Servidume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A servidume, as veces para os períodos medievais denominada servidume da gleba, era unha figura xurídica e social que ligaba os campesiños a un determinado terreo (gleba). Os servos da gleba cultivaban, en proveito propio, as terras que pertencían ao propietario ou terratenente –que podía ser un señor individual ou ben colectivo, p.ex. un mosteiro, pagándolle un censo, que podía ser unha parte dos froitos recollidos. Ademais, con frecuencia estaban obrigados a determinadas prestacións de traballos e servizos a favor do señor ( corveas, senras). Os servos tiñan esa condición por nacemento, non pudendo, licitamente, subtraerse de tal condición sen o consentimento do señor..

Os servizos a que estaba obrigado o servo, soían estar precisados, a diferencia do que ocorría cos escravos. Ademais os servos, non eran considerados cousas, obxectos, no sentido xurídico do termo, como acontecía cos escravos. Tiñan dereito á propiedade privada, aínda que estivese limitada a bens mobles, podían casar legalmente e ter fillos aos que legarlles unha herdanza . O señor carecía do dereito de dispor da súa vida, aínda que o servo podía ser vendido xunto con a terra á que estaba adscrito; porén ese mesmo servo non podía ser despoxado da súa terra, nen expulsado dela.

Historia da servidume europea[editar | editar a fonte]

Orixe do termo[editar | editar a fonte]

Desde un punto de vista etimolóxico o termo galego servo – e os seus correlatos, nas linguas europeo-occidentais, como o francés serf, o español siervo ou o italiano servo - é a evolución do latín medieval servus, que a súa vez era a prolongación do latín imperial servus, vocábulo que propiamente designaba o escravo. Como o latín medieval usaba a mesma palabra para designar tamén ao “escravo” , que seguía a existir como realidade, para evitar a confusión de significados, acudíase ou ben a epítetos que os diferenciasen, falándose así de servus glebae (servo da gleba) ou servus casati (servo con casa) , ou ben cuñáronse novas palabras como sclavus (esclavo).

A historia da palabra, pois, mostra que os novos servos xurdiran dos antigos escravos, ora ben, é indubidábel que houbera unha mudanza nas condicións.

Transformación do colonato[editar | editar a fonte]

Como persoas non-libres os novos servos herdaban as condicións dos antigos escravos; como suxeitos de certos dereitos e obrigas estes servos medievais, herdaban certas condicións dos antigos colonos (colonus) romanos. En principio, a palabra latina colonus estaba ligada ao verbo colere “cultivar”, designando un simple cultivador ou campesiño cuxa condición era libre. Servíu para indicar o campesiño que arrendaba terras dun latifundista, polas que aquel debía pagarlle unha renda a este. Era unha especie de parceiro. Max Weber explicaba este sistema como apropiado para os campos de cereais, polos coidados que esixían, que non podían ser cumpridos por medio do traballo de escravos, porque era menos delicado.

Porén, nun determinado momento, os colonos deixaron de ser simples arrendatarios. A súa tarefa era organizada polo capataz do latifundio (villicus) e esixíanselle tarefas para o dono. Os exemplos máis antigos deste tipo de colonos, que debían realizar prestacións persoais, aparecen na provincia romana de África (a Tunicia actual), segundo mostran inscricións referentes a varios dominios imperiais, datadas no século II d.C. Estes dominios comprendían terras que foron concedidas hereditariamente a colonos libres, que debían pagar taxas en proporción as colleitas e, ademais, efectuar servizos de labores para o dominio, e mesmo traballos públicos (como mantemento de vías). Ignóranse as condicións que levaron a organizar deste xeito a explotación deses latifundios estatais, e se era algo ideado "ad hoc" para tales dominios, ou ben se xa existían modelos deste tipo en fincas privadas.

