Crónica de Néstor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha folla da copia da Crónica de Néstor chamada Radziwiłłowski. Século XV.

A Primeira Crónica Rusa ou Crónica de Néstor (en ruso: По́весть временны́х лет, Póvest vremennii let, en ucraíno: Повість врем'яних літ, Póvist vremeinii lit; literalmente: "Os Relatos de Anos Pasados") é a historia do primeiro Estado eslavo oriental, o Rus de Kiev, entre os anos 850 e 1110, aproximadamente, orixinalmente escrita en Kiev contra o ano 1113.

Diferentes versións[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo, a redacción orixinal atribuíuse a un monxe chamado Néstor, de aí que se a chamara A Crónica de Néstor ou O Manuscrito de Néstor. Entre as moitas fontes que utilizaría estarían as primeiras (hoxe perdidas) crónicas eslavas, os anais bizantinos de Xoán Malalas e de Xurxo o Monxe, lendas populares e sagas nórdicas, numerosos textos relixiosos gregos, tratados entre os bizantinos e os rusos, fontes orais de Ian Vishátich e outros líderes militares. Néstor traballou na corte de Sviatopolk II de Kiev e probabelmente compartiu con el a súa política proescandinava.

A primeira parte é rica en historias anecdóticas, entre as que se contan a chegada de tres irmáns varegos, a fundación de Kiev, o asasinato de Askold e Dir, a morte de Oleg (a quen matou unha serpe escondida no esqueleto do seu cabalo) e a vinganza de Olga de Kiev, esposa de Igor de Kiev, sobre os drevliáns que asasinaran ao seu marido. A historia do labor dos santos Cirilo e Metodio entre os pobos eslavos é tamén moi interesante. A Néstor debémoslle a narración sobre a expedita forma na que o príncipe Vladímir I de Kiev aboliu o culto a Perún e aos outros deuses de Kiev.

No ano 1116, o hegúmeno Silvestre do Mosteiro de San Miguel de Vídubichi realizou numerosas copias do texto de Néstor, engadindo o seu propio nome ao final da crónica. Dado que o príncipe Vladímir II Monómaco era o patrón da aldea de Vídubychi, onde estaba situado o mosteiro, a nova edición glorificou ao príncipe e fixo del a figura central da narrativa posterior. Esta segunda versión da obra nestoriana preservouse no chamado Códice Lauretiense.

Unha terceira edición seguiulle dous anos máis tarde, centrándose na persoa de Mstislav I de Kiev, fillo e herdeiro de Vladímir II Monómaco. O autor desta revisión podería ser grego, xa que corrixiu e actualizou moitos dos datos sobre os asuntos bizantinos. Esta última versión conservouse no Códice de Ipátiev ou Hipatiense.

O texto orixinal perdeuse e as copias máis antigas que se coñecen son as do Códice Lauretiense e o Códice de Ipátiev, de modo que é complicado establecer o contido orixinal da crónica palabra por palabra.

O Códice Lauretiense foi copiado polo monxe de Nóvgorod Lavrenti (Lourenzo) para o príncipe Dmitri Konstantínovich en 1377. O texto orixinal utilizado foi un códice hoxe perdido recompilado para o Gran Duque de Tver en 1305, ano en que termina a crónica, aínda que os anos 898-922, 1263-83 e 1288-94 están omitidos por algunha razón. O manuscrito foi adquirido polo famoso Conde Musin-Pushkin en 1792 e máis tarde doado á Biblioteca Nacional Rusa en San Petersburgo.

O Códice de Ipátiev foi descuberto no Mosteiro Ipátiev en Kostromá polo gran historiador ruso Nikolái Karamzín. Data do século XV, pero incorpora unha información de incalculábel valor histórico sobre o Kiev do século XII e as Crónicas Galicianas (da cidade de Hálich, na rexión da Europa Central de Galicia). A lingua na que estaba escrita á o eslavo antigo, con influencia do eslavo oriental.

A Crónica de Néstor pode ser un dos textos de estudo máis intenso da historia. Publicáronse numerosas monografías e versións, datando a primeira de 1767. Alekséi Sháimatov publicou unha análise textual pioneira deste documento en 1908. Dmitri Liiachov e outros investigadores soviéticos revisaron en parte os seus descubrimentos, que intentaron reconstruír a crónica prenestoriana recompilada na corte de Yaroslav o Sabio a mediados do século XI.

Importancia[editar | editar a fonte]

A diferenza doutras crónicas medievais escritas por monxes europeos occidentais, a Crónica de Néstor é única no seu campo, ao non haber outro testemuño escrito da historia antiga dos pobos eslavos orientais. A súa longa relación sobre a historia da Rus de Kiev non ten parangón, aínda que dataron correccións provenientes da Primeira Crónica de Nóvgorod. Así mesmo é valiosa como primeiro exemplo da literatura dos antigos eslavos orientais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cross, Samuel Hazzard and Olgerd Sherbowitz-Wetzor (trans.) (1953):
  • Encinas Moral, Ángel Luis (Edición, traducción, prólogo y notas) (2005): Relato de los Años pasados: según la Crónica Laurenciana (1377). Néstor. Colección "Libros de los Malos Tiempos", nº 85. Madrid: Miraguano Ediciones. ISBN 978-84-7813-282-9. Resumo
  • The Russian Primary Chronicle: Laurentian Text (MAA Publication No. 60)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]