Saltar ao contido

Saga (literatura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saga
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Parte de
Códigos e identificadores
Freebase/m/01rs_7 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata C:Commons

As sagas (do islandés: saga; plural: sögur) son pezas literarias e históricas en prosa creadas principalmente en Islandia e, en menor medida, noutras zonas de Escandinavia.

O xénero máis coñecido son as sagas de islandeses (Íslendingasögur), que narran as viaxes dos viquingos, a migración a Islandia, e as loitas entre as familias do país insular. Porén, os temas das sagas son moi variados, e inclúen as lendas anteriores á chegada do cristianismo (Fornaldarsögur); as vidas de santos (Heilagra manna sögur) e bispos (Biskuparsögur) escandinavos e doutras rexións; as historias dos reis (Konungasögur) escandinavos e da política contemporánea islandesa (Samtíðarsögur); ou os romances de cabaleiros (Riddarasögur).

As sagas teñen a súa orixe na Idade Media, mais continuaron a compoñerse durante os séculos seguintes. Namentres a lingua dominante nos textos históricos da Europa medieval era o latín, as sagas adoitaban escribirse no vernáculo: o nórdico antigo e os seus descendentes, principalmente o islandés.

Malia estaren en prosa, comparten moitas semellanzas coas epopeas, e acostuman a incluír estrofas ou poemas enteiros en verso aliterativo inseridos no corpo do texto.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Os significados principais da palabra saga en nórdico antigo son "o que se dixo, declaración, narración oral, notificación" e mais o sentido empregado neste artigo: "narración estruturada, historia".[1] Está relacionada cos termos ingleses say e saw, e co alemán Sage. O termo actual saga é un préstamo directo do nórdico antigo tomado orixinalmente para referirse á prosa narrativa nesta lingua.

  1. "Saga". ONP (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2019.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]