Valquiria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A vixilia da valquiria, de Edward Robert Hughes. Hughes deixa de lado o aspecto guerreiro da valquiria, representándoa como unha fermosa e moza muller nun vestido etéreo. Porén, as súas armaduras e armas están presentes, se ben postas de lado e inutilizadas.

Unha valquiria[1] é un ser imaxinario que consta na mitoloxía nórdica. Tiña aparencia de muller e era moi forte e poderosa. Son dísir, deidades femininas menores que servían a Odín baixo o comando de Freyja. O seu propósito era elixir aos máis heroicos daqueles caídos en batalla e levalos ao Valhalla onde se convertían en einherjar. Isto era necesario xa que Odín precisaba guerreiros para loitaren ao seu carón na batalla do fin do mundo, o Ragnarök. A súa residencia habitual era o Vingólf, situado a carón do Valhalla. Dito edificio contaba con cincocentas corenta portas por onde entraban os heroes caídos para seren curados polas guerreiras ademais de deleitarse coa súa beleza, e onde lles "serven hidromel (ou cervexa) e coidan da vaixela e os recipientes para beber"[2].

Parece, porén, que non existía unha distinción moi clara entre as valquirias e as nornas. Por exemplo, Skuld é tanto unha valquiria como unha norna, e na Darraðarljóð (liñas 1-52), as valquirias tecen as redes da guerra. De acordo coa Edda prosaica (Gylfaginning 35), "Odín mándalles valquirias a todas as batallas. Elas asignan a morte aos homes e gobernan a vitoria. Gunnr e Róta [dúas valquirias] e a norna máis nova, chamada Skuld, sempre cabalgan para elixir quen deberá morrer e para gobernar as matanzas".

Ademais, a licenza artística permitiu aplicar o termo 'valquiria' tamén a mulleres mortais na poesía en nórdico antigo, ou citando a Skáldskaparmál de Snorri Sturluson no que respecta á utilización de varios termos para as mulleres:

As mulleres tamén son chamadas metaforicamente polos nomes das Asynjur ou das valquirias ou as nornas.[3]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra "valquiria" deriva do nórdico antigo valkyrja (plural "valkyrjur") e significa "a que elixe aos caídos en batalla". A súa etimoloxía é a seguinte:

  1. Do islandés valr, "os caídos (en batalla)", do protoxermánico *walaz, "campo de batalla, matanza", proto-indoeuropeo *wele-, "ferir, atacar". Relaciónase co termo latino veles, "pantasmas dos mortos".[4]
  2. Do islandés kørinn, korinn, participio do verbo kjósa, "elixir, seleccionar". Os verbos modernos choose (en inglés) e kora (en sueco) teñen a mesma orixe.[5]

O cognado en anglosaxón é "wælcyrige" e en alemán é "Walküre". Esta última foi inmortalizada na ópera de Richard Wagner Die Walküre (A Valquiria), a segunda ópera do seu ciclo Der Ring des Nibelungen (O anel do Nibelungo).

Orixes[editar | editar a fonte]

A orixe das valquirias non se atopa documentada nos textos existentes, pero moitas das valquirias máis coñecidas tiñan pais mortais. Hoxe en día crese que as valquirias orixinais eran as sacerdotisas de Odín que oficiaban os sacrificios rituais nos que os prisioneiros eran executados ("levados a Odín"). Para cando foi compilada a Edda poética, a finais do século XII ou principios do XIII, estes rituais deran inicio a lendas sobre doncelas guerreiras sobrenaturais que tomaban parte activa nos conflitos humanos, decidindo quen debía vivir e quen morrer[6].

Nos poemas mitolóxicos da Edda poética as valquirias eran deidades sobrenaturais de descendencia descoñecida, descritas como doncelas escudeiras que cabalgan nas filas dos deuses ou serven os tragos no Valhalla; dánselles nomes significativos, como Skǫgul/Skögul ("loita, furia"), Hlǫkk/Hlökk ("balbordo de batalla") ou Gjǫll/Göll ("grito de batalla").[7]

Porén, nos cantos heroicos, eran descritas como bandas de mulleres guerreiras, entre as que só se nomeaba á líder. Esta era invariablemente unha muller humana, a fermosa filla dun gran rei, a pesar de compartir algunhas das habilidades sobrenaturais das súas compañeiras anónimas. No primeiro dos tres cantos de Helgi, Helgi Hjörvarðsson é abordado por unha banda de nove valquirias lideradas por Sváva, a filla do rei Eylimi. No segundo e terceiro cantos, as valquirias son guiadas por Sigrún, filla do rei Hogni. Posteriormente, casa co heroe Helgi Hundingsbane e dá a luz aos seus fillos. A máis famosa das valquirias, Brynhildr, é tamén unha princesa humana. Na Sigrdrífumál (A balada da que trae vitoria) nunca é nomeada, sendo chamada simplemente Sigrdrífa ("a que trae vitoria"), e só hai indicios de que non era unha deidade; máis aínda, non se fala da súa descendencia. Porén, na pasaxe correspondente da Saga Volsunga, é identificada como Brynhildr, filla do rei Budli. Tamén se identifica a Sigrdrífa con Brynhildr noutro canto heroico, Helreið Brynhildar (A cabalgata de Bryndhildr a Hel).

