Renacemento do século XII

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os novos descubrimentos tecnolóxicos permitiron o desenvolvemento da arte gótica.

O Renacemento do século XII (tamén chamado revolución do século XII) é un período no que ocorreron unha serie de cambios económicos, sociais, políticos, ideolóxicos e culturais que sucederon en Europa durante o século XII, posto en evidencia polos traballos dos historiadores Charles H. Haskins, Jacques Le Goff ou mesmo Jacques Verger.

Estimulado por un contexto de prosperidade inédito desde o comezo da Idade Media, nos planos demográfrico e económico, pero tamén por un período de renacemento político e pola reforma gregoriana, a cristiandade viu unha profunda mutación da súas estruturas culturaies. O mundo monástico se centra na función meditativa, o que aproveitan as escolas urbanas que floreceron nas grandes cidades, comezando por París, sobre todo grazas á abadía de San Vítor, pero tamén en Chartres ou en Boloña. As disciplinas intelectuais así dinamizadas, e nutridas polo impulso das traducións latinas do século XII, desde o grego e o árabe en España e en Italia, que difunden de novo textos deAristóteles, e os dos seus comentaristas musulmáns. De aí xorde un gusto novo polas disciplinas científicas, pola dialética, o nacemento da teoloxía dogmática e da escolástica, e aínda da recuperación do dereito romano e da medicina nas rexións mediterráneas.

Século da aparición dunha verdadeira clase de "intelectuaiss", en palabras de Jacques Le Goff, como Pedro Abelardo, coñecido polos seus amores con Eloísa e pola virulencia do seun conflito con San Bernardo, ou como Jean de Salisbury ou Pedro Lombardo; século dun novo humanismo baseado na renovación da cultura antiga seguindo o adaxio de Bernardo de Chartres ("ananos nas costas de xigantes"); século de eclosión dunha cultura de corte e da literatura cortesana, o século XII prepara a madureza cultural do século seguinte, que se revelará no cadro das universidades medievais.

Tales cambios tendían a cuestionar a vella orde agraria e rural do feudalismo como consecuencia da irrupción dun novo axente económico e social: a burguesía mercantil e artesanal das rexurdintes cidades. Incluía unha revitalización intelectual de Europa con fortes raíces filosóficas e científicas, que iniciaron o camiño aos posteriores logros literarios e artísticos da Idade Media final e dos inicios da Idade Moderna: o Humanismo e o Renacemento dos séculos XV e XVI (ou Renacemento propiamente dito) e a revolución científica do século XVI.

Charles H. Haskins, a quen se debe a noción de renacemento do século XII.

Historiografía[editar | editar a fonte]

Discútese a data precisa en que ditos cambios comezaron, xa que algúns historiadores fanos remontar até finais do século X pero, en xeral, todos están de acordo en que fixeron masa crítica e cambiaron a sociedade europea no século XII.

Por motivos pedagóxicos pódese situar dito período de cambios entre dous fitos históricos como, por exemplo, a Primeira Cruzada (1099) e a Batalla de Legnano (1176), momento no que se consolidaron as comunas no norte de Italia, aparecendo un novo axente político que disputaba o espazo político tanto aos poderes universais (pontificado e Imperio) como ás monarquías feudais.

A aplicación do concepto historiográfico de "renacemento do século XII" atribúese xeralmente ao medievalista estadounidense Charles H. Haskins, aínda que algúns autores do século XIX utilizaran esta fórmula sen profondizar nela [1], e que a noción de renacemento fora xa empregada para cualificar outros períodos da Idade Media.[2] Pero en 1927 aparece un libro que se converteu nun clásico, The Renaissance of the Twelfth Century. [3] A vía adoptada é resoltamente innovadora: contraria por exemplo á de Jacob Burckhardt,[4] que intenta mostrar que o Renacemento do século XVI ten raíces nos séculos precedentes, Haskins intenta poñer en evidencia unha renovación cultural distinta e autónoma, e comparando o seu desenvolvemento subliñando certos aspectos comúns (redescubrimento de textos da Antigüidade clásica, e desenvolvendo unha actividade intelectueal senón laica, en todo caso menos controlada pola Igrexa.[5]

Charles H. Haskins foi, en efecto, o primeiro historiador en utilizar extensamente o concepto, o dun renacemento que xurdiu en plena Idade Media, comezando en torno a 1070. En 1927, Haskins escribía que:

