Serán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ruada (festa popular)")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Serán
Nochebuena en Galicia.jpg
Serán galego a finais do S.XIX
Orixe culturalGalicia Galicia
Instrumentos típicospandeireta
Outros nomesFoliada
Ruada
Polavila
Fiadeiro

Un serán, tamén chamado foliada, ruada, polavila ou fiadeiro,[1] é unha festa popular nocturna na que están presentes o baile e a música tradicional galega.

Orixe e evolución[editar | editar a fonte]

Estas celebracións folclóricas iniciáronse asociadas aos traballos comunais propios da sociedade agraria preindustrial. No período invernal, cando non se podía traballar os campos, era frecuente que a veciñanza das aldeas se congregase para realizar colectivamente traballos manuais. Nas xuntanzas, que eran tamén un xeito de socializacion, xogábase, contábanse contos, cantábase e bailábase, o que permitía á mocidade da contorna o cortexo e a busca de parella.

Eran habitualmente as mulleres as que achegaban a música e o canto á festa, acompañadas de instrumentos de percusión: pandeiretas, pandeiros, ferriños, latas, cunchas, etc. Nalgunhas ocasións podían participar instrumentistas masculinos, gaiteiros ou acordeonistas, se ben isto era menos frecuente pois estes adoitaban cobrar polos seus servizos, en tanto que as pandeireteiras non o facían.[2]

A comezos do século XX os seráns comezaron a facérense simplemente por diversión, as veces en cortes do gando limpas e preparadas para a ocasión[3]. Mesmo comezaron a proliferar nas aldeas construcións específicas para este fin.[4] As pezas tiñan daquela unha orde fixa chamado "festa" que se repetía ciclicamente. Nas "festas" tocábanse primeiro os bailes soltos: xota e muiñeira e despois os agarrados: pasodobre, valse, e rumba ou mazurca.[5][6]

Após da guerra civil española os seráns foron prohibidos polo franquismo.[7] Este feito, unido á migración masiva da mocidade cara as cidades, provocou o seu esmorecemento, chegando a practica desaparición na década de sesenta do século XX. Porén, a finais dos oitenta, comezaron a recuperarse co pulo dunha nova xeración de mozos de vilas e cidades interesados na cultura tradicional.[8][9] Hoxe en día é común a súa celebración en carpas cubertas ou espazos amplos dentro dun circuíto de activismo sociocultural que os promove e dinamiza.[4]

Denominacións[editar | editar a fonte]

Festa popular no balneario de Mondariz.

A recuperación das festas populares douse con especial forza na zona sur do país, nas comarcas de Pontevedra, Vigo, O Condado e Paradanta, onde son convocados nalgúns lugares nos días de festa, sustituíndo as orquestras ou conxuntos musicais.[4] De tal xeito que o termo "serán", propio destes lugares, estase a converter na voz estándar para referiren as festas de baile e música tradicional[a]. Malía isto existen historicamente multitude de nomes para elas, dependendo da parte do país nas que se celebrasen e dos traballos coas que se relacionaban inicialmente. Algúns exemplos son:

  • Foliada[11][12] - Termo moi estendido, deriva probabelmente da esfollada[13] do millo, traballo en común no que se retiraban as follas ás mazarocas para almacenalas no horreo.
  • Fiadeiro, tamén fia, fiada ou fiandón[14] - Son termos asociados ao proceso de fiar o liño ou a la. Era a denominación común para referírense ás festas populares na zona de Ourense.
  • Ruada - Denominación tradicional do seráns na zona da Coruña.[15] Ten tamén a acepción de percorrido pola rúas tocando e bailando.[16]
  • Polavila - Denominación das festas tradicionais na zona de lugo.[17]
  • Espadela ou espadelada, derivado da xuntanza para espadelar o liño.[18]
  • Tasca, derivado da xuntaza para tascar[19] o liño.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Baixo o nome de Serán01 reuníuse no 2018 todo o sector do folclore galego na cidade da Cultura[10].
Referencias
  1. Souto, Miguel (2014). Xornadas de Baile Tradicional - Asociación de Gaiteiros Galegos. Youtube (Asociación de Gaiteiros Galegos). p. 1m. 25s. 
  2. Carpintero Arias, Pablo (2010). Os instrumentos musicais na tradición galega (Cantadoras). Consello da Cultura Galega. 
  3. Os Seráns. Youtube (Alalá nº 85 (TVG)). 2016. p. 4 m. 03 s. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Outeiro, Xandre (2012). Manüele.. de pandeireta e canto tradicional. Ediciones Intermitentes. p. 16. 
  5. Os Seráns. Youtube (Alalá nº 85 (TVG)). 2016. p. 5 m. 07 s. 
  6. "E logo que raio é un Serán?? - Malmequer". www.blogoteca.com. Consultado o 2021-03-11. 
  7. Calvo Varela, Carlos (28/01/2015). "A conspiração dos corpos críticos". Nós Diario. Consultado o 14/04/2021. 
  8. Blume, Felix (2011-04-22). "TEMPO DA RECOLLEITA (Galego)". Consultado o 2021-03-09. 
  9. Entrevista a Dorothé Schubarth. Youtube (Culturagalega.org). 
  10. "Serán'01. Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2021-03-09. 
  11. "Foliada". Dicionario de dicionarios (sli.uvigo.es). Consultado o 2021-03-11. 
  12. Camafeita, Olga (2000). A música popular en Galicia (PDF). Foliada 
  13. "Definición da palabra: esfollada". Portal das Palabras. Consultado o 2021-03-09. 
  14. Camafeita, Olga (2001). "Cantar de fía". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  15. "Ruada (Dicionario de dicionarios)". sli.uvigo.es. Consultado o 2021-03-09. 
  16. "Pasarrúa". Dúbidas do galego. 2015-03-16. Consultado o 2021-03-09. 
  17. "Polavila (Dicionario de dicionarios)". sli.uvigo.es. Consultado o 2021-03-09. 
  18. "Espadelada". Dicionario de dicionarios (sli.uvigo.es). Consultado o 2021-03-11. 
  19. "Definición da palabra: tascar". Portal das Palabras. Consultado o 2021-03-13. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]