Batalla de Legnano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Batalla de Legnano
Parte de Guerras entre güelfos e xibelinos
Battle of Legnano.png
A Batalla de Legnano obra de Massimo Taparelli d'Azeglio.
Data 29 de maio 1176
Lugar Legnano 25 km. ó norte de Milán
Resultado Vitoria decisiva da Liga Lombarda[1]
Belixerantes
CoA civ ITA milano.png Liga Lombarda Armoiries empereurs Hohenstaufen.pngSacro Imperio Romano Xermánico
Líderes
Albert de Giussan Federico Barbarroxa
Forzas en combate
3.500 hombres[2] 3.000 hombres[2]
Baixas
Descoñecidas pero numerosas Descoñecidas pero numerosas

A batalla de Legnano tivo lugar o 29 de maio de 1176, nos arredores da cidade de Legnano, na actual provincia de Milán, rexión histórica da Lombardía, Italia. Tivo unha repercusión crucial na guerra que mantiña o Sacro Imperio Romano Xermánico, dirixido por Federico Barbarroxa, contra as comunas do norte de Italia, que depuxeran as súas rivalidades para unirse na Liga lombarda baixo a dirección do Papa Alexandre III.

Este enfrontamento non era propiamente unha guerra entre Alemaña e Italia, posto que non existían como tales nacións e había alemáns e italianos interesados na vitoria de cada uns dos bandos. Máis ben debe entenderse como parte do prolongado conflito interno entre güelfos e xibelinos, e do aínda máis antigo existente entre os dous poderes universais: Pontificado e Imperio.

O Emperador tentou o emprego da forza para someter ás comunas, e foi vencido polas tropas lombardas, que fixeron bo uso da topografía do terreo e das súas picas contra un exército composto case exclusivamente de cabalaría.

Preludio[editar | editar a fonte]

Á morte de Conrado III foi elixido Emperador o seu sobriño Federico I Barbarroxa que se propuxo volver dar á coroa imperial a autoridade antiga do tempo de Otón I. Empezou actuando en Alemaña onde devolveu Baviera a Enrique o León, tralo que se enfrontou ás disputas internas, fixo vasalos seus aos príncipes de Polonia e Bohemia e recobrou os dereitos imperiais sobre Borgoña. Por último reafirmou a súa autoridade entregando ducados aos seus fillos e parentes.[3]

Máis dificultades atopou en Italia onde debeu realizar seis expedicións. As cidades lombardas, a cuxa cabeza se atopaba Milán, posuían un importante sentimento de liberdade e dispuñan dunha milicia cidadá belicosa disposta a defender a súa independencia. Con este desexo formaron unha liga a semellanza das ligas gregas.

Na primeira expedición de Federico, o Emperador chamou aos príncipes e cidades de Italia a prestarlle vasalaxe e ao ver a rebeldía milanesa tentou atemorizala destruíndo algunhas cidades menores antes de coroarse en Pavía coa coroa lombarda e en Roma coa Imperial, gañada tras entregar ao Papa Hadrián IV a Arnoldo de Brescia que predicaba unha volta da Igrexa á súa sinxeleza apostólica, contra os bens temporais e a riqueza do clero.[4] Á chegada do emperador os romanos iniciaron unha revolta pero foi sufocada polo Emperador coa axuda do Papa.

Federico volveu a Alemaña, (non sen estar a piques de perecer no camiño de volta por un ataque de soldados de Verona no que foi salvado pola coraxe do alférez imperial Oton Witelsbach) e os milaneses atacaron a cidades adictas ao Emperador (como Lodi).[5]

Federico Barbarroxa e Enrique o León loitando contra os rebeldes romanos obra de Friedrich Franz e Johannes Christian Riepenhausen

Sabedor diso Federico volveu a Italia e tras proclamarse soberano sobre príncipes e cidades como Milán, comezou unha encarnizada guerra.

