Historia política dos Xogos Olímpicos de 1936

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bundesarchiv Bild 183-G00630, Sommerolympiade, Siegerehrung Weitsprung.jpg

En 1936, os Xogos Olímpicos de Inverno e de Verán realizáronse na Alemaña Nazi, respectivamente en Garmisch-Partenkirchen[1] (Baviera) e Berlín.[2] Nesta dupla ocasión, o deporte forneceu un palco para a estética nazi e foi utilizado como vehículo de propaganda polo réxime de Hitler como nunca antes acontecera.

A escolla das sedes non foi particularmente polémica. No entanto, após a subida de Hitler ó poder, houbo propostas de boicot e mesmo tentativas de organización de Olimpíadas alternativas. Durante os xogos, Alemaña reduciu a represión antixudía e tentou mostrar unha mellor imaxe ó mundo. Ó mesmo tempo, o goberno alemán participou dunha campala diplomática tentando captar a simpatía de dignatarios estranxeiros que visitaron Alemaña durante os xogos. Para a posteridade, no entanto, os Xogos de 1936 están esencialmente asociados á figura de Jesse Owens.

Escolla da organización[editar | editar a fonte]

O Comité Olímpico Internacional atribuíu a organización dos Xogos de Verán a Berlín, durante o seu congreso de 1931 en Barcelona.[3] A outra cidade candidata para os Xogos de Verán era exactamente Barcelona. Naquela altura, comezábase por escoller a cidade que organizaba os Xogos de Verán, e era despois o Comité Olímpico nacional respectivo quen decidía se organizaba tamén os Xogos de Inverno. Os Xogos de Inverno de 1924 e 1932 realizáronse tamén no mesmo país que organizaba os Xogos de Verán. Foi, por tanto, o Comité Olímpico Alemán quen decidiu que os Xogos de Inverno se celebrarían nas aldeas veciñas de Garmisch e Partenkirchen.

A escolla de Alemaña tiña unha carga política considerable. Alén diso, os Xogos de 1916, cancelados por causa da guerra, tiñan sido inicialmente atribuídos a Berlín.[4]

Proposta de boicot[editar | editar a fonte]

Hitler e o partido Nazi foron elixidos en 1933. Poucos meses despois, diversos membros de comités olímpicos nacionais comezaron a preguntarse sobre se sería eticamente correcto participar nos Xogos organizados polo réxime nazi. De feito, confirmando a súa retórica antes de chegar ó poder, os nazis rapidamente (a partir de abril de 1933) instauraron unha política de segregación racial no deporte e nos demais aspectos da vida social. Os xudeus, en particular, foron sistematicamente expulsados dos clubs e federacións deportivas, e estáballes prohibido entrar nas instalacións deportivas.

Bandeira olímpica.

Nos Estados Unidos, o presidente do comité olímpico estadounidense, Avery Brundage, comezou por defender que se retirase a organización dos Xogos a Alemaña, e que estes fosen organizados noutro país.[5][6] Brundage estaba particularmente preocupado coas restricións á actividade deportiva dos xudeus de Alemaña. Na súa opinión, os fundamentos do espírito olímpico caerían por terra se os países decidisen quen podería estar presente en función de aspectos sociais, de credo ou de raza. No entanto, após unha curta visita a Alemaña, Brundage declarou que os xudeus alemáns estaban a ser ben tratados e que os Xogos deberían ser organizados por Alemaña. Brundage, que asumía unha particular responsabilidade, dado que a delegación estadounidense ós Xogos era tradicionalmente a máis numerosa, viría a manifestarse varias veces contra un posible boicot, afirmando que o deporte debería manterse afastado das escaramuzas xudeu-nazis. Chegou mesmo a afirmar que existía unha conspiración comunista-semita contra a participación dos EUA nos Xogos[7] e asinou a publicación Fair Play for American Athletes.[8]

Do lado dos partidarios do boicot, un dos máis activos era Jeremiah Mahoney, presidente da Federación estadounidense de Atletismo. Mahoney recalcaba que Alemaña quebrara o espírito do Olimpismo ó impoñer discriminacións raciais e relixiosas; participar era apoiar Hitler.