[o século XII en Europa] foi en moitos aspectos unha era de vida fresca e vigorosa. A época das Cruzadas, a do alzamento das cidades e dos primeiros estados burocráticos de Occidente, veu a culminación da arte románica e o comenzo da gótica; a emerxencia da literatura en linguas vernáculas; a resurrección dos clásicos latinos, a poesía latina e o dereito romano; a recuperación da ciencia grega, coas súas adicións árabes, e gran parte da filosofía grega; e a orixe das primeiras universidades europeas. O século XII deixou a súa sinatura nunha educación superior, na filosofía escolástica, os sistemas xurídicos europeos, na arquitectura e a escultura, no teatro litúrxico, na poesía latina e vernácula.[6]

O éxito do libro de Haskins popularizou a noción de "renacemento do século XII", co seu uso notable no mundo escolar por tres dominicos canadenses, Gérard Paré, Adrien Brunet e Pierre Tremblay, autores de La Renaissance du sièce XIIe: les écoles et l'enseignement, obra aparecida en 1933.[7] Diversas contestacións emitíronse despois da Segunda Guerra Mundial, en razón das moitas diferenzas fundamentais entre o século XII e o XVI; os homes do primeiro non tiveron, como os do segundo, a consciencia dunha renovación despois de séculos de escuridade.[8] As fontes da época acreditaban por outra parte esta interpretación, os autores do século XII reclámanse dunha renovatio (renovación) ou dunha reformatio ou restauratio (reforma), é dicir, dunha volta a un progreso momentaneamente impedido, máis que dun "renacemento" ou dunha ruptura.[9] O concepto de renacemento do século XII entrou nos hábitos e, lonxe de ser abandonado, é frecuentemente utilizado,[10] e ademais aplicado a outros diversos períodos medievais.

Cambios históricos na Europa do século XII[editar | editar a fonte]

Cambios políticos[editar | editar a fonte]

Dous importantes procesos políticos desenvolvéronse en Europa durante este período. Por unha parte, o sistema feudal europeo extendeuse considerabelmente en terras emprazadas até entón fóra do mesmo e, por outra, comezou o proceso de centralización que foi trasformando lentamente as monarquías feudais en monarquías autoritarias, e que terminou por dar orixe ás nacións-estado, xa na Idade Moderna.

Expansión na península Ibérica
Durante este período a crise e posterior desintegración do Califato de Córdoba, no ano 1031, deulle unha grande oportunidade aos reinos cristiáns para atacar os reinos musulmáns (as taifas). Os personaxes máis importantes deste ciclo guerreiro foron o monarca Afonso VI de Castela e Rodrigo Díaz de Vivar, máis coñecido como El Cid Campeador. Esta expansión veuse freada durante un tempo despois da invasión dos almorábides, aínda que se chegou a un novo punto de equilibrio, favorábel aos reinos cristiáns, despois da Batalla das Navas de Tolosa, en 1212.
O reino de Sicilia á morte do seu fundador Roxer II.
Expansión en Italia
Durante a segunda metade do século XI, invasores normandos arrebataran todo o sur de Italia aos bizantinos. Durante a primeira metade do século XII, o rei normando Roxer II de Sicilia transformouse nun dos máis poderosos monarcas de Europa. O reino de Sicilia, fundado por Roxer, foi durante todo este tempo o máis próspero e desenvolvido de Europa, grazas a unha política de tolerancia relixiosa que permitiu asimilar a cultura superior de árabes e bizantinos. Todo iso, a pesar de que durante a conquista normanda de Sicilia comezou a introducirse o catolicismo e, por tanto, o poder da Igrexa Católica en ditas terras foi en aumento.
Expansión nas illas Británicas
Os normandos tamén invadiron Inglaterra en 1066. Guillerme o Conquistador sentou as bases do poderío inglés, que os seus sucesores aproveitaron para realizar novas incursións contra Irlanda e Escocia.
Expansión en Escandinavia
O produto do pillaxe e saqueo dos vikingos levou á introdución da economía occidental no mar Báltico. O príncipe alemán Henrique o León, vasalo de Federico Barbarroxa, conquistou as terras entre Brandeburgo e o río Oder aos vendos, fundando Berlín entre outras cidades, e abrindo o camiño a novos señores feudais.
Expansión en Europa Oriental
O reino de Polonia foi fundado no século X e, nas centurias seguintes, iniciou unha dura presión militar cara ao leste, en terras de ninguén ocupadas por tribos de pagáns como, por exemplo, Lituania. O labor combinado dos polacos e dos Cabaleiros Teutónicos conseguiu gañar todo o treito entre Occidente e os reinos rusos, en particular Nóvgorod e Moscova.
O Occidente e as súas dependencias orientais en 1142.
Expansión no Próximo Oriente
No ano 1100, a Primeira Cruzada conseguiu conquistar Xerusalén, fundando unha serie de reinos cristiáns en Terra Santa. Estes reinos sobreviviron con grandes dificultades, divididos polas súas propias loitas domésticas, até que a irrupción de Saladino, a finais do século XII, terminou por borrar case todo rastro deles. Aínda que quedaron algunhas fortalezas cristiás que non caerían senón até finais do século XIII, o certo é que o dominio cristián en ditas terras pode darse por completamente terminado despois do pacto entre Ricardo Corazón de León e Saladino, despois da fracasada Terceira Cruzada.

