Era viquinga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Era viquinga foi un período da historia de Europa (posterior á Idade de Ferro xermánica), especialmente do Norte de Europa e da historia de Escandinavia, que durou entre os séculos VIII e XI.[1][2][3] Os viquingos escandinavos exploraron Europa a través de océanos e ríos para comerciar e guerrear. Acadaron as terras de Islandia, Groenlandia, Newfoundland e Anatolia.[4] Ademais, hai evidencias que apoian a lenda de Vinland, segundo a cal os viquingos chegaron máis ao oeste de América do Norte.

Consideracións históricas[editar | editar a fonte]

En Inglaterra, a Era viquinga comeza o 8 de xuño de 793, co saqueo da abadía de Lindisfarne, coñecida no continente. Os monxes foron asasinados, lanzados ó mar ou levados como escravos como parte do botín. Tres barcos viquingos arribaron á Baía de Portland tres anos antes, pero o máis probable é que se tratase dunha expedición comercial. Lindisfarne foi distinto. A devastación de Northumbria conmocionou e alertou as cortes reais de Europa. Este suceso formou unha imaxe dos viquingos que se mantivo durante os seguintes doce séculos. Non foi ata a década dos noventa do século XIX que os historiadores de fóra de Escandinavia comezaron a reconsiderar a súa concepción dos viquingos, recoñecendo as súas habilidades na arte, a tecnoloxía e como mariñeiros.

Ata o reinado da raíña Vitoria I do Reino Unido, os viquingos eran representados coma xentes violentas e sedentas de sangue. As crónicas da Inglaterra medieval sempre os retrataron como "voraces lobos entre ovellas". Durante o século XIX, a percepción popular cambiou. En 1920, un casco alado foi presentado como unha figura do radiador dun modelo de coche da marca Rover. Isto supuxo a rehabilitación cultural dos viquingos en Gran Bretaña.

Os primeiros cambios de moitas imaxes anti-viquingas comezaron no século XVII. Edicións de eruditos sobre a Era viquinga chegaban a algúns lectores en Gran Bretaña. Os arqueólogos comezaron a escavar na procura do pasado viquingo en Inglaterra. Os lingüistas investigaron para buscar expresións e proverbios rurais de orixe viquinga. Os dicionarios de lingua nórdica antiga, permitironlles ós vitorianos coñecer as primeiras sagas islandesas.

En Escandinavia, Thomas Bartholin e Ole Worm, os eruditos dinamarqueses do século XVII, e Olof Rudbeck en Suecia foron os primeiros en establecer as normas para o uso de inscriccións rúnicas e sagas islandesas como fontes. Na segunda metade do século XVIII as sagas islandesas eran usadas aínda como unha fonte histórica importante, pero a era viquinga era lembrada como un período bárbaro e incivilizado na historia dos países noruegueses. Ata fai pouco, a historia da era viquinga estaba baseada en gran parte nas sagas islandesas, a historia dos dinamarqueses (Chronica Jutensis escrita por Saxo Grammaticus), a crónica de Néstor e crónica Cogad Gáedel re Gallaib (a guerra dos irlandeses contra os estranxeiros). Aínda uns poucos estudosos consideran fiables estas fontes, aínda que os historiadores de hoxe en día confían máis na arqueoloxía e a numismática, disciplinas que fixeron valiosas contribucións para entender este período.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Expedicións viquingas (liña azul); Asentamentos viquingos (área verde).

Hai varias teorías respecto ás causas das invasións viquingas. Para a xente que vivía ó longo da costa parecería natural buscar terras navegando. Outra razón é que este período, Inglaterra, Gales e Irlanda, os cales estaban divididos en reinos que se enfrontaban entre si, eran débiles para opoñerse, polo que eran unha presa fácil. Porén, os francos tíñanse defendido ben dos seus ataques fortificando os portos. As ganas de aventuras tamén podería ser outro factor. Unha razón para as incursións crese que foi a superpoboación causada polos avances tecnolóxicos, como o uso do ferro. Aínda que outra causa puido ser a expansión dos francos polo sur dos territorios escandinavos e os conseguintes ataques ós pobos viquingos. Outro posible factor que puido contribuír, é que Harald Fairhair uniu ós pobos de Noruega naquel entón e os guerreiros contrarios a el que foron desprazados non terían a onde ir, polo que estes viquingos serían guerreiros en busca de subsistencia e bases dende as que poder atacar a Harald. Unha teoría que se suxeriu, é que os viquingos sementaban os cultivos despois do inverno e logo ían realizar as súas incursións. Entón volvían a casa co seu botín, para a colleita.

Un importante centro de comercio foi Hedeby, xunto á fronteira cos francos, foi un importante cruzamento de camiños ata a súa destrución polos noruegueses nunha disputa interna, cara o ano 1050. York foi o centro do reino de Jórvík dende o ano 866, e os restos atopados, amosan que no século X, os seus intercambios comerciais chegaban mesmo alén do Imperio bizantino, aínda que ben puideron ser importacións, e non hai razón para supoñer que os varegos viaxaron realmente máis aló do Imperio bizantino e do Mar Caspio.

