Juan Sebastián Elcano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Juan Sebastián Elcano
Juan Sebastián Elcano
Juan Sebastián Elcano
Nacemento: c.1486/87
Getaria, Guipúscoa
Falecemento: 4 de agosto de 1526
océano Pacífico
Nacionalidade: Española
Ocupación: mariño e explorador
Estatua de Juan Sebastián Elcano en Guetaria

Juan Sebastián Elcano, tamén escrito Juan Sebastián de Elcano, nado en Getaria, Guipúscoa, entre 1486 e 1487 e falecido no océano Pacífico o 4 de agosto de 1526, foi un explorador vasco que participou na primeira expedición que deu a volta ao planeta Terra, e capitaneou os derradeiros compases desta.

Circunnavegación[editar | editar a fonte]

Esta comezara en Sevilla o 10 de agosto de 1519 con cinco naves, capitaneada por Fernão de Magalhães. O 20 de setembro partiran de Sanlúcar de Barrameda (provincia de Cádiz) coa intención de atopar o paso marítimo cara aos territorios das Indias Orientais, e buscar o camiño que, percorrendo sempre mares casteláns (segundo o Tratado de Tordesillas), chegase ás illas das especias, o que era a chamada ruta cara ao oeste, que xa buscara Colón.

Tras a morte de Magalhães en Filipinas en 1521 durante unha escaramuza cos indíxenas, Elcano púxose ao mando. Tiña o problema de volver a España co que quedaba da expedición, sen coñecer o camiño de volta polo Pacífico, e parecía tolemia intentalo, polo que elixiu navegar, case como un pirata, polos mares portugueses cara ao oeste, bordeando África por rutas coñecidas e con posibilidades de facer augadas. Conseguiu levar a termo a expedición, chegando a Sanlúcar de Barrameda o 6 de setembro de 1522 na nave Vitoria de noventa toneladas[1], xunto con outros 17 sobreviventes. Isto constituíu o logro dunha impoñente fazaña: a circunnavegación da Terra.

O rei Carlos I de España, concedeulle como escudo unha esfera do mundo coa lenda en latín: Primus circumdedisti me ("Fuches o primeiro que me diche a volta").

Morreu cando participaba na expedición de García Jofre de Loaisa ás Illas Molucas.

Na súa honra, o buque escola da Armada Española leva o seu nome.

Sobreviventes da expedición[editar | editar a fonte]

Estes dezaoito homes regresaron a Sanlúcar na Vitoria en 1522 e esta o letreiro posto na fachada do concello de Sanlúcar de Barrameda
Nome Posto
Juan Sebastián Elcano, de Guetaria Capitán
Francisco Albo, de Axila (cidade) Piloto
Miguel de Rodas Piloto
Juan de Acurio, de Bermeo Piloto
Antonio Lombardo (Pigafetta), de Vicenza Sobresalinte
Martín de Yudícibus, de Savona Mariñeiro
Hernando de Bustamante, de Alcántara Mariñeiro e barbeiro
Nicolás el Griego, de Nápoles Mariñeiro  
Miguel Sánchez, de Rodas Mariñeiro
Antonio Hernández Colmenero, de Huelva Mariñeiro
Francisco Rodriguez, portugués de Sevilla Mariñeiro
Juan Rodríguez, de Huelva Mariñeiro
Diego Carmena Mariñeiro
Hans de Aquisgrán Canoneiro
Juan de Arratia, de Bilbao Grumete
Vasco Gómez Gallego o Portugués, de Baiona Grumete
Juan de Santandrés, de Santander ou de Cueto Grumete
Juan de Zubileta, de Barakaldo Paxe

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Descubrimientos y Exploraciones. Frank Debenham. Ed. Luis de Caralt. Barcelona, 1960