Consolidación interna dos reinos[editar | editar a fonte]

Reinos hispánicos
Como produto da Reconquista, os reinos hispánicos foron crecendo en poderío. En dita época queda plenamente de manifesto que o futuro pertence a Castela e a Aragón, que levan a parte do león nas conquistas contra os musulmáns.
Francia en 1180. En azul as posesións directas do rei.
Conquistas durante o reinado de Filipe Augusto. En azul, dominios do rei; en vermello, dominios do rei de Inglaterra.)
Inglaterra
Guillerme o Conquistador comenzara xa un certo labor de centralización administrativa. Porén, seus sucesores tiveron que enfrontarse cunha turbulenta nobreza feudal, incluíndo algunhas guerras civís. En resposta, o rei Henrique II de Inglaterra introduciu unha serie de innovacións administrativas que permitiron o desenvolvemento da industria e o comercio, creando unha clase burguesa mercantil na cidade de Londres. Aínda que o seu fillo Xoán Sen Terra tivo que ceder ante a nobreza e asinar a Carta Magna en 1214, o certo é que o proceso de consolidación da monarquía sobre os nobres xa non tiña volta, e o réxime pactado en dito documento non era senón un delicado sistema de equilibrios entre a monarquía e os baróns feudais.
Francia
Os reis de Francia no século XII dominaban pouco máis que o territorio próximo a París. De feito, para a Primeira Cruzada o rei de Francia nin sequera foi consultado, levando o protagonismo de dita rexión o conde Raimundo I de Tolosa. Os franceses pasaron varias décadas moi apurados, debido a que o matrimonio entre Henrique II de Inglaterra e Leonor de Aquitania puxo nas mans do monarca inglés un enorme territorio, o chamado Imperio Anxevino (ou Imperio Plantagenet), que ameazaba con afogar a propia independencia do rei francés. Porén, co advenimento de Filipe Augusto (1180), Francia iniciou un proceso de imparábel consolidación interna, ao tempo que socavou o Imperio Anxevino. A última oportunidade de Inglaterra de destruír a Francia desvaneceuse coa derrota de Otón de Brunswick, aliado de Inglaterra, ante os franceses na Batalla de Bouvines (1214). Ao rematar o reinado de Filipe Augusto, en 1223, Francia era unha monarquía feudal consolidada e en proceso de crecemento.
Italia e Alemaña
Nestes territorios non houbo unha consolidación do poder central. Polo contrario, as destrutoras guerras entre o Papado e o Imperio Xermánico, en particular as emprendidas por Federico I Barbarroxa, e despois por Federico II de Alemaña, levaron ao crecemento no seu seo de diversos microestados, en Italia das comunas, e en Alemañaa dos principados. Ao morrer Federico II, en 1250, o Imperio era a penas unha sombra do que fora. E as cidades e burgos independentes formaran unha constelación de estados autónomos que abarcaban todo o norte de Italia, Alemaña, Flandres e as costas do mar Báltico.
Polonia
O reino polaco tamén experimentara un certo proceso de consolidación interna, aínda que visibelmente atrasado con respecto ao resto de Europa, subsistindo con gran forza o poderío da nobreza feudal por riba do rei, que seguía sendo un primus inter pares, máis que un verdadeiro monarca no sentido que estaba adquirindo tal figura noutros lugares de Europa.

Todos estes cambios políticos (centralización do poder monárquico e expansión xeográfica feudal) estaban relacionados coa inesperada alianza que os reis teceron coa burguesía urbana, na que encontraron un gran aliado para usar en contra da nobreza feudal terratenente, alianza que lles permitiu achegar os recursos necesarios para crear un sistema fiscal moderno, base da consolidación do seu poder sobre os señores feudais, visibelmente máis débiles.

