Napoleón (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Napoleón (moeda) †
Ámbito:
Francia
Unión Monetaria Latina
Fracción:
Moedas:5, 10, 20, 40, 50 e 100 francos
Emisor:Banco de Francia

Coñécese co nome de napoléon a serie de moedas francesas con valores de 5 francos en prata, e de 20 e 40 francos en ouro cuñadas entre 1802 e 1815 a nome de Napoleón I. Esta serie compleméntase con emisións en ouro posteriores ao longo dos séculos XIX e XX baixo Lois XVIII, Carlos X, Lois Filipe, Napoleón III e os períodos republicanos, con valores de 5, 10, 50 e 100 francos, seguindo parámetros métricos proporcionais aos da serie inicial.[1][2][3][4][5][6][7][8]

Esta serie toma o nome do busto do emperador nos seus anversos, deseñado por Jean Pierre Droz e presentado, inicialmente, nunha proposta para a moeda de 5 francos de prata.[9][10]

Delimitación do termo[editar | editar a fonte]

Napoleón de prata de 5 francos datado no ano 14 (1805).

Comunmente, o uso do termo "napoleón" limítase á moeda de cinco francos de prata ("napoleón de prata") e, fundamentalmente, á de 20 francos de ouro ("napoleón de ouro"), por seren estas as que máis circularon, mesmo fóra de Francia.[1]

Mesmo é frecuente que, a nivel internacional, se empregue esta denominación unicamente para a moeda de 20 francos de ouro, de 21 mm de diámetro, e 6,45 gramos de peso bruto, con ouro de 900 milésimas e, xa que logo, 5,805 g de ouro puro.[11] No mundo numismático utilízase adoito tamén para se referir a calquera moeda de ouro posterior con valor de 20 francos e idénticas características métricas, en contraposición ás dos séculos anteriores, como o escudo ou o luís, esta última do mesmo valor mais co busto do monarca prerevolucionario, Lois XIV. Estes napoleóns de ouro demostraron ser máis resistentes que outras moedas de ouro utilizadas no investimento internacional en moeda de metais preciosos, mesmo despois da Guerra de Suez, cando foron as únicas que non debilitaron o seu valor.[12]

Caracterización[editar | editar a fonte]

Napoleón de ouro de 20 francos do ano 12 (parte final de 1803).

Os napoleóns de ouro emitíronse orixinariamente nos valores de 20 e 40 francos, aínda que estes últimos, con 26 milímetros de diámetro, 12,90 gramos brutos e 900 milésimas de pureza, non chegaron a adquirir popularidade.[13]

O busto de Napoleón I dos seus anversos amósase en ocasións adobiado por unha coroa de loureiro (o símbolo da gloria militar característico do Imperio Romano).[14]

Dependendo do status político de Francia en cada momento, as lendas que acompañan o busto poden ser BONAPARTE, seguido de PREMIER CONSUL ("Primeiro Cónsul"), ou ben NAPOLEON EMPEREUR ("Emperador").

As lendas dos reversos foron inicialmente RÉPUBLIQUE FRANÇAISE ("República Francesa") e, despois de 1809, IMPERIO FRANÇAIS" ("Imperio Francés"). Napoleón cuñou tamén pezas de 20 e 40 liras de características métricas similares na ceca de Turín baixo os auspicios do Reino de Italia, un dos seus estados clientes. A lenda dos seus anversos, L'ITALIE DÉLIVRÉE À MARENGO, fai referencia ao feito de que Italia fora liberada de Austria por Bonaparte na Batalla de Marengo, no Piemonte, o 14 de xuño de 1800. Nos reversos destas moedas indícase a extensión dos territorios liberados, coñecidos como Galia Subalpina, Eridania ou Italia do norte.[15] Esta tipoloxía foi creada consonte o decreto do Goberno da Galia Subalpina emitido logo da Batalla de Marengo e que tivo vigor desde o 16 de xuño de 1800 ata o 11 de setembro de 1802.[16][17]

Napoleón de ouro piemontés da República Subalpina (1800-1801), cuñado no ano 9 (1800) , conmemorativa da Batalla de Marengo, na que Bonaparte liberou a Italia de Austria.

