Monk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Monk

Tony Shalhoub, protagonista da serie no papel de Adrian Monk.
FormatoDetectives
Drama
Comedia
Creado porAndy Breckman
IntérpretesTony Shalhoub
Traylor Howard
Ted Levine
Jason Gray-Stanford
Bitty Schram
Tema de aperturaIt's a Jungle out There (Randy Newman)
Tema de pecheCanción instrumental (Jeff Beal)
País de orixeEstados Unidos
Lingua(s)Inglés
Episodios125 (Lista de episodios)
Produción
Produtor(es)
executivo(s)
Andy Breckman
David Hoberman
Tony Shalhoub
Tom Scharpling
Rob Thompson
Localización(s)San Francisco, California
CámaraFilme, monocámara
Duración40-45 minutos
Emisión orixinal
Canle de orixeUSA Network
Formato de imaxe480i (SDTV)
1080i (HDTV)
Primeira emisión12 de xullo de 2002
Derradeira emisión4 de decembro de 2009
Na rede
http://www.usanetwork.com/series/monk
IMDB: tt0312172 Allocine: 76 Rottentomatoes: tv/monk Allmovie: v269501 Metacritic: tv/monk TV.com: shows/monk
Facebook: Monk Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Monk é unha serie de televisión estadounidense, creada por Andy Breckman e protagonizada por Tony Shalhoub no papel de Adrian Monk, un exaxente de homicidios de San Francisco que traballa agora coma detective privado. Así pois, é principalmente unha serie de misterio cun ambiente ás veces escuro, mais sempre con grandes toques cómicos. Con todo, é unha serie un pouco habitual dentro deste xénero, debido a que a súa personaxe principal, Monk, acompañado pola súa axudante, padece unha serie de graves desordes psiquiátricos, como un trastorno obsesivo-compulsivo e un gran número de fobias, agravados polo trauma da morte da súa esposa.

A serie comezou a emitirse o 12 de xullo de 2002 en USA Network sempre con moito éxito, sendo considerada un dos motivos do grande incremento de popularidade desa canle. A súa oitava e última tempada concluíu o 4 de decembro de 2009. Ademais, aínda posúe o récord de serie de televisión dramática máis vista da historia da televisión por cable, superando á marca anterior de The Closer. Este rexistro de audiencia produciuse no seu último episodio, "O Sr. Monk e a fin – Parte II", con 9,4 millóns de espectadores.

Argumento[editar | editar a fonte]

Adrian Monk era un brillante detective de homicidios que traballaba no Departamento de Policía de San Francisco ata que a súa esposa, Trudy, foi asasinada por un coche bomba nun aparcadoiro, que Monk cría destinada a el. Así pois, a morte de Trudy Monk levouno a sufrir unha crise nerviosa, que o levou a perder o seu posto no Departamento e a pecharse sen saír da súa casa durante máis de tres anos. Finalmente, foi capaz de saír de novo coa axuda da súa enfermeira, Sharona Fleming, o que lle permitiu volver a traballar como detective privado e asesor da unidade de homicidios a pesar das súas limitacións, debidas a un trastorno obsesivo-compulsivo (TOC), que empeorou significativamente despois da traxedia.

Os hábitos compulsivos de Monk son numerosos, agravados por unha gran serie de fobias, que non lle deixan exercer a súa profesión con normalidade. Segundo conta o propio detective, ten 312 fobias, sendo algunhas das cales os xermes, o leite, as xoaniñas, as harmónicas, as alturas, a imperfección ou o risco. Así, o TOC e as fobias condúceno inevitablemente a situacións moi incómodas, que causan problemas, tanto a Monk como á xente ao redor del, mentres investiga os casos. con todo, estes mesmos trastornos, en particular o TOC, axúdanlle moitas veces na resolución dos casos, xunto coa súa prodixiosa memoria, atención ao detalle, capacidade de análise e razoamento dedutivo. Porén, practicamente nunca se menciona que Adrian Monk padeza TOC e as personaxes cambian de tema para evitar falar diso, ou evitar un malentendido. Por exemplo, no episodio "Monk e o maratoniano", o detective dálle a man a dúas mulleres brancas e a un home negro, e entón como de costume pide á súa axudante un pano para limpar as mans pola súa fobia aos xermes, xerando un malentendido, que tanto Monk como a súa axudante prefiren deixar pensar que foi por motivos racistas que comentar o seu trastorno. Natalie adoita referirse ao seu xefe como "especial" ou "maniático" no canto de revelar a verdade sobre os seus problemas.

