Xunta do Reino de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Xunta, Xunta Xeral, Xuntas ou Cortes do Reino de Galicia[1] foi a representación do reino de Galicia[2] desde o ano 1528 –cando a asemblea xeral de poderes do Reino uniuse para constituír as irmandades[3]-- ata 1834, cando o Reino de Galicia e a súa Xunta Xeral foi oficialmente desmantelado por Real Decreto. A Xunta do Reino de Galicia declarouse a si mesma como a autoridade suprema do Reino desde o 18 de xuño de 1808, durante a Guerra de Independencia española e debido á abdicación do Rei, e ata que Galicia foi conquistada polas tropas de Napoleón en 1809.[4]

Historia e características[editar | editar a fonte]

Dende 1528 os procuradores das cidades (normalmente membros da fidalguía) deciden reunirse unha vez ao ano, durante quince días do mes de marzo (isto non sempre se vai a cumprir) formandose a Xunta do Reino de Galicia. Os precedentes das xuntas están nas reunións de procuradores da Irmandade que se viñan celebrando dende 1480. [5]

Era un organismo colectivo formado polos deputados que se reunían para tratar asuntos referidos ó conxunto do reino de Galicia. A súa orixe non está clara e hoxe acéptase unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas á repartición de tributos e levas militares. Un dos aspectos máis interesantes en relación coa actuación da Xunta foi o tema do voto en Cortes.

Galicia perdera a posibilidade de ter voto nas Cortes da Coroa de Castela, e era a cidade de Zamora a que falaba por ela dende mediados do século XV. Non se sabe con certeza como perdeu este dereito que tiña Galicia. En 1623 grazas ás boas xestións dos diplomáticos galegos Lemos e Gondomar (e o pago de 100.000 ducados) Galicia recupera o voto en Cortes. Este esforzo valeu de pouco xa que é unha época na que as Cortes teñen un papel escaso ou nulo.

A pesar da positiva valoración que da actuación da Xunta do Reino fixeron historiadores como Manuel Murguía, non foi unha institución realmente representativa do conxunto do reino, nin polos asuntos nos que entende e traballa nin polos intereses que defende. Actuou como un órgano intermedio, consultivo, de equilibrio entre as autonomías locais e os desexos rexios ós que case nunca se opuxo. Mantivo unha actitude pouco reivindicativa[Cómpre referencia] e isto estaba causado[Cómpre referencia] pola composición social da Xunta na que predominaban individuos pertencentes á pequena nobreza provincial e ás oligarquías urbanas, é dicir, por elementos da fidalguía intermediaria. A reforma liberal de 1833 acaba coa Xunta do Reino e tamén co Reino de Galicia, e fai aparecer as catro provincias que se manteñen até o presente.

A historia da Xunta do Reino pode seguirse pola narracións dos seus cronistas oficiais (institucionalizado na actualidade co Cronista Xeral de Galicia), como Felipe de la Gándara no século XVII, así como de historiadores posteriores como Antonio López Ferreiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (De Artaza 1998, pp. 475–476)
  2. Desde o século XIII unificado co Reino de Castela baixo a mesma Coroa.
  3. Barros, Carlos. "As orixes medievais da Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2005. Consultado o 9 de novembro de 2011. 
  4. (De Artaza 1998, p. XXIX)
  5. https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1372845898/contido/unidade03/arquivos/actividades.pdf

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]