Cambios económicos e sociais[editar | editar a fonte]

Estes cambios políticos foron á vez causa e consecuencia, por obra dun proceso de retroalimentación, dunha serie de cambios económicos e sociais. Por unha parte, o feudalismo lle proporcionara estabilidade social a Europa, librándoa das destrutoras invasións de vikingos, maxiarres e musulmáns dos séculos precedentes. Por outra, desde a época carolinxia os métodos agrícolas experimentaran unha revolución, con novas técnicas de gandaría e cultivo. E por outra parte, o feudalismo xeraba un gotexo de persoas que sobraban dentro do sistema, tanto segundóns dos señores feudais, como servos que desexaban escapar da tiranía do seu señor, que fixeron que algúns deles emprenderan carreira como soldados de fortuna nas fronteiras da Cristiandade, ou ben encontraron refuxio nos nacentes burgos, dedicándose ao intercambio de excedentes produtivos derivados da agricultura, e inaugurando así as feiras e mercados medievais. Estes novos comerciantes, os burgueses, conformaron unha nova clase social, activa e emprendedora, e en constante conflito co mundo feudal, baseado na tradición e na pasividade social. As cidades e a burguesía foron así o motor que empregaron os reis para impoñerse progresivamente aos seus turbulentos señores feudais.

A fologura financeira das familias burguesas permitíronlles dispoñer dun amplo servizo doméstico: criados, gobernantes e preceptores encargábase dos labores da casa e da educación dos fillos.
La Gouvernante, pintura de Jean Siméon Chardin, século XVII.

A Primeira Cruzada, pola súa parte, creou un activo intercambio comercial entre Oriente e Occidente, que foi aproveitado polas cidades italianas para crear riqueza, beneficiándose da súa posición de intermediarias, financiando deste modo o movemento comunal italiano. Aínda que as Cruzadas resultarían finalmente fracasadas, cidades como Xénova, Venecia e Pisa transformáranse había tempo en importantes actores políticos, dándolle novo poder á burguesía.

A presenza do diñeiro trastornou completamente o sistema feudal, en moitas de cuxas rexións se retrocedera incluso ao vello sistema do troco. Os señores feudais vían con desconfianza o risco inherente á actividade comercial, e non eran partidarios de investir en empresas ultramarinas que podían producir pingües ganancias, pero tamén inxentes perdas.

Desta maneira, algúns comerciantes descubriron que podían tentar aos señores feudais para prestarlles diñeiro a cambio de pagar con posterioridade unha taxa de interese, para así amasar unha fortuna que investir noutros negocios.

Naceu desta maneira a actividade bancaria. Houbo incluso señores feudais que apostaron en actividades mercantís de maneira solapada, a través dunha nova figura xurídica, a sociedade en comandita, que divide aos socios capitalistas e aos socios administradores da mesma, recaendo o primeiro rol no señor feudal, e o segundo nos burgueses. Deste xeito, o comercio empezou a corroer as bases económicas da orde feudal.

En canto aos burgueses, tenderon a agruparse en organizaciónes chamadas guildas, gremios, confrarías ou artes, dependendo da rexión europea en cuestión. Ditas asociacións gremiais protexían os seus intereses corporativos dentro do burgo, e tamén influían na política do mesmo en asuntos externos.

Naceu así a diplomacia e a guerra por intereses económicos (en tiempos feudais, a guerra librábase por pillaxe, por expansión territorial, e incluso por razóns tales como deporte ou mero idealismo). Andando o tempo, baixo estas asociacións que protexían aos seus membros foi xurdindo un novo estamento social, o dos traballadores asalariados, fonte de tensións sociais posteriores.

Os burgueses trouxeron consigo unha nova ética e unha nova maneira de entender a vida e o mundo. Para os burgueses, vinculados psicoloxicamente ao seu diñeiro, o principal era a vida mundana e os placeres terrenais. Nesto distanciáronse decisivamente do mundo feudal, que nos valores privilexiaba a vida espiritual e a visión do corpo como unha cárcere da alma. Impuxeron tamén unha nova ética do traballo, da lexitimidade do lucro e a ganancia (mesmo da usura), e do esforzo e iniciativa individual por riba da obediencia e a adscripción a entes colectivos.

Ciencia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ciencia medieval.
Mapa das universidades medievais.

A ensinanza filosófica e científica na Alta Idade Media baseábase nas poucas copias e comentarios de textos gregos antigos que se conservaran en Europa Occidental despois do colapso do Imperio romano de Occidente. A maior parte de Europa perdera contacto co coñecemento do pasado.

Deus o xeómetra.
Os intelectuais medievais buscaban entender os principios xeométricos e harmónicos cos que Deus creara o Universo. O compás nesta ilustración dun manuscrito do século XIII á un símbolo do acto da creación de Deus.[11]

Este escenario cambiou co renacermento do século XII. O crecente conctacto co mundo islámico, que atravesaba a Idade de Ouro do Islam, en Al-Ándalus e Sicilia, as Cruzadas, a Reconquista, así como o incremento dos contactos co Imperio bizantino, permitiu á Cristiandade Latina buscar e traducir as obras dos filósofos e científicos gregos e islámicos, especialmente as obras de Aristóteles, Euclides, Ptolomeo, Plotino, Geber, Al-Khwarizmí, Al-Razí, Abulcasís, Alhacén, Avicena, Avempace, e Averroes, entre outros.