As propostas de boicot foron tamén vivamente discutidas noutros países, en particular no Reino Unido, Francia, Suecia, España, Checoslovaquia e Países Baixos. Alemáns no exilio de diversas orientacións políticas tamén se manifestaron a prol dun boicot. Porén, coa excepción de España, todos eses países acabaron por participar, aínda que, en diversas delegacións, atletas (xudeus ou non) se recusaron a participar.

Olimpíadas alternativas: as Olimpíadas Populares[editar | editar a fonte]

Os adeptos do boicot comezaron a organizar Olimpíadas alternativas (as Olimpíadas Populares) que se deberían realizar no verán de 1936 en Barcelona, a cidade que fora rexeitada polo Comité Olímpico Internacional. Esta iniciativa tivo que ser anulada, poucos días antes de se iniciar, por causa da guerra civil española, en xullo de 1936.[9]

Países participantes[editar | editar a fonte]

Os seguintes países participaron nos Xogos: Afganistán, Suráfrica, Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Bermudas, Bolivia, Brasil, Bulgaria, Canadá, Chile, China, Colombia, Costa Rica, Checoslovaquia, Dinamarca, Exipto, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Islandia, India, Italia, Xapón, Iugoslavia, Letonia, Liechtenstein, Luxemburgo, Malta, México, Mónaco, Nova Zelandia, Noruega, Países Baixos, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Suecia, Suíza, Turquía e Uruguai. Nunca, até entón, tantos países tiñan participado nos Xogos.

Supresión da violencia antixudía[editar | editar a fonte]

Durante o Xogos, os cartaces antisemitas foron retirados da vía pública.

Durante os Xogos e os meses que os precederon, era necesario mostrar ós millares de visitantes todo o que o país e o réxime tiñan de bo, e evitar que a face negra do réxime sobresaíse. Así, as sucesivas campañas antisemitas, que foran unha constante dende a toma do poder por Adolf Hitler, esmoreceron. A violencia contra a comunidade xudía, particularmente visible no verán do ano anterior, case desapareceu. Os avisos prohibindo ou disuadindo a presenza de xudeus, que eran frecuentes á entrada de moitas localidades e barrios (Juden sind nicht erwünscht - Xudeus non son desexados), ou outros cartaces semellantes, foron retirados por orde de Hitler (após un pedido do conde Henri Baillet-Latour, o belga que presidía o Comité Olímpico Internacional), en febreiro de 1936, inmediatamente antes da apertura dos Xogos de Inverno. Alén diso, Alemaña aceptou incluír na súa delegación unha deportista de esgrima que era descendente de xudeus: Helene Mayer conquistaría unha medalla de prata.

Cerimonia de apertura[editar | editar a fonte]

O facho olímpico en Berlín.

Toda a cidade de Berlín estaba chea de esvásticas cando a chama olímpica chegou á cidade o 1 de agosto de 1936 e os Xogos da XI Olimpíada foron inaugurados. Sobre o estadio, flutuaba o enorme dirixible Hindenburg, sobre o que estaba suspendida a bandeira olímpica. Durante a cerimonia inaugural, o estadio tiña certamente máis do que a súa capacidade nominal de 110 000 espectadores, mentres que no exterior, unha multitude estimada nun 1 millón de persoas se aliñou polas súas para ver pasar o desfile de carros transportando ó Führer, dignatarios do réxime e convidados.[10]

Unha banda de trinta trompetas saudou a Hitler cando este entraba no estadio. Richard Strauss dirixiu un coro de 3 000 elementos que entoaron o himno alemán "Deutschland, Deutschland über Alles", e "Horst-Wessel-Lied", o himno do Partido Nazi. Strauss dirixiu tamén a orquestra que tocou o novo himno olímpico, especialmente composto para esta ocasión.