En maio de 1161 trala chegada de novos reforzos procedentes de Alemaña, Federico achegouse a Milán dando un rodeo. Tras un encontro a pé de muro, no que os milaneses levaron a peor parte, as tropas imperiais cercaron a cidade. Os milaneses pasaron fame. O 1 de marzo de 1162 acordáronse os termos da rendición que supuxo a entrega dos cónsules e de 400 cabaleiros en calidade de reféns, a destrución das igrexas e murallas, o cegamento dos fosos da cidade e a dispersión dos seus veciños en catro aldeas.[6] Igual sorte tiveron Crema, Brescia e Piacenza entre outras. Aterradas por este exemplo as restantes cidades lombardas recoñeceron a Federico como Emperador.[7]

Porén este éxito non foi abondo para Federico e pretendeu exercer sobre Roma un poder similar ao de Otón I e disputar ao rei Guillerme de Sicilia o protectorado sobre a Cidade Eterna. Cando o monarca falece en 1166 pareceu presentarse a oportunidade polo que se puxo en guerra co Papa que até entón fora aliado seu.[8] Federico reuniu un concilio e elixiu un antipapa. O Papa Alexandre III declarou ilexítimo o concilio e excomungou a Federico atraendo ás cidades lombardas a unha nova liga que uniu ademais a Venecia, Verona, Vicenza, Padua, Treviso, Ferrara, Brescia, Bérgamo, Cremona, Piacenza, Parina, Módena, Boloña e outras moitas cidades.[7]

Alexandre III bendí ao dogo Ziani que marcha a loitar contra Federico I Barbarroxa obra de Paolo Fiammingo

Federico logrou entrar en Roma e derrotar aos coaligados na batalla de Tusculo obrigando a Alexandre a fuxir a Francia pero o Emperador tivo que abandonar Italia debido a unha gran epidemia que estaba a facer estragos en Alemaña e que causou a morte a moitos cabaleiros fieis ao Emperador.[7] Ao retirarse en desorde, perdeu a súa equipaxe mentres cruzaba o río Po. O 1 de decembro de 1167 formouse a Liga Lombarda e Federico retirouse alén dos Alpes.[8]

Os lombardos aproveitaron esta retirada e pasaron á ofensiva. Edificaron unha nova cidade chamada Alessandria en honra do Pontífice. Os asuntos en Alemaña impediron a Federico realizar unha nova expedición para restablecer a súa autoridade durante un tempo pero ao fin fíxoo acompañado de Cristiano, arcebispo de Maguncia.[9]

En setembro de 1174 fixo de Alessandria o branco dos seus ataques. Despois de pasar o inverno ante a cidade, os homes de Federico escavaron un túnel baixo as murallas e atacaron o Sábado Santo. Nunha feroz batalla, o asalto foi rexeitado. Tralo ataque tivo que retirarse a Pavía ao producirse a chegada de reforzos lombardos (13 de abril de 1175).[10]

O 16 de abril de 1175, Federico reuniuse con representantes da Liga Lombarda no castelo de Montebello para discutir a paz. Estas conversacións resultaron infrutuosas e ambas partes saíron decididos a continuar as hostilidades.

TraLo fracaso das negociacións, Federico sabía que a batalla era inminente e pediu o apoio de Enrique o León quen rexeitou axudar a Federico (aínda que o Emperador rogoullo de xeonllos preto do lago de Como[9]) e o rei tivo que reunir forzas principalmente italianas recrutadas entre os inimigos da Liga.[11]

Tras tantas decepcións Federico recibiu ao fin unha boa noticia. A comezos de 1176 o Emperador recibiu reforzos alemáns de Suabia e Renania. Tratábase dunha forza de 2.000 soldados dirixidos por Philip, arcebispo de Colonia; Conrad, bispo electo de Worms e Berthold, duque de Zähtingen.[12] O groso das tropas imperiais atopábanse en Pavía e o Emperador atopábase en Como polo que debía rodear Milán sen levantar sospeitas.[13]

Porén os milaneses adiviñaron as intencións de Federico e propuxéronse interceptalo.

Forzas dos exércitos[editar | editar a fonte]

O 29 de maio os dous exércitos atopáronse nos arredores de Legnano a 24 km. ao norte de Milán.

O exército imperial estaba formado por 1.000 cabaleiros e 1.000 infantes. Como complemento ás forzas alemás reuníronse 1.000 homes da rexión de Como.

