As mulleres na sociedade muisca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os muiscas son coñecidas pola creación de fina ourivaría; un tunjo representa a unha muller co seu fillo no colo.

Este artigo describe o papel da muller na sociedade dos muiscas, os habitantes orixinarios do Altiplano Cundiboyacense (os Andes colombianos) antes da conquista española na primeira metade do século XVI. A súa desenvolvida sociedade era unha das catro grandes civilizacións de América.[1]

As mulleres eran importantes e eran consideradas iguais ós homes en moitos aspectos da súa sociedade. Porén, existía unha división de xénero das tarefas, e mentres que os homes eran os encargados da caza, da guerra e outras actividades, as mulleres eran as que sementaban os campos, preparaban a comida e a chicha e educaban os fillos. A participación nos rituais relixiosos era igual para ámbolos dous sexos. As deidades máis importantes da sociedade muisca eran femininas, Chía era a deusa da Lúa, Huitaca era deusa da liberación sexual e Bachué era a deusa nai do pobo muisca.

A muller na sociedade[editar | editar a fonte]

Nas sociedades precolombianas, as mulleres formaron unha parte central na explicación do mundo, a estruturación da familia e a comunidade, a vida relixiosa, no traballo do campo, a mitoloxía, as artes, e en todos os aspectos da organización da sociedade. Nestas comunidades, a muller era o centro do nacemento da cultura. A fertilidade das mulleres xogou unha función central na rica agricultura dos muiscas.[2] As mulleres eran criadas para o traballo de sementar e colleitar, preparar a comida, o traballo téxtil, a creación de cerámicas e as cerimonias sacras.[2]

O gobernante muisca Nemequene creou un sistema de leis (Código de Nemequene) con duros castigos para o adulterio, a violación, o incesto e a infidelidade e dispuxo que as viúvas herdasen as propiedades dos seus esposos falecidos.

As mulleres da civilización muisca, especialmente baixo o Código de Nemequene, tiñan dereitos especiais sobre os seus maridos, principalmente dos caciques.[3] O Código consistía nun sistema de penalizacións de malas prácticas, pero centrábase na estabilidade da sociedade, especialmente en casos de adulterio, trampas, incesto e violación.[4] Os homes muiscas tiñan prohibido abandonar as súas mulleres e, se elas morrían traballando, o esposo tiña que para pagar á súa familia.[3][5] A infidelidade das mulleres era castigada obrigándoas a ter sexo cos dez homes máis feo da tribo.[4] Tamén eran condenadas a facer xaxún.[6]

As mulleres dos líderes das comunidades levaban saias á altura dos nocellos, mentres que as mulleres comúns levaban saias até os xeonllos.[7] As doncelas e as concubinas eran chamadas tegui.[8]

A maioría das culturas precolombianas que tiñan líderes femininas e condicións igualitarias entre o home e a muller, pasou por un proceso de transformación cara a un liderado masculino para a defensa dos seus territorios.[2]

Un censo celebrado en 1780 na capital do Vicerreinado de Nova Granada, Bogotá, deu como resultado un 63,5% de mulleres na cidade. As mulleres de orixe indíxena trasladáronse á capital por dúas razóns; para traballar para as familias dos conolos españois e para buscar maridos, xa que o status de mestizo proporcionáballes máis seguridade.[9]

Herdanza matrilinear do goberno[editar | editar a fonte]

As mulleres muiscas eran moi importantes na organización da familia e tamén moi importantes para os gobernantes muiscas. Os fillos pertencían á nai, e nos casos de herdanzas eran relacionados coa nai e non co pai. O novo zipa e zaque era escollido tradicionalmente entre os fillos máis vellos da irmá máis vella do anterior gobernante e a muller tiña a liberdade de convivir por un tempo para asegurarse de que a relación funcionase e fosen fértiles.[4] Despois do matrimonio, a fidelidade total estaba garantida.[10][11]

