Saltar ao contido

Pedro III de Aragón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPedro III de Aragón

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ca) Pere el Gran
(an) Pero lo Gran
(oc) Pèire lo Grand Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1240 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Valencia Editar o valor en Wikidata
Morte11 de novembro de 1285 Editar o valor en Wikidata (44/45 anos)
Vilafranca del Penedès Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaMosteiro de Santes Creus Editar o valor en Wikidata
Rei de Sicilia
1282 – 1285
← Carlos de AnjouXaime II de Aragón →
Rei de Aragón
1276 (Gregoriano) – 1285 (Gregoriano)
← Xaime I de AragónAfonso III de Aragón →
Rei de Valencia
1276 – 1285
← Xaime I de AragónAfonso III de Aragón →
Conde de Barcelona
1276 – 1285
← Xaime I de AragónAfonso III de Aragón → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCoroa de Aragón Editar o valor en Wikidata
RelixiónCristianismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióntrobador , compositor , escritor , poeta , cabaleiro Editar o valor en Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua catalá Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde de Ribagorza (1276 (Gregoriano)–1285 (Gregoriano)) Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Aragón Editar o valor en Wikidata
CónxuxeConstanza II de Sicilia (1262, 1262 (Gregoriano)–1285)
FillosTeresa de Aragón (en) Traducir, Jaume Pere d'Aragó i Nicolau (en) Traducir, Sanç d'Aragó (en) Traducir, Afonso III de Aragón, Xaime II de Aragón, Santa Isabel de Aragón, Frederico II de Sicilia, Violante de Aragão e Sicília (pt) Traducir, Pedro de Aragão (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
PaisXaime I de Aragón Editar o valor en Wikidata  e Violante de Hungría Editar o valor en Wikidata
IrmánsJaime II de Maiorca (pt) Traducir, Constança de Aragão (pt) Traducir, Isabel de Aragão, rainha de França (pt) Traducir, Violante de Aragón e Pere I d'Ayerbe (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

WikiTree: Aragón-120

Pedro III de Aragón, chamado o Grande (en catalán Pere el Gran, en castelán Pedro el Grande), nado en xullo ou agosto de 1240 en Valencia e morto o 11 de novembro de 1285 en Vilafranca del Penedès,[1] [2] foi rei de Aragón e conde de Ribagorza de 1276 a 1285 co nome de Pedro III de Aragón; conde de Barcelona, de Xirona, de Osona, de Besalú e de Pallars Jussà de 1276 a 1285 co nome de Pedro II de Barcelona; rei de Valencia de 1276 a 1285 co nome de Pedro I de Valencia, e rei de Sicilia (insular) de 1282 a 1285 co nome de Pedro I de Sicilia.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Pedro foi o primeiro fillo do rei de Aragón Xaime I o Conquistador e da súa segunda esposa Violante de Hungría.

Cando tiña un ano de idade, en 1241, recibiu un primeiro apanage segundo o cal recibiría o legado de Valencia, as Baleares, o Rosellón e a Cerdaña.

Despois da morte da súa nai en 1251, confiouse ao coidado de Jaspert IV, vizconde de Castelnou, de Guillerme de Castelnou, irmán do anterior, de Gilbert de Cruilles e de Alón de Hostes.

Matrimonio

[editar | editar a fonte]

Pedro casou o 13 de xuño de 1262 na catedral de Montpellier con Constanza de Hohenstaufen, filla e herdeira de Manfredo I de Sicilia, e foron coroados en Zaragoza, probabelmente o 17 de novembro,[3] [4] nunha cerimonia na que Pedro cancelou a vasalaxe que co papado concertara o seu avó Pedro II (o que ocasionou, loxicamente, un enfrontamento co papa.