Adscrición á terra[editar | editar a fonte]

Só desde o século IV aparecen rexistrados este tipo de colonos na lexislación imperial; nela mostranse desposuídos do seu dereito a abandonar a terra, do que aínda gozaban no século II, como persoas libres. Agora son xa adscripti glebae “adscritos á terra”.

Parte do proceso de transformación derivouse do sistema de impostos romano. Organizado o imperio nun sistema de municipios, estes debían facer fronte ao pagamento dos mesmos, a través das súas autoridades. As zonas rurais, organizadas en territorios e dominios, son os distritos obrigados a pagar os impostos, pero aquí a autoridade é o mesmo propietario, o dominus, o señor, en suma. Con frecuencia adiantaba ao Estado o pagamento dos tributos, e, polo tanto trataba de recobralos dos seus colonos, obrigándoo a permanecer na terra. De aí que os colonos fosen tamén denominados tributarii (tributarios), nome que aparecerá con frecuencia na documentación medieval. Outra fonte de vencellamento á terra foi o servizo militar. O señor debía responder do recrutamento perante o exército, de xeito análogo a como procedían as cidades.

Escaseza do aprovisionamento de escravos[editar | editar a fonte]

A decadencia económica do Imperio romano nas súas fases tardías, impulsou a fuxida de numerosos cidadáns libres para os dominios rurais ou villae, onde eran acollidos sob o sistema de colonato, o que axudou a súa difusión por todo Occidente, á par que as cidades declinaban. Isto forneceu de man de obra libre ao campo, onde era cada vez máis complicado facerse con escravos. En efecto, a imposibilidade de expansión do Imperio, para conquistar novos territorios – a fase de maior extensión acadárase no século II, co emperador Traxano -, repercutiu negativamente na oferta de escravos, o que puxo en perigo o sistema de traballo escravista, tal e como estaba concibido.

Mudanzas do sistema escravista[editar | editar a fonte]

A necesidade de conseguir renovar o equipamento de escravos, levou a cambiar as condicións de organización servil nos latifundios. Era necesario que os escravos, habitualmente amoreados en cuarteis e carentes de familia, puidesen tela e así reproducirse: os seus fillos, consonte as leis romanas, herdarían a condición de escravos. De modo, que os escravos foron asimilados ao sistema de colonato. Forneceuselles unha vivenda (a casa, que en latín equivalía a “cabana”), autorizóuselles a formación de familias, asignóuselles un lote de terra suficiente (o que os documentos medievais chaman un mansus) e impúxoselles o pago ao dono de censos e servizos. Eran os servi casati, servos acasarados, practicamente indiferenciábeis, na vida decote, dos antigos colonos libres. Os matrimonios entre ambas clases igualarían máis as súas condicións reais.

Os auténticos escravos, á maneira antiga, seguiron a subsistir, case sempre domiciliados nas dependencias adxuntas á vivenda do señor, o centro da “villa”. Durante as continuas guerras na época das invasións xermanas, houbo unha abundante oferta no mercado escravista, renovándose, só en parte, as antigas condicións.

Servidume medieval[editar | editar a fonte]

A servidume debe entenderse, polo menos na Europa occidental da Idade Media, como unha obrigación recíproca. O señor garantía aos servos tutela xurídica e militar. Por tutela xurídica enténdese que o señor debía asegurar axuda legal en caso de preito contra un terceiro. A cambio o servo estaba obrigado a darlle ao señor diversos tributos, en diñeiro, bens ou servizos. Por exemplo, no que hoxe é Alemaña suroccidental, cada ano, en sinal de recoñecemento do status de servidume, debíaselle entregar ao señor unha galiña, e, en caso de morte do cabeza de familia servil, debíaselle dar a mellor peza de gado e, se a que morría era a muller, o mellor vestido. Isto era equivalente do que na Galiza, en recoñecemento de señorío, se chamaba a loitosa ou luctuosa. Os servos da gleba podían estar suxeitos ao “ban”, denominado na Galiza fonsadeira, que comportaba servizos militares: quendas de garda, aloxamento dos guerreiros da hoste do señor, transmisión de mensaxes, etc.