Moitas das delegacións que entraron no estadio para a cerimonia inaugural fixeron o saúdoo fascista ó pasaren fronte ó xefe do Estado. As delegacións estadounidense e británica contáronse entre as raras que se abstiveron de o facer.[11] Por todo o estadio, había cámaras fotográficas que captaban aqueles momento épicos. Leni Riefenstahl, que xa traballara para o partido e filmado o congreso de Nuremberg de 1936, filmou moito dos xogos por encomenda do goberno.

Competición[editar | editar a fonte]

Os xogos de Verán desenvolvéronse durante dúas semanas. Entre os éxitos deportivos dos participantes sobresaíron os feitos de Jesse Owens, vencedor de catro medallas de ouro. Díxose que Hitler rexeitou cumprimentar a Owens e outros medallistas negros, pero a verdade é que non estaba previsto que Hitler saudase ós medallistas. Hitler, efectivamente, cumprimentou os vencedores das dúas primeiras medallas de ouro, un finlandés e un alemán, aínda que iso non fose previsto pola organización. O primeiro día, xa tarde, pero aínda antes da fin das probas, Hitler abandonou o estadio logo da eliminación dos últimos concorrentes alemáns participantes no salto de altura. Deliberadamente ou non, iso fixo que Hitler non tivese que decidir se habería ou non de cumprimentar persoalmente a Cornelius Johnson e Davis Albritton, os dous afroamericanos que conquistaron as medallas de ouro e de prata, respectivamente.

Jesse Owens[editar | editar a fonte]

Jesse Owens competiu o segundo día e gañou os 100 metros lisos.[12] Antes diso, xa Henri Baillet-Latour informara a Hitler que, de acordo co protocolo olímpico, un invitado de honra do comité olímpico non debería saudar os vencedores. Hitler non cumprimentou a ningún medallista máis. Con todo, pode inferirse con gran certeza que Hitler evitaría atoparse con Owens: Baldur von Schirach, o líder da Mocidade Hitleriana, propoñería que Hitler fose fotografado xuntamente con Owens. Hitler reaccionaría indignado e ofendido e diría a von Schirach que Estados Unidos deberían avergoñarse de enviar negros ós Xogos. Owens gañou tamén a medalla de ouro dos 200 metros lisos, o relevo 4×400 metros e salto de lonxitude.

Vitoria alemá[editar | editar a fonte]

Hitler asistiu a probas deportivas case todos os días, e foi sempre efusivamente aclamado pola multitude de espectadores. Para o seu orgullo e ledicia, os atletas alemáns rexistraron diversos éxitos; Alemaña foi o país máis medallista nos Xogos de Verán, e o segundo con máis medallas nos Xogos de Inverno.

Diplomacia[editar | editar a fonte]

Estética nazi en Berlín, canda os Xogos.

Mentres as competicións deportivas se celebraban, Hitler e o partido Nazi non perderon a oportunidade de impresionar dignatarios estranxeiros con demostracións de hospitalidade extravagante. Joachim von Ribbentrop, que Hitler acabara de nomear embaixador en Londres pero que aínda non asumira o cargo, recibiu a centenares de invitados estranxeiros en ceas luxosas na súa mansión de Dahlem. Joseph Goebbels, o Ministro da Propaganda, deu unha recepción con fogos de artificio para máis de mil invitados, esencialmente estranxeiros, en Havel (o lago xunto a Berlín). Hermann Göring, entón a segunda figura do réxime, ultrapasou a todos os outros na súa extravagancia festiva. Henry Channon, un conservador británico membro da Cámara dos Comúns, quedou cegado cunha recepción ofrecida por Göring para 800 convivas no Ministerio do Aire, e comentou que nunca houbera unha festa así dende os tempos de Luís XIV, ou aínda dende Nerón.[13]

