Lata (instrumento musical)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde «Lata (instrumento)»)
Lata
Pandeireta, pandeiro e lata.jpg
Información
ClasificaciónIdiófono percutido


A lata é un recipiente, de carburo ou pemento, empregado na música tradicional galega para o acompañamento musical. Como instrumento correspóndelle a categoría de idiófono percutido.


Características[editar | editar a fonte]

As primeiras latas utilizadas en Galiza como instrumento de percusión foron as chamadas "latas de gas". Estas latas portaban as pedras de acetileno coas que se alimentaban os candís de carburo, un sistema de iluminación que comezou a chegar aos fogares galegos a inicios do século XX. Coa paulatina substitución das lámpadas de acetileno pola luz eléctrica pasaron a predominar nos seráns as latas de pemento, unha especia moi utilizada na conservación e preparación dos alimentos.

Estas latas, que contaban cunha boa sonoridade, eran usadas polas mulleres como base rítmica de baile e canto nas festas populares. Suplíanse con elas pandeiretas e pandeiros, instrumentos máis caros e máis difíciles de conseguir. O uso da lata como instrumento de percusión conservouse especialmente nas comarcas ourensáns da Limia, da Baixa Limia, do Ribeiro e do Carballiño, onde se documentou o seu uso tocando xunto a tambores e pandeiretas.[1]

Técnica[editar | editar a fonte]

Para tocar emprégase unha lata baleira e sen tapa, de xeito que todo o instrumento funciona como unha caixa de resonancia. A lata colocase no colo, apoiado nas pernas, e golpéase cós dedos relaxados, na parte frontal, de xeito similar ao pandeiro.[2] O seu son é grave e de bastante intensidade, polo que non é común que se toquen moitas a un tempo. No caso de acompañar levando só a parte forte do ritmo golpéase na parte lateral con toda a man, producindo un son de menor intensidade. Tamén pode reducirse o volume do seu son introducindo na lata algún obxecto que reste volume a caixa de resonancia natural da lata. En ocasións téñense tocado empregando paus, imitando a forma de tocar o tambor.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carpintero Arias, Pablo. "Latas de carburo e pemento". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consultado o 2021-05-06. 
  2. Quintas Suarez, Moises (2011). "Percutidos". Guia didáctica de instrumentos galegos. Consultado o 2021-04-11. 
  3. Camafeita, Olga (2001). "Lata". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]