Chiminigagua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chiminigagua
Ser supremo, deus omnipotente e creador do mundo
Membro da Relixión muisca
Templo del sol.jpg
Reconstrución do Templo do Sol, lugar de adoración de Chiminigagua.
Outros nomesChiminichagua
Chimichagua
AfiliaciónBachué, Bochica
XéneroMasculino
RexiónAltiplano Cundiboyacense
Flag of Colombia.svg Colombia
Grupo étnicoPobo muisca
Información persoal
FillosChía, Sué, Cuchavira
Equivalentes
Equivalente gregoZeus
Equivalente romanoXúpiter
Equivalente cristiánDeus

Chiminigagua (tamén chamado Chiminichagua ou Chimichagua) era o ser supremo, deus omnipotente e creador do mundo na relixión dos muiscas.[1][2] A deidade suprema dos muiscas era un deus estático e sen corpo que gobernaba sobre tódolos outros deuses. Nunca era louvado directamente, senón a través de deuses menores como o Sol (Sué), a Lúa (Chía) e a fertilidae (Chaquén). Cando os españois chegaron a territorio muisca foron descritos como "fillos do Sol".[3][4] Chiminigagua foi descrito por primeira vez a finais do século XVI polos cronistas españois Pedro Simón e Juan de Castellanos.[5]

Os muiscas e a súa confederación eran unha das catro civilizacións precolombianas desenvolvidas en América, e a súa relixión xurdida no Altiplano Cundiboyacense dos Andes xogaba un importante papel na súa sociedade. O culto solar e a crenza nunha deidade suprema é comparable ó doutros pobos indíxenas de América e doutras partes do mundo. Tezcatlipoca era un deus semellante para os aztecas e Viracocha era a súa contraparte para os incas. Quetzalcóatl e Huitzilopochtli representaban o Sol para os aztecas, e os maias adoraban a Kinich Ahau, mentres que os incas crían que Inti simbolizaba o Sol e creou a súa civilización.[6]

Descrición[editar | editar a fonte]

Tunjo de ouro dunha nai co seu neno no colo, Museo do Ouro. A miúdo os nenos eran ofrecidos en sacrificio a Chiminichagua.

Chiminigagua era un deus universal e representaba a única luz que existía durante o tempo da noite. Cando o mundo foi creado só existía a escuridade, e a única luz procedía de Chiminigagua. Cando Chiminigagua decidiu iluminar coa súa luz o Universo, primeiro abriu o seu gran bandullo, que era onde brillaba a luz.[7] Logo creou dous grandes paxaros negros e lanzounos ó espazo. Os paxaros espallaron a luz cos seus peteiros polo cosmos. Deste xeito, el creou a luz e todo o que hai no mundo. Chiminigagua tamén ensinou a importancia dos outros deuses, Chía (a Lúa), Sué (o Sol) e Cuchavira (o arco da vella). Para os muiscas, adorar a Lúa e o Sol agradaba a Chiminigagua.[1] A creación do Sol e da Lúa deu orixe á deusa nai Bachué.[8] O deus mensaxeiro de Chiminigagua era Bochica.

Santuarios[editar | editar a fonte]

Os santuarios máis importantes estabelecéronse na Colombia precolombiana en Sugamuxi (a actual Sogamoso), Guatavita, Bacatá (a actual Bogotá) e Guachetá. O zaque Goranchacha construíu o templo en Hunza (a actual Tunja), e na súa honra o pobo puxo os Coxíns do zaque, dúas pedras circulares sagradas. Cada día antes do amencer, o zaque e os seus sacerdotes reuníanse para adorar ó Sol. Os gobernantes muiscas axeonllábanse nos coxíns e a xente rezaba, cantaba e bailaba. Nalgunhas ocasións, realizábanse sacrificios humanos, e os corazóns de nenos de doce anos eran extraídos dos seus corpos e ofrecidos ó Sol.[6]

Sogamoso era considerada unha cidade sagrada na zona oriental dos Andes Colombianos e era coñecida como a "Cidade do Sol", bendicida por Bochica. Alí era onde os peregrinos se reunían para adorar a Chiminigagua. Cando os conquistadores españois liderados por Gonzalo Jiménez de Quesada chegaron á área, buscaron alí o ouro muisca e o lendario El Dorado. Os españois queimaron o Templo do Sol, destruíndo unha das obras relixiosas máis elaboradas dos muiscas.[9] En 1942, o templo foi reconstruído polo Museo Arqueolóxico de Sogamoso.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ocampo López, 2013, Ch.1, p.15
  2. Ocampo López, 2007, Ch.V, p.218
  3. Ocampo López, 2013, Ch.1, p.20
  4. (en castelán) Chiminigagua: the supreme being
  5. Ocampo López, 2013, Ch.1, p.19
  6. 6,0 6,1 Ocampo López, 2013, Ch.1, p.16
  7. (en castelán) Chiminigagua - Pueblos Originarios
  8. (en castelán) Chiminigagua giving rise to Bachué
  9. Ocampo López, 2013, Ch.1, p.18

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ocampo López, Javier (2013). Mitos y leyendas indígenas de Colombia - Indigenous myths and legends of Colombia (en castelán). Bogotá, Colombia: Plaza & Janes Editores Colombia S.A. ISBN 978-958-14-1416-1. 
  • Ocampo López, Javier (2007). Grandes culturas indígenas de América - Great indigenous cultures of the Americas (en castelán). Bogotá, Colombia: Plaza & Janes Editores Colombia S.A. pp. 1–238. ISBN 978-958-14-0368-4.