A batalla de Legnano obra de Amos Cassioli

Alertados da presenza de Federico, os líderes da Liga Lombarda reuniran 3.500 homes para bloquear a ruta do emperador a Pavía. Constaban estas forzas de 1.450 cabaleiros e 2.050 de infantaría, tamén se incluía un carro de guerra coñecido como Carroccio (Carro arrastrado por bois onde as cidades-estado italianas portaban o seu estandarte. Gornecida por sacerdotes e soldados, situábase no centro do exército, como punto de mando e reunión de tropa.[14] O Carroccio representaba a identidade comunal da cidade estado e por iso infundía moral)[15]

Entre a cabalaría lombarda atopábase unha unidade de elite coñecida como a "Compañía da Morte" dirixida por Albert de Giussan. Compúñase de 900 homes de armas que vestían un traxe escuro co que cubrían a armadura co símbolo dunha caveira, levaban pequenos escudos puntiagudos e longas lanzas. Esta compañía estaba formada por homes escollidos que loitaban en grandes cabalos e xuraban que ninguén fuxiría do campo de batalla por temor á morte e non permitirían que ninguén traizoase á cidade de Milán fuxindo.

A batalla[editar | editar a fonte]

A batalla comezou cun ataque da vangarda lombarda a cargo de 700 xinetes que ao facer un recoñecemento do terreo atopáronse con 300 xinetes imperiais. As tropas imperiais foron sorprendidas e fuxiron pero o Emperador reaccionou con rapidez e un contraataque imperial crebou a resistencia lombarda.[16] A batalla comezara fortuitamente e ningún dos dous bandos tiña un plan preestablecido. Os anais de Colonia din que o Emperador consideraba indigno da súa maxestade imperial dar as costas aos seus inimigos polo que seguiu adiante e atacou o Carroccio milanés.[17]

Tan impetuoso foi o ataque imperial que levou por diante a selecta garda do Carroccio.[18] Entón as tropas alemás chegaron até onde estaba situada a Compañía da Morte, dirixida por Albert de Giussan, á que atacaron con desesperación.[19] Este contraataque posibilitou á infantaría lombarda reorganizarse.

O ímpeto da carga de cabalaría xa se desvanecera e os cabalos alemáns detivéronse incapaces de penetrar entre as picas da infantaría lombarda.[20]

O carroccio milanés na batalla de Legnano obra de Amos Cassioli

A resistencia da infantaría lombarda permitiu que a súa cabalaría, derrotada pero non destruída, se reagrupara e regresase ao campo de batalla atacando o flanco da cabalaría imperial.[21] Os xinetes imperiais, fatigados e atacados por dous flancos, tentaron regresar ás súas posicións pero fixérono sen ningunha organización.[22]

No medio do caos, o estandarte imperial foi capturado, morto o seu portador dun frechazo e Federico Barbarroxa esborrallouse baixo o seu cabalo morto.[23] A falsa noticia da morte de Emperador sementou o pánico entre as tropas imperiais que fuxiron en desbandada e o seu campamento foi abandonado aos vencedores.

Os lombardos perseguiron aos imperiais e moitos foron cazados no río Tesino. O botín conseguido pola Liga Lombarda foi inmenso.[24] Pero Federico non morrera. Tras varios días desaparecido, presentouse en Pavía só. Pero o rumor da súa morte prevaleceu durante moitos días, a emperatriz Beatriz I, condesa de Borgoña, que permanecera en Como, abandonouse á desesperación, e os vencedores buscaron incesantemente o corpo no medio das moreas de mortos.[25]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A derrota convenceu a Federico Barbarroxa da necesidade dunha paz.

Nunha conferencia celebrada en Venecia, facendo de mediador o arcebispo de Maguncia entre o Emperador, o Papa e os deputados das cidades, asinouse unha suspensión de hostilidades de seis anos, baixo as mesmas condicións que serviron máis tarde de base á paz de Constanza (1183). Alexandre foi recoñecido Papa lexítimo, o protectorado de Roma pasou do Emperador ao Papa; e Federico foi absolto da excomuñón. Os bispos e abades nomeados por Federico e o anti-papa, continuaron na posesión dos seus beneficios. As regalías debían pertencer en diante, unha parte ao Emperador, outra ás cidades; os cidadáns e funcionarios debían facer xuramento ao Emperador e as tropas imperiais debían ser mantidas polas cidades ao seu paso por elas: a alta xustiza sería exercida en nome do Emperador por xuíces superiores. Con isto restableceuse a paz en Italia, celebrándose solemnemente ante a Basílica de San Marcos (en Venecia), a reconciliación entre as cabezas espiritual e temporal. Pero concertando o Emperador o casamento do seu fillo maior, Enrique de Hohenstaufen, con Constanza, filla de Rogelio II e herdeira de Nápoles e Sicilia co que estes Estados, até entón feudatarios de San Pedro pasaron á casa dos Hohenstaufen, quedou viva a semente de novas e sanguentas guerras entre o Emperador e o Papa.[9]