No transcurso dos séculos XV e XVI estas obrigas, e outras, foron transformadas en censos en diñeiro, mais subsistiron zonas europeas até o século XIX, nas que aínda se pagaban esas taxas en produtos ou noutro tipo de prestacións equivalentes. En zonas dos Países Baixos, a servidume desapareceu totalmente ao longo dos séculos XII e XIII.

Os señores podían vender, adquirir ou cambiar os servos; isto só significaba que as prestacións e taxas debían seren pagas a un outro señor, porque polo xeral, o servo ficaba ligado ao seu terreo. Este cambio podía ser relevante para o servo en caso de prohibión de matrimonio. Só o señor podía conceder a autorización para o casamento, e máis conceder ao servo ou serva deixar o terreo para trasladarse ao do cónxuxe. O servo que ousaba abandonar a súa terra, podía ser buscado e reintegrado á forza ao seu terreo. Só o servo que alcanzaba a refuxiarse nunha cidade e atinxía a adquirir a veciñanza nela (o quen en moitos casos se concedía logo de 1 ano de moradía). Podía entón o servo subtraerse á xurisdición do señor, e o que é máis importante, converterse el mesmo nun ser libre. De aí o dito alemán: “Stadt Luft macht frei”: “O aire da cidade fai libre”. Inversamente, como xa se dixo, o servo non podía ser despoxado da súa terra, nen sequer, en dereito, pola forza.

Persistencia da servidume en Europa occidental[editar | editar a fonte]

Aínda que na maior parte do Occidente europeo a tendencia foi liberar o campesiñado, anulando as cargas corporais e transformando os censos en pagos en diñeiro, o certo é que subsistiron, residualmente, en diversas zonas, as prestacións gratuítas de traballos persoais durante a Idade Moderna. Soían consistir en dous ou tres días por semana de labores na reserva señorial, aínda que o normal e que fosen labores esporádicos, ou ben, consonte as necesidades dos dominios, podían ser outros tipos de traballos: acarrexamento de froitos até os depósitos dominicais, labores de pastoreo ou efectuar servizos de mensaxería.

En Francia persistiron as prestacións de traballo, especialmente, na rexión da Borgoña. No noroeste alemán os campesiños soían emprestar 1 ou 2 días de corveas por semana, con a contraprestación por parte do señor do xantar, polo xeral. En España, na Meseta Norte perduran, até o século XVIII, os servizos persoais nas terras de “solariegos”, que denominan sernas ou hacenderas: os vasalos do mosteiro de San Pedro de Cardeña (Burgos) traballaban para el dous días por mes adxuntando as súas bestas propias, carrétandolle a leña e facían prestacións de transporte para a adegas. Casos semellantes obsérvanse na documentación do mosteiro bieito de Sahagún (León). As condición son mais duras en Aragón, onde se citan vassalli servitutis, que poden ser encarcerados e despoxados dos seus ben de xeito arbitrario, prohibición de matrimonio fora do dominio, etc., mostrando o poder dos señores. As medidas tomadas en época do rei Filipe V adozaron esas condicións.

A segunda servidume[editar | editar a fonte]

Campesiños deixando ao seu señor, pintura de Sergei V. Ivanov.

Foi Friedrich Engels quen cuñou o termo “segunda servidume” para referirse á aparición de duras condicións de suxeizón do campesiñado aos señores nos países de Europa central e oriental durante a Idade Moderna, aproximadamente entre os séculos XVI a XIX. O termo foi aceitado pola historiografía posterior.

Xénese e caracteres[editar | editar a fonte]

Durante os séculos anteriores ao XVI, o sistema feudal fora espallándose polos países europeos situados ao Leste do río Elba, adquirindo caracteres semellantes aos que se daban en Occidente, e mesmo propiciando unha maior liberdade do campesiñado nas terras colonizadas por movementos migratorios de alemáns, holandeses, suízos e outros.