Relacións co seu irmán o rei de Mallorca

[editar | editar a fonte]

A relación entre os fillos de Xaime I o Conquistador, Pedro III de Aragón, o maior, e Xaime II de Mallorca, foron sempre tensas. O rei de Aragón viu as terras do reino do seu irmán, con capital en Perpiñán, constituído polas illas de Mallorca, Eivissa e Formentera, os condados de Rosellón e Cerdaña, o señorío de Montpellier, a baronía de Omeladès e o viscondado de Carladès (Menorca, aínda en poder dos musulmáns, lle rendía vasalaxe), como unha excrecencia do seu. Estes territorios, moi dispersos, eran unha parte moi pequena en comparación coa que lle tocara ao seu irmán máis vello na repartición testamentaria do seu pai de 1262. Pero Xaime vía este reino como unha entidade coherente.[5]

Política de expansión polo Mediterráneo: Conquista de Sicilia

[editar | editar a fonte]

Todo o reinado de Pedro centrouse na expansión da Coroa de Aragón polo Mediterráneo. Á morte do Rei de romanos Guillerme de Holanda en xaneiro de 1256 produciuse un problema sucesorio pola elección do seguinte Rei de romanos. En marzo, a cidade de Pisa enviou unha embaixada ao rei de Castela Afonso X ofrecéndolle a súa submisión e apoio como cabeza da casa de Suabia e como xefe do partido xibelino, oposto ao papa. Por outra parte, o rei castelán tamén fixo saber a súa intención de ser elixido Rei de romanos, fronte ao cal, o rei de Inglaterra Henrique III propuxo ao seu irmán Ricardo de Cornualla como candidato.

Tras gastar ambos os candidatos grandes cantidades de diñeiro para subornar aos electores, o 1 de abril os partidarios de Afonso, o arcebispo de Tréveris o duque de Saxonia, xunto cos poderes outorgados polo margrave de Brandeburgo e o rei de Bohemia Otakar I, elixiron Rei de romanos a Afonso en Frankfurt, pero Otakar I, interesado en manter o reino a vacante deu o seu voto a ambos os candidatos.

Pero en Italia, o papa Alexandre IV (o valenciano Roderic de Borja) deuse de conta de que a presenza dos casteláns favorecía a causa dos xibelinos, pois seu inimigo Ezzelino da Romano era partidario de Afonso.[6] A pesar de todo, Afonso X enviou unha embaixada ao papa para lograr a súa lexitimación, aquietando as suspicacias do papa acerca do seu xibelinismo, nada extremista.

Á morte de Ezzelino da Romano (1259), os xibelinos tenderon agora a unirse en torno a Manfredo, recentemente coroado como rei de Sicilia, sen que o papa estivera disposto a recoñecelo, posto que o excomungara por ser fillo ilexítimo do seu pai Frederico II Hohenstaufen, devolvendo o Reino de Sicilia ao papado. En 1262, Constanza II de Sicilia, filla do anterior rei, casara con Pedro o Grande. En Toscana, unha insurrección levara de novo ao poder aos güelfos en 1250, que pretenderon impoñerse aos xibelinos toscanos. En 1258 expulsaron os xibelinos de Florencia, que se refuxiaron na xibelina Siena, cuxo líder Farinata degli Uberti se aliou con Manfredo de Sicilia, a quen animou para que, para protexer o seu Reino, debía asegurar Toscana aos xibelinos.

Pedro III de Aragón. Miniatura de ca. 1315.

Manfredo dirixiu as súas miras ao centro e o norte de Italia e, conxuntamente cos xibelinos, derrotou completamente aos güelfos, de forma que foi recoñecido protector de Toscana polos florentinos xibelinos, e foi elixido senador de Roma por unha facción da cidade, expulsando ao papa Alexandre IV. Mentres, os aragoneses fixeron acto de presenza, ao acordar os esponsais do herdeiro do reino, Pedro, coa filla de Manfredo Constanza II de Sicilia. Neste momento, os xibelinos podían aspirar á hexemonía sobre toda Italia e calquera alivio á terrible presión que estes exercían sobre o papa era ben recibido: de aí que Alexandre IV acollese ben aos embaixadores casteláns prometéndolles que na querela imperial se atería á máis estrita xustiza.

Tras unha sede vacante de tres meses, o patriarca de Xerusalén, Xacobe Pantaleón, de orixe francesa, foi elixido en setembro de 1261 como novo papa, como Urbano IV (1261–1264), que nunca pisaría Roma e, aínda que mantivo unha teórica actitude de neutralidade entre os dous candidatos, o castelán e o inglés, non estaba disposto a que calquera de ambos os candidatos puidera sumar as súas forzas ás dos seus inimigos os xibelinos. Ante isto, ideou unha arbitraxe que lle permitira demorar a súa sentenza o tempo que fora necesario.[7]