Ordenanzas monetarias do napoleón[editar | editar a fonte]

A intención de Bonaparte de unificar Europa tivo un salientable éxito no relativo á moeda. O napoleón foi a primeira moeda que autorizou o Primeiro Cónsul, mediante unha ordenanza monetaria ditada o 28 de marzo de 1803[18]. Estas pezas de ouro de 20 francos converteríanse máis tarde no modelo de todas as moedas da Unión Monetaria Latina, que circularon por toda Europa ata 1914.[19]

Nos primeiros catro anos de emisión, a data indícase no exergo consonte o calendario republicano, como anos 11, 12, 13 e 14, indicando que se trataba dos anos undécimo a décimo cuarto despois da Revolución Francesa. No caso concreto da primeira emisión aparece como data AN XI (fin de 1802 e primeira metade de 1803); Napoleón ordenou que para datar as moedas do ano 11 se utilizasen extraordinariamente os números romanos, para evitar que ese ano en números arábigos se puidese confundir cun dous en números romanos e lle lembrase á poboación os horrores do Reino do Terror ocorridos durante o ano 2.[20]

Nos napoleóns de ouro hai sete variedades, que radican fundamentalmente nas lendas do anverso e do reverso, no retrato do emperador e no uso do calendario revolucionario ou do gregoriano. Cada unha destas variedades estaba regulada por unha normativa ou decreto executivo concreto: 28 de marzo e 7 de abril de 1803, 26 de xuño de 1804, 8 de setembro de 1805, 11 de febreiro e 5 de agosto de 1807, e 22 de outubro de 1808.

Marcas e cecas dos napoleóns[editar | editar a fonte]

Napoleón de ouro de 40 francos (tamén coñecido como dobre napoleón) de 1807

Os napoleóns levaban inicialmente a sinatura do mestre gravador responsable da gravación dos cuños para a súa cuñaxe, que posteriormente foi substituída por un símbolo identificador. Ademais, amosan outra marca (símbolo, letra ou monograma) que indica a cidade onde se cuñou a moeda. Estas marcas de ceca dan conta, en ocasións, da escaseza ou da amplitude da emisión; por exemplo, o napoleón de ouro de 20 francos de 1809 cuñado en París (marca A) tivo unha tiraxe de 687.508 moedas, entanto que do de Bordeos (marca K) do mesmo ano se cuñaron só 2.534 exemplares, e do de Lille (marca W) se emitiron 16,911 moedas.

Ao longo dos anos de emisión do napoleón estiveron en funcionamento vinte e tres casas de moeda, non só en Francia, senón tamén nos países anexionados ou ocupados (Italia, Suíza e os Países Baixos).

Marcas de ceca francesas do tempo de Napoleón I [21]
Letra Cidade Letra Cidade Letra Cidade
A París AA Metz B Ruán
BB Estrasburgo CL Xénova D Lión
G Xenebra H La Rochelle I Limoges
K Bordeos L Baiona M Tolosa
M/A Marsella Q Perpiñán R Orleáns
T Nantes W Lille Bandeira Utrecht
U Turín Coroa/R Roma R Londres

As cuñaxes da ceca de Londres[editar | editar a fonte]

Algunhas moedas de ouro de vinte francos a nome de Lois XVIII foron cuñadas en Londres en 1815. Os ingleses apoiaron o regreso ao poder do rei francés logo de que Napoleón o depuxera en 1815, durante o coñecido como Imperio dos Cen Días.[21]

Supostamente, estas cuñaxes londinienses foron autorizadas por Lois XVIII, e utilizáronse para o pagamento das tropas británicas que ocupaban parte do noroeste de Francia. Algunhas destas moedas chegaron a París, onde na época foron consideradas falsificacións por parte das autoridades monetarias francesas. Estas cuñaxes detivéronse en novembro de 1815 logo dun intercambio de cartas diplomáticas entrambos os países.[22][23]

O afamado artista inglés que gravou os cuños das cuñaxes londinienses, Thomas Wyon, Jr. (1792-1817), foi moi criticado polo feito de que os seus cuños tiñan un relevo inferior ao das pezas orixinais francesas, elaborados polo francés de orixe londiniense Pierre Joseph Tiolier (1763-1819). Mesmo xurdiron alegacións acerca de que as moedas de procedencia londiniense non cumprían as especificacións métricas esixidas pola lei francesa. No entanto, os ensaios metalográficos contemporáneos demostraron que a lei destas moedas era acorde á normativa.[22][23]

Os gravadores[editar | editar a fonte]

Jean Pierre Droz (1746-1823)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Jean Pierre Droz.