Facilidades comerciais[editar | editar a fonte]

Xa antes da época descubrimentos atlánticos íase efectuando o desprazamento do eixe comercial europeo desde o mar Mediterráneo cara o Océano Atlántico, á par que se producía un desenvolvemento artesanal e comercial na fachada oceánica. Todo isto provocou unha maior demanda de cereais e outros produtos, p.ex. a madeira, nos países costeiros, especialmente nos Países Baixos e Inglaterra, e logo noutros, como consecuencia do desenvolvemento económico.

As boas condicións para unha exportación permanente de cereais –en especial trigo-, arrastrou aos señores centro-orientais a transformar os seus dominios en explotacións baseadas na redución do campesiñado a unha dura servidume, baseada sobre todo na esixencia de prestacións persoais de traballo, as corveas (checo robotni, ruso barshchina, alemán Leibeigenschäfte, Robath), obtendo deste xeito a forza de traballo que precisaban de aldeáns que pasaron a ser auténticos servos (alemán Knetch, Leibeigende; polaco poddany; ruso rab; en Hungría, en documentos expedidos aínda en latín, homo de corpore).

Influencia das guerras[editar | editar a fonte]

Aínda que a venda de cereais foi o motor da transformación, outros factores facilitaron, por parte dos señores, a ampliación dos seus dominios. As guerras facilitaron a apropiación de terras comunais e das tenzas de propiedade campesiña abandonadas. Os historiadores citan a Guerra dos campesiños (1524-1525) para Alemaña, a Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) sobre todo en Alemaña e Bohemia, e outras como a Guerra do Norte ou a Guerra dos Quince Anos. A mesma escaseza de man de obra, provocada polos conflitos bélicos, abocou aos señores a forzar o traballo do campesiñado nas súas reservas. A debilidade das cidades orientais e, parellamente, da correspondente burguesía, incapaz de oporse debidamente á nobreza, é sinalada como outra das causas que achairou o camiño dos señores.

As obrigacións[editar | editar a fonte]

De maneira que os señores, en diversas escalas, aumentaron a extensión das súas propiedades, someteron ao campesiñado a prestacións de traballo onerosas, ao seu arbitrio, que chegaron atinxir até 5 ou 6 días por semana, ampliándoo mesmo aos membros da súa familia e máis as bestas propias. A tenza servil fica reducida ao mínimo indispensábel para o mantemento da familia e do gando que precisaba para as corveas. O labrego non pode abandonar as súas terras, nin tampouco casar sen o seu permiso. Ademais o campesiño estaba suxeito ao pagamento de censos en especie, e estaba obrigado, polo dereito de monopolio señorial (banalité), a comprar determinadas producións ou bens señoriais: vodka e outras bebidas alcohólica (obriga dita propinacja en polaco), carne, moíños e lagares, barcas, pontes, etc. Os castigos por incumprimento de todos eses deberes podía conlevar o uso da violencia física: apaleamento e lategazos, rollo, encarceramento, etc., o que suxeriu a Mikhail Bakunin a denominación de “imperio knuto-xermánico” para cualificar o imperio tsarista (o ruso knut e o alemán Knute significan “látigo”). O servo podía até ser alugado en beneficio do señor, e, en fin, mesmo vendido.