O desenvolvemento das universidades medievais permitiu axudar materialmente na tradución e propagación destes textos e subministrou unha nova infraestrutura necesaria para as comunidades científicas.

A comezos do século XIII había bastantes boas traducións latinas das principais obras de case todos os autores antigos cruciais, o que permitiu a transferencia de ideas científicas, tanto a través das universidades como dos mosteiros. Daquela, as ciencias naturais contidas nestes textos comezaban a ser divulgadas polos máis notábeis escolásticos como Robert Grosseteste, Roger Bacon, Alberte o Magno e Duns Scoto. Un feito precursor do moderno método científico pode verse xa na énfase que Grosseteste pon nas matemáticas como vía para entender a natureza, e na aproximación empírica admirada por Bacon, particularmente na súa Opus Majus.

Na primeira metade do século XII apareceron moitas obras científicas de importancia, na súa maior parte no marco dos comentarios escolásticos ás obras de Aristóteles.[12] Guillerme de Occam introduciu o principio de parsimonia ou navalla de Occam: o científico (filósofo natural, como se dicía daquela) non debe postular entes innecesarios, por tanto, o movemento non é cousa distinta senón o mesmo obxecto que se move;[13] e non se recorría a hipóteses tales como a antes necesaria especie sensíbel intermedia para transmitir a imaxe dun obxecto ao ollo.[14] Intelectuais como Jean Buridan e Nicole Oresme comezaron a reinterpretar os elementos da mecánica de Aristóteles. En particular, Buridan desenvolveu a teoría de que o impetus era a causa do movemento dos proxectís, o que era un precedente do moderno concepto da inercia.[15] Mentres tanto, os Calculadores de Oxford comezaron a analizar matematicamente a cinemática do movemento, conducindo a súa análise sen considerar as causas do mesmo.[16] Por outra parte, Pedro Abelardo está considrado como un dos primeiros científicos.

Incluso aínda que a devastación da peste negra (1348) e otros desastres deron un repentino final ao período anterior de masivo desenvolvemento filosófico e científico, dous séculos máis tarde comezou a revolución científica europea, que pode tamén entenderse como unha recuperación do proceso de cambio científico detido durante a crise do final da Idade Media.

Tecnoloxía[editar | editar a fonte]

Pezas dun astrolabio árabe de 1208.

Durante o século XII en Europa houbo un cambio radical na taxa de innovacións e novos inventos, o que, aínda que partía de niveis practiamente planos, tivo influencia na transformación dos medios de produción tradicionais e o crecemento económico. En menos de un século houbo máis inventos desenvolvidos e aplicados con utilidade que nos mil anos anteriores da historia da humanidade. O período veu avances tecnolóxicos importantes, como a invención do gravado, a pólvora, a lente, a mellora dos reloxos, o astrolabio, e unha gran mellora dos barcos. Estes dous últimos feitos fixeron posíbel a futura Era dos Descubrimentos. Os historiadores da tecnoloxía enumeraron algúns feitos desta cuase-revolución tecnolóxica:[17]

Escolástica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Escolástica (filosofía).
Tomé de Aquino.

Un novo método de ensinanza, denominado escolástica desenvolveuse desde finais do século XII a partir do redescubrimento das obras de Aristóteles, e o descubrimento das obras dos filósofos medievais xudeus e islámicos influídos por el, sobre todo Maimónides, Avicena e Averroes. Os filósofos cristiáns influídos por eles, sobre todo Alberto o Magno, Boaventura e Pedro Abelardo, crían no empirismo e apoiaban as doutrinas católicas sobre o estudo secular, a razón e a lóxica. Opoñíanse ao misticismo cristián e ás crenzas platónico-agostiñanas na mente dualista (dualismo, filosofía da mente) e á consideración do mundo como intrinsecamente malo. O máis famoso dos practicantes da escolástica foi Tomé de Aquino (posteriormente canonizado e declarado Doutor da Igrexa), que liderou o tránsito do platonismo e o agostiñismo antes imperantes cara ao aristotelismo. Usando o método escolástico, Tomé de Aquino desenvolveu unha filosofía da mente ao escribir que a mente era ao nacer un simple papel en branco (tabula rasa) á que se lle daba (por un sopro divino) a capacidade de pensar e recoñecer formas ou ideas. Outros escolásticos notábeis foron Roscelino de Compiègne, Pedro Abelardo, e Pedro Lombardo. Unha das principais cuestións desta época foi o problema dos universais. Os autores non-escolásticos máis prominentes da época foron Anselmo de Canterbury, Pedro Damián, Bernardo de Claraval, e os membros da escola de San Vítor ou vitorinos (grupo de filósofos e místicos da agostiña Abadía de San Vítor de París: Hugo de San Vítor, Ricardo de San Vítor e Walter de San Vítor).