Europa occidental[editar | editar a fonte]

Francia[editar | editar a fonte]

A rexión francesa de Normandía toma o seu nome dos invasores viquingos que foron chamados "Homes do Norte" ("Nor" significaba Norte; "Mand", Home; e a terminación "ia" era usada para designar terras ou zonas).

A primeira incursión viquinga comeza entre os anos 790 e 800, na costa oeste de Francia, atacando en verán e pasando o inverno en Escandinavia. Varias áreas costeiras perdéronse durante o reinado de Lois o Piadoso. As incursións causaron graves danos en Ruán e Jumièges. Os atacantes buscaban facerse cos tesouros gardados nos mosteiros, os cales eran unha presa doada pola incapacidade dos monxes para se defender. Unha expedición remontou o río Sena ata chegar a París. Despois do ano 851, comezaron a establecerse no val baixo o Sena para pasar alí o inverno. Dúas veces máis na década de 860 chegaron a París deixándoa cando conseguían botín abondo ou recibían subornos por parte dos reis da Dinastía Carolinxia.

Os reis carolinxios adoptaron políticas contraditorias que tiveron severas consecuencias. No ano 867 Carlos o Calvo asinou o Tratado de Compiègne, segundo o cal cedía a península do Cotentín ó rei bretón Salomón, coa condición de que xurase lealdade e loitase como aliado contra os viquingos. Porén, no 911, o líder viquingo Hrolf Ganger forzou ó rei Carlos o Simple a asinar o Tratado de Saint-Clair-sur-Epte, baixo o cal, dáballe Ruán e a zona da Alta Normandía a Hrolf Ganger, establecéndose así o Ducado de Normandía. En troques, deulle a palabra ó rei de Francia de que sería o seu vasalo en 940, así como ser bautizado e defender os estuarios do Sena dos ataques viquingos.

Namentres, moitos edificios eran saqueados, queimados ou destruídos polos ataques viquingos, aínda que probablemente esta perspectiva sexa dada inxustamente polos relixiosos: ningunha cidade foi completamente destruída. Por outro banda, moitos mosteiros foron saqueados e tódalas abadías foron destruídas. Porén, as accións de Hrolf Ganger e os seus sucesores tiveron o efecto de provocar unha rápida recuperación.

A colonización escandinava levouse a cabo por dinamarqueses, aínda que houbo noruegueses tamén e uns poucos suecos estiveron presentes. A fusión dos escandinavos coa poboación nativa contribuíu a crear un dos estados feudais máis poderosos de Europa Occidental. A habilidade naval dos normandos permitiulles conquistar Inglaterra, el sur de Italia e xogar un importante papel nas Cruzadas.

Galicia[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Viquingos en Galicia.
Estatua en lembranza das incursións viquingas, en Catoira.

A presenza de viquingos[5] en Galicia tivo lugar entre os séculos VIII e XII, cando estes se tornan unha potencia naval e militar, lanzando expedicións de saqueo e conquista polo océano Atlántico e subindo polo leito dos ríos até as cidades que pretendían saquear. Galicia era denominada por eles Jakobsland (Terra de Santiago).[6]

España[editar | editar a fonte]

No Reino de Asturias, tense contacto cos viquingos por primeira vez contra o ano 842, cando unha frota pasa por diante da cidade de Xixón. Asemade, fálase nas crónicas de enfrontamentos do rei Ramiro, nos que saíu vitorioso. O seu sucesor Ordoño e o seguinte máis, Alfonso tiveron que combatelos noutras ocasións. Este último, fixo fortificar algúns puntos da costa para manter a vixilancia.

En Al-Ándalus, os cronistas árabes recollen os ataques dos viquingos que atacaron Cádiz e remontaron o río Guadalquivir, e posteriormente, atacaron Sevilla.

Outros territorios[editar | editar a fonte]

América do Norte[editar | editar a fonte]

Cara o ano 986, chegaron a Norteamérica Bjarni Herjólfsson, Leif Ericson e Thorfinn Karlsefni dende Groenlandia. Estableceuse un pequeno asentamento ó norte da Illa de Terra Nova, preto de L'Anse aux Meadows, pero os enfrontamentos cos habitantes nativos e as penosas condicións nas que se atopaban, obrigáronos a marchar de alí.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The Viking Age from the Norway article at Encyclopædia Britannica
  2. The Viking Age from the Denmark article at Arquivado 14 de maio de 2008 en Wayback Machine.Encyclopædia Britannica
  3. The Viking Age from the Sweden article at Encyclopædia Britannica
  4. Terry MacKinnell, The Dawning, p.189, Xlibris Corporation, 2011
  5. Tamén denominados normandos ou lordimani, nos documentos galegos da época das vagas.
  6. Velasco, Manuel (2008) Breve Historia de los Vikingos, ISBN 84-9763-198-6 p. 171