Extensión xeográfica[editar | editar a fonte]

Con diferencias, pero con riscos comúns, e con cronoloxía distinta, a segunda servidume aparece na Alemaña oriental (Schleswig, Prusia, Brandeburgo, Pomerania, etc.), e as actuais Dinamarca, Polonia, Lituania, partes da Alta Austria, Chequia, , Rusia, os principados de Moldavia e Valaquia, e a Hungría do XVI – XVII, que tiña a súa capital en Presburg (hoxe Bratislava) e comprendía Eslovaquia, Hungría occidental, Croacia setentrional e o Burgerland, a provincia máis suroccidental da actual Austria. Con diferentes datas, a segunda servidume foi abolida nos diversos países. O bloqueo continental de Napoleón contra Gran Bretaña, en 1806, afectou o mercado de exportación cerealístico. Os ulteriores desenvolvementos do mercado mundial, que facilitaron a importación dos mesmos cereais desde países de ultramar, socavaron os beneficios dos latifundios europeo-centrorientais, que se viron obrigados a facer fronte á concorrencia, facilitando o traballo libre e tentando introducir técnicas modernas.

A servidume na Alemaña oriental[editar | editar a fonte]

Carente de unidade política -ata que se foi impondo e estendendo o reino de Prusia- en diversos territorios como Mecklemburgo, Pomerania, Brandeburgo ou a mesma Prusia, foise espallando, desde o século XVI, un sistema de explotación directa dos dominios señoriais (Gutswirtschaft) en beneficio de señores medianos ou junkers, que foron aumentando, até o século XVIII, o tamaño dos seus latifundios. Os efectos da Guerra dos Trinta Anos, foran especialmente duros en zonas como Pomerania, Brandeburgo ou Silesia, nos que se calcula que a poboación diminuíu entre un terzo e dous terzos. A subseguinte falla de man de obra e a proximidade dos portos bálticos, incitou os junkers a fixar o campesiñado á terra, obrigándoo a servir como domésticos, a emprestárenlles traballos gratuítos e a adscribilos á terra, o que na práctica facía dos labregos auténticos servos (Leibeigene). As prestacións máis comúns desenrolábanse na época das faenas estacionais (labrado, sementado, recolleita, carretaxe), aínda que se podían marcar por días semanais, como en Mecklemburgo, onde en 1600 ascendían a tres días semanais. No XVIII a metade das granxas campesiñas estaban sometidas a corveas. Isto non impedía a petición de pagos censuais variábeis, e ademais os impostos correspondentes ao Estado. Unha catástrofe, como a peste de 1712-1713, deixou desertas unhas 11.000 granxas prusianas. Como resultado efectuárase unha forte concentración da propiedade: a fins do XVIII, na zona máis oriental de Prusia, había 2.498 propietarios con predios de máis de 1.000 Ha, o que facía un total de 4.648.254 Ha.

Desde 1718, a monarquía prusiana aboliu a servidume nos dominios reais, pasando o campesiñado á condición de arrendatario. Entre 1807 e 1848, a servidume foi abolida, pero non sen compensación aos junkers, que conservaron e aínda arredondaron as súas propiedades ao longo do XIX.

A servidume en Dinamarca[editar | editar a fonte]

O factor principal de concentración de terras neste país debeuse á reforma protestante, que despoxou á Igrexa católica das súa posesións. A Coroa converteuse no principal propietario, detendo a metade da terra, mais cedeu unha boa parte á nobreza en agradecemento polo apoio que lle emprestara. O rei Federico II favoreceu a creación de latifundios de explotación directa na zona continental do país. No reinado de Cristián IV (1588-1648) avanzou a expansión dos latifundios, por todo o país, con campesiños sometidos a corveas, as veces de dous ou tres días por semana. A concorrencia doutros países exportadores de trigo do Báltico, conduciu a unha suxeición maior aínda dos servos que ficaron adscritos á terra (stavsband) entre os 14 e 47 anos.

A servidume en Austria[editar | editar a fonte]

A prestación persoal do traballo (Leibeigenschaft, robot) avanzou sobre todo na Alta Austria, provocando a revolta campesiña de 1525. Porén iso non a freou. En 1572, un decreto imperial obrigaba os fillos dos campesiños a servir como domésticos nas residencias señoriais. A fins de século, en 1597, outro decreto limitou as prestacións a catorce días por ano. A servidume foi abolida, como no resto do Imperio, en 1848.

