Robert Grosseteste
Robert Grosseteste (ca. 1175 - 1253) foi un home de estado, filósofo, teólogo e bispo de Lincoln. Nado en Stradbroke, (Suffolk, Inglaterra), de pais de orixe humilde e membro da orde franciscana, foi un erudito en case todos os ámbitos do saber da súa época.
Trátase dun importante representante da historia do pensamento medieval e dun gran precursor da filosofía e a ciencia modernas, en particular pola súa influencia sobre Bacon, Ockham e Duns Scoto, e pola súa intención de introducir o pensamento aristotélico na universidade de Oxford. Probabelmente foi o primeiro chanceler desta universidade.
Recuperou para o método científico a idea grega de explicación. A súa concepción da ciencia implicaba observacións e experimentos. A posibilidade de aplicar a matemática á ciencia física sería desenvolvida, no século XIV, por un grupo de discípulos seus, vinculados ao Merton College, coñecidos como os Calculatores, que desenvolveron unha matemática do movemento.
O seu sobrenome provén do latín indicando Grossum caput (Cabeza grande), seguramente para referirse á súa gran capacidade de estudo e gran memoria.
A súa liña de pensamento propoñía retomar o pensamento de Santo Agostiño, procurando volver sobre a tradición escolástica tal como se formulou na súa orixe.
Obra
[editar | editar a fonte]Traballou en innumerábeis obras desde os anos 1220 até 1235, e escribiu varios tratados científicos, entre os que están:
- De sphera. Considérase unha achega importante á astronomía.
- De accessione et recessione maris. Sobre os movementos das ondas e as mareas.
- De lineis, angulis et figuris. Razoamento xeométrico en ciencias naturais.
- De iride. Tratado sobre o arco da vella.
Menciónase habitualmente como un dos maiores comentadores da obra de Aristóteles.
O renacemento da cultura anglosaxoa en Oxford
[editar | editar a fonte]A cultura cristián e clásica conservárase en Inglaterra mentres se perdera practicamente no continente. Renace co Imperio carolinxio, grazas precisamente ao labor de Alcuino de York, (século VIII), que desde Inglaterra fundou bibliotecas a partir dos libros procedentes da illa e estableceu diversas escolas de ensinanza do trivium e o quadrivium. Continúa o seu labor, no século IX, Xoán Escoto Eríxena.
O movemento cisterciense e a recuperación dos escritos clásicos, sobre todo os de Aristóteles, xunto coas achegas científicas dos árabes, a partir do século XI, renovan en Inglaterra o espírito da Escola de Chartres,[1] especialmente con Xoán de Salisbury.
Pouco a pouco diferénciase Inglaterra da cultura francesa simbolizada na universidade de París, onde permanece máis o espírito dialéctico introducido por Pedro Abelardo e a preocupación por unha filosofía entendida como "ancilla Theologiae".[2]
Deste modo, concretamente en Oxford, rexorde o espírito platónico-agostiñano; estúdanse linguas, sobre todo o árabe, e cultívase o coñecemento da ciencia natural, da man do aristotelismo e os árabes, sendo de especial interese o estudo da matemática, menosprezada polos teólogos de París. Foi de especial relevancia o espírito da orde franciscana fronte ao espírito da orde dominica, que prevalece no continente.[3]
Cosmoloxía da luz
[editar | editar a fonte]Grosseteste coñeceu os tratados de óptica árabes, e baixo a influencia do neoplatonismo, considerou a luz como a materia orixinal creada por Deus do nada e a partir da cal se substancia o universo enteiro.
Seguindo Grosseteste, a luz é unha substancia corpórea, pero enormemente próxima ao incorpóreo, sendo a súa principal propiedade xérase a si mesma perpetuamente; xerada nun punto, expándese en forma esférica en todas as direccións, de modo instantáneo. Na súa expansión vai enrarecéndose até chegar a un límite (pois a materia non pode ser infinita).
Por estenderse nas tres dimensións do espazo, a luz xera a corporeidade. Na súa difusión estende consigo a materia da que é inseparábel. Deste xeito a luz é a primeira forma creada por Deus na materia prima á que vai unida e constitúe así o principio do universo que contemplamos.
O límite máximo de propagación da luz constitúe o firmamento, que reflicte á súa vez a luz cara ao centro do mundo. Ao reflectirse a luz xera as nove esferas celestes, sendo a máis inferior a da Lúa. Por encima desta esfera non hai movemento, mentres que por debaixo gradúanse e mestúranse os catro compoñentes: lume, aire, auga e terra.