Logo dunha competición entre os deseños de diversos artistas, como Nicholas Guy Antoine Brenet (1773-1846), André Galle (1761-1844) ou Romain Vincent Jeuffroy (1749-1826), a proposta presentada polo suízo Jean Pierre Droz (1746-1823) foi a seleccionada para a primeira tiraxe de moedas co busto do novo emperador.[10][24]

Droz naceu en La-Chaux-de-Fonds, no cantón de Neuchâtel, e, logo de estudar en París, foi moi recoñecido pola súa proposta gañadora para unha nova moeda de ouro (que non se chegou a cuñar), nun certame convocado polo Ministerio de Finanzas francés. As probas desta moeda foran cuñadas cunha inscrición no canto utilizando un colar de seis segmentos inventado polo propio Droz na Monnaie de Paris.[25] Logo dunha breve estadía na ceca de Soho, en Birmingham, propiedade de Matthew Boulton, Droz regresou a Francia e en 1799 foi nomeado conservador de moedas e medallas do Directorio, cargo que mantivo durante toda a era napoleónica. Na moeda francesa, a efixie de Napoleón tal e como el a deseñou, a partir da proba de cinco francos coa que gañara o concurso, aparece en todas as moedas de ouro de 20 e de 40 francos cuñadas entre 1804 e 1814.[10][24]

A el débenselle tamén outros traballos, como as medallas de coroación de Napoleón en 1804 e diversas moedas de cobre para a súa circulación en Inglaterra e nas súas colonias.[10][24]

Pierre Joseph Tiolier (1763-1819)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pierre Joseph Tiolier.

Nado en Londres, foi nomeado gravador xeral de moeda na Ceca de París entre 1803 e 1816. Tiolier gravou os cuños para as primeiras moedas bonapartinas como Primeiro Cónsul. No exercicio do seu cargo desenvolvéronse na Monnaie de Paris moitas melloras na maquinaria e nas técnicas de cuñaxe.[26]

Nas moedas batidas con cuños gravados pola súa man, Tiolier incluíu a súa sinatura completa, en tanto que nas cuñaxes da súa responsabilidade como gravador xeral pero gravadas por outras persoas amosa simplemente a marca TR.

Vixencia e extensión dos napoleóns[editar | editar a fonte]

O napoleón de ouro continuou en circulación en Francia durante todo o século XIX e mesmo lle cedeu a súa denominación ás posteriores moedas de 20 francos emitidas en períodos tanto monárquicos como republicanos. Ademais, non só se cuñaron en territorio francés, senón tamén noutros baixo control napoleónico, como é o caso de Xénova e Turín (1803 a 1813), e Roma (1812 a 1813), en Italia; Utrecht (1812 a 1813), nos Países Baixos; e Xenebra, en Suíza.[21]

En territorio español, malia non se cuñaren estas moedas, circularon tamén tanto o napoleón de prata (de 5 francos) como o de ouro (de 20 francos), aínda que non co valor que en principio lles correspondería, ao cambio co sistema monetario español (peso de 20 reais e 80 reais, respectivamente), senón cun valor rebaixado de 18 reais e 24 marabedís, no primeiro caso, e 75 reais, no segundo.[1][27]

1814: fin do napoleón (propiamente dito)[editar | editar a fonte]

En 1814 cando Lois XVIII foi restaurado no trono de Francia, o país mudou a súa bandeira. As súas moedas, porén, foron simplemente modificadas para amosaren o busto do novo monarca. Dábase a posibilidade de que Lois XVIII suprimise as reformas levadas a cabo pola Revolución Francesa e retomase o sistema duodecimal, coas libras do antigo réxime. No entanto, as novas moedas foron cuñadas co mesmo peso e a mesma lei que determinara Napoleón na súa Lei do 7 xerminal do ano XI, co único cambio das efixies reais.[28]

Un antecedente do euro[editar | editar a fonte]

Malia os cambios nos retratos e nas lendas ao longo de todo o século XIX, para facer referencia ás diferentes situacións políticas de Francia, a denominación de napoleón para a moeda de 20 francos ficou en uso ata a primeira guerra mundial, baixo o que se coñeceu como Unión Monetaria Latina. Varios países europeos emitiron a súa moeda equivalente, e todas elas circulaban libremente en toda esa área: os 20 francos de Suíza, as 20 pesetas de España, as 20 liras de Italia, os 20 francos de Bélxica e os 20 dracmas de Grecia. Só por razóns políticas o Reino Unido e o Imperio Alemán rexeitaron seguir esta mesma dirección.[29]

Tipoloxía dos napoleóns de ouro[editar | editar a fonte]

Todas estas emisións de 20 francos son de ouro de 900 milésimas, cun peso bruto de 6,45 gramos e un diámetro de 21 mm.[21]

Napoleóns orixinais de época bonapartina[editar | editar a fonte]