A servidume en Polonia[editar | editar a fonte]

Desde a segunda metade do século XVI obsérvase o acrecentamento do papel da reserva señorial na creación das rendas señoriais, estimado no 48,1 %, sendo o resto fornecido polas cargas censuais soportadas polo campesiñado. A Coroa, a nobreza e a Igrexa, eran os propietarios dos grandes latifundios. A anexión da Volinia e outras zonas de Ucraína, logo da Unión de Lublín (1569), levou á formación dos maiores dominios de Europa. Porén a produción non aumentou, até a primeira metade do século XVIII, como efecto da Guerra do Norte, e as devastacións producidas, que posibilitaron novas ampliacións das reservas. Na segunda metade do mesmo século, asístese, a novos decrecementos produtivos. Esa tendencia xeral achácase, en boa parte, á diminución da cabana gandeira, que limitaba os rendementos (menor forza de traballo, fertilizante, etc.).

A servidume en Chequia[editar | editar a fonte]

Tanto en Bohemia como en Moravia, a esixencia de corveas e a ampliación de dominios señoriais comezaron a aumentar, pero advírtese unha intensificación do proceso a partir da derrota da insurrección checa, en 1620, na batalla da Montaña Branca. Ao longo do XVII, diminución da poboación checa avalíase nun 30 %, mentres que o abandono de propiedades campesiña debeu afectar a ¼ das mesmas. Estas condicións impeleron aos señores a redondear as súas reservas e a someter aos aldeáns a rendas de traballo (robotni), situación que se prolongou até o século XVIII. Porén, a resistencia dos campesiños, levou a que o Estado intervise. Unha ordenanza de 1680] limitou a duración das corveas a tres días semanais; renovouse en 1717] e fixou o máximo da xornada en 10 horas. Como os abusos proseguiron outra ordenanza en 1738, suprimiu os monopolios señoriais e propuxo unha redución das corveas.

As reformas tendentes a aliviar a servidume, comezaron con a raíña María Teresa e foron proseguidas polo o seu sucesor, Xosé II. Leis de 1781 e de 1789, tentaron suprimir a servidume e suavizar as corveas, mais foron deixadas en suspenso con posterioridade. Só os movementos revolucionarios de 1848 crearían a situación que acabou definitivamente con a segunda servidume nos países austro-húngaros.

A servidume en Hungría[editar | editar a fonte]

A introdución da segunda servidume no país maxiar, foi máis tardía e, non estivo directamente vencellada á produción de cereais para o mercado exterior. Estivo unida a un novo reparto do poder durante os séculos XVI e XVII, que levou á preeminencia da nobreza húngara sobre o resto dos estamentos e ao seu dominio sobre a Dieta nacional. Unha lei de 1608 facilita a suxeición dos campesiños á terra. Diversas leis da primeira metade do XVII eximen á nobreza do pago de taxas alfandegarias. Os dominios oriéntanse para o mercado interno do mesmo Imperio habsburgués, máis a través sobre todo do viño e o gado maior (cabalos, bois). A Guerra dos Quince Anos (1592-1606), incursións tártaras e ataques dos turcos, provocaron o abandono de explotacións labregas, fenómeno que foi aproveitado polos señores para ampliar os seus latifundios. A diminución conseguinte da forza laboral levou a intensificar a prestacións de traballos, chegándose a extremos de unha semana para o señor e outra para a explotación labrega, alternativamente. As resistencias diversas eran vencidas con uso de violencia física se fora necesario. A abolición da servidume tería lugar, como no resto do Imperio, en 1848.