Porén, ante o avance irresistíbel dos xibelinos, e a pesar de que Afonso X intentaba que os güelfos se unisen a súa causa mantendo hostilidade cara a Manfredo, o papa Urbano IV ignorou o acordo establecido por Alexandre IV con Edmundo, e púxose en mans de Francia, onde finalmente contou coa aprobación do rei Lois IX para que o seu irmán Carlos de Anjou asinara un acordo o 15 de agosto de 1264 co papa, no que aceptaba a investidura do Reino de Sicilia e, mentres, Urbano IV seguiu dilatando a súa arbitraxe sobre a disputa da coroa imperial. Carlos de Anjou iniciou unha empresa implicando á banca güelfa, especialmente a Orlando Bonsignori, que se beneficiaría dos territorios do reino siciliano, o que ía en contra dos intereses cataláns.

Coroación de Carlos I de Anjou en Roma (1266).
Batalla de Benevento (1266).
Morte de Manfredo I de Sicilia (1266).

Mentres que o exército anxevino avanzaba por Italia con apoio güelfo, faleceu o papa Urbano IV e foi elixido o tamén francés, Clemente IV (1265-1268), que tampouco entrou en Roma, quedando ben establecido en Viterbo. Este papa mantivo unha actitude abertamente favorábel a Carlos de Anjou e, cando este alcanzou Roma por mar, foi elixido senador e coroado como rei de Sicilia o 6 de xaneiro de 1266 por cardeais designados polo papa.

Cando o exército anxevino chegou a Roma, Carlos emprendeu a campaña contra Manfredo, que saíu do seu letargo para encontrarse cos anxevinos na batalla de Benevento, o 26 de febreiro de 1266, onde o exército siciliano foi derrotado e o propio Manfredo encontrou a morte. Desta maneira, Carlos de Anjou logrou facer efectivo o seu control sobre todo o reino. E deste xeito impulsou o güelfismo en Italia, como o establecemento de Filipe della Torre en Milán, o marqués de Este en Ferrara e, en Florencia, os xibelinos foron de novo expulsados.

Pola súa parte, a pesar de que Afonso X insistía en non favorecer o xibelinismo, co que se privou do único apoio do que puidera dispoñer, os embaixadores casteláns, aproveitando que o infante Henrique apoiara o financiamento da empresa de Carlos de Anjou e posto que estaba na Corte pontificia, meteron presión a Clemente IV para que pronunciara a sentenza a favor do rei castelán. Porén, ao desaparecer a resistencia xibelina en Benevento, o papa non considerou necesario manter unha postura contemporizadora co rei castelán.

Tras a batalla de Benevento, Carlos puido estender a súa influencia pola Lombardía, desde Vercelli até Treviso, e desde Reggio Emilia até Módena, e con Oberto Pelavicino sometido e reducido a Cremona e Piacenza, só resistían a Carlos as cidades de Pavia e Verona;[8] o seu poder estaba consolidado no Piemonte, onde os pequenos nobres sometéronse a el para non caer baixo os máis poderosos condes de Savoia ou os marqueses de Montferrato, e Toscana foi sometida coa resistencia de Pisa e Siena. Porén, os xibelinos non se resignaron, e urxiron a vinda de Conradino, o fillo de Conrado IV e sobriño de Manfredo, que a pesar de ser excomungado en novembro de 1267, entrou en decembro en Verona,[9] proseguindo a súa campaña por Pavia e Pisa; o mesmo papa Clemente IV, pediu o apoio a Carlos de Anjou para derrotalo. Mentres, o seu parente, o infante castelán Henrique de Castela (don Arrigo), xa senador en Roma desde xullo de 1267, reclamaba a posesión do Reino de Sardeña como beneficio da súa participación na empresa anxevina. Ante a negativa, sublevouse en Roma, e aproveitando a ausencia do papa asaltou a residencia papal e fixo prisioneiros a todos os cardeais presentes. Pasar ao bando xibelino, e foi excomungado o 5 de abril de 1268; e en xullo de 1268, Conradino foi recibido con grande entusiasmo en Roma.

