Mitoloxía muisca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Goranchacha, un dos personaxes mitolóxicos da tradición muisca.

A mitoloxía muisca abrangue as crenzas, mitos e lendas de carácter politeísta, animista e panteísta que forman parte da relixión muisca. As crenzas dos muiscas non se basean nunha revelación divina, senón que foron transmitidas por medio das súas historias máis antigas e foron preservadas nas Crónicas de Indias, escritas polos españois durante e despois do proceso de conquista e cristianización.

Por outra banda, o folclore e a tradición popular mantiveron boa parte da mitoloxía muisca, e foron en parte revitalizados por movementos afíns ao neopaganismo muisca. Tamén serviron como inspiración na literatura, o teatro ou a escultura, entre outras artes.

Mitos da creación[editar | editar a fonte]

Mito de Bague[editar | editar a fonte]

No comezo só existía Bague, a Nai Avoa. Entón, Bague berrou e apareceron varios deuses, a luz, as plantas, os animais e os muiscas. Logo os deuses encheron unha ola con sementes e pedras, e sementaron luces no espazo. Tomaron as faragullas que quedaran na ola e guindáronas moi lonxe, e ese foi a orixe das estrelas. Porén, todo estaba quedo, ren se movía. Entón os deuses foron a visitar a Bague, e contáronlle o seu pesar porque tiña movemento, nin medraba, nin soaba. A Nai Avoa preparou unha bebida que os deuses tomaron ata quedar durmidos. Mentres durmían, comezaron a soñar e ter visións, e nos seus soños todo se movía, as aves cantaban, as fervenzas facían ruído e os homes afanábanse nas súas labores cotiás. Cando os deuses espertaron, a luz espallouse polo universo, e todo tivo movemento, coma nos seus soños.[1]

Mito de Chiminigagua[editar | editar a fonte]

Cando todo era noite, antes de que houbese algo no mundo, a luz estaba metida nunha cousa grande, chamada Chiminigagua, dende onde despois saíu. Chiminigagua comezou a saír e a amosar a luz que tiña dentro de si. O primeiro que creou foron aves negras e grandes, ás cales mandou que fosen por todo o mundo botando o alento polos peteiros. O aire que botaban era lúcido e resplandecente. Logo de que percorresen o mundo, quedou todo claro e iluminado. Logo creou Chiminigagua todas as outras cousas que hai no mundo, e entre todas, as máis fermosas foron o Sol e a súa esposa, a Lúa.[2]

Mito dos caciques de Sogamoso e Ramiriquí[editar | editar a fonte]

Templo do Sol en Sogamoso durante unha celebración da Festa do Huán, que conmemora os acontecementos narrados no mito dos caciques Sogamoso e Ramiriquí.

Nas provincias de Hunza (Tunja) e Sogamoso, existía un mito da creación segundo o cal, cando amenceu o mundo, xa había ceo e terra, e todo o demais, agás o Sol e a Lúa, de xeito que todo estaba en tebras, e non había máis que dúas persoas no mundo: o cacique de Sogamoso e o de Ramiriquí (ou Tunja). Estes caciques crearon aos seres humanos, aos homes con terra amarela, e ás mulleres dunha herba alta que ten o toro oco. Despois, para darlle luz ao mundo, o cacique de Sogamoso mandou ao de Ramiriquí, que era o seu sobriño, que subise ao ceo e alumease a Terra convertido no Sol. Mais vendo que o Sol non era abondo para alumear a noite, subiu Sogamoso ao ceo e fixo a Lúa. Isto sucedeu no mes que se corresponde con decembro, e dende entón celébrase aquel suceso, sobre todo en Sogamoso, cunha festa chamada Huan.[3]

Mito de Bachué[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Bachué.
Bachué transformándose nunha cobra, obra de Rómulo Rozo (1925).

Da lagoa de Iguaque, pouco despois da creación do mundo, saíu unha muller chamada Bachué, tamén coñecida como Furachogua, que quere dicir «muller boa». Traía canda si un neno da man, duns tres anos de idade, e baixaron xuntos dende a serra até a sabana, onde fixeron unha casa na que viviron ata que o rapaz tivo idade para desposar a Bachué. Tiveron logo moitos fillos, e Bachué era tan fértil, que en cada parto paría de catro a seis fillos, de maneira que a Terra encheuse moi axiña de xente.

Bachué e o seu esposo viaxaron por moitos lugares, deixando fillos en todas partes, ata que despois de moitos anos, estando xa vellos, chamaron a moitos dos seus descendentes para que os acompañasen de volta á lagoa da que saíran. Cando estiveron xunto á lagoa, Bachué faloulles a todos, exhortándoos á paz, a vivir en concordia e a gardar os preceptos e leis que lles ensinaran, en especial o culto dos deuses. Rematado o seu discurso, despediuse en medio do pranto de ámbalas partes, converténdose ela e o seu esposo en dúas grandes serpes que se meteron nas augas da lagoa para non volver máis, aínda que Bachué apareceuse despois en moitas partes.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Puerta Restrepo, Germán. El sueño de los dioses (UNAWE)
  2. Simón, Fray Pedro. Noticias historiales de las conquistas de Tierra Firme en las Indias Occidentales (Edición sobre la de Cuenca de 1626; Bogotá, Imprenta de Medardo Rivas; 1882) Primera Noticia Historial, Cap. II, p. 279
  3. Simón, Fray Pedro. Noticias historiales de las conquistas de Tierra Firme en las Indias Occidentales (Edición sobre la de Cuenca de 1626; Bogotá, Imprenta de Medardo Rivas; 1882) Cuarta Noticia Historial, Cap. XI, p. 312
  4. Simón, Fray Pedro. Noticias historiales de las conquistas de Tierra Firme en las Indias Occidentales (Edición sobre la de Cuenca de 1626; Bogotá, Imprenta de Medardo Rivas; 1882) Primera Noticia Historial, Cap. II, pp. 279-280

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ocampo López, Javier (2013). Mitos y leyendas indígenas de Colombia - Indigenous myths and legends of Colombia (en castelán). Bogotá, Colombia: Plaza & Janes Editores Colombia S.A. pp. 1–219. ISBN 978-958-14-1416-1.