Colonización viquinga en América

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Poboado viquingo de L´Anse-aux-Meadows (Terranova, Canadá), declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, descuberto en 1960

Os viquingos exploraron e colonizaron diferentes áreas do Atlántico Norte, que incluían a illa de Groenlandia e as costas de Canadá e posibelmente Estados Unidos, a partir do século X. A colonización viquinga non tivo o efecto perdurábel das posteriores colonizacións europeas en América, pero pode ser vista como un preludio á colonización a grande escala emprendida tralo primeiro viaxe de Cristovo Colón[1][2].

A chegada dos viquingos a América é habitualmente considerada como unha afirmación provocativa que cuestiona a tradicional atribución a Cristovo Colón de ser o primeiro europeo en chegar a terras americanas. Actualmente está fóra de toda dubida o feito de que os viquingos efectivamente chegaron a América[3][4] e estabeleceron algúns asentamentos nas illas de Groenlandia e Terranova (actual Canadá), onde se atopa o poboado viquingo de L´Anse-aux-Meadows, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[5]

O obxectivo dos viquingos ao chegar a América foi sobre todo o dominio das rutas de navegación e o cobro de dereitos para a venda en Europa de animais e outros bens.

As sagas nórdicas dos textos viquingos do século XIII, son a primeira fonte escrita europea na que se fai referencia a América. Alí se mencionan catro rexións americanas ás que os viquingos puxeron nome: Groenland (Terra Verde), Helluland (Terra de Regatos), Markland (Terra de Bosques) e Vinlandia (Terra de Viñedos).[1][2][6][7]

As sagas nórdicas ou islandesas[editar | editar a fonte]

As viaxes, descubrimentos e asentamentos viquingos en América foron escritos por primeira vez en dúas sagas: a Saga dos groenlandeses escrita no ano 1200, e a Saga de Erik o Vermello, escrita no ano 1260.[7]

Trátase de relatos de autor anónimo nos que se mestura ficción e realidade sobre feitos sucedidos dou séculos antes transmitidos oralmente, polo que os estudosos tiveron que empregar datos científicos complementarios para estabelecer a maior ou menor certeza do seu contido.[6][7]

Groenlandia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Groenlandia.

Segundo contan as sagas islandesas, os viquingos de Islandia chegaron por primeira vez a América por Groenlandia no ano 982. Naquel momento, a colonia consistía en dous asentamentos, cunha poboación total de entre 3.000 e 5.000 habitantes, e polo menos 400 granxas que poden datar desa época foron identificadas no sitio polos arqueólogos.

Na súa cúspide, a colonia viquinga en Groenlandia tivo unha diocese en Gardar e exportaba marfil, cordas e produtos agropecuarios. En 1261, a poboación aceptou o goberno do rei de Noruega, aínda que continuou aplicando as súas leis locais. En 1380 este reino uniuse ao de Dinamarca.[6][7]

A colonia empezou a declinar no século XIV e os asentamentos empezaron a ser abandonados cara a 1350.[6][7] En 1378 xa non existía a diocese de Gardar, e o último rexistro escrito da colonia é un matrimonio ocorrido en 1408. O máis probable é que no século XV xa non existisen asentamentos viquingos en América, aínda que non existe unha data plenamente establecida. Os estudos con radiocarbono sitúan os últimos rastros de asentamentos cara a 1430, cunha variación de 15 anos. Propuxéronse varias teorías que poderían explicar as razóns da decadencia e desaparición destes asentamentos.[6][7] A Pequena Idade do Xeo que ocorreu durante esta época puido endurecer as condicións de vida das poboacións locais e dificultar o transporte entre América e Europa. Adicionalmente, o marfil de Groenlandia puido ser substituído no mercado europeo polo máis económico marfil procedente de África.

A pesar da perda de contacto cos asentamentos de Groenlandia, o goberno danés continuou considerando Groenlandia como unha posesión, e a existencia da illa nunca foi esquecida polos xeógrafos europeos.[6][7] Os baleeiros europeos realizaron paradas ocasionais na illa durante o século XVII e en 1721, realizouse unha expedición mercantil e misioneira liderada por Hans Egede cara a Groenlandia, baixo os argumentos que, de haber aínda habitantes viquingos en Groenlandia, estes continuarían sendo católicos e debían ser reformados, tal e como o foron os cristiáns do norte de Europa. Esta expedición non atopou poboacións de orixe europea que sobrevivisen, pero iniciou a colonización danesa en América, cunha colonia estable na illa que afirmou as pretensións de soberanía de Dinamarca sobre a illa.[8][9]

Vinlandia[editar | editar a fonte]

Asentamento viquingo en L'Anse aux Meadows, Terranova.