Carlos de Anjou converteuse así nun soberano poderoso, cabeza do partido güelfo e, ademais de ser rei de Sicilia, era conde da Provenza e de Anjou, e senador da cidade de Roma; o papa Clemente IV nomeouno vigairo imperial en Toscana durante o interregno,[10] título co que tratou de beneficiarse dos dereitos imperiais nas cidades, e no interregno de 33 meses que seguiron á morte de Clemente IV interveu activamente nos Estados Pontificios, asegurou o seu poder en Toscana sometendo a Siena e Pisa, o que prexudicaba comercialmente a Xénova, e asegurou na Dieta lombarda de Cremona (1269) o control ou o apoio das cidades güelfas no norte de Italia, e así foi recoñecido señor de Piacenza, Cremona, Parma, Módena, Ferrara e Reggio, e estableceu unha alianza coas cidades de Milán, Como, Vercelli, Novara, Alessandria, Tortona, Turín, Pavia, Bérgamo e Boloña.[11][12] Ademais de todo isto, tivo as súas miras postas en recobrar o Imperio Latino, o que produciu os temores do emperador Miguel VIII Paleólogo, que propuxo a unión das igrexas romana e grega.

Afonso X, así e todo, seguía reclamando os seus dereitos ao trono alemán a través de reclamacións xurídicas. Desenganado da súa colaboración cos güelfos, e de acordo co seu cuñado Pedro III de Aragón, fillo do rei Xaime I, enviou un embaixador, Raimundo de Mastagii, para reavivar a resistencia volvendo a crear unha nova Liga urbana contra os anxevinos e concertou o matrimonio da súa filla Beatriz co marqués Guillerme VII de Montferrato en 1271, ao que nomeou vigairo imperial na Lombardía. O rei de Sicilia emprendeu unha guerra coa xibelina Xénova a finais de 1273, de modo que a cidade aliouse co rei castelán. Guillerme de Montferrato logrou formar unha Liga xibelina con Pavia, Lodi, Parma, Novara, Piacenza, Mantua, Tortona, Xénova e Verona, e tamén co seu primo o marqués de Saluzzo Tomás I, e incluso coa súa tradicional inimiga a cidade de Asti, e cunha exigua axuda do rei castelán derrotou aos anxevinos na batalla de Roccavione (10 de novembro de 1275), o que desfixo a autoridade de Carlos de Anjou no Piemonte,[13][14] e o marqués Guillerme de Montferrato ampliou temporalmente o seu poder e influencia en Piemonte e Lombardía, e encabezou unha Liga xunto con Vercelli, Novara, Tortona, Alessandria, Asti, Como e Pavia, e apoiando aos Visconti,[15] sendo nomeado señor da cidade en 1278, até que foi expulsado polo mesmo que o nomeara, o arcebispo Otón Visconti, en 1282.

Gregorio X (1271–1276), o novo papa elixido en setembro de 1271, mostrou unha postura máis contemporizadora coa unión das Igrexas e reconciliadora cos xibelinos. Pouco despois da súa coroación en marzo de 1272, morreu o rei rival dos Romanos Ricardo de Cornualla (2 de abril), e o papa, nada favorábel ás pretensións de Afonso X, situado entón a favor dos xibelinos, e alarmado polo excesivo poder da casa de Anjou en Italia,[16] recomendou aos electores alemáns elixir un novo rei, e o 1 de outubro de 1273 foi elixido Rodolfo I de Habsburgo,[17] finalizando así o interregno.

Execución de Conradino (1268).

Para obter a aprobación do papa, o novo Rei de romanos renunciou a todos os dereitos imperiais en Roma, os territorios pontificios e Sicilia, ademais de prometer emprender unha nova Cruzada. Deste modo, Rodolfo de Habsburgo foi finalmente recoñecido polo papa, o 26 de setembro de 1274, tras invitar a Afonso a renunciar o 11 de xuño. Sen resignarse aínda, Afonso dirixiuse ao encontro do papa en Beaucaire, onde non obtivo concesións, renunciando aos seus dereitos en maio de 1275.

En 1268 numerosos nobres sicilianos levantáronse contra Conradino. Este saíu de Roma o 1 de agosto e derrotou a Carlos en Ponte de Valla mentres a súa frota derrotaba á de Carlos en Milazzo, na costa siciliana. Porén, o 23 de agosto de 1268 as forzas xibelinas foron derrotadas no combate decisivo, a batalla de Tagliacozzo, que supuxo o esmagamento dos xibelinos e o triunfo definitivo de Carlos de Anjou, e tanto don Arrigo como Conradino foron feitos prisioneiros, xunto a Frederico de Baden, un dos seus aliados. Os prisioneiros foron decapitados o 29 de outubro. Antes de morrer, Conradino cedeu os seus dereitos á súa prima Constanza, esposa de Pedro de Aragón.