Coñecemento da ciencia da natureza
[editar | editar a fonte]Máis que por descubrimentos especiais, a importancia de Grosseteste provén de introducir e destacar a importancia das matemáticas no coñecemento científico da natureza física.
utilitas considerationis linearum, angulorum et figurarum est maxima, quoniam impossibile est sciri naturalem philosophiam sine illis: valent in toto universo et partibus eius absoluteRobert Grosseteste [4]
(É moi importante a utilidade de considerar o estudo das liñas, dos ángulos e das figuras, porque é imposíbel coñecer a filosofía natural [5] sen elas: valen absolutamente para todo o universo e as súas partes)
Pois as accións naturais propáganse segundo as leis da reflexión e da refracción. Por iso hai que coñecer a fondo as figuras fundamentais: a esfera, porque é o modo de propagación da luz; e a pirámide, porque é o modo máis poderoso no que un axente pode exercer nunha superficie partindo dun punto. Todo pode explicarse mediante os principios da óptica e da xeometría.
Tales principios son a base de inspiración para o seu discípulo Roger Bacon.
O coñecemento
[editar | editar a fonte]O home ocupa o centro do mundo, o mesmo que Deus é o centro da creación. A alma, por tanto, obra tamén en función da luz mediante o corpo e os sentidos. A alma obra sobre o corpo, pero non viceversa, tal como pensa San Agostiño. Por iso o entendemento é unha facultade da alma, non do corpo, e non necesita elemento corporal ningún para obrar e coñecer. Contemplando as cousas materiais pode ir abstraendo as formas da natureza, segundo o modo platónico, liberándose pouco a pouco do peso material do corpo; pero só as almas elixidas, liberadas polo amor de Deus poden, nesta vida, chegar á contemplación das ideas.
Como non podía ser doutro modo, a teoría da iluminación de Santo Agostiño constitúe a base da súa teoría do coñecemento.
O seu espírito científico é un claro antecedente da idea galileana acerca de que o universo está escrito en linguaxe matemática.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Renovación do espírito platónico-agostiñano e a incorporación de Aristóteles no seu interese pola ciencia á marxe da teoloxía
- ↑ E. Gilson, La filosofía en la Edad Media, Madrid, Gredos, 1965. páx. 438
- ↑ Inicio dunha corrente de pensamento que valora a experiencia como fonte de coñecemento, valora o individual e a matemática, sendo o xerme do que suporía a diferente traxectoria entre Inglaterra e o continente no século XVII e a súa importancia no nacemento da ciencia moderna: Roger Bacon, Duns Scoto e o Merton College de Oxford, con Tomás Bradwardine, Guillerme de Heytesbury, Ricardo Swineshead, sendo a culminación desta corrente de pensamento Guillerme de Ockham e o nominalismo como corrente critica da especulación escolástica.
- ↑ Citado por E. Gilson, La filosofía en la Edad Media, Madrid, Gredos. 1965. páx. 440.
- ↑ Nome que recibían as ciencias naturais na época.
- ↑ Hirschberger, J. S.J. (1968): Historia de la Filosofía. Barcelona: Herder, 2 vols., páx. 364
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Crombie, A. C. (1953): Robert Grosseteste and the Origins of Experimental Science, 1100-1700. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-824189-5
- Ferrater Mora, J. (1984): Diccionario de Filosofía. Madrid: Alianza Editorial. (4 vols.) ISBN 84-206-5204–0
- Gilson, E. (1965): La filosofía en la Edad Media. Madrid: Gredos.
- Grosseteste, R. (1972): Suma de los ocho libros de la física de Aristóteles (Summa Physicorum). Buenos Aires: Eudeba. Esta edición inclúe o texto latino, un estudo crítico, algúns datos biográficos sobre o autor e varias notas de J. E. Bolzán e C. Lértora Mendoza.
- Hirschberger, J. S.J. (1968): Historia de la Filosofía. Barcelona: Herder. (2 vols.)
- Honderich, T. (ed.) (2001): Enciclopedia Oxford de Filosofía. Madrid: Tecnos. ISBN 84-309-3699-8
- Lértora Mendoza, Celina Ana (2003): Roberto Grosseteste: metafísica: siglo XIII. Editorial Del Rey. ISBN 950-9614-08-4
- Lopéz Cuétara, José Miguel (2005): El aristotelismo en el pensamiento de Robert Grosseteste. Verdad y vida.