Midgard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As runas a:miþkarþi do antigo nórdico à Miðgarði significa "en Midgard" - "na Terra Media", na Pedra de Fyrby (Sö 56) en Södermanland, Suecia.

Na mitoloxía nórdica Midgard foi unha das construcións efectuadas polos deuses (Odín e os seus irmáns: Vili e Ve) trala guerra contra os xigantes do xeo.

Lenda[editar | editar a fonte]

Trala batalla, Odín e os seus irmáns tomaron o cadáver do xigante Ymir e levárono ao grande abismo para comezaren a creación dun mundo habitable. Así, coa súa pel crearon a terra, co seu sangue e suor os océanos, cos seus osos as rochas e as montañas, co seu vello a vexetación, cos seus dentes os acantilados, onde tamén colocaron as cellas do xigante para faceren de fronteira co mar. Para concluíren a obra os deuses pensaron pechar este mundo coa bóveda cranial do derrotado encargando a catro ananos a súa subxección. Estes chamábanse Nordri, Sudri, Austri e Westri, e simbolizaban os catro puntos cardinais. Ao colocaren a bóveda do ceo co cranio do vencido, os seus miolos espalláronse polo ar dando lugar ás nubes.

Porén, aínda este novo territorio estaba escuro, así que os deuses decidiron ir a Muspells para roubaren as faíscas da espada de Surtr. Coas dúas máis grandes crearon o Sol e a Lúa, e co resto as estrelas. O Sol e a Lúa foron colocadas sobre dous carros que xirarían sen pararen sobre Midgard, alternándose no firmamento para crearen o día e a noite. Para manteren vivo o xiro perpetuo das carrozas fixeron que os lobos Skoll e Hati as perseguisen, tratando de alcanzalas sen conseguilo, salvo en ocasións excepcionais, cando se producen os eclipses. Os dous lobos simbolizaban a "repulsión" e o "odio" respectivamente. A carroza do sol era tirada polo branco corcel Skin, que co seu trotar producía a brillante luz do día, mentres que a outra carruaxe era tirada por Hrim, cabalo negro que ao seu paso producía o orballo e máis o carazo.

Unha vez que os deuses contemplaron a súa obra, tan só engadiron as estacións de inverno e verán e pensaron que estaba lista para recibir os primeiros humanos.

Tamén é coñecida co nome de Xardín Central e é a terra onde habitan os humanos.