Motín de Aranjuez
O motín de Aranjuez foi un levantamento ocorrido entre o 17 e o 19 de marzo de 1808 nas rúas da localidade madrileña de Aranjuez, contra o goberno de Manuel Godoy, secretario de estado de Carlos IV e que estivo apoiado polo príncipe de Asturias, futuro Fernando VII.[1]
Causas
[editar | editar a fonte]As causas deste levantamento foron varias, entre elas as consecuencias da derrota de Trafalgar, que recaeu fundamentalmente nas clases baixas. Pero a iso hai que sumar o descontento da nobreza co goberno de Manuel Godoy, a impaciencia do príncipe de Asturias (o futuro Fernando VII) por reinar, a acción dos axentes de Napoleón, as intrigas da Corte —onde se creara un núcleo opositor en torno ao príncipe de Asturias, formado por aristócratas receosos do poder de Godoy, e escandalizados polas supostas relacións deste coa raíña María Luísa de Parma—, así como o temor do clero ás medidas desamortizadoras de Godoy.
A presenza de tropas francesas en España, en virtude do Tratado de Fontainebleau, íase facendo cada día máis ameazante a medida que ían ocupando (sen ningún apoio do tratado) diversas localidades españolas (Burgos, Salamanca, Pamplona, San Sebastián, Barcelona ou Figueres). O total de soldados franceses acantoados en España ascendía a uns 65.000, que controlaban non só as comunicacións con Portugal (o que si estaba estipulado no tratado), senón tamén con Madrid, así como coa fronteira francesa.
Esta situación terminou por alarmar tamén a Godoy. En marzo de 1808, temendo o peor, a familia real retirouse a Aranjuez para, en caso de necesidade, seguir camiño cara ao sur, cara a Sevilla, e embarcar alí para América, como xa fixera a familia real portuguesa (incluíndo o príncipe Xoán María, futuro rei Xoán IV, e a súa esposa a infanta Xosefina Carlota, irmá máis vella do rei Carlos IV de España).
O motín
[editar | editar a fonte]O 17 de marzo de 1808, tras correr polas rúas de Aranjuez o rumor da viaxe dos reis, unha pequena multitude (composta por empregados dos nobres, posto que ao ser un Real Sitio e non unha vila, Aranjuez non tiña daquela unha poboación vilega que puidese alzarse por si soa), dirixida por membros do partido fernandino —nobres partidarios do príncipe de Asturias—, reuniuse fronte ao Palacio Real e asaltou o palacio de Godoy, queimando aqueles aparellos que non foron directamente saqueados. O día 19, pola mañá, Godoy foi sorprendido agochado entre alfombras do seu palacio e trasladado até o Cuartel de Guardas de Corps, no medio dunha chuvia de golpes.
Ante esta situación, e co temor dun linchamento, interveu o príncipe Fernando, verdadeiro dono da situación, conseguindo que o seu pai abdicase nel no mediodía desa mesma data, converténdose así en Fernando VII.
Os acontecementos de Aranjuez foron os primeiros sinais da agonía do Antigo Réxime en España. O pobo fora manipulado pero, en calquera caso, a súa intervención foi decisiva, posto que non só conseguiu a renuncia dun ministro odiado (xa ocorrera no motín de Esquilache, en 1766), senón tamén a renuncia dun soberano e o acceso ao trono dun novo rei, lexitimado pola vontade popular.
Por outra banda, provocaría a vindeira guerra da Independencia pois Carlos IV acabou escribindo a Napoleón pedindo protección e axuda (para "porse nos brazos dun gran monarca, aliado seu") para recuperar o trono usurpado polo seu fillo. Esta situación amosou a Napoleón a debilidade e enfrontamento na monarquía española e decidiuno a invadir definitivamente España para controlar os recursos americanos.
Perspectiva da época
[editar | editar a fonte]Os contemporáneos mitificaron o suceso, situando o 19 de marzo, que simbolizaba a caída do deostado Godoy, como punto de partida da «Revolución Española».[2]
Festa popular
[editar | editar a fonte]Estes feitos conmemóranse todos os anos nas Festas de Aranjuez ou do Motín, que teñen lugar na primeira semana de setembro, coincidindo coa feira local.[3] En 1990, conseguiron a declaración de Interese Turístico Nacional. O acto central é a representación do motín nos mesmos lugares nos que se produciron os feitos e os veciños, ambientados con roupas de época, interpretan un guión baseado nos Episodios Nacionales de Benito Pérez Galdós.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sierra, Juan Carlos (2006). El Madrid de Larra. Madrid: Sílex. p. 10. ISBN 978-84-7737-171-7.
- ↑ Calvo Maturana (2012), pp. 146-147.
- ↑ Información en arannet.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Motín de Aranjuez |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Calvo Maturana, Antonio Juan (2012): La revolución de los españoles en Aranjuez: el mito del 19 de marzo hasta la Constitución de Cádiz. Madrid: Universidad Complutense de Madrid. Cuadernos de Historia Moderna. Anejos. Número 11. PDF
- Godoy, Manuel (2010): Cuenta Dada De Su Vida Política Por Don Manuel Godoy, Príncipe De La Paz: Ó Sean Memorias Críticas Y Apolgeticas Para La Historia Del Reinado Del Señor D. Carlos IV De Borbon.... Charleston, North Carolina (USA): Nabu Press. ISBN 978-1-142-30510-9.
- Ortiz Córdoba, Ángel (1992): Aldea, sitio, pueblo: Aranjuez 1750-1841. Aranjuez (Madrid): Ediciones Doce Calles. ISBN 978-84-87111-27-3. En particular: "Capítulo XII: El Motín. La revolución de Aranjuez (pp. 169 - 212)".
- Ortiz Córdoba, Ángel (2008): Amados vasallos míos. Los hombres del Motín. Aranjuez (Madrid): Ediciones Doce Calles. ISBN 978-84-9744-069-1.
- Pérez Galdós, Benito (2008): La corte de Carlos IV / El 19 de marzo y el 2 de mayo. Novela histórica. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-6260-2. Trátase dos números 2 e 3 da Primeira Serie dos Episodios Nacionales reunidos nun só volume.
- Sierra, Juan Carlos (2006). El Madrid de Larra. Madrid: Sílex Ediciones. ISBN 978-84-7737-171-7.