Data Tiraxe Lenda do A/ Lenda do R/ Canto Gravador Notas
Bonaparte 1º cónsul XI-12 1.046.506 BONAPARTE PREMIER CONSUL RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE ("Deus protexe a Francia") Pierre Joseph Tiolier Calendario republicano. No primeiro ano de emisión (ano XI) só se cuñaron 58.268 pezas. Marca de ceca A.
Napoleón emperador 12 428.143 NAPOLEON EMPEREUR RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Pierre Joseph Tiolier Calendario republicano. Cabeza non laureada. A lenda NAPOLEON EMPEREUR non pasa sobre a cabeza.
Napoleóon emperador 13-14 673.250 NAPOLEON EMPEREUR RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jean Pierre Droz Calendario republicano. Cabeza espida. Marcas de ceca A, I, Q, M, U e W.
Napoleón emperador 1806 996.367 NAPOLEON EMPEREUR RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jean Pierre Droz Calendario gregoriano. Cabeza espida. Marcas de ceca A, K, Q, U e W.
Napoleón emperador 1807 594.332 NAPOLEON EMPEREUR RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jean Pierre Droz Cabeza espida grosa. Marcas de ceca A, M, U e W.
Napoleón emperador 1807-1808 1.725.451 NAPOLEON EMPEREUR RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jean Pierre Droz Cabeza laureada.
Napoleón emperador 1809-1815 13.833.717 NAPOLEON EMPEREUR EMPIRE FRANÇAIS DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jean Pierre Droz Cabeza laureada. Marcas de ceca A, H, K, L, M, U, W, coroa, CL e bandeira.

Napoleóns de épocas posteriores[editar | editar a fonte]

Data Tiraxe Lenda do A/ Lenda do R/ Canto Gravador Notas
Lois XVIII 1814-1815 5.643.979 LOUIS XVIII ROI DE FRANCE RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DOMINE SALVUM FAC REGEM Pierre Joseph Tiolier Busto vestido. 871.581 destas pezas foron cuñadas na ceca de Londres e son escasas.
Lois XVIII 1816-1824 12.743.702 LOUIS XVIII ROI DE FRANCE RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DOMINE SALVUM FAC REGEM Auguste François Michaut Busto espido.
Carlos X 1825-1830 1.691.467 CHARLES XI ROI DE FRANCE RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DOMINE SALVUM FAC REGEM Auguste François Michaut Primeiro tipo.
Carlos X 1830 1.797 CHARLES XI ROI DE FRANCE RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DOMINE SALVUM FAC REGEM Auguste François Michaut Segundo tipo. Canto acanalado.
Lois Filipe 1830-1831 2.372.710 LOUIS PHILIPPE I ROI DES FRANÇAIS RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Pierre Joseph Tiolier Primeiro tipo. Canto de cruces.
Lois Filipe 1830-1831 862 LOUIS PHILIPPE I ROI DES FRANÇAIS RÉPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Pierre Joseph Tiolier Segundo tipo. Canto en relevo.
Lois Filipe 1832-1848 6.868.934 LOUIS PHILIPPE I ROI DES FRANÇAIS EMPIRE FRANÇAIS DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jean-François Domard Cabeza laureada.
II República 1848-1849 2.846.061 RÉPUBLIQUE FRANÇAISE LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ DIEU PROTÈGE LA FRANCE Augustin Dupré Xenio no anverso.
II República 1849-1851 16.720.353 RÉPUBLIQUE FRANÇAISE LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ DIEU PROTÈGE LA FRANCE Louis Merley Xenio no anverso.
Luís Napoleón Bonaparte 1852 10.493.758 LOUIS-NAPOLEON BONAPARTE REPUBLIQUE FRANÇAISE DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jacques Jean Barre
Napoleón III 1853-1860 146.544.669 NAPOLEON III EMPEREUR EMPIRE FRANÇAIS DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jacques Jean Barre Cabeza espida.
Napoleón III 1861-1870 85.466.540 NAPOLEON III EMPEREUR EMPIRE FRANÇAIS DIEU PROTÈGE LA FRANCE Jacques Jean Barre Cabeza laureada.
III República 1871-1898 86.101.594 RÉPUBLIQUE FRANÇAISE LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ DIEU PROTÈGE LA FRANCE Augustin Dupré Xenio no anverso.
III República 1898-1906 43.034.473 RÉPUBLIQUE FRANÇAISE LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ Jules Clément Chaplain Marianne no A/ e galo no R/.
III República 1907-1914 74.414.415 RÉPUBLIQUE FRANÇAISE LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ LIBERTÉ ÉGALITÉ FRATERNITÉ Jules Clément Chaplain Marianne no A/ e galo no R/.