Representacións[editar | editar a fonte]

Na arte moderna as valquirias ás veces son representadas como fermosas Skjaldmö (doncelas escudeiras) sobre cabalos con ás, armadas con helmos e lanzas. Porén, o termo "cabalo de valquiria" era unha das kenningar (un tipo de perífrase escandinava) para lobo. Por exemplo, a Pedra de Rök (Rökstenen de Rök, Östergötland) fala de "...onde o cabalo de Gunnar ve prea no campo de batalla, onde xacen doce reis" ("...hwar hæstʀ sē Gunnaʀ etu vēttvąngi á, kunungaʀ twæiʀ tigiʀ swāð á liggja.") Aquí GunnaR (o Gunnr) é presumiblemente unha valquiria. Noutras palabras, é probable que as valquirias non cabalgasen cabalos con ás, contrariamente ao estereotipo, senón que as súas monturas fosen mandas de lobos espantosos e belixerantes que buscaban os corpos dos guerreiros mortos.

Mentres que os lobos eran as súas monturas, as valquirias parecen ser similares aos corvos, voando sobre o campo de batalla e "elixindo" corpos.[8] Deste xeito, as mandas de lobos e bandadas de corvos que escudriñaban entre os resultados da batalla poderían estar servindo a un propósito maior.

De acordo co traballo de grande influencia de Thomas Bulfinch, Bulfinch's Mythology (1855), a armadura das valquirias "despide unha estraña luz, que destella sobre os ceos setentrionais, creando o que os homes chaman Aurora Boreal, ou Luces do norte"[9]. Porén, non hai nada noutras fontes que apoie esta afirmación[10], agás pola chegada das valquirias na Helgakviða Hundingsbana I.

Valquirias destacadas[editar | editar a fonte]

A valquiria Brunhilda vai visitar a Sigmund. Ilustración de Arthur Rackham para a ópera Die Walküre de Richard Wagner.

Varias valquirias son mencionadas individualmente en numerosas formas da literatura xermánica.

Valquirias principais[editar | editar a fonte]

Moitas valquirias aparecen como personaxes principais ou importantes nalgúns mitos existentes.

Outras fontes indican que algunhas outras valquirias tamén eran personaxes principais dentro da mitoloxía nórdica, como Gunnr, que aparece na Pedra de Rök, e Skögul que ademais aparece nunha inscrición rúnica do século XIII en Bergen.

Outras valquirias[editar | editar a fonte]

Unha estatua de 1908 por Stephan Sinding en Copenhague, presentando unha imaxe activa dunha valquiria.

Ademais das valquirias máis coñecidas nomeadas anteriormente, moitas máis aparecen nas fontes literarias, como no agregado nafnaþulur á Edda de Snorri, na Grímnismál (onde aparece Odín recitando), ou na Völuspá.

Referencias na cultura[editar | editar a fonte]

O anel do nibelungo[editar | editar a fonte]

Richard Wagner incorporou contos nórdicos que inclúen a valquiria Brunilda e o seu castigo e subsecuente amor polo guerreiro Sigfrido (Sigurðr). Estes traballos inclúen a ópera Die Walküre, que contén a coñecida "Cabalgata das valquirias" (popularizada pola película Apocalypse Now, de Francis Ford Coppola), así como "Das Rheingold", "Siegfried" e "Götterdämmerung". Estes retratos, xunto con outros, levaron a que nas representacións modernas, as valquirias sexan menos vistas como figuras de morte e guerra, e máis comunmente como figuras románticas prístinas e con vestiduras de ouro montando cabalos con ás. Así e todo, a música de Die Walküre captura perfectamente o sentido brutal, cru, e primitivo do "traballo" das valquirias. Na súa obra, Wagner describe nove valquirias; ademais de Brünnhilde (Brunilda), aparecen Helmwige, Gerhilde, Ortlinde, Waltraute, Siegrune, Rossweisse, Grimgerde e Schwertleite. Todos estes nomes son creación de Wagner.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para valquiria.
  2. Edda prosaica, Gylfaginning 35
  3. Skáldskaparmál Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine. traducido por Arthur Gilchrist Brodeur (1916), en Northvegr.
  4. Online Etymology Dictionary (en inglés)
  5. [ http://www.vaidilute.com/books/munch/munch-contents.html Arquivado 17 de outubro de 2006 en Wayback Machine. P.A. Munch (1926). Norse Mythology: Legends of Gods and Heroes. The American-Scandinavian Foundation: New York.]
  6. Davidson, H. R. Ellis: Gods and Myths of Northern Europe. Penguin Books, 1964. ISBN 0-14-013627-4
  7. "Old Norse Online (Léxico básico de nórdico antigo)". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2016. Consultado o 19 de marzo de 2009. 
  8. Valkyries, Wish-Maidens, and Swan-Maids
  9. "Northern mythology". Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2011. Consultado o 19 de marzo de 2009. 
  10. The Aurora Borealis and the Vikings

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]