Duns Scoto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Duns Scoto
John Duns Scotus.jpg
Nome completoJohn Duns
AlcumeDoctor Subtilis
Nacemento1265
 Duns
Falecemento8 de novembro de 1308
 Colonia, Alemaña
SoterradoChurch of the Immaculate Conception of the Blessed Virgin Mary in Cologne
NacionalidadeReino de Escocia
Relixióncatolicismo
Educado enMerton College
Ocupaciónfilósofo, teólogo, catedrático de universidade, escritor, clérigo e padre
editar datos en Wikidata ]

Johannes Duns Scotus, nado na aldea de Duns en 1266 e finado en Colonia o 8 de novembro 1308, foi un teólogo escocés. Formouse e traballou en Oxford e París. Pola finura e a profundidade da súa doutrina, era chamado polos seus contemporáneos Doctor Subtilis.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi alumno do colexio franciscano de Haddington, e estudou teoloxía en Nothampton, onde foi ordenado sacerdote en 1291. Enviárono a París entre os anos 1291 e 1296, e despois volveu a Inglaterra, á universidade de Cambridge. De Cambridge pasou a Oxford (1300-1302) e de aquí a París (1302-1303). A causa das crecentes tensións entre o emperador e o papa, Scoto foi chamado ao estudo franciscano de Colonia. Alí, despois dun ano de docencia, faleceu en 1308.

Escritos[editar | editar a fonte]

Para captar o diferente nivel teórico dos seus escritos, é preciso distinguir dous grupos: o primeiro, da súa época xuvenil, está constituído por Comentarios a obras de filósofos antigos, en particular de Aristóteles e de Porfirio, e o segundo grupo, correspondente ao seu período de madurez, representado polos Comentarios ás Sentencias de Pedro Lombardo. A pesar da similitude de xénero literario -son sempre comentarios-, a diferenza de contidos e de valor entre os dous grupos é notable, como suxiren incluso os títulos cos que foron designadas ditas obras: Reportata parisiensia, Lecturae cantabrigenses, Ordinatio. Reportario indica un tipo de escrito redactado coa aprobación do mestre -neste caso, Scoto- polos seus propios discípulos, que deixaban constancia de todo o que o mestre lles ía ensinando. A Ordinato, que antes recibía o nome de Opus Oxoniense, foi ditada de forma persoal polo propio Scoto. Trátase da súa principal obra. Por último a Lectura consiste nos apuntes do mestre, redactados como esquema para a ensinanza cotiá. Xunto a estes escritos convén recordar un opúsculo denso e conciso, o De Primo Principio, que foi definido como "a máis grande das obras breves de Duns Scoto" (E. Roche).

Pensamento[editar | editar a fonte]

Distinción entre filosofía e teoloxía[editar | editar a fonte]

Scoto propón unha distinción nítida entre filosofía e teoloxía. A filosofía posúe unha metodoloxía que non é asimilable á metodoloxía da teoloxía. Para Scoto é de gran importancia precisar as esferas respectivas e os criterios específicos destes dous termos.

A filosofía ocúpase do ente en canto a ente e de todo o que poida reducirse a el ou deducirse del. A teoloxía, en cambio, trata dos obxectos de fe. A filosofía segue un procedemento demostrativo, mentres que a teoloxía adopta o procedemento persuasivo; a filosofía restrínxese á lóxica do natural, mentres que a teoloxía se move dentro da lóxica do sobrenatural. A filosofía ocúpase do xeral ou universal e a teoloxía afonda e sistematiza todo aquilo que Deus se dignou a revelarnos a cerca da súa natureza persoal e do noso destino. A filosofía é esencialmente especulativa, porque se propón coñecer por coñecer, mentres que a teoloxía é tendencialmente práctica, porque deixa de lado certas verdades, co obxectivo de inducirnos a actuar máis correctamente.

O principio de individuación[editar | editar a fonte]

Scoto reafirma a primacía do individual, negando que exista en si mesma ou en Deus a natureza ou esencia da que os individuos serían participacións. Interpretar o singular como unha participación do universal é conceder demasiado á concepción pagá que despreza a un e exalta ao outro, sen tomar seriamente en consideración o acto creador de Deus e a súa providencia. Deus, sinala Scoto, non nos propuxo un esquema ideal ao que facer referencia na existencia cotiá, a excepción de Cristo, xa que nos creou á súa imaxe e cuxa perfección nos empuxa a imitar. Deus coñece a todos e cada un, confiando a todos un lugar específico na economía xeral da salvación persoal.

A teoría do principio de individuación oculta un claro resto de platonismo, e non é máis que un seudo-problema. Trátase dun problema falso, que está presente tano en Aristóteles como en Avicena e Averroes, moi influídos polo platonismo, porque supón que a verdade máis profunda é a do universal e que a continuación hai que preguntarse como o universal se converte en particular.

Se o problema é falso, as respostas tamén o son, con maior motivo. Para Scoto, nin a materia -esencialmente indeterminada- nin a forma -indiferente á individualidade e á universalidade-, ao ser común por natureza a todos os entes da mesma especie -e, polo conseguinte, tampouco o composto de ambos, pode ser causa das características e das diferenzas individuais. A realidade última, segundo Scoto, explica a individualidade, é dicir, a súa perfección, grazas á cal unha realidade haec est, é esta e non outra. De aquí procede o término haecceitas, que manifestan aquela formalidade ou perfección pola cal todo ente é aquilo que é e se distingue de todos os demais.

Neste contexto hai que situar a exaltación da persoa humana. En efecto, neste acto a individualización -definida como rexeitamento da división- é personalizada ou subxectiva, en polémica co averroísmo, cuxa teoría do intelecto único atacaba o seu trazo máis peculiar. Cualificada de maneira suxerente como ultima solitudo, a persoa é ab alio, pode ser cum alio, pero non in alio. Pode comunicar, condicionar e ser condicionado, pero non perder o seu ser en si. O ente persoal é un universal concreto, porque na súa unicidade non forma parte dun todo, senón que é un todo no todo: imperium in imperio. Particular e universal coinciden no concepto, determinado en grao sumo, de persoa. O home, cada home, non é unha determinación do universal na medida en que é unha realidade singular no tempo e irrepetible na historia, é de feito supremo e orixinario, porque está destinado, grazas á mediación de Cristo, ao diálogo co Deus da escritura.

Obras[editar | editar a fonte]

"Quaestiones" Ioannis Scoti.
  • Parva logicalia:
    • Quaestiones super Porphyrii Isagogem
    • Quaestiones in librum Praedicamentorum
    • Quaestiones in I et II librum Perihermeneias
    • Octo quaestiones in duos libros Perihermeneias
    • Quaestiones in libros Elenchorum
  • Lectura
  • Quaestiones super libros De anima
  • Quaestiones super libros Metaphysicorum Aristotelis
  • Expositio super libros Metaphysicorum Aristotelis
  • Ordinatio
  • Collationes oxonienses et parisienses
  • Reportatio parisiensis
  • Quaestiones Quodlibetales
  • De primo principio
  • Theoremata

Duns Scoto no cine[editar | editar a fonte]

A vida de Duns Scoto foi levada ao cine no film Duns Scoto, do cineasta Fernando Muraca.[1][2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Reale, Giovanni (1995). Herder, ed. Historia del pensamiento filosófico e científico. Coautor: Darío Antiseri. Barcelona. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]