A servidume en Rusia[editar | editar a fonte]

En Rusia a servidume comezou a afirmarse en 1601, cando o tsar Boris Godunov limitou a liberdade de movementos dos campesiños. En 1606, Ivan Issajevitsch Bolotnikov dirixiu unha forte revolta campesiña contra a servidume. Mais só con Pedro o Grande , en 1723, foi promulgada unha normativa legal sobre a servidume, a cal, como soía acontecer con a lexislación de Pedro o Grande, estaba baseada fundamentalmente sobre modelos occidentais. A situación dos campesiños rusos agravouse no reinado de Catalina II, a fins do século XVIII, cando a servidume se estendeu até a Ucraína, onde os campesiños aínda eran libres. Un ukaze (decreto) de 1682 permitía a venda de campesiños sen terra. Nesa altura os servos constituían máis da metade da poboación rural total, dos cales un 50 % eran de propiedade privada (señores laicos ou eclesiásticos) e o outro 50 % pertencían ao Estado. Os maiores índices de poboación sometida á servidume correspondía ás grandes chairas de terras negras (chernoziom): rexión media do Volga, Ucraína occidental e Bielorrusia occidental . A servidume foi abolida finalmente o 19 de decembro de 1861, polo tsar Alexandre II, preto de 50 anos máis tarde, que en Europa occidental, pero só unha ducia de anos despois que en Europa central, onde fora abolida con ocasión das revolución de 1848. A derrota rusa na Guerra de Crimea, levou á intelligentsia que dirixía o país, a resolver que se desexaban poder enfrontarse aos países occidentais con garantías de éito, era necesario modernizarse, para o cal era inevitábel reformar o campo, abolindo a servidume. Mais esa abolición rusa non significou maior liberdade para os campesiños: perderon a tutelaxe xurídica dos amos e, ademais, a lei obrigounos a que pagasen unha compensación económica aos seus antigos señores. Esa compensación era adiantada polo Estado nun 80 % do seu valor, pondo o resto o ex-servo, e concedéndolles 49 anos para reintegrar o rescate estatal. A revolución de 1905 levou á que o goberno tsarista de Nicolao II decidise perdoar a débeda campesiña.

A servidume no Baixo Danubio[editar | editar a fonte]

Nos principados de Moldavia e Valaquia a segunda servidume foi tardía con relación ao resto da Europa oriental. Dominados polo Imperio Otomán, até a segunda metade do século XVIII predominaron aquí condicións semellantes ás da primeira servidume , que, logo de diversas reformas, deixaron ao campesiñado en situación dunha case liberdade. Sen embargo non houbo apenas transferencias e terras, de xeito que continuaron sometidos aos boiardos, pagando censos e rendéndolles corveas, que se limitaran a doce días anuais.

O tratado de Kutchuk-Kainaryl (1774) e máis tarde o de Adrianápole (1829), liberaron o Danubio e levantaron o monopolio comercial turco, o que permitiu o acceso destas rexións ao mercado mundial. A partir dese momento, a segunda servidume implantouse nos países do Baixo Danubio, con características análogas ás doutros países orientais. En apenas catro anos, a produción de trigo aumentou un 100 %. Diversas ordenacións legais, coñecidos como os Regulamentos orgánicos, subministraron o equipamento xurídico que facilitou a nova servidume do campesiñado e posibilitaba aos boiardos o auxilio da forza pública para facelos cumprir.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boutruche, Robert, Señorío y feudalismo: los vínculos de dependencia. Siglo XXI Ed. Buenos Aires. 1976, 2ª ed.
  • García Martín, Pedro, El mundo rural en la Europa Moderna. Historia 16. Madrid. 1989 – ISBN 84-7679-130-5
  • Kellenbenz, Hermann, El desarrollo económico de la Europa continental.:1500-1750. Siglo XXI Edit. Madrid. 1977 – ISBN 84-323-0288-0
  • VV.AA., La transición del esclavismo al feudalismo. Akal Edit. Madrid, 1975 – ISBN 84-7339-096-2
  • VV.AA., La segunda servidumbre en Europa central y oriental. Akal Edit. Madrid. 1980 – ISBN 84-7339-513-1

Outros artigos[editar | editar a fonte]