As excepcións á tradición da herdanza matrilineal do goberno presentáronse nas fases tardías da civilización muisca. No tempo da chegada dos conquistadores españois, o goberno de Tisquesusa foi sucedido polo do seu irmán, Sagipa.[12]

Rol na sociedade[editar | editar a fonte]

As mulleres muiscas eran consideradas importantes para transferir a súa fertilidade ás terras de cultivo, polo que eran as encargadas de sementar os campos,[13] mentres que os homes se encargaban da pesca, da caza e de ir á guerra contra pobos veciños, como os panches.[14] As mulleres tamén preparaban e vendían a bebida alcohólica dos muiscas, a chicha.[2][15] Para preparar a chicha e axudar no proceso de fermentación, as mulleres mastigaban os grans de millo.[16] Durante os rituais, que podían durar até quince días, as mulleres cantaban.[10] As leis protexían as mulleres dos ataques físicos e asegurábanse de que as mulleres embarazadas tivesen un trato especial. Este tratamento continuaba durante os primeiros anos de maternidade e en caso de viuvez.[2] A súa comida, que comían sentados no chan dos seus bohíos, só era preparada polas mulleres.[17]

As mulleres tamén xogaban un importante papel na extracción do sal.[18] Os muiscas tamén eran coñecidos como "o pobo do sal" polas súas minas de sal de Zipaquirá, Nemocón e Tausa, que extraían evaporando auga en grandes potas.[19] Empregaban o sal na cociña, para a preparación de peixes e carnes secas e como produto da súa economía.[20]

Poligamia, poliamor e ritos sexuais[editar | editar a fonte]

Os muiscas, coma outras culturas precolombianas, practicaban a poligamia. As narracións sobre o número de mulleres varían moito, pero era común para os caciques da máis alta caste ter vinte esposas. Algunhas fontes falan mesmo de cen mulleres.[4] Outras fontes menos fiables, como a de Vicente Restrepo do século XIX, falan de números de 300 mulleres.[21] As esposas numerosas permitíronlles ós gobernantes muiscas máis destacados ter terras de cultivo meirandes que as castes inferiores.[7] Cando a esposa principal do cacique (zaque ou zipa) morría, o esposo estaba obrigado a practicar a abstinencia sexual durante cinco anos.[4]

A virxindade non era un trazo aprezado pola sociedade muisca; de feito as mulleres virxes eran consideradas menos atractivas. Unha excepción a esta consideración eran as mulleres virxes capturadas ós pobos veciños (sacrificios).[4]

En xeral, as prácticas de poligamia, o período de cohabitación antes do matrimonio, a pouca importancia da virxindade e a promiscuidade sexual eran moi diferentes das normas e leis sociais dos conquistadores españois.[4][22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ocampo López, 2007, p.26
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 (en castelán) La mujer y su participación en la construcción de la sociedad colombiana
  3. 3,0 3,1 (en castelán) La Mujer en la civilización Chibcha
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 El promiscuo sexo de los muiscas - El Tiempo (en castelán)
  5. (en castelán) Biography Nemequene and Nemequene Code - Pueblos Originarios
  6. Daza, 2013, p.31
  7. 7,0 7,1 Gómez Londoño, 2005, p.300
  8. (en castelán) tegui - Muysccubun Dictionary
  9. Daza, 2013, p.75
  10. 10,0 10,1 (en castelán) Los Chibchas: Muiscas
  11. Carbonell, 1993, p.25
  12. (en castelán) Los señores Muisca Arquivado 14 de novembro de 2017 en Wayback Machine. - Banco da República de Colombia
  13. Daza, 2013, p.24
  14. Carbonell, 1993, p.24
  15. Restrepo Manrique, 2009, p.153
  16. Restrepo Manrique, 2009, p.30; p.244; p.245
  17. Restrepo Manrique, 2009, p.43
  18. Groot, 2014
  19. Daza, 2013, p.23
  20. Daza, 2013, p.26
  21. Los Chibchas antes de la conquista española Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. - Banco da República (en castelán)
  22. Solano Suárez, 2011, p.167

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]