Cambios artísticos[editar | editar a fonte]

Torre de Pisa.
Catedral de Chartres.

Os cambios nas tendencias políticas e sociais manifestáronse nunha serie de transformacións artísticas. O século XII é a época en que a arte románica fai a súa transición cara á arte gótica. En liñas xerais, a arquitectura románica caracterízase polos seus edificios con grosas paredes, e máis ou menos repoludos, debido a que os coñecementos de enxeñaría da época impedían construír edificacións de maior altura.

Pero a comezos do século XII dúas importantes innovacións arquitectónicas, os contrafortes e o arco oxival, permitiron apuntalar as paredes e adelgazalas permitíndolles soster un peso maior. Dita transformación é ben visíbel na arquitectura dos mosteiros cistercienses, que son considerados con razón como a transición entre ambos os estilos, en particular pola gran cantidade deles que se construíron en toda Europa nun moi reducido lapso. A finais do século XII comeza a edificación das primeiras catedrais góticas propiamente tales, como por exemplo a Catedral de Chartres.

Estes cambios na enxeñaría e a arquitectura, ían da man cos cambios económicos e sociais. A arte románica fora desenvolvida fundamentalmente ao servizo dos reis e da Igrexa Católica, mentres que a arte gótica desenvolveuse en boa medida ao servizo dos burgos. A carreira por adornar os burgos cos máis belos edificios empezara a finais do románico, e un dos maiores expoñentes desta tendencia é o chamado Campo dei Miracoli, en Pisa, cuxos compoñentes máis relevantes son as famosas Catedral de Pisa e a Torre de Pisa.

Pero a explosión desta tendencia coincidiu co despuntar do gótico. Iniciada a moda das catedrais góticas, cada burgo pretendeu ter unha máis grande que as demais, e de aí que, andando o tempo, se irían construíndo catedrais cada vez maiores. Ter unha gran catedral non só implicaba facer votos de relixiosidade, senón tamén dar aos burgos veciños unha mostra do seu propio poderío económico, investindo nun edificio grande e solemne que lles dera prestixio.

Cambios relixiosos[editar | editar a fonte]

Todos estes procesos (concentración do poder político, guerras "ao infiel", crecemento dos burgos, ataque ao sistema feudal, auxe do comercio e a industria, cambios artísticos, etcétera) víronse marcados tamén por profundos cambios na espiritualidade medieval. A Igrexa Católica, a organización relixiosa predominante na época, enfrontou profundos cambios intelectuais, ante os que non sempre estivo á altura, polo menos durante o século XII.

En materias teolóxicas, a principal innovación foi a recepción de numerosas ideas foráneas. Entre elas, Occidente empezou a prestar atención a Aristóteles, ben sexa lendo directamente o orixinal grego, ben a través dos comentarios dos musulmáns Avicena e Averroes.

Abelardo e Heloísa, súa discípula, sorprendidos por Fulberto.
Pintura titulada Les Amours d'Héloïse et d'Abeilard, do artista Jean Vignaud.
Cristo abrazado a san Bernardo (Bernardo de Claraval),
pintura de Francisco Ribalta, obra capital do misticismo español.

Até o momento, a teoloxía cristiá estaba baseada nas ideas platónicas que adoptara e adaptara Agostiño de Hipona, no século V. Aristóteles era incómodo porque plantexaba cuestións radicalmente opostas ao catolicismo (por exemplo, que o mundo é eterno e increado, o que choca co dogma da creación "ex nihilo" ("da nada") expresado no libro da Xénese). A simbiose entre a teoloxía cristiá e o aristotelismo non chegaría senón até o século XIII, da man de San Tomé de Aquino.