Coa morte de Conradino e a do seu tío Enzo de Sardeña anos despois, a descendencia masculina dos Hohenstaufen desapareceu.

O Reino de Sicilia convértese nun dos principais intereses do rei aragonés, debido a que alegaba os dereitos da súa esposa ao trono do reino (que, ademais da illa, abarcaba todo o sur da Península Itálica, até os Estados Pontificios). E así, reivindicou a Coroa siciliana. Ao subir ao trono Manfredo de Sicilia o papa Clemente IV excomungouno

Esta situación de acoso entre a dinastía Hohenstaufen e a casa de Aragón, sendo Constanza a herdeira de Manfredo, provoca a antipatía do francés Clemente IV, que busca axuda en Carlos de Anjou, irmán máis novo do seu aliado o rei Lois IX de Francia. Así, as tropas de Carlos de Anjou entran na illa e loitan con Manfredo na batalla de Benevento, que faleceu nela. Carlos foi coroado polo papa rei de Sicilia en Roma en 1266.

O monarca anxevino fixo cegar aos tres fillos varóns de Manfredo e, en 1268, capturou e fixo decapitar a Conradino que —como neto de Frederico II— era o último herdeiro varón da casa de Hohenstaufen. Baixo Carlos de Anjou, e posteriormente do seu fillo Carlos II, o norte do terrotorio favorécese en detrimento do sur, e así a capital trasládase de Palermo a Nápoles.

Pere Rey, Pedro III de Aragón, representado na Xenealoxía da casa de Aragón redactada por orde do rei Martiño I de Aragón.

Pedro III dispoñíase a facer valer o poder no Mediterráneo. Unha frota da coroa aragonesa, ao mando de Conrado Lanza, percorreu en 1279 as costas africanas para restablecer a soberanía feudal de Aragón sobre Tunisia, que a morte do emir Muhammad I al-Mustansir debilitara. Posteriormente, en 1281, Pedro III armou outra frota para invadir Tunisia e solicitou ao novo papa Martiño IV unha bula que declarara a operación militar como cruzada, pero o papa, de orixe francesa e partidario de Carlos de Anjou, negoulla.

Pedro III de Aragón chegando a Trapani (Sicilia).
O rei identifícase pola coroa.

Cando a frota se dispoñía a levantar áncora, os sicilianos rebeláronse contra os Anjou (entre outras causas debido ás fortes cargas impositivas que soportaban); ademais, a nobreza de Sicilia desexaba un certo grao de autonomía política e pretendía expulsar á dinastía anxevina da illa. Estes sucesos, coñecidos como as Vésperas sicilianas, provocaron a expulsión da illa, tras unha gran matanza, dos franceses.

Os sicilianos enviaron entón unha embaixada a Pedro III ofrecéndolle a coroa siciliana, á que tiña dereito grazas ao seu matrimonio. O rei aragonés puxo entón a súa frota rumbo a Sicilia, onde arribou o 30 de agosto de 1282, e foi coroado rei na cidade de Palermo. Inmediatamente enviou unha embaixada a Carlos de Anjou, que se encontraba en Mesina, instándoo a recoñecelo como rei de Sicilia e a abandonar a illa. A derrota da frota anxevina en Nicoreta, a mans do almirante Roger de Lauria, obrigou a Carlos a deixar Mesina e refuxiarse na parte continental do seu Reino (onde tiña a súa capital, Nápoles). A situación de dominación anxevina conclúe na illa e conduce á división do Reino de Sicilia en 1282 no reino de Sicilia peninsular ou reino de Nápoles, baixo dominio anxevino, e o reino de Sicilia insular, baixo dominio aragonés.[18]

Evolución posterior do Reino de Sicilia

[editar | editar a fonte]
Afonso V o Magnánimo.

Os conflitos entre os Reinos de Sicilia e Nápoles foron constantes até que foi elixido papa Benedito XII en 1334, que tiña relacións de amizade con Frederico II de Sicilia, e lle prometeu respecto na Santa Sé en Trinacria.

