Foliada
Foliada | |
---|---|
Foliada nas rúas da Coruña | |
Orixe cultural | ![]() |
Instrumentos típicos | pandeireta |
Outros nomes | Serán Ruada Polavila Fiadeiro |
Unha foliada, tamén chamada serán, polavila, ruada, fiadeiro ou baile,[1][2] é unha festa popular na que están presentes o baile e a música tradicional galega.
Orixe e evolución[editar | editar a fonte]
Estas celebracións folclóricas iniciáronse asociadas aos traballos comunais propios da sociedade agraria preindustrial. No período invernal, cando non era posíbel traballa-los campos, era frecuente que a veciñanza das aldeas se congregase para realizar traballos colectivos. Nas xuntanzas, que eran tamén un xeito de socialización, xogábase, contábanse contos, cantábase e bailábase, o que permitía á mocidade da contorna o cortexo e a busca de parella.
Eran habitualmente as mulleres as que achegaban a música e o canto para a festa, acompañadas de instrumentos de percusión: pandeiretas, pandeiros, ferriños, latas, cunchas, etc. Nalgunhas ocasións podían participar instrumentistas masculinos, gaiteiros ou acordeonistas, se ben isto era menos frecuente pois estes adoitaban cobrar polos seus servizos, en tanto que as pandeireteiras non o facían.[3]
A comezos do século XX as foliadas comezaron a facérense simplemente por diversión, as veces en cortes do gando limpas e preparadas para a ocasión[4]. Mesmo comezaron a proliferar nas aldeas construcións específicas para este fin.[5] Nalgúns lugares as pezas tiñan daquela unha orde fixa chamado "festa" que se repetía ciclicamente. Nas "festas" tocábanse primeiro os bailes soltos: xota e muiñeira e despois os agarrados: pasodobre, valse, e rumba ou mazurca.[6][7]
Após a guerra civil española estas festas populares foron prohibidas polo franquismo.[8] Este feito, unido á migración masiva da mocidade cara as cidades, provocou o seu esmorecemento, chegando a practica desaparición na década de sesenta do século XX. Porén, a finais dos oitenta, comezaron a recuperarse co pulo dunha nova xeración de mozos de vilas e cidades interesados na cultura tradicional.[9][10] Hoxe en día é común a súa celebración en carpas cubertas ou espazos amplos dentro dun circuíto de activismo sociocultural que os promove e dinamiza.[5]
Denominacións[editar | editar a fonte]

Existen historicamente multitude de nomes para os "bailes" tradicionais, dependendo da parte do país nas que se celebrasen e dos traballos coas que se relacionaban inicialmente. Algúns exemplos son:
- Foliada[11][12] - Termo máis estendido, deriva probabelmente da esfollada[13] do millo, traballo en común no que se retiraban as follas ás mazarocas para almacenalas no horreo.
- Serán - Son as foliadas que celebran no solpor. A recuperación das festas populares tivo especial forza na zona sur do país, nas comarcas de Pontevedra, Vigo, O Condado e Paradanta, onde son convocadas nos días de festa, substituíndo as veces a orquestras e conxuntos musicais.[5] De tal xeito que o termo "serán", propio destes lugares, estase a converter na voz estándar para referiren as festas de baile e música tradicional[a].
- Fiadeiro, tamén fia, fiada ou fiandón[15] - Son termos asociados ao proceso de fiar o liño ou a la. Era a denominación común para referírense ás festas populares na zona de Ourense.
- Ruada - Denominación tradicional do seráns na zona da Coruña.[16] Ten tamén a acepción de percorrido pola rúas tocando e bailando.[17]
- Polavila - Denominación das festas tradicionais na zona de Lugo.[18]
- Espadela ou espadelada, derivado da xuntanza para espadelar o liño.[19]
- Tasca, derivado da xuntaza para tascar[20] o liño.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Baixo o nome de Serán01 reuníuse no 2018 todo o sector do folclore galego na cidade da Cultura[14].
- Referencias
- ↑ VV.AA (2020). "Batendo cos paos na pel". Aturuxo (19): 77.
- ↑ Souto, Miguel (2014). Xornadas de Baile Tradicional - Asociación de Gaiteiros Galegos. Youtube (Asociación de Gaiteiros Galegos). p. 1m. 25s.
- ↑ Carpintero Arias, Pablo (2010). Os instrumentos musicais na tradición galega (Cantadoras). Consello da Cultura Galega.
- ↑ Os Seráns. Youtube (Alalá nº 85 (TVG)). 2016. p. 4 m. 03 s.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Outeiro, Xandre (2012). Manüele.. de pandeireta e canto tradicional. Ediciones Intermitentes. p. 16.
- ↑ Os Seráns. Youtube (Alalá nº 85 (TVG)). 2016. p. 5 m. 07 s.
- ↑ "E logo que raio é un Serán?? - Malmequer". www.blogoteca.com. Consultado o 2021-03-11.
- ↑ Calvo Varela, Carlos (28/01/2015). "A conspiração dos corpos críticos". Nós Diario. Consultado o 14/04/2021.
- ↑ Blume, Felix (2011-04-22). "TEMPO DA RECOLLEITA (Galego)". Consultado o 2021-03-09.
- ↑ Entrevista a Dorothé Schubarth. Youtube (Culturagalega.org).
- ↑ "Foliada". Dicionario de dicionarios (sli.uvigo.es). Consultado o 2021-03-11.
- ↑ Camafeita, Olga (2000). A música popular en Galicia (PDF).
Foliada
- ↑ "Definición da palabra: esfollada". Portal das Palabras. Consultado o 2021-03-09.
- ↑ "Serán'01. Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2021-03-09.
- ↑ Camafeita, Olga (2001). "Cantar de fía". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo).
- ↑ "Ruada (Dicionario de dicionarios)". sli.uvigo.es. Consultado o 2021-03-09.
- ↑ "Pasarrúa". Dúbidas do galego. 2015-03-16. Consultado o 2021-03-09.
- ↑ "Polavila (Dicionario de dicionarios)". sli.uvigo.es. Consultado o 2021-03-09.
- ↑ "Espadelada". Dicionario de dicionarios (sli.uvigo.es). Consultado o 2021-03-11.
- ↑ "Definición da palabra: tascar". Portal das Palabras. Consultado o 2021-03-13.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Camafeita Longa, Olga (2010). Dicionario Da Música Popular En Galicia (PDF). Rinoceronte Editora. ISBN 8493781657.
- Carpintero Arias, Pablo (2010). Os Instrumentos musicais na tradición galega. Difusora de Letras, artes. ISBN 8492958057.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Os Seráns - TVG (Alalá nº 85 - 2008)
- Serán en Barcia de Mera - TVG (Alalá nº 212 - 2016)
- Foliada en Carboeiro - TVG (Alalá Especial - 2017)