Aínda así, o platonismo inherente ás doutrinas agostiñanas foi posto en dúbida, en beneficio de posturas que poderían cualificarse de realismo moderado. O principal defensor delas foi Pedro Abelardo, teólogo que ensinou na universidade de París, e que se veu envolvido nunha dura trifulca (chamada a querela dos universais) con Bernardo de Claraval, sostedor do realismo extremo, quen lle fixo condenar como herexe e obligouno á retractación. Pedro Abelardo é un representante dos novos tempos, ao atreverse a cuestionar, aínda que timidamente, algunhas verdades esenciais da teoloxía cristiá.[18] [19] [20]

O mencionado Bernardo de Claraval era o máis destacado defensor do status quo medieval fronte aos cambios sociais do seu tempo. Fundador dun gran número de mosteiros ao longo da primeira metade do século XII, ademais de participar activamente en política (incluíndo a prédica da Segunda Cruzada e alección dos papas). De liñaxe aristocrática, vía con reticencia toda innovación, tamén a vida urbana e cidadá. Os seus mosteiros, a Orde do Císter, transformáronse nun referente ineludíbel para afianzar a unidade cristiá, nunha época en que os propios cristiáns dos burgos empezaban a cuestionar seriamente a Igrexa.[21] [22] Durante toda a súa vida guíase pola defensa da orde cisterciense. Encóntrase en todas as frontes e a súa vida é rica en paradoxos: proclama o seu desexo de retirarse do mundo e, porén, non deixa de mesturarse nos asuntos do mundo. De bo grao imparte leccións, pero, seguro da superioridade do espírito cisterciense, abruma cos seus reproches aos seus irmáns cluniacenses.[23] Ten moi duras palabras para fustrigar aos clérigos e aos prelados que sucumben ás riquezas materiais e ao luxo. Non desdeña a picardía, a astucia, a mala fe ou as inxurias para abater ao seu adversario —o teólogo Pedro Abelardo sufriu en persoa esta dura experiencia—[24]. Veuse no Languedoc intentando frear os progresos da herexía. Percorre Francia e Alemaña, mobilizando ás multidumes tras a predicación de Vézelay, o 31 de marzo de 1146, para lanzar a Segunda Cruzada. Intervén na designación dos papas, cuxa causa consigue facer triunfar: Inocencio II contra Anacleto II, e chega mesmo a dar leccións aos soberanos pontífices.[25]

O Císter non logrou, de todos os xeitos, conter estes cuestionamentos, que cristalizaron nunha serie de herexías,[26] as primeiras desde a época de Santo Agostiño en Occidente. As máis perigosas para a Igrexa Católica foron as dos valdenses e a dos cátaros, que creceron especialmente no sur de Francia, e que foron reprimidas coa chamada Cruzada Albixense (1209-1244).