O capitán Leland Stottlemeyer e o tenente Randall "Randy" Disher, do Departamento de Policia, sempre solicitan a axuda de Monk cando teñen problemas cunha investigación. Stottlemeyer a miúdo irritase pola desorde de Monk, pero quere ao seu amigo e respecta as súas sorprendentes habilidades de observación, do mesmo xeito que Disher. Dende a infancia, a atención obsesiva aos detalles de Monk permitiulle detectar diferenzas pequenas, atopar patróns, e facer conexións que outros non adoitan facer. Monk continúa a procura de información sobre a morte da súa esposa, o único caso que foi incapaz de resolver.

Sharona, a primeira axudante de Monk, decidiu volver casar co seu ex-esposo e regresar a Nova Jersey, e Natalie Teeger é contratada como nova axudante, unha viúva e nai dunha nena de once anos. Monk ademais ten un irmán, Ambrose Monk, e un medio irmán, Jack, Jr., cuxa existencia Monk descobre na quinta tempada. A idade de Adrian Monk non se menciona case nunca, pero pódese calcular nuns 47 anos, xa que no episodio "O Sr. Monk vai ao dentista" di que a única vez que estivera no dentista fora con doce anos, e máis tarde comenta que non volvera a un dentista dende había 35 anos. Ademais, no episodio "O Sr. Monk e a Reunión de Alumnos", asiste ao XXV aniversario da súa promoción universitaria, o que dá consistencia á teoría sobre a súa idade.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Personaxes principais[editar | editar a fonte]

Nome Ocupación Representado por Tempadas
Adrian Monk Detective asesor Tony Shalhoub 1–8
Natalie Teeger Axudante de Monk Traylor Howard 3–8
Sharona Fleming Antiga asistente de Monk Bitty Schram 1–3, 8
Leland Stottlemeyer Capitán do Departamento de Policía de San Francisco Ted Levine 1–8
Randy Disher Tenente do Departamento de Policía de San Francisco Jason Gray-Stanford 1–8
Jason Gray-Stanford, Traylor Howard e Tony Shalhoub asinando autógrafos na Base Aérea Edwards despois de filmar o episodio "O Sr. Monk e o astronauta".

A personaxe Natalie Teeger fixo a súa entrada na metade da terceira tempada, cando a actriz Bitty Schram, quen interpretaba á enfermeira de Monk Sharona Fleming, abandona precipitadamente a serie, supostamente a raíz unha disputa contractual. A nova actriz, Traylor Howard, aínda non vira ningún capítulo da serie e cando a chamaran para a audición non estaba moi entusiasmada. Con todo, preparouse e obtivo o papel. A pesar da fría recepción inicial por parte dos fans do cambio, o creador da serie, Andy Breckman, cre que o éxito de Howard foi rápido, enchendo o baleiro creado con éxito. "Sempre estarei agradecido a Traylor, porque chegou cando a serie estaba en crise e salvou ao noso bebé [....] Tivemos que facer unha substitución apresurada, e non tódalas series sobreviven a un cambio así. Tiña medo á morte".[1]

Bitty Schram regresou como estrela convidada durante a oitava e última tempada, o 23 de outubro de 2009, en O Sr. Monk e Sharona, a fin de dar peche ao seu personaxe, que partiu da serie de xeito abrupto na terceira tempada despois de volver casar co seu exmarido e de volver a Nova Jersey. Neste episodio, Sharona confirma que ela e o seu ex marido, Trevor, agora están separados para sempre e ao final, realmente namórase de Randy, que obviamente lle gusta o suficiente como para bicala e levala ao aeroporto para regresar a Nova Jersey. Sharona dille Monk, con todo, que ela vai regresar a San Francisco, unhas semanas despois de tramitar a súa demanda contra o club de campo onde rompeu o brazo despois de resolver un caso de relacionado co asasinato do seu tío Howie con Monk e Natalie. Con todo, esta foi a última aparición de Sharona Fleming en persoa. Ao final da serie en "O Sr. Monk e a fin, Parte 2, amósase unha foto dela no escritorio de Randy, o cal conseguiu un novo emprego como Xefe de Policía preto de Nova Jersey. Ademais menciona que el e Sharona atoparon un lugar para vivir.

Personaxes secundarias[editar | editar a fonte]

Episodios[editar | editar a fonte]

A meirande parte dos episodios teñen títulos da forma "O Sr. Monk e (unha persoa ou cousa)" ou "O Sr. Monk (fai algo)", do mesmo xeito que moitas novelas cun detective coma protagonista. Aínda que a resolución dun asasinato é o argumento na maioría dos episodios, hai algúns episodios nos que Monk axuda a investigar outros crimes, como algún secuestro ou roubo. Durante a sétima tempada Monk resolve o seu caso número cen (e cento un) dende a morte da súa muller no capítulo "O Sr. Monk e o caso número 100", un fito na súa carreira.