Segundo contan as sagas islandesas (A "Saga de Erik o Vermello" e a "Saga dos groenlandeses", capítulos do Hauksbók do Libro de Flatey), os viquingos iniciaron a exploración ao oeste de Groenlandia aos poucos anos de establecerse os asentamentos na illa. Bjarni Herjólfsson, un mercador que navegaba entre Islandia e Groenlandia, perdeu o rumbo, chegando a un territorio moito máis ao oeste. Herjólfsson describiu o territorio a Leif Eriksson, quen explorou a área con maior detalle e fundou un pequeno asentamento, chamado Leifbundir.[10]

As sagas describen tres áreas separadas descubertas durante esta exploración: Helluland, que significa "Terra da pedras planas"; Markland, territorio cuberto por bosques (algo que claramente interesaba aos colonos de Groenlandia, rexión escasa de árbores); e Vinlandia, que estaba algo máis ao sur de Markland. Foi en Vinlandia onde se estableceu o asentamento descrito nas sagas.[10]

Os asentamentos de Leif non prosperaron e os poboadores pelexábanse debido á escasa poboación feminina que participou na expedición; tamén se conta que tiveron conflitos coa poboación local aborixe (que os viquingos chamaban Skraelings), que posiblemente fosen algonquinos. O asentamento foi abandonado tras poucos anos. Os viquingos de Groenlandia recordaron a existencia de terra ao oeste, e continuaron abastecéndose de madeira desde Markland. A última viaxe debeu ocorrer cara ao século XIV.

Durante moitos anos, dubidouse da autenticidade das sagas, ata que en 1837, o arqueólogo danés Carl Christian Rafn describiu os indicios de asentamentos viquingos en América do Norte. Na década de 1960 comprobouse a base histórica das sagas ao escavarse un asentamento viquingo en Leifbundir (L'Anse aux Meadows) en Terranova. Con todo, a localización exacta das terras descritas nas sagas aínda non está clara. Moitos historiadores identifican a Helluland coa illa de Baffin e a Markland coas costas do Labrador. A localización de Vinlandia é moito menos clara. Algúns pensan que os asentamentos de L'Anse aux Meadows son o asentamento de Vinlandia descrito nas sagas; outros, baseados en descricións nas sagas, consideran que Vinland debía ser un territorio moito máis cálido que Terranova, e sitúana máis ao sur. Aínda quedan incógnitas sobre a colonización viquinga en América que só serán resultas definitivamente de atoparse novas evidencias arqueolóxicas.[1][2]

Suposicións[editar | editar a fonte]

Algúns estudosos cren que os petróglifos de América do Sur son símbolos de escritura ao estilo da runas (por exemplo en Nazca en Perú, Brasil, Paraguai e Córdoba (Arxentina) que mostran que os viquingos tiveron contacto coas poboacións locais. Tamén se considerou que outras runas atopadas en América do Norte (por exemplo as runas de Kensington, a Torre de Newport e os runas de Oklahoma) foron feitas por poboacións descendentes dos viquingos. Os runólogos de Escandinavia e outros países xeralmente non aceptan esta hipótese como proba da colonización de Escandinavia en América, senón que son máis ben unha proba da calidade e diversidade da arte prehistórica de América.

Existe un mapa viquingo de América do Norte, coñecido como o mapa de Vinlandia, cuxa idade é tema de debate. Considérase que foi elaborado a partir das exploracións e mostra posiblemente partes da costa de Groenlandia que estiveron cubertas de xeo durante os últimos 700 anos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Discovering Vikings at L'anse aux Meadows Arquivado 14 de outubro de 2007 en Wayback Machine., Centre for Distance Learning and Innovation, Newfoundland and Labrador, Canadá.
  2. 2,0 2,1 2,2 Wahlgren, Erik (1990). Los Vikingos y América. Barcelona: Destino. 84-233-1915-6. 
  3. "Obxectos de manufactura viquinga achados en Anse-aux-Meadows". Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2006. Consultado o 24 de xullo de 2008. 
  4. Artigo de Reidar Nydal, título: "A critical review of radiocarbon dating of a Norse settlement at L'Anse aux Meadows, Newfoundland, Canada", ano 1989, publicación: Radiocarbon, vol. 31, páxinas 976-985 [1]
  5. Descrición do lugar histórico de L’Anse aux Meadows (asentamento viquingo) na web da Unesco [2]
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Casariego Córdoba, Antón y Casariego Córdoba, Pedro (editores) (1988). La saga de los groenlandeses, Madrid: Ediciones Siruela, S.A.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Jones, Gwyn (1992). La saga del Atlántico Norte: establecimiento de los vikingos en Islandia, Groenlandia y América. Barcelona: Oikos-Tau, S.A. Ediciones.
  8. Hans Egede Arquivado 08 de decembro de 2008 en Wayback Machine., Classic Encyclopedia
  9. Bobé, Louis (1952). Hans Egede: Colonizer and Missionary of Greenland. Copenhagen: Rosenkilde and Bagger.
  10. 10,0 10,1 Texto completo da saga de Erik o Vermello en Islandés e Inglés

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Wahlgren, Erik (1990). Los Vikingos y América. Barcelona: Destino. 84-233-1915-6. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]