberno Federal, e a explotación das reservas de petróleo no territorio aínda sen explotar é tema de debate, xa que o Refuxio Nacional de vida salvaxe no Ártico podería verse afectado.
Xeografía
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/79/150132main_image_feature_589_alaska.jpg/220px-150132main_image_feature_589_alaska.jpg)
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/c5/Wonder_Lake%2C_Denali.jpg/220px-Wonder_Lake%2C_Denali.jpg)
Alasca é un dos dous únicos estados estadounidenses, canda Hawai, que non limita con ningún outro estado do país. Tamén ten máis costa que todos os estados estadounidenses xuntos e é o estado máis grande do país cunha superficie total de 1 717 854 km². Outro fito xeográfico que posúe Alasca é o monte McKinley, o cumio máis alta de toda Norteamérica, con 6.194 metros de altitude. Despois, a súa capital, Juneau, é inaccesíbel por terra, e ningunha estrada conecta Juneau co resto do sistema de autoestradas estadounidense.
O estado está bordeado polo territorio de Yukón e a Columbia Británica, Canadá polo leste; o golfo de Alasca e o océano Pacífico polo sur; o mar de Bering, co seu estreito e o mar de Chukchi polo oeste; e o mar de Beaufort e o océano Ártico polo norte. Alasca divídese en tres grandes rexións: as montañas do Pacífico, o interior e a zona ártica setentrional. As montañas do Pacífico ocupan toda a costa meridional, mentres que pola rexión interior se estende o río Yukon, xunto aos seus afluentes, nunhas vastas mesetas. A zona ártica setentrional, pola súa parte, está ocupada pola cadea de Brooks.
Dous dos puntos máis importantes da xeografía de Alasca son as Illas Aleutianas e o Parque Nacional de Denali. As Illas fixéronse famosas por ser sede da propia Batalla das Illas Aleutianas que tivo lugar durante a segunda guerra mundial. O arquipélago posúe unha superficie duns 37.800 km², sendo a maioría parte de Alasca e o extremo oeste é zona rusa. Neste arquipélago, onde destaca a illa de Unalaska, habitan preto de 16.000 persoas, sendo a maioría delas esquimós aborixes. O Parque nacional de Denali é unha das zonas virxes máis importantes do continente, cunha superficie de 24.585 km². Nel áchanse todo tipo de exemplares de flora e fauna do estado como o carneiro de Alasca, o caribú, o alce, o oso grizzly ou o lobo.
Clima
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/00/Alaska.jpg/220px-Alaska.jpg)
O clima varía segundo a rexión. A costa occidental ten un clima oceánico, mentres que o resto do estado presenta un clima continental e ártico.
En Juneau, a capital, e na metade sueste o clima é oceánico, mentres que é ártico na metade norte. En xeral, esta zona é a máis húmida e cálida de Alasca, con suaves temperaturas no inverno e altos niveis de precipitación ao longo do ano. O clima de Anchorage, a cidade máis poboada de Alasca, e da parte central e sur do estado, é suave debido á proximidade do mar. O clima do oeste de Alasca está influenciado polo mar de Bering e o golfo de Alasca. No suroeste existe un clima subártico oceánico e no norte, subártico continental.
O clima no interior de Alasca é extremo. Algunhas das temperaturas máis cálidas e frías teñen lugar na área de Fairbanks. Os veráns poden albergar até 30 °C, mentres que no inverno as temperaturas baixan até os -52 °C. As temperaturas máximas e mínimas históricas rexistradas en Alasca déronse no interior. As máximas acadaron 38 °C en Fort Yukon, o 27 de xuño de 1915.[7][8] Por outra parte, a temperatura mínima máis baixa de Alasca produciuse o 23 de xaneiro de 1971, con -64 °C en Prospect Creek.[7][8]
O quecemento global que sacode o planeta está sendo notorio en Alasca. Gunter Weller, director do Centro Fairbank para Investigación do Cambio Global e de Investigación do Sistema Ártico, da Universidade de Alasca, asegurou que as temperaturas medias en Alasca e elevaron tres graos centígrados en 30 anos, e aproximadamente o dobre no inverno. As autoridades estatais están alertando do efecto que o cambio climático terá sobre a vida dos cidadáns. Un exemplo son as estradas estatais, que transcorren sobre o permafrost, que se está desconxelando velozmente. O oleoduto trans-Alaska, que utiliza soportes verticais, está vendo perigar a súa estabilidade sensiblemente.[9]
Áreas administrativas
[editar | editar a fonte]Alasca divídese administrativamente en 19 burgos, pero estes non cobren toda a área do estado. Ademais dos burgos existen unhas áreas censuais, que se reparten todo o resto do territorio. Alasca é un dos dous estados, xunto con Luisiana, onde non existen os condados.