Cotización como moeda de investimento[editar | editar a fonte]

Os napoleóns de ouro de 20 francos cuñados de 1803 a 1914 tiveron cotización na Bolsa de París desde 1948 ata a suspensión das cotizacións do ouro en París o 30 de xullo de 2004. Logo do pechamento definitivo do mercado do ouro deixaron de existir as cotizacións oficiais das moedas de ouro en todos os mercados do mundo. As ofertas presentadas por algúns comerciantes que suxiren a existencia dalgún tipo de mercado, ao utilizaren termos como "cotización", "orde de bolsa", etc., carecen de lexitimidade, ao non estaren avaladas por autoridade nin oficialidade ningunha.[30][31]

O mercado de napoleóns de ouro está exento de IVE por se consideraren moedas de investimento, consonte os criterios definidos pola Directiva europea do 12 de outubro de 1998.[32]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Entrada "napoleón" nos seguintes dicionarios: DRAG, Portal das Palabras e Eladio Rodríguez.
  2. "5 francs Bonaparte Premier Consul - An XI". En cgb.fr
  3. "5 francs or petit module - 1854". En cgb.fr
  4. "10 francs or, petit module - 1854". En cgb.fr
  5. "20 francs Napoléon tête laurée, Empire français, Frappe d'épreuve - 1815". En cgb.fr
  6. "40 francs Bonaparte Premier Consul - An 12". En cgb.fr
  7. "50 francs Napoléon III tête nue - 1855". En cgb.fr
  8. "100 francs Napoléon III tête nue - 1858". En cgb.fr
  9. "Droz, Jean-Pierre". En Forrer, L. (1904). Páxina 621.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 "Jean-Pierre Droz". En Jeanneret, F.; Bonhôte, J. (1863). Páxinas 265-269
  11. "Frankreich: Napoleon I. 1809". Münkabinett. Staatliche Museen zu Berlin.
  12. Brown, B. (2013). Páxina 229: But now the German surplus had shrunk in line with a general worsening of West European nations' balance of payments in the immediate aftermath of Suez. Into early 1957, gold coin prices generally weakened except for Napoléons.
  13. Requard, G. (1961). Páxinas 155-161.
  14. "O Significado da Coroa de Louro, da Coroa Radiada e do Diadema!". Jafet Numismática.
  15. "20 Francs Gaule Subalpine - Eridania, allégorie de l’Italie avec mention “L’Italie délivrée à Marengo” 1802 (an 10) Turin". En cgb.fr
  16. Montenegro (2019).
  17. "20 franchi o marengo". En Numismatica Italiana. Lamoneta.it.
  18. "Le Consulat et le franc germinal : la loi du 7 germinal an XI". En Histoire du franc: quelques points de rèpere. Napoleon.org
  19. Cano, I. "La Unión Monetaria Latina y otros intentos europeos fallidos antes del euro". En ABC. 11 de xuño de 1812.
  20. Pond, S. (1961). Páxinas 161-166.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Diot, D.; Prieur, M. et al. (2001).
  22. 22,0 22,1 Bordeaux, P. (1904).
  23. 23,0 23,1 Dyer, G. P. (1976).
  24. 24,0 24,1 24,2 "Droz, Jean-Pierre". En Forrer, L. (1904). Páxinas 618-628
  25. Tungate, S. "Droz's Collar. An Innovation in Minting Arquivado 07 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". Soho Mint.
  26. Théret, P. "Tiolier Pierre-Joseph Arquivado 13 de maio de 2021 en Wayback Machine.". En Augustin Dupré. Les monnaies décimeles.
  27. Moretti, F. (1828). "Napoleon de plata - Napoleon de oro". Páxina 115.
  28. Desrousseax, S. (2007). Páxina 24.
  29. Cano, I. "La Unión Monetaria Latina y otros intentos europeos fallidos antes del euro". En ABC. 11 de xuño de 1812.
  30. Comunicado Euronext 2004-2663 do 30 de xullo de 2004.
  31. Comunicado Euronext 2004-2993 do 14 de setembro de 2004.
  32. Directiva 98/80/CE do Consello do 12 octubro de 1998, que completa o sistema de taxa sobre o valor engadido e modifica a directiva 77/388/CEE, do réxeme particular aplicable ao ouro dinvestimento. JORF L 281 do 17 de outobro de 1998.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]