Porén, este labor represor (que levou á fundación da Inquisición) veuse complementada pola apertura da Igrexa cara ás novas correntes espirituais para as xentes dos burgos, especialmente por obra de San Francisco de Asís.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Como pode observarse, a revolución do século XII estivo estruturada por una enleada maraña de cambios, que sucedían ao mesmo tempo e que se retroalimentaban uns con outros, levando a Occidente a unha pendente imparábel de cambios sociais. Ao iniciarse estes, Occidente era unha sociedade agraria e feudal. No paso do século XII ao XIII, se consolidara todo un novo sistema social, baseado nos burgos, sobre unha nova ética, e ao mesmo tempo redefinindo o mapa político de Europa, onde os reis pesarían, cada vez máis, sobre os señores feudais. En certo sentido, pode dicirse que a consecuencia máis importante da revolución do século XII foi cambiar un sistema estático e de inmobilismo social por un dinámico onde os cambios se ían suceder sen pausa (salvo na crise de finais da Idade Media), e con celeridade cada vez maior, algo que non cesou en Europa até o día de hoxe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Especialmente Jean-Jacques Ampère, ou o abade Clerval Les Écoles de Chartres au Moyen Âge, du siècle XIIe au siècle XVIe, Paris, 1895: "se lles debe [aos mastres chartrianos] atribuír o renacemento do século XII" (citado por Jacques Verger, La Renaissance du XIIe siècle, Paris, Le Cerf, col. "Initiations au Moyen Âge", 1999, ISBN 2-204-05454-2)
  2. Por Erna Patzelt en 1924 para o "renacemento carolinxio", e por Hans Naumann en 1927 para o "renacemento otoniano".
  3. Haskins, Charles Homer (1927): The Renaissance of the Twelfth Century. Cambridge, Mass.: Harvard University Press.
  4. Die Kultur der Renaissance in Italien. Eine Versuch, Bâle, 1860
  5. Haskins, Charles Homer, Op. cit., páx. 12
  6. Haskins, Charles Homer, Op. cit., páx. viii - introduction.
  7. Gérard Paré, Adrien Brunet e Pierre Tremblay, La Renaissance du siècle XIIe: des écoles et l'enseignement, Marie-Dominique Chenu (dir.), Paris-Ottawa, 1933.
  8. Véxase especialmente William A. Nitze, "The So-called Twelfth Century-Renaissance", Speculum 23 (1948), páxs. 464-471; Eva M. Sanford, "The Twelfth Century. Renaissance or Proto-Renaissance?", Speculum, 26 (1951), páxs. 635-642; Urban T. Holmes Jr., "The Idea of a Twelfth-Century Renaissance", Speculum, 26 (1951), páxs. 643-651; Erwin Panofsky, Renaissance and Renascences in Western Art, Stockholm, 1960.
  9. Haskins, Charles Homer, Op. cit., páx. 14.
  10. Véxase especialmente Charles Warren Hollister, The Twelft-Century Renaissance, John Wiley and Sons, New York, 1969; Christopher Brooke, The Twelfth Century Renaissance, Thames and Hudson, Londres, 1969; Peter Weimar (ed.), Die Renaissance der Wissenschaften im 12. Jahrhundert, Artemis Verlag, Zurich, 1981
  11. Thomas Woods (2005): How the Catholic Church Built Western Civilization. Washington, DC: Regenery. ISBN 0-89526-038-7
  12. Edward Grant, The Foundations of Modern Science in the Middle Ages: Their Religious, Institutional, and Intellectual Contexts. Cambridge: Cambridge Univ. Press, 1996, páxs. 127-31.
  13. Edward Grant, A Source Book in Medieval Science. Cambridge: Harvard Univ. Press, 1974, páx. 232
  14. David C. Lindberg, Theories of Vision from al-Kindi to Kepler. Chicago: Univ. of Chicago Press, 1976, páxs. 140-2.
  15. Edward Grant, The Foundations of Modern Science in the Middle Ages: Their Religious, Institutional, and Intellectual Contexts. Cambridge: Cambridge Univ. Press, 1996, páxs. 95-7.
  16. Edward Grant, The Foundations of Modern Science in the Middle Ages: Their Religious, Institutional, and Intellectual Contexts. Cambridge: Cambridge Univ. Press, 1996, páxs. 100-3.
  17. Alfred Crosby, The Measure of Reality: Quantification in Western Europe, 1250-1600 (A medida da realidade: cuantificación en Europa Occidental, 1250-1600).
  18. Pierre Abélard, Sic et Non, 1122, ed. Boyer et McKeon, 1976.
  19. Pierre Abélard, Logica Ingredientibus, ed. B. Geyer, I, 1919: Contre le réalisme des universaux, páxs. 10-16.
  20. Pierre Abélard, Éthique, ou Connais-toi toi-même (contra 1139), trad. Maurice de Gandillac, in Conférences. Dialogue d'un philosophe avec un juif et un chrétien, suivi de Connais-toi toi-même. Cerf, 1993, páx. 223.
  21. Marcel Pacaut, Les moines blancs. Histoire de l'ordre de Cîteaux. Fayard, 1993.
  22. Paul Benoit, "Naissance et développement de l'ordre", en Histoire et Images médiévales, n°12 (thématique), "Les cisterciens", febreiro-marzo-abril de 2008.
  23. En 1125 publica a súa Apologia, onde contrapón as doutrinas cisterciense e cluniacense, e arruína aos seus adversarios.
  24. En particular, con ocasión do concilio de Sens do 2 e 3 de xuño de 1140
  25. Boitel, Philippe, "Voyage dans la France cistercienne", La Vie, Hors-série, n°3, xuño de 1998, páx. 14.
  26. Paul Benoit, "Naissance et développement de l'ordre", en Histoire et Images médiévales, n°12 (thématique), "Les cisterciens", febreiro-marzo-abril de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Benson, Robert L., Giles Constable, & Carol D. Lanham, eds. (1982): Renaissance and Renewal in The Twelfth Century. Cambridge Mass.: Harvard University Press. (Reimpr. Toronto University Press, 1991).
  • Haskins, Charles Homer (1927): The Renaissance of the Twelfth Century. Cambridge Mass.: Harvard University Press.
  • Le Goff, Jacques (1957): Les intellectuels au Moyen Âge. Paris: Le Seuil. (Reimpr. col. "Points Histoire", 1985, 2000).
  • Le Goff, Jacques (1977): La civilisation de l'Occident médiéval. Paris: Arthaud. (Reimpr. col. "Les grandes civilisations", 1984).
  • Riché, Pierre & Jacques Verger (2006): Des nains sur des épaules de géants. Maîtres et élèves au Moyen Âge. Paris: Tallandier.
  • Verger, Jacques (1999): La Renaissance du XIIe siècle. Paris: Le Cerf, col. "Initiations au Moyen Âge".
  • Verger, Jacques & Jean Jolivet (2006): Le Siècle de saint Bernard et Abélard. Paris: Fayard-Mame. (Reimpr. Perrin, col. "Tempus", 2006).

Outros artigos[editar | editar a fonte]