Thomas Bartholin
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de outubro de 1616 Copenhague, Dinamarca |
Morte | 4 de decembro de 1680 (64 anos) Copenhague, Dinamarca |
Datos persoais | |
Residencia | Dinamarca |
País de nacionalidade | Reino de Dinamarca e Noruega |
Relixión | Luteranismo |
Educación | Universidade de Copenhague Universidade de Padua Universidade de Basilea |
Director de tese | Franciscus Sylvius |
Actividade | |
Campo de traballo | Medicina e anatomía |
Ocupación | médico |
Empregador | Universidade de Copenhague |
Profesores | Giovanni Domenico Sala (pt) |
Lingua | Lingua latina |
Familia | |
Fillos | Caspar Bartholin o novo, Thomas Bartholin (pt) |
Pai | Caspar Bartholin o Vello |
Irmáns | Rasmus Bartholin |
Parentes | Thomas Fincke (pt) (avó materno) |
Thomas Bartholin, nado en Copenhague (Reino de Dinamarca e Noruega) o 20 de outubro de 1616 e finado na mesma cidade o 4 de decembro de 1680, foi un médico, matemático e teólogo dinamarqués, coñecido frecuentemente co nome latinizado de Thomas Bartolinus. É coñecido pola descuberta do sistema linfático humano e mais pola primeira descrición científica e os perfeccionamentos que introduciu no proceso de anestesia por refrixeración.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Thomas Bartholin foi o segundo dos seis fillos de Caspar Bartholin, o Vello (1585-1629), un médico e científico nado en Malmö, Escania, e da súa esposa Anne Fincke.[2]
Ademais de polo seu pai, que xa publicara en 1611 unha colección de deseños anatómicos para uso médico, a familia de Thomas Bartholin tivo moita sona pola súa relación co ámbito científico, xa que doce dos seus membros foron profesores da Universidade de Copenhague, e produciron traballos senlleiros en diversas áreas do saber. Só no campo da anatomía foron tres as xeracións da familia Bartholin que fixeron contribucións salientables nos séculos XVII e XVIII: Caspar Bartholin, O Vello (1585-1629), Rasmus Bartholin (1625-1698) e Caspar Bartholin, o Novo (1655-1738), respectivamente pai, irmán e sobriño de Thomas Bartholin. Todos eles contribuíron de forma significativa á práctica da moderna medicina pola descuberta de importantes estruturas e fenómenos anatómicos. Caspar Bartholin, O Vello (1585-1629), o pai de Thomas, iniciou a súa carreira como profesor da Universidade de Copenhague en 1613, e durante os 125 anos seguintes os descubrimentos científicos feitos por membros da súa familia ao servizo da Facultade de Medicina desa universidade achegaron unha notable reputación internacional a esa institución.[3]
Logo de estudar na Universidade de Copenhague, Thomas Bartholin viaxou por Europa e, en Messina, Italia, compartiu unha estadía co botánico Pietro Castelli, o ano de 1644.
Despois de iniciada a súa carreira como médico e investigador na Universidade de Copenhague, Thomas Bartholin publicou en decembro de 1652 a primeira descrición completa do sistema linfático humano, unha estrutura anatómica ata entón pouco coñecida, aínda que xa o ano anterior Jean Pecquet describira a súa existencia en animais e descubrira o conduto torácico.[4]
En 1653, logo da publicación das descubertas de Jean Pecquet e de Bartholin, Olof Rudbeck publicou unha descrición semellante do sistema linfático humano, o que ocasionou unha disputa acerca da orixinalidade do descubrimento, xa que, malia presentar Rudbeck o seu achado na corte da raíña Cristina de Suecia en abril ou maio de 1652, antes da publicación da descrición de Bartholin, só chegou a publicar o seu propio texto descritivo en 1653, un ano despois de Bartholin.[5]
A publicación conxunta de Thomas e Rasmus Bartholin titulada De nivis usu medico observationes variae, contén no seu capítulo XXII, a primeira descrición científica coñecida do proceso de anestesia por refrixeración, ou sexa, pola aplicación local de frío intenso, unha técnica cuxa invención Thomas Bartholin lle atribúe ao italiano Marco Aurelio Severino, de Nápoles. Segundo Bartholin, Severino foi o primeiro en probar, en 1646, a aplicación como anestético dunha mestura de neve e xeo, técnica que Thomas Bartholin coñeceu cando o visitou en Nápoles.