Federico I non esqueceu a falta de axuda por parte de Enrique o León e aproveitou a hostilidade doutros príncipes alemáns cara a Enrique para xulgalo por insubordinación por un xurado de bispos e príncipes en 1180. Quitou a Enrique das súas terras e declarouno proscrito. Acto seguido invadiu Saxonia polo que Enrique tivo que exiliarse a Normandía onde permaneceu tres anos co seu sogro Henrique II de Inglaterra ata que se lle permitiu regresar a Alemaña en 1185.

Importancia da batalla na posteridade[editar | editar a fonte]

Convertida nun precedente da Unificación de Italia no século XIX, Verdi elixiuna como tema para unha das súas óperas (La battaglia di Legnano).

Na actualidade, esta batalla adoita ser utilizada como símbolo das reivindicacións políticas da Liga Norte, un partido rexional italiano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Peter N. Stearns, William Leonard Langer; 2001. The Encyclopedia of World History, pp. 208
  2. 2,0 2,1 Magill's Guide to Military History'
  3. Compendio de la Historia Universal: Historia de la Edad Media, px.150
  4. Compendio de la Historia Universal: Historia de la Edad Media, px.150-151
  5. Compendio de la Historia Universal: Historia de la Edad Media, px.151
  6. Atlas ilustrado la guerra en la Edad Media, px. 57
  7. 7,0 7,1 7,2 Compendio de la Historia Universal: Historia de la Edad Media, px.152
  8. 8,0 8,1 Atlas ilustrado la guerra en la Edad Media, px. 58
  9. 9,0 9,1 9,2 Compendio de la Historia Universal: Historia de la Edad Media, px.153
  10. Atlas ilustrado la guerra en la Edad Media, px. 59
  11. Atlas ilustrado la guerra en la Edad Media, px. 59
  12. Técnicas bélicas del mundo medieval, px.105
  13. Técnicas bélicas del mundo medieval, px.105
  14. Atlas ilustrado la guerra en la Edad Media, px. 177
  15. Atlas ilustrado la guerra en la Edad Media, px. 59
  16. Técnicas bélicas del mundo medieval, px.105
  17. Técnicas bélicas del mundo medieval, px.106
  18. The history of Italy: from the fall of the Western empire to the...,
  19. Die Geschichte des Mittelalters: 6 Bücher, Volume 1, px. 384
  20. Técnicas bélicas del mundo medieval, px.106
  21. Técnicas bélicas del mundo medieval, px.106
  22. Técnicas bélicas del mundo medieval, px.106
  23. Die Geschichte des Mittelalters: 6 Bücher, Volume 1, px. 384
  24. Storia diplomatica della lega Lombardo con XXV documenti inediti, px. 280
  25. The history of Italy: from the fall of the Western empire to the...,

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Nicholas Hooper, Matthew Bennett. Atlas ilustrado la guerra en la Edad Media: 768-1492. Ediciones AKAL, 2001
  • George Procter. The history of Italy: from the fall of the Western empire to the commencement of the wars of the French revolution, Volume 1. Ed. G. B. Whittaker, 1825. En inglés
  • Cesare Vignati. Storia diplomatica della lega Lombardo con XXV documenti inediti. Ed. Piet. Agnelli, 1867. En italiano
  • Johann Friedrich Christoph Kortüm.Die Geschichte des Mittelalters: 6 Bücher, Volume 1.Ed. Jenni, 1836. En alemán
  • Georg Weber.Compendio de la Historia Universal: Historia de la Edad Media. Imp. de Diaz y Compañía, 1853. En castelán
  • Bennet, M.-Bradbury, J.-De Vries, K.-Dickie, I.-Jestice, P.G. Técnicas Bélicas del Mundo Medieval. Editorial Libsa. Ano 2007. ISBN 978-84-662-1373-1