Os burgos de Alasca son: Aleutianas do Leste, Anchorage, Ártico Noroeste, Baía de Bristol, Denali, Fairbanks North Star, Haines, Juneau, Península de Kenai, Ketchikan Gateway, Illa Kodiak, Lake and Peninsula, Matanuska-Susitna, North Slope, Petersburg, Sitka, Skagway, Wrangell e Yakutat.
Ademais, a área que non está organizada en burgos subdivídese en doce áreas censuais: Aleutianas do Oeste, Bethel, Dillingham, Hoonah - Angoon, Kusilvak, Príncipe de Gales - Hyder, Fairbanks Suroeste, Valdez - Cordova e Yukon - Koyukuk.
Demografía
[editar | editar a fonte]![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2020.) |
|
| ||||||||||||||||||||||||||||||||
(*) Estimación |
O censo de 2000 estimou a poboación de Alasca en 626 932 habitantes, un crecemento de 14% sobre a poboación de 1990, de 551 947 habitantes. Unha estimativa realizada en 2005 estima a poboación do estado en 663 661 habitantes, un crecemento de 20,2% en relación á poboación en 1990; de 5,9%, en relación á poboación en 2000; e de 0,9% en relación á poboación estimada en 2004.
O crecemento da poboación natural de Alasca entre 2000 e 2005 foi de 36 590 habitantes - 53 132 nacementos menos 16 542 óbitos - o crecemento de poboación causado pola inmigración foi de 5 800 habitantes, en canto que a migración estadounidense resultou na perda de 4 619 habitantes.
Só hai unha rexión metropolitana, Anchorage, que é a maior cidade do Alasca. Cerca de dous quintos dos habitantes viven en Anchorage. Cerca de 70% dos habitantes viven en cidades e os outros 30% viven en áreas non-urbanas.
A maior parte da poboación de Alasca vive na rexión sur do estado, ao longo do litoral sur co océano Pacífico, onde o clima é menos extremo que no norte do estado. O resto de Alasca é escasamente poboado, aínda que si existen comunidades con varios millares de habitantes no interior e mesmo no litoral norte do estado.
Principais cidades
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/26/Anchorage1.jpg/220px-Anchorage1.jpg)
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/32/Gastineau_Channel_from_top_of_Juneau_tramway_%28north%29.jpg/220px-Gastineau_Channel_from_top_of_Juneau_tramway_%28north%29.jpg)
A cidade mais populosa é Anchorage, que posúe aproximadamente 275 mil habitantes. Anchorage é tamén a terceira maior cidade dos Estados Unidos en área. A maior parte das principais cidades de Alasca localízanse no litoral oceánico do estado.
Máis de 100 mil habitantes
Entre 10 000 e 100 000 habitantes
Menos de 10 mil habitantes
Política
[editar | editar a fonte]A Constitución de Alasca vixente, aínda que conta con emendas posteriores, foi aprobada en 1956 mais non entrou en vigor ata que en 1959 se incorporou de seu á Unión.[10] Ademais dos dereitos dos cidadáns, establece a separación de poderes do estado:
- O executivo é liderado polo gobernador.
- O lexislativo ao parlamento de Alasca.
- O xudicial ao Tribunal Supremo de Alasca.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ «Rochosas, montañas». Diciopedia do século 21 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2007. p. 1821. ISBN 9788482893600.
- ↑ Goretti Sanmartín Rei et al. Servizo de Normalización Lingüística, Universidade da Coruña, ed. Criterios para o uso da lingua (PDF). p. 124. ISBN 84-9749-199-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de setembro de 2013. Consultado o 14 de abril de 2014.
- ↑ Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 105. ISBN 84-8158-266-2.
- ↑ Benigno Fernández Salgado (edición) (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1303. ISBN 9788482887524.
- ↑ "United States by States - GCT-T1-R. Population Estimates (geographies ranked by estimate)". United States Census Bureau, Population Division. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2020. Consultado o 2010-06-02.
- ↑ Ransom, J. Ellis. 1940. Derivation of the Word "Alaska". American Anthropologist n.s., 42: pp. 550-551
- ↑ 7,0 7,1 National Oceanic and Atmospheric Administration (ed.). "NOAA Weather Radio All Hazards Information - Alaska Weather Interesting Facts and Records" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2006. Consultado o 16 de setembro de 2009.
- ↑ 8,0 8,1 Western Regional Climate Center, Desert Research Institute (ed.). "State Extremes" (en inglés). Consultado o 16 de setembro de 2009.
- ↑ Rizzo, Heber (19 de abril de 2004). "Alaska Sufre el Calentamiento Global". astroseti.org (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2009. Consultado o 16 de setembro de 2009.{
- ↑ Carr, Emily. "Research Guides: Guide to Law Online: U.S. Alaska: Constitution". guides.loc.gov (en inglés). Consultado o 2022-08-30.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alasca ![]() |