Outro descubrimento importante de Thomas Bartholin foi a síndrome conxénita provocada pola trisomía do cromosoma 13 nos humanos, hoxe coñecida como síndrome de Patau.
Como profesor da Universidade de Copenhague, Thomas Bartholin tivo entre os seus alumnos a Niels Stensen (máis coñecido polo seu nome latinizado, Nicolaus Steno), un dos máis prestixiosos nomes da medicina de todos os tempos.
Thomas Bartholin ilustrou e revisou a colleita de traballos sobre anatomía que publicara o seu pai en 1611, transformándoa nunha das máis importantes obras de referencia para o estudo e a práctica médica durante os séculos seguintes.
En 1663, Thomas Bartholin adquiriu unha propiedade en Hagestedgaard, que ardeu completamente en 1670. Nese incendio perdeuse a súa biblioteca persoal, que incluía moitos manuscritos inéditos. O rei Christian V de Dinamarca nomeou a Bartholin como o seu médico persoal, cun salario xeneroso, e eximiu a súa propiedade de impostos, como forma de reducir a perda sufrida co incendio.
En 1680, a saúde de Thomas Bartholin deteriorouse e viuse forzando a vender as súas propiedades e regresar a Copenhague, onde falecería pouco despois. Foi sepultado na igrexa da Nosa Señora (Vor Frue Kirke) desa cidade.
A Bartholinsgade, unha rúa na zona central de Copenhague, recibiu tal nome en honra da familia Bartholin. Nas súas inmediacións sitúase tamén o Instituto Bartholin (Bartholin Institutet).
Obras publicadas
[editar | editar a fonte]- Historiarum anatomicarum rariorum centuria I et II. Ámsterdam, 1641. Conta cunha segunda edición en 1654, onde se describen e se ilustran estruturas anatómicas e as súas consecuencias clínicas.
- De unicornu. Padua, 1645.
- De lacteis thoracis in homine brutisque nuperrime observatis. Copenhague 1652. Describe por primeira vez o conduto torácico.
- Vasa lymphatica nuper hafniae in animalibus inventa et hepatis exsequiae. Copenhague, 1653.
- Vasa lymphatica in homine nuper inventa. Copenhague, 1654.
- Historarium anatomicarum rariorum centuria I-VI. Copenhague, 1654-1661.
- Anatomia. A Haia, 1655.
- Dispensarium hafniense. Copenhague, 1658.
- De nivis usu medico observationes variae. Accessit D. Erasmi Bartholini de figura nivis dissertatio (escrito en coautoría con Rasmus Bartholin).
- Typis Matthiase Godichii, sumptibus Petri aubold, 1661. Inclúe a primeira descrición coñecida da anestesia por refrixeración.
- Cista medica hafniensis. Copenhague, 1662.
- De pulmonum substantia et motu. Copenhague, 1663.
- De insolitis partus humani viis. Copenhague, 1664.
- De medicina danorum domestica. Copenhague, 1666.
- De flammula cordis epistola. Copenhague, 1667.
- Orationes et dissertationes omnino varii argumenti. Copenhague, 1668.
- Carmina varii argumenti. Copenhague, 1669.
- De medicis poetis dissertatio. , 1669.
- De bibliothecae incendio. Copenhague, 1670.
- De morbis biblicis miscellanea medica. Frankfurt, 1672.
- Acta medica et philosophica. 1673-1680
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hombres Ilustres: Thomas Bertholin. En IQB (Instituto Químico Biológico).
- ↑ Biography of Thomas Bartholin. En "Whonamedit. A dictionary of medical eponyms".
- ↑ Hill, Robert V. (2007-3). "The contributions of the Bartholin family to the study and practice of clinical anatomy". Clinical Anatomy (en inglés) 20 (2): 113–115. doi:10.1002/ca.20355. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2019. Consultado o 30 de marzo de 2019.
- ↑ Detmar, Michael e Mihaela Skobe. "Structure, Function, and Molecular Control of the Skin Lymphatic System" en Journal of Investigative Dermatology Symposium Proceedings. 2000. Número 5. Páxinas 14 a 19.
- ↑ Eriksson, G. Svensk medicinhistorisk tidskrift, 2004; 8(1):39-44. Artigo en sueco cun resumo em inglés dispoñible en: Olaus Rudbeck as scientist and professor of medicine, U.S. National Library of Medicine.