Mediatización[editar | editar a fonte]

A cobertura por parte dos medios de comunicación dos Xogos foi moi intensa. Houbo máis de 3000 transmisións radiofónicas para máis de 50 países.[14] Só nos Estados Unidos, máis de 100 estacións de radio transmitiron relatos e reportaxe dende Berlín.[15] Os Xogos foron os primeiros en ser transmitidos na televisión, mais a transmisión, limitada á propia cidade de Berlín, resultase en imaxes de mala calidade, mesmo tendo en conta a tecnoloxía da época.

No total, os Xogos de Verán recibiron máis de 4 millóns de espectadores. William Schirer, un xornalista estadounidense, e o politicólogo alemán e xudeu Victor Klemperer percibiron ben a eficiencia da propaganda nazi e deixaron relatos de visitantes impresionados polo dinamismo do país, e pola ledicia e desexo de paz de Alemaña. Klemperer vía ben que os Xogos tiñan sido "antes de máis nada un acontecemento político, durante o cual se martelara ós alemáns e ós estranxeiros a unida gloria e o espírito pacífico do Terceiro Reich.

As persecucións dos xudeus recomezaron logo despois da fin dos Xogos o 16 de agosto de 1936. Pese ó fulgor dos Xogos, durante o ano de 1936, a economía alemá atopábase ante unha inmensa crise económica, com carencia de bens de consumo, provocada polo rearmamento acelerado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Comitê Olímpico Internacional. "Garmisch-Partenkirchen 1936". 
  2. Comitê Olímpico Internacional. "Berlin 1936". 
  3. Olympic Games Museum. "Reuniões do COI entre 1894 e 1931". Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2013. Consultado o 11 de xuño de 2018. 
  4. Guttmann, Allen (2002). Olimpíadas, uma história dos jogos modernos (The Olympics, a history of the modern games) (en inglés). Urbana: University of Illinois Press. p. 214. 0-252-07046-1. 
  5. USHMM. "Boycott". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2013. Consultado o 11 de xuño de 2018. 
  6. Modelo:Cita librro
  7. Currybet.net. "A brief history of Olympic dissent: Berlin 1936". 
  8. Brundage, Avery (1935). Fair Play for American athletes (en inglés). American Olympic Committee. p. 19. 
  9. Antony Beevor' (2006), The Battle for Spain, W&N, Londres.
  10. Olympiastadion.de. "História do Olympiastadion - 1936". 
  11. BoycottSochi.eu. "Road to Nazi Olympics". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2014. Consultado o 11 de xuño de 2018. 
  12. Sports-Reference.com. "Resultado dos 100m rasos". 
  13. Channon, Henry; James, Robert Rhodes (1967). Chips - The Diaries of sir Henry Channon (en inglés). Weidenfeld & Nicolson. p. 475. 
  14. History Learning Site. "Os Jogos Olímpicos de 1936". 
  15. Terramedia.co.uk. "The Olympic Media dossier". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Richard Mandell (1972), The Nazi Olympics, Londres.
  • Leni Riefenstahl (1993), A Memoir, Nova York.
  • Joachim von Ribbentrop (1954), The Ribbentrop Memoirs, Londres.
  • William Schirer (1970), Berlin Diary 1934-1941, Londres.
  • Ian Kershaw (2000) Hitler, Londres.
  • Robert Rhodes James (1967), Chips - The Diaries of sir Henry Channon, Londres.
  • William & Martha Dodd (1941), Ambassador Dodd's Diary - 1933/1938, Londres.
  • Arnd Krüger (1972), Die Olympischen Spiele und die Werlmeinung, Berlín.
  • Albert Speer (1969), Erinnerungen, Fankfurt am Main.
  • Paul Wolff (1936), Was ich bei den Olympischen Spielen 1936 sah, Berlín.