"Isto foi o que pasou"[editar | editar a fonte]

A maioría dos episodios contan cunha secuencia na que Monk revela como se cometeu o crime, e case sempre precede á súa explicación coas palabras "isto foi o que pasou". Algunhas destas secuencias teñen ocorrido dun xeito infrecuente, como contada a un oso, en forma de conto a un neno, cantada durante un ritual nun mosteiro ou rapeada. Esta frase foi dita en dúas ocasións en dous capítulos, unha no pasado e outra no presente, concretamente en "O Sr. Monk e o pequeno Monk".

Produción[editar | editar a fonte]

Segundo unha entrevista co produtor executivo David Hoberman,[2] a ABC concibiu por primeira vez da serie cun argumento policial e cunha personaxe protagonista semellante ao Inspector Clouseau cun trastorno obsesivo-compulsivo. O propio Hoberman, dixo que a ABC quería Michael Richards como protagonista, mais o propio actor rexeitou o papel. Así pois, Hoberman ficha a Andy Breckman como creador e este, inspirado por Sherlock Holmes, presenta a un Doutor Watson como o personaxe de enfermeira de Monk e a un Inspector Lestrade, como o personaxe que co tempo converteuse no Capitán Stottlemeyer. Aínda que idea do programa orixinouse na canle ABC, a compañía entregoulla a USA Network, agora propiedade de NBC.

Localización[editar | editar a fonte]

Aínda que situada en San Francisco e a súa zona, Monk está maiormente rodada para noutros lugares, excepto os exteriores nos cales se ven de cando en vez monumentos da cidade. O episodio piloto foi filmado en Vancouver, Columbia Británica, e os seguintes episodios da primeira tempada en Toronto, Ontario. A maioría dos episodios entre as tempadas segunda e sexta foron filmados nos Ánxeles (California), dentro dos Ren-Mar Studios para tempadas de dúas a cinco e nos Paramount Studios na sexta tempada, que inclúen o apartamento de Adrian, a casa de Stottlemeyer, a oficina do Dr. Kroger e a casa de Natalie.

Moitas das escenas da cuarta tempada foron filmadas en San Francisco, entre Union Square e Chinatown, que se amosa en "O Sr. Monk é xurado" na persecución policial de Escobar até a rúa Jackson.

Banda sonora[editar | editar a fonte]

Durante a primeira tempada a serie tiña un tema musical de jazz composto por Jeff Beal e interpretado por Grant Geissman. Esta peza obtivo un Emmy en 2003 ao Mellor Tema Musical. Con todo, ao comezar a segunda tempada, a serie tiña unha nova música: unha canción titulada "It's a Jungle Out There" (do inglés: Hai unha xungla aí fóra), obra de Randy Newman. Moitos fans e críticos sentíronse decepcionados ao ver que cambiaran o tema musical. Para outros, con todo, o cambio foi para mellor. Newman recibiu o Emmy en 2004 ao Mellor Tema Musical pola súa canción.

Este debate introduciuse como unha broma dentro da propia serie no episodio titulado "O Sr. Monk e a estrela de televisión", no que aparece un actor que interpreta a un detective de homicidios nunha serie de moito éxito, e gran cantidade de fans quéixanse de que cambiasen o tema musical. Ao final do devandito episodio, unha nova fan da serie agradécelle ao Sr. Monk resolver o caso e pídelle que, se algunha vez fan unha serie de televisión sobre el, que non permita que nunca lle cambien o tema musical. Pese ao debate, a música orixinal séguese ouvindo ao final dos episodios durante os créditos.

Imprecisións[editar | editar a fonte]

Monk refírese a miúdo a si mesmo coma un ex-detective. No episodio da oitava tempada, "O Sr. Monk sobe ao estrado", o avogado Jay Mohr refírese a Monk co título de cortesía de "ex-detective". Xa noutro episodio da mesma tempada, no que Monk regresa ao corpo de policía, ingresa como "Detective de Primeira Clase Adrian Monk". Con todo, o Departamento de Policía de San Francisco é único entre os grandes departamentos de policía dos Estados Unidos que non utiliza o rango de "detective". Ós oficiais de policía de San Francisco que investigan os crimes e levan a cabo tarefas equivalentes aos detectives noutros departamentos dáselles o título de "inspector".

Little Monk[editar | editar a fonte]

USA Network estrenou unha serie de dez capítulos online titulada "Little Monk" (do inglés: O pequeno Monk) o 22 de agosto de 2009. A serie, trata sobre Adrian e Ambrose Monk durante os seus anos na escola media, de novo coas súas habilidades e fobias. Con todo, xa que os irmán deberon estar na escola media entre finais dos anos 1960 e comezos de 1970, o espectadores poden ver moitos anacronismos, como algúns vehículos que non pertencen a ese período de tempo, ademais das vestimentas das personaxes, que non encaixan coa época.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Here's What Happened: How Natalie Rescued Monk
  2. "O señor Monk e as súas orixes", incluída dentro dos extras do DVD da primeira tempada

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]