Henry Hudson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non existe ningún retrato coñecido de Henry Hudson. Desde antigo veuse utilizando este en moita publicacións, pertencente á Cyclopaedia of Universal History de 1885, o cal é seguro que non corresponde ao navegante.

Henry Hudson, nado en 1565 e finado en 1611, foi un navegante inglés, famoso por realizar catro importantes viaxes de exploración. Un río e unha baía de América do Norte levan o seu nome na súa honra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Da súa vida coñécense moi poucos datos antes de 1607, ano en que fixo a súa primeira viaxe para a English Muscovy Company. Ao mando dunha soa embarcación, a Hopewell, Hudson alcanzou as costas de Groenlandia e Svalbard, e descubriu a illa de Jan Mayen, cando buscaba o paso do Nordés cara a Asia a través do océano Ártico. Durante o ano seguinte, viaxou co mesmo barco e para a mesma compañía, e novamente sen éxito busco o paso á India, esta vez navegando a través das illas de Nova Zembla, polo mar de Barents. Ao seu regreso, a Muscovy Company retiroulle o seu apoio, polo que tivo que buscar na Compañía Holandesa das Indias Orientais axuda económica e un novo barco para continuar o seu labor.

Traballando para esta compañía, partiu da illa neerlandesa de Tegel, na súa terceira viaxe, no ano 1609, con Half Moon, un navío de 73 toneladas métricas, e unha tripulación composta de dezaoito ou vinte homes entre ingleses e holandeses. Novamente empezou a procura do paso en Nova Zembla, intentando abrirse camiño a través do xeo, pero debido ao frío intensísimo e á extremas condicións meteorolóxicas, a tripulación empezou a inquietarse e Hudson propuxo un plan diferente. Puxeron rumbo suroeste a través de Nova Escocia e baixaron pola costa de Norteamérica, coa certeza de que os océanos Atlántico e Pacífico estaban separados só por un estreito istmo.

En setembro de 1609 chegou á baía de Nova York, e durante os seguintes meses explorou o río Hudson, ascendendo 240 quilómetros desde a súa desembocadura ata o lugar onde actualmente se levanta a cidade de Albany. Antes de terminar o ano, Hudson e os seus homes regresaron a Inglaterra, sendo detidos polo goberno. Hudson recibiu a orde de traballar a partir de entón só para o seu país de orixe.

Última viaxe[editar | editar a fonte]

Henry Hudson map.JPG En 1610, Hudson partiu na última das súas viaxes patrocinado por unha recentemente creada compañía de cabaleiros ingleses. Co seu novo navío, o Discovery, lanzouse á procura do paso do Noroeste. A mediados do ano atravesara o estreito de Hudson e alcanzado a Baía de Hudson, onde pasou tres meses explorando as illas e costas orientais.

Na crenza de que se atopaba no Pacífico, navegou rumbo sur ata a Baía de James. En novembro o barco estaba atrapado no xeo, polo que logo de pasar un duro inverno a causa do frío e a escaseza de alimentos, a discordia xeneralizouse entre a tripulación, acabando cun motín en xuño de 1611. Hudson, o seu fillo e outros sete membros da compañía foron abandonados á súa sorte nun pequeno bote e nunca máis se soubo deles. Os poucos amotinados que conseguiron sobrevivir puideron chegar a Inglaterra onde foron encarcerados.