Mente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Nicolas P. Rougier's rendering of the human brain.png

A mente é o nome máis común do fenómeno emerxente que é responsábel do entendemento, a capacidade de crear pensamentos, o raciocinio, a percepción, a emoción, a memoria, a imaxinación e a vontade, e outras habilidades cognitivas.

A mente ten dous tipos de procesos, os conscientes e os inconscientes. Tamén abrangue funcións non intelectuais, é dicir, funcións afectivas. A mente é un resultado da actividade do cerebro, por poder localizar a actividade pensante do individuo en rexións concretas, tales como o hipocampo.

Os neurólogos confirman que, ao interaccionar as diferentes rexións, o individuo pode manifestar estados polarizados da súa personalidade. Grazas a estes descubrimentos puido avanzarse en psicofarmacoloxía, por exemplo nos denominados antidepresivos, con resultados moi alentadores.

Como obxecto de estudo, a mente foi tratada pola psicoloxía dende os seus inicios, e a súa conceptualización está presente en case todas as teorías psicolóxicas, a excepción practicamente só do condutismo.

Xeneralidades[editar | editar a fonte]

En psicoloxía é común distinguir entre mente e cerebro, aínda que a mente emerxe do cerebro. Porén, está máis vinculada á disciplina chamada filosofía da mente. Algúns científicos e filósofos sostiveron que o cerebro é condición necesaria, pero non suficiente, para que a mente realice as súas funcións. Por exemplo, Eccles, neurólogo e premio Nobel de Medicina, ou Popper, filósofo da ciencia. Se ben con posturas diferentes, ningún dos dous identifica o pensamiento coa actividade cerebral[1].

Desde unha posición materialista, a mente é materia que se analiza a si mesma (retroalimentación de sistemas materiais). É dicir, na súa evolución, a materia pasou de estados caóticos a estados organizados inorgánicos, logo a estados orgánicos, e finalmente consigue analizar estados actuais para lograr estados sucesivos. A materia organizaríase en sistemas autorregulados. Uns exemplos poderían ser o materialismo dialéctico ou tamén o materialismo redutivo propio das ciencias denominadas duras, como a física e a química.

Hai que salientar que non é o mesmo referirse á mente como o comportamento da materia, ou referirse á mente como algo paralelo e distinto á materia, mais con existencia propia e estatuto ontolóxico. O exemplo máis coñecido é a dualidade establecida por René Descartes dunha mente distinta ao corpo pero unida a el: penso, logo existo. Estas diferenzas non son menores posto que abren discusións tales como: todos os animais teñen mente ou só os animais humanos a teñen?

Desde as neurociencias a mente pode considerarse unha experiencia subxectiva creada pola actividade cerebral coa finalidade de producir un punto de referencia para o movemento[2]. Sendo así, a mente pode considerarse unha función máis do cerebro encargada de organizar a conduta cara obxectivos determinados e que produce unha experiencia subxectiva coñecida como "eu" arredor da cal se organiza o movemento (conduta). A función mental sería unha propiedade emerxente do cerebro como a función dixestiva o é do aparato dixestivo.

Para Howard Gardner a mente consiste nun conxunto de mecanismos de computación específicos e independentes. A intelixencia emerxe da supraestrutura conformada polas estruturas mentais[3]. As estruturas mentais serían accións cumpridas, ou en potencia exteriorizadas en movemento, ou interiorizadas en pensamento. Para Piaget a estrutura elemental do coñecemento é o esquema. Diferenciaba as operacións concretas das formais[4], o que permitiría diferenciar tres compoñentes da mente:

  • A mente concreta, que realiza os procesos básicos do pensamento, base da análise-síntese: observación, comparación, relación, clasificación.
  • A mente práctica, a cal realiza procesos directivos e executivos de pensamento, relaciona as causas cos efectos, e os medios cos fins. É a base da intelixencia e os metacompoñentes da mesma, tal e como os denomina Robert Sternberg na súa teoría triárquica da intelixencia.
  • A mente abstracta, que realiza procesos de reflexión consciente, accede ás súas propias representacións e modifícaas. A razón é a facultade superior de coñecemento, xa que fai abstracción de todo o seu contido. Así o propuña Kant na súa Crítica da razón pura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Popper, Karl Raimund; Eccles, John C. (1985). El yo y su cerebro (en castelán). Labor. ISBN 978-84-335-1712-8. 
  2. Rodolfo Llinás (2003). El cerebro y el mito del yo, el papel de las neuronas en el pensamiento y el comportamiento humanos (en castelán). Norma. ISBN 9580467986. 
  3. Howard Gardner (2016). Estructuras de la mente: la teoría de las inteligencias múltiples (en castelán). Ciudad de México: Fondo de Cultura económica. ISBN 978-607-16-3457-3. 
  4. Jean Piaget (1994). Seis estudios de psicología (en castelán). Labor. ISBN 9788433535023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]