Os dous reinos resultantes estiveron separados até 1442, cando o rei de Aragón Afonso V o Magnánimo conquistou o Reino de Nápoles e unificou ambos os Reinos. O Reino de Sicilia desvinculouse da casa de Anjou e constitiuse en dominio dos reis de Aragón, non da corte nin do Reino de Aragón, senón do propio rei e a título individual. En ningún momento as forzas políticas quixeron ir máis alá, rexeitando toda vinculación co resto dos dominios da coroa de Aragón, fóra da unión persoal co soberano, como demostra o parlamento de 1413, que exixiu que o rei ou, no seu defecto, o príncipe herdeiro, puidese ser coroado en Palermo "como rei principal e afastado sen ter dependencia de ningunha outra parte" ("comu re princhipali et appartatu senza haviri dependencia de altra parte"). Para corresponder a estas exixencias, creouse a figura do vigairo (vicerrei), un alter-ego do propio rei que permitía desdobrar a súa personalidade, sendo o primeiro deles o infante Xoán, duque de Peñafiel, nomeado en 1415. Pero esta medida non acabou de convencer ao Parlamento, que resolveu en 1416 aclamar a Xoán como rei, pero este rexeitou o posto. Para evitar un conflito maior, Afonso V chantou a súa corte en Sicilia, convocou novamente o Parlamento e recibiu o xuramento dos sicilianos: quedaba así establecida a desexada unión persoal de Sicilia ao rei, non á coroa de Aragón. De feito, Sicilia nunca se sentiu integrada na coroa de Aragón, sendo bastantes as revoltas que se orixinaron pola nunca aceptada presenza de nobres da coroa aragonesa na illa.

Conflito con Francia e problemas internos

[editar | editar a fonte]
Pedro III el Grande en el collado de las Panizas, óleo de Mariano Barbasán (1891). Deputación Provincial de Zaragoza.

O papa Martiño IV respondeu á coroación siciliana de Pedro III coa súa excomuñón (9 de novembro de 1282) e a súa deposición como rei de Aragón (21 de decembro de 1283), ofrecendo a coroa ao segundo fillo do rei de Francia, Carlos de Valois, a quen investiu o 27 de febreiro de 1284, e declarou unha Cruzada contra a Coroa de Aragón entre 1284 e 1286, pola súa intervención nos asuntos sicilianos en contra da vontade papal. A maior parte do conflito desenvolveuse en terras catalás, aínda que os primeiros episodios sucederon na fronteira navarro-aragonesa. Como resposta, os aragoneses atacaron aos franceses en Mallorca e Occitania.

A situación na que se encontrou Pedro III era totalmente inestábel, xa que non só tiña que enfrontarse á invasión francesa que se preparaba ao norte dos Pireneos, senón que tamén tivo que facer fronte a graves problemas no interior dos seus reinos xurdidos das necesidades económicas que provocou a conquista de Sicilia. Pedro solucionou os problemas internos concedendo, nas Cortes de Tarazona (1283-84), a formación da Unión aragonesa e prestando xuramento ao Privilexio Xeral que defendía os privilexios da nobreza; así mesmo concedeu ao Condado de Barcelona a constitución "Una vegada l´any" nas cortes celebradas en Barcelona entre 1283 e 1284.[19]

Solucionados os problemas interiores, puido centrar a súa atención na invasión francesa que, ao mando do propio rei francés Filipe III, tomou en 1285 a cidade de Xirona, para inmediatamente ter que retirarse cando a frota aragonesa retornou de Sicilia ao mando de Roger de Lauria e causou á escuadra francesa unha derrota total na illas Formigues e a continuación unha derrota en terra no barranco das Panizas, cando as tropas francesas se retiraban.

Últimos anos: enfrontamento co seu irmán e morte

[editar | editar a fonte]

Tras a súa gran vitoria, Pedro III dispúxose a enfrontarse ao seu irmán Xaime II de Mallorca e ao seu sobriño o rei Sancho IV de León e Castela, que non lle prestaran apoio durante o seu conflito cos franceses, pero a súa prematura morte impediuno. A finais de outubro de 1285, o rei enfermou con febre cando se dispoñía a emprender viaxe a Barcelona e tivo que deterse na localidade de San Climent onde os médicos, que viaxaron desde a capital para atendelo, non puideron facer nada para salvalo. Pedro III faleceu o 11 de novembro de 1285 na festividade de de san Martiño.[20]

Sepultura

[editar | editar a fonte]

No seu testamento, Pedro III dispuxo que o seu cadáver recibira sepultura no Mosterio de Santes Creus, da orde cisterciense. Foi o primeiro monarca aragonés en recibir sepultura nese mosteiro. As exequias do monarca celebráronse con gran solemnidade e o corpo do rei foi colocado nunha urna de pórfiro vermello, que o almirante Roger de Lauria trouxera desde Sicilia.

