Vinland

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Recreación dunha vivenda viquinga en L'Anse aux Meadows, na illa de Terra Nova

Vinland (en nórdico antigo: Vinðland) ou Vinlandia foi o nome dado por viquingos de Islandia ao territorio narrado nas Sagas nórdicas (tradicións orais escritas coa súa cristianización), e que actualmente se identificarían coa illa de Terra Nova (Canadá) e as zonas costeiras que se atopan ao redor do Golfo de San Lorenzo no que hoxe se coñece como Nova Brunswick (onde se atopa as epónimas videiras) e Nova Escocia, no actual Canadá. As exploracións serían levadas a cabo por iniciativa de Leif Eriksson a partir de Leifbundir, un asentamento establecido ao redor do ano 1000 na costa setentrional da illa de Terra Nova, tamén no actual territorio canadense. A ocupación de Leifbundir ocorría case 500 anos antes das viaxes de Cristóbal Colón, foi precaria, durou só unha década aproximadamente, non houbo colonización ou conquistas, nin tampouco intercambios co mundo europeo.

En 1960, atopouse a única evidencia arqueolóxica coñecida de asentamiento nórdico en América do Norte (fóra de Groenlandia ) en L'Anse aux Meadows[1] na punta oeste da illa de Terra Nova. Até ese momento, Vinland só aparecía nas sagas do antigo nórdico e na historiografía medieval. Ese descubrimento demostrou claramente a colonización nórdica precolombiana de América. Pénsase que L'Anse aux Meadows poderíase corresponder co campamento Straumfjörð mencionado na Saga de Erik o Roxo.

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiras exploracións[editar | editar a fonte]

Mapa coas exploracións de Leifr Eiríksson e os hipotéticos emprazamentos de VInland, Markland e Helluland

Anteriormente eran coñecidas as terras do norte de Britania e do sur de Xermania como as predecesoras dos territorios víndicos ou "Vin ou lands", das cales derivan as posteriores adaptacións do termo Vinland, como terras dos ventos e que recolle o xeógrafo romano Pomponio Mela na súa obra "De Chorographia".

A exploración de Vinlandia foi efectuada polos viquingos establecidos nas colonias de Groenlandia e motivada pola escaseza de recursos que había nesta rexión. As colonias eran en certa medida apropiadas para a ocupación humana, pero presentaban desvantaxes como o clima frío, a escaseza de madeira como material de combustión e de construción ou a falta de fontes accesibles de ferro. Para suplir estas carencias, Leifr Eiríksson, fillo de Erik o Vermello, fundador da colonia de Groenlandia, tomou a iniciativa de explorar o territorio circundante.

As primeiras viaxes revelaron descubrimentos prometedores nun continente de clima relativamente máis benigno e repleto de recursos esenciais de supervivencia. Aparentemente, o termo Vinlandia (literalmente terra das viñas) foi acuñado para estimular as expedicións cara ao novo continente, xa que non existían en América. Unha viaxe ao descoñecido non resultaba atractivo, pero era difícil subtraerse á tentación de ser pioneiro nunha terra onde "fluía o viño". Leif Eriksson descubriu tamén Markland (a costa do Labrador), Straumfjord e Helluland (costa leste de a illa de Baffin), relatadas nas sagas (un xénero literario nórdico) como lugares ideais para a cría de rabaños. Con todo, a costa oriental do actual Canadá situábase a máis de mil millas marítimas de Groenlandia, o que supoñía polo menos tres semanas de viaxe en barco. Dada a imposibilidade de navegar a non ser no verán, e debido ás condicións climáticas difíciles, Leif Eriksson rapidamente atopou a vantaxe en establecer unha base de inverno na rexión. Leifbundir foi o nome dado a esta colonia.

Leifbundir[editar | editar a fonte]

A única fonte histórica que menciona a colonia de Leifbundir en Vinlandia son as sagas nórdicas,​ contemporáneas ás expedicións. De acordo con estes textos, Leifbundir foi fundada por Leif Eriksson, o seu irmán Thorvald, a súa irmá e a súa muller, ao redor do ano 1000. O lugar era descrito como unha pequena aldea destinada a servir de cuartel xeral ás expedicións que se retomarían no verán. A falta de fontes independentes e de vestixios viquingos en América do Norte, os historiadores mantivéronse escépticos no referente a estas narracións, clasificadas por algúns académicos como fantasías.

A dúbida desapareceu en 1961 cando un equipo de arqueólogos descubriu ruínas dun asentamento viquingo na área de L' Anse aux Meadows, na costa setentrional da illa de Terra Nova. O asentamento estaba constituído por oito edificios, dos cales tres eran dormitorios con espazo para acoller a preto de 80 persoas, un taller de carpintería e unha forxa con tecnoloxía de extracción de ferro idéntica á dos viquingos. As datacións por carbono-14 indicaron idades en torno ao ano 1000. A localización e características destas ruínas estaban de acordo co descrito polos contemporáneos de Leif Eriksson e confirmaban a veracidade da presenza viquinga en América do Norte.

Unha das características máis destacadas da aldea descuberta polos arqueólogos era a ausencia dos dispositivos que normalmente acompañaban aos viquingos. As escavacións revelaron só a presenza duns 99 cravos estragados, un cravo en boas condicións, un broche de bronce, unha pedra de afiar, unha conta de vidro e unha agulla de tricotar. Este fraco espolio arqueolóxico foi interpretado como un abandono deliberado da colonia, hipótese apoiada polas narracións da época que contan como Leifbundir foi abandonada aos poucos anos de vida.

Abandono[editar | editar a fonte]

De acordo coas sagas, Vinlandia tiña todas as características dunha terra prometida. Con todo, as ideas de explotación e colonización foron abandonadas ao pouco tempo. Os motivos do abandono están descritos polos propios relatos contemporáneos: Vinlandia era a morada dun pobo hostil co cal os viquingos non conseguiron establecer relacións pacíficas.

O primeiro contacto dos viquingos de Leifbundir cos nativos americanos relátase pormenorizadamente nas sagas. O campamento foi visitado por un grupo de 9 nativos, que os viquingos chamaban xenericamente Skræ ling (en islandés moderno: "bárbaros" ou "estranxeiros", unha palabra tamén aplicada aos inuit), dos cales os viquingos mataron 8 por razóns non especificadas. O noveno fuxiu e regresou en canoa acompañado dun grupo maior que atacou aos colonos. Na loita, morreron algunhas persoas de ambas as partes, entre eles Thorvald, irmán de Leif Eriksson. A pesar deste inicio pouco propicio, foi posible establecer relacións comerciais cos nativos, como o cambio de leite e tecidos nórdicos por peles de animais locais. A paz durou algún tempo ata que comezou unha nova batalla cando un nativo tentou roubar unha arma e foi asasinado. Os viquingos conseguiron gañar este conflito, pero o acontecemento serviu para que se desen conta de que a vida en Vinlandia non sería fácil sen apoio militar adecuado, do que non dispoñían. De acordo coa Saga de Erik e a Saga dos groenlandeses, decidiron entón abandonar a aldea de Leifbundir e o soño de colonizar Vinlandia.

A pesar do abandono, os viquingos continuaron visitando América do Norte, en particular a rexión de Markland. Estas viaxes non se destinaban á explotación ou eventual establecemento, senón á recolección de madeira e ferro, recursos que continuaban escaseando no seu Groenlandia natal. A última referencia a unha viaxe a Markland data de 1347.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ingstad (2001), p. 132

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]