O rei Xaime II de Aragón ordenou a erección das tumbas do rei Pedro III o Grande, seu pai, ao mesmo tempo que dispoñía a creación da súa propia tumba e a da súa segunda esposa, Branca de Nápoles. Dispuxo que os sepulcros estiveran acubillados, como así se fixo, baixo baldaquinos labrados en mármore branco procedente das canteiras de Sant Feliu de Guíxols, cerca de Xirona. Cando o rei Xaime II dispuxo a creación do seu propio sepulcro, tomou como modelo o do seu pai.

Tumba de Pedro o Grande no mosteiro de Santes Creus.

O sepulcro do rei Pedro III foi realizado entre os anos 1291 e 1307 por Bartomeu de Gerona e é máis rico que o do seu fillo Xaime II e o da súa esposa. Un gran templete* de caladas trazarías alberga o sepulcro do rei, consistente nunha urna de pórfiro vermello, que antes fora unha pía de baño romana, traída ao Reino de Aragón, como quedou dito, por Roger de Lauria. A urna de pórfiro está rodeada por imaxes de santos.

O epitafio do rei Pedro III, colocado fronte ao mausoleo, no piar que separa o presbiterio da capela lateral do cruceiro, di:

PETRUS QUEM PETRA TEGIT GENTES ET REGNA SUBEGIT,

FORTES CONFREGITQUE CREPIT, CUNCTA PEREGIT, AUDAX MAGNANIMUS SIBI MILES QUISQUI FIT UNUS, QUI BELLO PRIMUS INHERET JACET HIC MODO IMUS, CONSTANS PROPOSITO VERAX SERMONE FIDELIS, REBUS PROMISSIS FUIT HIC ET STRENUUS ARMIS, FORTIS JUSTITIA VIVENS AEQUALIS AD OMNES, ISTIS LAUDATUR VI MENTIS LAUS SUPERATUR, CHRISTUS ADORATUR DUM PENITET UNDE BEATUR, REX ARAGONENSIS COMES ET DUX BARCINONENSIS, DEFECIT MEMBRIS UNDENA NOCTE NOVEMBRIS, ANNO MILLENO CENTUM BIS ET OCTUAGENO,

QUINTO, SISTE PIA SIBI TUTRIX VIRGO MARIA.

En decembro de 1835, durante a Primeira Guerra Carlista, tropas gobernamentais integradas pola Lexión Estranxeira Francesa (procedente de Alxeria) e varias compañías de migueletes aloxáronse no edificio monacal, causando numerosos danos no mesmo. As tumbas reais de Xaime II e a súa esposa foron profanadas. Os restos de Xaime II foron queimados, aínda que parece que algúns restos permaneceron no sepulcro. A momia da raíña Branca de Nápoles foi botada nun pozo, de onde foi sacada en 1854. O sepulcro de Pedro III, a causa da solidez da urna de pórfiro utilizada para albergar os rexios despoxos, impediu que os seus restos correran igual sorte.

En 2009 acháronse os restos do rei.[21] Mediante unha sofisticada técnica de endoscopia e unha análise dos gases contidos no seu interior, púidose comprobar que é a única tumba dun monarca da Coroa de Aragón que non foi nunca profanada.[22]

Descendencia

[editar | editar a fonte]

Do seu matrimonio con Constanza naceron:

Descendencia ilexítima

[editar | editar a fonte]

Da súa relación con María Nicolau, antes de contraer matrimonio con Constanza, tivo fillos naturais:[23]

  • Xaime Pérez de Aragón (m. 22 de maio de 1285). Primeiro señor de Segorbe.[23] Casado con Sancha Fernández, filla de Fernando Díaz ou Rodrigo Díaz, señor de Benaguasil, e da súa muller Alda Fernández de Arenós, señora do Vall de Lullén, de que tivo a Constanza Pérez de Aragón que foi a II señora de Segorbe, casada con Artal Ferrench de Luna, VIII señor de Luna.
  • Xoánn Pérez de Aragón.[23]
  • Beatriz Pérez de Aragón, falecieu en 1316 en Portugal e recibiu sepultura no mosteiro de Monasterio de Santa Clara-a-Velha en Coímbra. Co seu esposo, Ramón de Cardona, acompañou á súa media irmá Isabel cando esta casou co rei Dinís de Portugal. Foron pais de cinco fillos: Guillerme, Ramón, Isabel, Beatriz e Leonor.[24]

Da súa relación con Inés Zapata naceron catro fillos ilexítimos:

Pedro III de Aragón na literatura

[editar | editar a fonte]

Na Divina Comedia, Dante Alighieri mostra a Pedro III de Aragón no purgatorio, "cantando en acorde" con Carlos de Anjou no val dos príncipes neglixentes.[25]

Antepasados de Pedro III de Aragón

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Xaime I

Rei de Aragón e de Valencia
Conde de Barcelona

1276 - 1285
Sucesor:
Afonso III
Predecesor:
Carlos de Anjou

Rei de Sicilia

1282 - 1285
Sucesor:
Xaime I de Sicilia
  1. Cabrera Sánchez, Margarita 2011, pp. 112-113.
  2. 2,0 2,1 Fluvià, Armad de 1989, p. 31
  3. Nos rexistros da Chancelería Real aparece nesa data a anotación Hic Rex (Aquí o rei), mentres que até entón aparecera sempre como infante.
  4. Soldevila, Ferran 1995a, p. 90.
  5. Pedro III, «el Grande» Arquivado 04 de novembro de 2016 en Wayback Machine. na Gran Enciclopedioa Aragonesa on line (en castelán). Con sultada o 3 de novembro de 2016.
  6. Valdeón Baruque, Julio (2011). Alfonso X el Sabio: La forja de la España moderna. Grupo Planeta. p. 68. ISBN 9788499980461. 
  7. Suárez Fernández, Luis (1976). Historia de España Antigua y Media 2. Rialp. p. 156. ISBN 9788432118821. 
  8. Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 100. ISBN 9780521437745. 
  9. www.storiadimilano.it Storia de Milano de Paolo Colussi e Maria Grazia Tolfo.
  10. Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 119. ISBN 9780521437745. 
  11. De Sismondi, Jean-Charles-Léonard (1864). A history of the Italian republics: being a view of the origin, progress and fall of Italian freedom. Harper. p. 94. 
  12. Zeller, Jules (1858). Historia de Italia: desde la invasión de los bárbaros hasta nuestros días 1. Librería española. p. 273. 
  13. Previté-Orton, Charles William (1975). The shorter Cambridge medieval history 2. Cambridge University Press. pp. 764–765. ISBN 9780521099776. 
  14. Giraud, François (2007). La croix d'Anjou au coeur de la Provence. Editions Le Manuscrit. p. 83. ISBN 9782304007862. 
  15. Singleton, Charles Southward (1991). Dante Alighieri, The divine comedy, Purgatorio. 2:commentary. Princeton University Press. p. 158. ISBN 9780691019109. 
  16. Lodge, Richard (2005). The Close of the Middle Ages 1273 to 1494 3. Kessinger Publishing. p. 7. ISBN 9781417901241. 
  17. Runciman, Steven (1958). The Sicilian Vespers: a history of the Mediterranean world in the later thirteenth century. Cambridge University Press. p. 155. ISBN 9780521437745. 
  18. Vísperas Sicilianas. En ecwiki, Enciclopedia católica on line (en castelán). Consultada o 3 de novembro de 2016.
  19. Sánchez Martínez, Manuel (2003): Pagar al Rey en la Corona de Aragón durante el siglo XIV: Estudios sobre fiscalidad y finanzas reales y urbanas. Madrid: CSIC, p. 180. ISBN 8400081935.
  20. Cabrera Sánchez 2011, pp. 112-113.
  21. Hallada la momia del monarca Pere el Gran
  22. "La tumba de Pere II 'El Gran' permanece intacta desde la Edad Media". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2009. Consultado o 03 de novembro de 2016. 
  23. 23,0 23,1 23,2 Ferrer i Mallol 1998, p. 1434.
  24. Ferrer i Mallol 1998, pp. 1434-1435.
  25. Divina Comedia, Purgatorio, VII, 112-114.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]